Arquivos diarios: 21/02/2012

Motivos da aventura

¿Motivos? Moi sixelo: esta viaxe é nós e nós somos esta viaxe. Nós cremos con firmeza que outro mundo é posible, queremos loitar por cambialo, e esta viaxe é o mundo. É o mundo que compre que coñezamos para poder cambialo axeitadamente, atendendo ás necesidades de todos e cada un dos seus recunchos, ata o máis recóndito. E non só iso. Existen infinidade de motivos menores.

Nós somos uns moinantes, festeiros ata quedar sos. E esta viaxe é o entroido do Brasil, Las Vegas, Hawaii, é unha full moon party en Thai.

Nós somos nacionalistas, defendemos a independencia e a persistencia dos pobos, de tódalas culturas do planeta. E esta viaxe é o pobo guaraní, o quechua, o maorí, o aborixe, o tibetano…

Nós somos anticapitalistas. Fuximos do modo de vida da sociedade de consumo, sempre atada a unha hipoteca, a unha letra do tesouro, a un plan de pensións, á procura dun emprego onde te oprimen e te mangonean. E esta viaxe é un percorrido polo outro mundo, ese mundo oprimido, esmagado, asfixiado polo noso, no que vive o 90% da poboación, percorrido no que acabamos de investir os aforros de toda a nosa vida.

¿Motivos? A pregunta non é cáles son os motivos de facer esta viaxe. A pregunta é se existe algún para quedar na casa.

Advertisements

Despedidas…

Prometérame a min mesmo que non ía publicar neste blogue nada máis que non fose pura narración da aventura. Coñézome bastante ben, e sabía que o ter que dicirlle ata dentro dun ano” a tanta xente en tan pouco tempo ía facer de min estes últimos días unha especie de oso amoroso embarazado, un ser desprezable que vai de aquí para alá choromicando deste ombreiro a aqueloutro, cuns trocos de humor bestiais provocados polos xa máis lóxicos medos e nervios previos ó comezo da aventura.

Son pefectamente consciente de que non teño dereito a estar melancólico nin triste. Non marcho á guerra. Non emigro. Nin sequera marcho unha tempada na procura de novas oportunidades. O domingo saímos rumbo ó Brasil para vivir unha experienza apaixoante, pola que levamos loitando máis de tres anos, coa que imos cumprir o soño das nosas vidas e me consta que o de outra moita xente. Por iso me fixera aquela promesa. Pero non puido ser. Nestas últimas semanas previas á viaxe vivimos intres demasiado especiais como para non reflectilos nas memorias da que con toda seguridade será unha das experienzas máis inesquecibles das nosas vidas.

Teño que dicir que nunca perdimos de vista o marabilloso da afronta que temos por diante. Sempre tivemos presente o privilexiado da nosa situación. Aínda así, os acontecementos das últimas datas sobrepasáronnos por completo. Comezando polo derradeiro partido en Balaídos -do que, por certo, tiven a oportunidade de despedirme a pé de campo e saíndo pola porta 0-, a medida que se achegaba a hora de partir e as persoas a despedir eran máis importantes nas nosas vidas, as escenas gañaban en dramatismo de xeito alarmante.

A miña despedida de Balaídos a pé de campo, no Celta 4 -Recreativo 1. Só espero que a seguinte vez que pise o Templo, éste sexa un estadio de Primeira

E chegou a prensa, e como Cons e máis eu apenas coñecemos a un feixiño insignificante de persoas, a reportaxe en Faro e as entravistas en Radio Galega e Cadena Ser axudaron a que se sumaran á fervenza de despedidas simples coñecidos, amigos de amigos de amigos e incluso unha boa morea de pefectos descoñecidos. Ceas, festas de cócteis, agasallos, amuletos, obxectos para lembrar, apertas, consellos, peticións, bágoas, moitas bágoas… “quérote moito”, “voute botar moitísimo en falta”, e máis bágoas, moitas máis bágoas. E as nosas cabeciñas a piques de estoupar. E os nosos corazóns, nun puño.

Estudio de Radio Galega no que fixen a entrevista para o programa "Galicia por Diante"

Despedida que me fixo a miña xentiña do Calvario. Pelos coma escarpias

E a despedida que nos fixo a nosa xente de Churruca e outro sector do Calvario, entre outros. Demasiado

Pero xa está. Xa estamos no aire. Xa deu comezo a nosa aventura. O soño comeza a cumprirse. Agora o que nos queda é desfrutar, aprender. Non defraudar á nosa xente nin a nós mesmos, facer todo o que dixemos que iamos facer ó longo dos tres anos que nos levou materializa-lo soño das nosas vidas. Cumprir promesas. Pero cumprilas de verdade, non coma cando dixen que non ía publicar nada máis neste blogue que non fose pura narrativa. Estamos nelo. Habémolo acadar.