Arquivos mensuais: Xaneiro 2012

Concepción do proxecto e primeiros pasos hacia a consecución: un soño feito realidade

Ninguén sabe con certeza, nin eles mesmos, cómo se produciu o momento exacto no que xurdiu a idea de face-la volta ó mundo. Tampouco cándo. Nin sequera ónde. Psicólogos, sociólogos e demáis estudosos de mentes perturbadas non se poñen de acordo á hora de elaborar unha posible recreación do momento no que se concebiu o proxecto. Dúas son as teóricas escenas que contan con máis apoios. A primeira sería a seguinte:

Martes 15 de decembro de 2.009. 00:40 AM. Bar O Batallón, Churruca, Vigo.
-O mércores temos Asemblea Comarcal.
-¡Pois hai que abogar por unha refundación inmediata do BNG, así non imos a ningures!
-Bueno home, é certo que temos que cambia-lo rumbo, pero tanto como unha refundación…
01:30 AM
-…porque non se pode percibir o mundo dende un punto de vista occidental, hai que percibilo dende un punto de vista intercultural!
-De feito en occidente, por exemplo en Europa, non existe unha verdadeira democracia porque as competencias dos estados reais foron transferidas a un estado europeo inexistente.
-Molaba facer unha viaxe por Latinoamérica, estilo “Diarios De Motocicleta”, para empaparse do esquerdismo alí emerxente.
-O que molaba era facelo por todo o mundo…

A segunda opta máis ben pola seguinte recreación:

Martes 8 de decembro de 2.009. 06:20 AM. Pub Planta Baixa, rúa Lepanto, Vigo.
-Dis que atoparon unha pitón no baño, colega.
-¡Pero iso foi hai unha chea de tempo!
-¿De ónde é a pitón?
-Pois anda por Asia e Oceanía, creo.
06:50 AM
-O xoves hai festa Erasmus.
-Pois desfruta ti que podes. ¡Hip! Colle o enderezo das erasmusas máis interesantes, algún día heilles devolve-la visita.
07:15 AM
-¡Brindemos por iso! ¡Hip!
-¿Por qué?
-Pois non me lembra… por unha pitón que veu aquí de Erasmus, creo… ¡Hip!
-¡Non hai pelotas de devolverlle a visita á pitón!
-¿Que non? ¡Hip! ¡Á pitón e a tod@s! ¡Ernesto!

Como se pode comprobar, a única coincidencia existente entre as dúas teorías é o día da semana no que se desenvolven os feitos. Isto é debido a que o luns era o único día que libraba Adri. Sen embargo eu, que estaba alí e que ó manexar información privilexiada sei que Adri tamén librou un xoves, asegúrovos que a cousa debeu ser algo semellante ó seguinte:

Xoves 10 de decembro de 2.009. 02:50 AM. La Fiesta De Los Maniquíes, rúa Irmandiños número 11, Churruca, Vigo.
-O mércores temos Asemblea Comarcal.
-¡Pois hai que abogar por unha refundación inmediata do BNG, así non imos a ningures!
-Bueno home, é certo que temos que cambia-lo rumbo, pero tanto como unha refundación…
03:15 AM
-¡Molaba facer unha grande alianza entre tódalas nacións celtas!
-Xa… ¡Hip! Espera que vou a por outra rolda. ¡Vane!
03:40 AM
-Falando do Celta -porque en toda conversa trascendental ten que ter cabida o Celta-, ¿qué opinas das fichaxes de inverno?
-¿Papadopoulos e Cellerino? Non os vin xogar na vida, pero dame a min no nariz que nos van aportar o gol que precisamos para engancharnos arriba. ¡É máis, dígoche unha cousa! ¡Hip! A comezos de tempada apostei 10€ a que o Celta gañaba a Copa, e se acerto gaño 20.000€.
-Buah… ¡Hip! ¿En qué podiamos meter 20.000€?

Por desgraza, o Celta non gañou a Copa. O financiamento da viaxe non ía saír dos 20.000€ da aposta de Adri, pero iso era xa o de menos. A semente xa estaba posta. O tema “volta ó mundo” foille gañando espazo nas conversas á política, ó fútbol, ás mulleres e incluso ás pitóns; comezáronse a barallar diferentes alternativas para cubri-lo orzamento, o que naceu como un soño, como un proxecto incoherente e irracional, foi tornanado pouco a pouco en algo cada día máis tanxible, máis posible de acadar. A utopía mudou en ilusión, a ilusión en obsesión, e, co tempo, a obsesión en realidade. Fóronse completando etapas, fóronse cumprindo obxectivos, e antes do agardado xa se estaban a cubrir trámites tan tan inequívocamente definitivos como o trazado da ruta polo miúdo, a posta de milleiros de vacinas e, finalmente, a ansiada reserva de billetes.
Un dos soños das nosas vidas feito realidade. Algo tan difícil de asimilar que, aínda hoxe, mentres escribo estás liñas a falta de menos dun mes para partir, estou desconcertado, tratando de procesar o que ven de acontecer e o que temos por diante.
Só espero estar á altura e saber valorar semellante privilexio na súa xusta medida.

A orixe

Heivos ser sinceiro. Todo comezou, como non podía ser doutro xeito, nunha noite de borracheira. E digo que non podía ser doutro xeito non só polo crapulento do  historial dos personaxes que nos ocupan, dada a súa excelencia no campo da esmorga e o malvivir, seguramente o 80% das historias que queiramos contar sobre estes moinantes debería comezar igual. Pero esta é unha historia diferente. Unha historia diferente que, como digo, ten que ter comezo necesarimente nunha noite de borracheira, xa que un proxecto da natureza da que estaban a dar forma estes dous, só pode incubarse nun contexto exento de toda cordura, de toda sensatez. E abofé que aquel contexto reunía tales condicións. A cousa foi máis ou menos así:

O almanaque apuraba as últimas datas de 2.009. Había cousa de ano e medio que a relación entre Adri e Cons mudara sensiblemente. Dunha cordial amizade pasaran, en apenas seis meses, a unha relación case que conxugal. Traducido ó “feisbuquiano”, mudaran o seu estado de “unha relación aberta” a un “é complicado” tirando a “prometidos”. Ata dis que por O Calvario houbo quen escoitou badaladas de voda, pero fontes achegadas á parella aseguran que nunca se albiscou tal posibilidade. A monogamia era algo antinatural para estes dous picaflores da vida social, pero case nada sucede por casualidade nesta vida.

Por outra banda, eran tempos ociosos para Cons. Nada preocupante para unha mente ordinaria, pero non é o caso. Para unha mente hiperactiva, en constante proceso de análise e creación coma a de Cons, o feito de dispoñer de tantas horas desocupadas ó cabo do día implica riscos serios. Por iso digo que nesta vida case nada sucede por casualidade.

O caso de Adri era diferente. Por aquelas datas cumpríase exactamente un ano desque comezara a traballar para unha empresa á que el alcumaba “Nazis S.A.”. Empresa de viles explotadores, no seu código de valores non quedaba nin rastro de humanidade, nin a máis mínima intención de facer o máis mínimo trámite polo legal. Tan só unha grotesca falla de escrúpulos, unha avaricia infinita coa que non cesaban no seu empeño de lucrarse a costa das urxencias de xente necesitada, a costa dos dereitos laborais e ata humanos dun grupo de traballadores que, iso si, gardaba desconcertantes peculiaridades de carácter ideolóxico, unha ideoloxía diametralmente oposta á de Adri. Todos estes factores e outros cantos máis conformaron un cóctel de vilezas difícilmente asimilable para unha mente ordinaria, pero non é o caso. Para Adri era imposible. Xa demostrara sobradamente noutras empresas a súa total intolerancia ante os abusos de poder, o seu amor propio impedíalle someterse  a unha panda de tiranos fascistas corruptos e ignorantes, e aquelo estábao a consumir por dentro. O seu interior era un fervedoiro de rabia, impotencia, sensación de autotraizón. Sentimentos que mal encauzados poderían ter rematado en sabe Deus qué, pero por sorte o cauce escollido conduciunos até a mellor das desembocaduras posibles. Porque moi poucas cousas, prácticamente nada sucede por casualidade nesta vida.

Non foi casualidade que dous xeitos tan semellantes de percibi-la vida, dúas mentes bulideiras, con gañas de facer grandes cousas, dúas mentes pouco ordinarias, confluíran había ano e medio e agora se atoparan no mesmo punto de partida. Unha con sobrecarga de traballo, tras longo tempo analizando e creando. Outra coa necesidade de redimirse, con sede de vinganza. As dúas empapadas en licor café. Non había cordura, non había sensatez. O contexto era perfecto. Xa só quedaba agardar.