Salvador e a Chapada Diamantina: do berce da revolta dos escravos á forza da mãe natureza

Sábado 25 de febreiro, día da partida hacia Salvador. Por recomendación da propia Pamela e de máis xente, decidimos recurtar dous días da nosa estancia na capital do estado de Bahía e retrasar outro a nosa chegada a Río para visitar o Parque Natural da Chapada Diamantina. Erguímonos bastante regular trala despedida da noite anterior. Xantamos moi rico nun vexetariano, e puxémonos a preparar os petates para marchar a Salvador. Bueno, eu hei de recoñecer que tamén atopei tempo para botar unha soneca. Xa nos despedíramos de Taty pola mañá, de Pamela fixémolo na parada de ônibus. As sensacións foron de que nos voltaremos atopar nun futuro. Nunca se sabe.

Despois de coller ese ônibus e de percorrer un anaco en metro, chegamos á estación de autobuses, a Rodoviaria. Alí, ás 18:45, agardábanos o noso bus, e con el 15 horazas de estrada até Salvador. Antes de subirnos, na fileira, coñecimos a Ainhara. Ainhara era unha mociña de Gasteiz, que levaba uns meses estudando no Brasil… e coa que non precisamos nin dous minutos para decatarnos de que coñece a Sandra, a Guipu, a Terry e a Paula, entre outras. Si, amig@s, así de asquerosamente pequeño é o mundo.

Unha vez dentro, comezaron as fatalidades. Cada un sentou no seu sitio, e a min foime tocar ó carón dun tipo que… aquel tipo non roncaba. É imposible que aquelo fosen ronquidos. Aquelo, nin Godzilla en celo e con hemorroides. Non fun quén de durmir máis de dez minutos seguidos en toda a viaxe, mais non foi polo barullo que metían os ronquidos. Non durmín por medo a que me aspirase, o moi becerro. En serio, houbo un intre no que pensei que ía envasar o autobús ó baleiro.

O caso é que, dun xeito ou doutro, chegamos a Salvador pouco antes das 10:00 da mañá. Seguindo as indicacións que levabamos, atopamos a casa de Katyl e o noso segundo fogar dereitiños coma se de dous bahianos máis se tratara. Katyl vivía nun baixo ben xeitoso, acolledor, e que albergaba no seu interior o noso equipo para Salvador:

Éste estaba conformado por Jean, un asesor financeiro parisino, amante da cociña e que estaba coma unha auténtica caldeireta; Serge, de Burdeos, un tipo independente, máis tranquilo e calado que Jean mais igualmente caralludo; e a nosa anfitriona, Katyl Cabral. Katyl era unha rapaza alegre, inqueda, un auténtico fuxe-fuxe. Era veterana e estaba metidísima en CouchSurfing, así que posuía, polo tanto, un corazón inmenso.

Unha vez máis, a nosa chegada ó noso fogar foi tremendamente positiva. Ó gustazo de coñecer a tan boa xente sumóuselle, outra vez, a noticia do novo golpe de autoridade do Celta tras gañar ó Almería ó conectarnos a internet. Pinta ben a cousa, pero aínda queda un mundo. E coma sucedera en Recife, foi pegarnos unha ducha, xantar (uns bocatiñas deleitosos preparados por Jean), e poñernos ó chollo.

Comezamos a visita turística a Salvador pola Igreja do Senhor do Bom Fin. Alí eu sometinme a unha limpeza de espírito por parte dunha bahiana vestida de época, e Cons fíxose cunhas pulseiras para pedir uns desexos, ou non sei qué hostias. Tras tan místico comezo iniciamos o descenso á praia de Ribeira, da que nin tan sequera chegamos a pisar a súa area dado o apertado da nosa axenda. Continuamos polo barrio de Ribeira, que como o seu nome indica, é o barrio marítimo da cidade. Pasamos uns momentos moi amenos uníndonos ás súas xentes, enormemente modestas e alegres, mentres estas facían música e bailaban nas rúas. Incluso degustamos un deleitoso xeado na Sorvetería da Ribeira, a cal exhibía con orgullo os seus múltiples galardóns outorgados pola calidade dos seus produtos.

De esquerda a dereita Jean, Katyl, Serge e nese punto estivo connosco Belén, a mociña á miña dereita.

Purificando a ialma. Ó comprobar que tiña tanto chollo, a señora decidiu darme un chupito de KH7

As xentes do barrio da Ribeira desfrutando na rúa.

Acto seguido, adentrámonos no barrio de Vitoria. Nada máis poñer un pé na Avenida Sete de Setembro, sacudiunos a crueza do contraste que viñamos de experimentar, tan palpable e evidente que chegou a resultarnos grotesco. En cousa de cinco minutos pasamos de bailar cuns paisanos descalzos nunha rúa enlamada a pasear por unha avenida flanqueada por edificios despampanantes, salas de cinema con todo tipo de luxos, ou mesmo o Yate Clube, dende onde puidemos observar o porto deportivo. Antes de abandonar o barrio rico, pasamos por diante do Instituto Cervantes.

Continuando coa nosa ruta, sempre dirixidos pola nosa anfitriona Katyl, chegamos á praia de Barra. Alí, ás 20:30, en plena noite dun 26 de febreiro, pegámonos un bañazo nas mornas augas do Atlántico brasileiro, mentres nos deleitabamos co cheiro da churrascada que estaban a facer a escasos metros de nós. Ó saír da auga encamiñámonos ó Faro da Barra, onde chegamos en taxi para refuxiarnos dun grupo de maromos que lle deu mala espiña a Katyl.

Baño á luz da lúa na praia de Barra, Salvador.

E rematamos o día, e fixémolo en Río Vermelho. Nesta derradeira parada puidemos presenciar un combate de capoeira no medio dun corro de cánticos e percusións, e degustar o acarajé, bocado típico bahiano, acompañado dunha caipirinha. De volta a casa collimos un taxi entre os cinco. Económicamente saiunos moi ben. O carallo é que o piloto resultou ser “Farruquinho”, e dos vinte semáforos que atopou en vermello, o moi canalla chimpouse vinte e sete. Nunca tal cousa vira. Só lle faltou atropelar un par de prostitutas para facer unha simulación perfecta do videoxogo Grand Theft Auto. Tivemos sorte e sobrevivimos, e á 01:30 da madrugada estabamos deitados.

Combate de Capoeira en Río Vermelho

Ó día seguinte soou o toque de queda ás 06:00 da mañá, por orde da anfitriona Katyl. Eramos cinco a ducharnos e a almorzar, e ás 08:30 quedaramos con Cida. Era luns, Katyl traballaba, e tivo que delegar nela o cargo de anfitriona. Cida era unha señora de aproximadamente uns 70 anos, e era tan extraordinariamente encantadora que non dubidou nin un instante en exercer para nós de guía turística por amor á arte. Outro exemplo do seu desmesurado encanto foi que esa noite, o mesmo día que nos coñeceu, despediunos con bágoas nos ollos e facendo referencia á saudade que ía padecer pola nosa marcha. Tremendo.

Pois foi con ela con quen Jean, Cons e máis eu -Serge marchou pola súa conta- iniciamos o segundo tour por Salvador. Comezamos visitando o monumento en homenaxe a Castro Alves, escritor bahiano coñecido como “o poeta dos escravos” para descender pola ladeira do Pelourinho e adentrarnos en tal barrio. O Pelourinho é o barrio histórico de Salvador. Foi o berce da capoeira, esa arte marcial argallada polos escravos brasileiros, que amagaban que bailaban para que os seus señores non se decatasen de que o que realmente facían era adestrarse para repartir hostias coma pans.

O Pelourinho.

Facendo caso ós consellos da miña sabia amiga Keka, pechei os ollos para percibir os cheiros que desprendía aquel lugar. O Pelourinho aínda cheiraba a entroido, mais a entroido xa reseso. Cheiraba a antigo, a casco vello, a Historia. A historias de revoltas, de levantamentos, de loita pola dignidade. O Pelourinho cheira que arrecende.

Tirámonos fotos con mozas engalanadas cos traxes de época bahianos. E tirámonos fotos coa estátua do Zumbi dos Palmares, unha homenaxe ós primeiros escravos brasileiros que decidiron rachar coas súas cadeas e enfrontarse ós seus señores. Como reza na placa da súa cara frontal:

Zumbi dos Palmares, líder da primeira experiência democrática do país.

O monumento Zumbi dos Palmares é o símbolo da resistência do povo negro brasileiro

e a meterialização da memória de lutas e conquistas pelo exercício da liberdade

no fortalecimento pela conciência negra”.

Amén. Mais ata no Pelourinho existen contrastes. Éste, qué estraño, está protagonizado pola igrexa. A de San Francisco conta coas súas paredes revestidas de ouro pola súa parte interior. No comment. Tamén houbo tempo para a degustación. Probamos o cravinho, bebida típica do estado de Bahía, elaborado a base de cravo da Bahía, cachaça, mel e limón. Moi rico, pero as 12:30 do mediodía non son horas.

Homenaxe ó Zumbi dos Palmares.

E así, co peito enchido de fascinación e orgullo, abandonamos ese marabilloso barrio que é O Pelourinho. Antes de tirar para casa pasamos polo Mercado de Modelos, o típico mercado de casco antigo, que conta cunhas vistas á bahía de Salvador bastante interesantes pola súa parte posterior.

E chegamos a casiña á hora de xantar, e o pique que se traían Jean e Cons dende o comezo coas cociñas das súas respectivas terras desembocou nun suculento menú conformado por tortilla calvariense de primeiro, e un prato de pasta con polo e milleiros de especias de segundo. Para lambe-los dedos.

E caeu a noitiña, e tivemos que despedirnos da nosa xente de Salvador. Namáis que botamos alí dous días, pero para esta xente foi máis que de abondo para facernos unha festa de despedida, con tarta e todo. Non dabamos creto. Qué terá CouchSurfing…

Ó saír de casa de Katyl dirixímonos á rodoviaria, onde collimos o ônibus rumbo á Chapada Diamantina ás 23:00 da noite. Pese a que até o momento todo saíra rodado, as sensacións no traxecto eran de inquedanza e preocupación. Ao modificar a ruta para visitar a Chapada tamén trocamos o día de chegada a Río, e perdimos o fogar CouchSurfing que tiñamos garantido. Por non ter, non tiñamos nin cómo chegar a Río. O bus dende Salvador, que tarda sobre 30 horas, sae por cinco ollos da cara e algún que outro doutro sitio, e o billete de avión, que sae aproximadamente polo mesmo pero que tarda apenas dúas horas, incompresiblemente só se pode mercar con tarxetas de crédito brasileiras.

Xa fose por isto ou pola mala calidade das estradas, o caso é que chegamos a Palmeiras ás 06:00 da mañá sen pegar ollo. Alí tiñamos que coller un carro que nos levase até o Vale do Capão, no corazón da Chapada Diamantina, onde tiñamos pensado aloxarnos nunha pousada que nos recomendara Fabio, mozo de Lara, unha das mellores amigas da miña irmá. O mencionado carro era, en realidade, o que no seu día debeu de ser un jeep, hoxe convertido nun monte de ferralla completamente destartalado, o cal compartimos con outras sete persoas. Oito, se contamos co conductor. Absolutamente encantador.

Tal ferralliña transportounos ó longo dunha hora por camiños de area e terra vermellas, esquivando pitas, cans e ata cabalos. A medida que nos achegabamos ao Vale do Capão podiamos facernos mellor á idea do que nos agardaría neses tres vindeiros días, podíase percibir mellor a aperta da natureza en estado puro.

Como digo, chegamos ó Vale do Capão ás 07:00 da mañá. O Capão é unha aldea pequeniña, case exclusivamente formada por pousadas, cámpings, mercadinhos e lanchonetes, pequenos restaurantes ou incluso casas de particulares onde se oferta o menú do día. E evidentemente, a maioría da súa poboación son turistas que veñen e van, a meirande parte deles mochileiros de corte desprendida, ós que lles gusta vivir en consoancia coa natureza. O que vulgarmente coñecemos como hippies, vamos.

Apenas tivemos que camiñar cen metros para chegar á nosa pousada, o Pé no Mato. Achegámonos a un carro que se atopaba na entrada a piques de arrincar. Afortunadamente ao volante estaba Silvia, a encargada de rexir a pousada. Foi mencionarlle o nome de Fabio e inmediatamente botou as mans á cabeza, pousouna no volante uns segundos, e comezou a organizar. Dixo que tiña que saír a facer unhas compras, que voltaría ás 08:30, e ordeou un almorzo para nós sen saber qué réxime de aloxamento iamos escoller, sen saber tan sequera se iamos ficar alí aloxados. E vaia almorzo. Zume de vaite ti a saber qué froitas, café, ananás, mango, tapioca, plátano fritido, plátano con cereais, mandioca, pan, queixo, manteiga, torradas, e todo isto tras preguntarnos se queríamos ovos e de lembrarnos unha e mil veces que podiamos repetir o que quixesemos.

Achegámonos ó albergue, a opción máis barata dentro da pousada. Un luxo, así e todo. Tiñamos camiña, para min por primeira vez desque saíramos de Madrid e para Cons desque saíra da súa casa; tiñamos armariño para garda-las nosas cousas baixo chave; ducha con auga quente para quen a quixera tamén por primeira vez desque pisamos O Brasil; un pilón para lava-la roupa; o seu tendal… Foi un subidón atoparnos con tantas comodidades coas que non contabamos. Aínda así, as nosas preocupacións seguían latentes. Evidentemente, decidimos quedar.

A nosa pousada na Chapada Diamantina, o Pé no Mato.

Tralo almorzo e a ducha, reunímonos con Silvia para arranxa-lo tema das excursións. A Chapada Diamantina é unha inmensidade de parque natural, que permite facer incursións de tres, catro e ata cinco días, pero nós non dispoñiamos nin de tempo nin de tenda de campaña, así que decidimos facer tres escapadas curtiñas, unha por día. Como destino para o primeiro día escollimos Purificação, máis de dúas horas facendo sendeirismo polo bosque tropical para chegar a unhas cachoeiras (fervenzas), e outras dúas horas e pico de camiño de volta á pousada para chegar ao solpor, sobre as 17:30 do serán.

Para chegar ás cachoeiras precisamos guía, e para que éste nos saise máis rentable a todos, uníusenos un terceiro membro á excursión: unha señorita ben linda chamada Mai. Era unha estudante de enxeñería alimentaria de 23 anos, parisina de mamá vietnamita, e que levaba algúns meses viaxando polo Brasil. Ela sería a nosa compaña na nosa estancia na Chapada Diamantina.

Así que nada, unha vez conformado o equipo, e tod@s prest@s, saímos rumbo a Purificação en torno ás 09:00 da mañá. ¿A camiñata? Bueno, hei de dicir que eu tiña entendido que o sendeirismo, ou o trecking, ou como queirades chamarlle, consistía en tirar millas polo medio do monte, se acaso chimpar algunha rocha polo medio dun río.. pero non aquelo. Aquelo foi un compendio das peores probas de Humor Amarillo, El Grand Prix del Verano e incluso El Juego de la Oca. Eu vexo a Tarzán e a Mowgli desprazarse pola selva, e non o fan tan compricado. Unha malleira das que fan época.

Paisaxe que ofrece o camiño a Purificação.

Mai, a piques de comeza-la proba das “zamburguesas”.

Pero todo esforzo ten a súa recompensa (ou iso din). E neste caso a recompensa foi un refrescante baño nunha fermosa lagoa, cunha fervenza ó fondo. Imposible non relaxarse. A paisaxe, o ruido de auga batendo con auga, a luz coándose por entre as rochas… Deixámonos levar pola tranquilidade e a paz que nos ofrecía a Purificação. Esquecemos as nosas preocupacións. Imposible non facelo.

A Purificação, a nosa primeira excursión na Chapada Diamantina.

O ibicenquismo de Cons na Purificação

Cando decidiu que xa estabamos tod@s ben refrescadiñ@s, Josê María -o noso guía- ordeou o camiño de volta á pousada. Fixémolo por unha ruta alternativa, o que nos permitiu tomar un novo baño noutra lagoa. Esta tiña unha fervenza máis pequecha, tirada a un lado e ó fondo dun corredor de rochas. A vexetación reflectíase perfectamente nas calmas augas da lagoa, ata tal punto que podías observar exactamente a mesma estampa, só que á inversa. Non sabería dicir cál das dúas paradas me gustou máis.

Lagoa que visitamos á volta.

E, agora si, iniciamos o regreso definitivo ao Pé no Mato. Chegamos sobre o horario previsto, ó inicio do solpor, ás 17:00 do serán. Estabamos esfameados de todo, así que trala ducha pertinente, xantamos na lanchonete Casa Beli, que ofrece un bo prato de carne ou de polo por 6 reais. A pouco máis papamos tamén o prato. Co papo cheo era tempo achegarnos a un ciber e meternos en internet. Entramos en CouchSurfing. Entramos nas páxinas das compañías de voos brasileiras. Os nosos problemas continuaban sen solución.

Despois de dous días sen durmir e tras semellante tunda, estabamos rendidos. Eran as 21:00, o mellor era ir ó albergue a descansar. Deitámonos. Son os primeiros momentos de baixón. Estabamos a gastar demasiado, non tiñamos casa en Río, nin sequera sabiamos cámo chegar… Pode que, efectivamente, a etapa de Recife fose demasiado boa. Pode que ésta sexa a tónica xeral, o que nos agarde de aquí en adiante. Ou pode que estivésemos demasiado cansos. Mañá sería outro día.

Erguímonos ás 08:00, tras once horazas de soño que nos viñeron de perlas. Foi a primeira vez en toda a viaxe que descansara de abondo como para soñar. Non sei qué soñei exactamente, o que sei é que o fixen coa miña vida cotiá en Vigo. Espertar e facelo no Brasil, no medio do bosque tropical, foi unha experiencia… estraña, cando menos. Aturdido aínda polas nosas preocupacións, tiven o clásico espertar malo. O típico no que todo é negativo: ese mosquito que non te deixa en paz, un calcetín que non aparece, estar na ducha e decatarte de que os galos do Vale do Capão pola mañá cantan ó ritmo de Maná, neses horripilantes versos de “estoy clavaaaado, estoy heriiiido…”. Espeluznante.

Durante o almorzo para titáns, Cons acordou non facer excursión ese día. Entre a psicose polo exceso de gastos e unha forte dor que o aqueixou nun pé, decidiu quedar a repousar na aldea. A saída a Aguas Claras fariámola sozinhos Mai e máis eu. Ésta implicaba prácticamente o dobre de quilometraxe que a de Purificação, así que se facía preciso contratar, ademáis do guía Josê María, dous moto-taxis. Así, como soa. A metade do camiño fixémola en moto, sen casco nin hostias, por camiños de terra, rochas e regatos. Unha etapa do París-Dakar en toda regra. A continuación aínda nos quedaban dúas horas de percorrido a pé, pero desta volta tratábase de sedeirismo máis ó uso, nada de probas de Humor Amarillo.

A recompensa foi aínda máis gratificante que a do día anterior, para un servidor. O estanque era máis grande, o espazo máis aberto, as augas da fervenza caían máis escalonadamente, o que permitía situarse debaixo e recibir unha masaxe coma se dun spa se tratase, as caprichosas formas das rochas debuxaban figuras imposibles, incluso con buracos por onde coarse, a vexetación era máis acaída… Fantástico.

De camiño a Aguas Claras, deixando cousas claras

Aguas Claras

Outra pequena fervenza en Aguas Claras

Pois alí botamos tres horas tranquilamente, antes de afrontar a camiñata maila nova etapa do Dakar que supoñían a viaxe de volta á pousada, onde chegamos pouco antes das 17:00. Novo xantar en Casa Beli, novos chascos no ciber, e a durmir, que ó día seguinte nos agardaba a nai de tódalas tundas: a Cachoeira de Fumasa.

Estabamos en pé ás 07:30 para mandarnos o macro-almorzo, desta vez máis necesario ca nunca, e para despedirnos de Mai, que debía continuar co seu periplo polo Brasil. Unha vez tivemos as baterías carregadas, dispuxémonos a afronta-lo reto que nós mesmos nos marcáramos (aquí quedaría estupendamente a música de Desafío Total). Como método de aforro, decidimos facelo sen guía. Tiñamos referencias de varias persoas que o acadaran, e parece ser que era bastante factible. A afronta compoñíase de tres etapas: unha media hora subindo por pendentes bastante pronunciadas; máis de unha hora non subindo, escalando por unha interminable ladeira empedrada, algo absolutamente demoledor; e por último, sobre unha hora e media de camiño polo medio do monte até coroar o cumio da montaña e observar o mirador e maila fervenza de Fumasa.

¿Que se nos perdimos? Xa o creo que nos perdimos. Na etapa de sendeirismo non sabemos moi ben cómo nin por qué, viramos á esquerda en troques de seguir de fronte. Supoño que o de virar á esquerda non o podemos evitar, supoño que o facemos inconscientemente. Éche o que hai. O caso é que botamos unha media horiña sen saber moi ben qué facer, incluso xa se comezaba a percibir algo de tensión, cando decidimos voltar sobre os nosos pasos. Foi entón que, na distancia, observamos a unha expedición que saíra pouco despois nosa con guía, camiñando polo sendeiro axeitado. Tremendísimo golpe de sorte.

Unha vez reubicados, non tardamos en chegar á meta. E en canto o fixemos, desapareceu o cansanzo de inmediato. Desapareceu o cansanzo, desapareceron as preocupacións, a calor, o susto de ternos perdido… non desaparecimos nós de pura milagre. A paisaxe que se abría ante nós era algo impresionante, sobrecolledor, era algo enfeitizante. A vexetación, densa e pura, perdíase ata o infinito. Tras botarlle a coraxe precisa para asomarnos ó abismo do mirador e afacernos ós 403 metros que o separan da lagoa que fica ós seus pés, puidemos desfrutar dunha estampa harmónica, que ó amosarse tan lonxana resulta case hipnótica.

A Patria no cumio da Chapada, a cachoeira de Fumasa.

Dende este punto tamén se pode divisar a famosa fervenza, a 340 metros, cuxas augas se evaporan antes de toca-lo chan, de ahí o seu nome de “Fumasa”. De feito, cando sopra o vento, éste ergue as augas da fervenza ata trasladalas á altura do mirador. Espectacular.

Fumasa, no Parque Natural da Chapada Diamantina.

É certo, a Estreleira está mal posta, pero é que nese intre tiñamos outras preocupacións…

Procedimos a realiza-la reportaxe gráfica pertinente, quedamos un bo anaco aparvados, analizando semellante gozada de vistas, e comezamos o camiño de volta. Non me preguntedes por qué, pero fixémolo case na metade de tempo. Ó chegar, despedímonos do Casa Beli co derradeiro almoço, despedímonos de Luana e de Silvia, o equipo do Pé no Mato, e despedímonos da Chapada Diamantina.

O vento transportando as augas da fervenza ata o mirador, situado a 1.300 metros sobre o niveldo mar.

A Chapada Diamantina, un parque natural onde mãe natureza se amosa en toda a súa plenitude, coa súa total inmensidade. Cando chegas, e a medida que te adentras nos bosques, faite sentir ridículo, insignificante, coma facendo alarde da súa grandeza. Pero deseguido tes a sensación coma de que te chisca un ollo e, porque ela quere, permíteche sentirte partícipe dos seus dominios, integrarte no seu universo. Sen lugar a dúbidas, pagaron a pena as tres tundas de magnitudes bíblicas que nos mandamos.

Advertisements

4 respostas a “Salvador e a Chapada Diamantina: do berce da revolta dos escravos á forza da mãe natureza

  1. Abraiada me tedes, rapaces. A acollida tan familiar que tivestes en Salvador e na Chapada Diamantina fai que cada vez lles teña máis amor ás xentiñas do Brasil!!

    Que casualidade que atopedes tantos franceses no camiño, ata un bordelés! 🙂 (en realidade ese Serge chámase Sergio de toda a vida e é un dos meus espías… mihihihi…)

    Parece todo tan impresionante… supoño que a fatiga comeza a facer estragos, pero iso tamén é parte da ruta. Azos mil!! Quedo tranquila porque xa sei que, como fose, chegastes á Rio.

    Coidádevos, meniños. Unha aperta grande.

  2. Encántame ler e imaxinar vivir algo coma iso…alégrome tanto por vos…..xa sabía eu que iades camiñar por un mundo de soños!!!!

    E ante as adversidades optimismo!!!! as nosas forzas dende akí para vos nos momentos duros!!!

    Adri! a frase “Supoño que o de virar á esquerda non o podemos evitar” XDDDD é épica!!!!

    Apertas!! quérovos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s