As Fervenzas do Iguazú: un tesouro compartido

Sábado 10 de marzo. Houbo que erguerse cedo, xa que o encargado da Pousada do Bicão nos avisara o día anterior de que debiamos abandona-la habitación ás 09:30. Así o fixemos, e tras almorzar e dar a última voltiña por Abraão, ás 12:30 estabamos no peirao para colle-lo catamarán de volta a Angra dos Reis.

Unha vez en Angra, o noso seguinte obxectivo era Foz de Iguaçú, o que implicaba unha nova maratón de ônibus das que deixan pegada. E de paso, o cú de carpeta. A primeira etapa, coma a prólogo dunha das grandes voltas ciclistas, serviu de toma de contacto. Saímos de Angra dos Reis ás 16:00 e ás 19:10 estabamos en Río de Janeiro. Nun principio a nosa intención era chegar a Foz de Iguaçú vía São Paulo, pero na rodoviaria de Angra recomendáronnos Río como a opción máis rápida, e dado que tampouco dipoñiamos de fogar en São Paulo, decidimos facer caso ó persoal da estación.

Xa en Río de Janeiro tocounos vivir o xa clásico momento de baixón de “non quedan buses ata mañá pola mañá”. Unha vez máis, debiamos pasar por un punto intermedio antes de chegar ó noso destino, e esta vez ese punto era Curitiba. Hacia alí partimos ás 20:15, e alí chegamos ás 09:30 do domingo. Estivemos sobre 20 minutos correndo coma polos sen cabeza pola rodoviaria de Curitiba, xa que tiñamos que mercar os billetes para Foz de Iguaçú, e o ônibus saía ás 10:00 da mañá. Finalmente fixemos as cousiñas a tempo, e afrontamos a derradeira etapa da maratón Ilha Grande – Foz de Iguaçú.

Tras superar algunha que outra avaría na estrada que demorou a nosa chegada á cidade das fervenzas do Iguazú, ésta produciuse ás 23:30 da noite. Desta volta foron 30 as horas que durou a nosa tortura. Lonxe das 59 do Salvador – Río, iso si, pero desta volta foron todas seguidiñas, o que agora mesmo xa nin sei se é preferible ou non.

Chegar a horas tan tardías debería supoñer un atranco á hora de atopar aloxamento, pero como ata agora nese senso estamos tocados por unha especie de vara máxica, ó segundo intento acolléronnos no hostel El Shaddai. Tras unha reconstituínte ducha, coñecimos ó noso compañeiro de habitación, Paul Keller. Alemán de preto de Karlsruhe, Paul tamén estaba a facer a volta ó mundo, mais no seu caso ésta xa dera comezo en decembro. Ó ter visitado sitios que nós aínda temos que coñecer, comezou a facernos recomendacións varias, e concretamente en canto ás fervenzas do Iguazú, deunos o mellor consello dende que hai anos me avisaran de que o consumo abusivo de licor café pode levar a facer loucuras de dimensións desorbitadas, só que a este consello si lle fixen caso: debiamos visitar a zona arxentina das fervenzas.

Unha vez chegados a este punto, penso que é momento de explicar que o Iguazú, un dos puntos ineludibles da nosa viaxe dende o principio, é un parque natural incrustado na triple fronteira entre o Brasil, a Arxentina e o Paraguai. Foz de Iguaçú é a parte brasileira, Puerto Iguazú a parte arxentina, e Ciudad del Este a paraguaia.

Tomamos nota do consello, e ás 07:00 estabamos en pé para comezar a prepararnos. Xa de camiño, e para ingresar en Puerto Iguazú, Arxentina, tivemos que pasar uns trámites fronteirizos bastante tediosos e, ó noso xuízo, bastante absurdos, pero que nos permitiron coñecer ó noso terceiro Paul en cousa dunha semana. Éste era un neocelandés xigantesco, que perfectamente podería xogar nos All Blacks, e que fixo connosco a excursión enteira.

Tras tira-las fotos de rigor no punto dende onde se poden observar as tres partes das fervenzas, cada unha coa súa bandeira e separadas en “T” polos ríos Paraná e Iguazú, encamiñámonos á entrada do parque. Unha vez dentro, éste componse dun sendeiro que leva directamente á Garganta del Diablo, o punto máis sinalado e concorrido da parte arxentina e de todo o parque, e de, entre outras menores, dúas rutas principais: a superior e a inferior. A todo elo pódese acceder ou ben a pé, ou ben mediante un xeitoso tren, que dispón das súas propias estacións con campá e todo. En información recomendáronnos que, ó ir un chisco xustos de tempo, tomáramos o tren para ir primeiro a Garganta del Diablo, e despois facer a ruta inferior. Así o fixemos.

As tres fronteiras que comparten o tesouro das Fervenzas: á esquerda a paraguaia, á dereita a brasileira, e nós na parte arxentina.

O tren remata a 1.100 metros de Garganta del Diablo, distancia que hai que percorrer por unhas pontes que se elevan sobre o río Iguazú, ateigado de estraños peixes e ata algún sapoconcho, e entre a densa vexetación tropical, entre a cal Paul chegou a fotografar algúns tucáns e iguanas. Nós tivémonos que conformar cuns simpáticos paxariños.

Con Paul no trenciño con destino Garganta del Diablo

Ó longo dos últimos 200 metros de camiño xa che acompaña o rebumbio das fervenzas. Os últimos 20, eu fíxenos coas mans na cabeza. É chegar ó mirador e ficar sen palabras. Apenas podes tatexar algunha exclamación de admiración. Ollei para Cons, que me estaba a sinalar o seu brazo. Pel de galiña.

Garganta del Diablo

O balbordo orixinado pola caída das augas ó toparse con semellante virulencia envólvete de tal xeito que non o acada nin a tecnoloxía de son máis sofisticada ideada polo home, simulando un trebón de duración eterna. Pero non só o son é o que te envolve.

Salto Unión, meirande fervenza de Garganta del Diablo e de todo o parque.

Envólvete o que semella ser unha brétema infinita, e que non é outra cousa máis que a vaporización, que na colisión das augas nace en espiral, para ir desenvolvéndose mentres se eleva, e desaparecer nas alturas.

Garganta del Diablo

Envólvete a concatenación das propias fervenzas, que comezando na meirande delas, o Salto de Unión, vanse sucedendo unha tras outrra, xirando pouco a pouco para pechar o bucle e voltar comezar.

Envólvete, en definitiva, a súa sobrecolledora beleza, culminada cun arcodavella de presencia perenne ós pés do Salto de Unión.

Garganta del Diablo. Xa tiña fundadas sospeitas, pero se ésta é a gorxa do diaño, definitivamente eu quero ficar a vivir no inferno para coñecer ata o máis fondo das súas entrañas. Acordamos marchar mediante acenos. Fumos recuperando a fala a medida que nos afastabamos.

A Arxentina, o Brasil, o Paraguai... e cómo non, a Galiza.

Iniciamos, sen tempo que perder, a ruta inferior. Ó comezo da mesma estivemos a xogar cuns coatíes, uns bechiños súper feitiños semellantes ós mapaches, ós que ó principio non me atrevín a acariñar dadas as advertencias dos letreiros que aseguraban que traban á xente, pero finalmente non me puiden resistir. O sendeiro, perfectamente sinalizado e amenizado con paneis informativos da fauna e flora do lugar, é un percorrido por outras fervenzas, de menor tamaño que Garganta del Diablo, pero igualmente dunha beleza fabulosa. De camiño á primeira, o Salto de San Martín, sorpréndete unha perspectiva na que se atopa no medio a Isla de San Martín, á esquerda aínda se adiviña Garganta del Diablo, e á dereita érguese o Salto de San Martín.

Os achuchables coatíes.

A esta última fervenza chégase tras uns minutiños máis de camiño. O mirador achégase tanto a ela que impresiona aínda máis do que o faría de lonxe. Sorprendéronme as formas das súas rochas, das que eu pensaba que debido á erosión da auga serían máis curvilíneas, pero que amosan unhas marcadísimas aristas, gardando en ocasións ata ángulos perfectos.

Garganta del Diablo, xa dende a ruta inferior.

Salto San Martín.

Despois pasamos polo Salto Chico. É de imaxinar que será chico en época de choivas, en verán non é chico, é inexistente.

A derradeira parada é Salto Dos Hermanas. Como poderedes imaxinar, vós, xentes de mente esperta, o tema consiste en dúas fervenzas case idénticas, e separadas por escasos metros. A similitude é tal que tes a sensación de ver dobre, e pódovos asegurar que non probara gota de alcol dende Ilha Grande, por moito que lle poida custar a algún crer as miñas palabras.

Salto Dos Hermanas.

E ésta foi a nosa visita ó Parque Natural do Iguazú, sinxelamente o máis espectacular que vin en canto a natureza en toda a miña vida. O meu amigo Pali comentábame que esta frase habémola repetir múltiples veces ó longo da nosa viaxe. Eu contestáballe que pode ser, pero que o listón está alto de máis. O tempo daralle a razón a quen a mereza.

O martes foi día para achegarnos ó Paraguai, hacia onde partimos a mediodía. O autobús deixounos na zona fronteiriza, onde nos estamparon o selo acreditativo no pasaporte, e de alí adentrámonos a pé en Ciudad del Este. Namáis camiñar os primeiros metros, invadiunos a sensación de caos. O tráfico era un auténtico descontrol, con coches, moto-taxis e furgonetas entrecruzándose sen sentido algún, vendedores asaltándote e perseguíndote constantemente, ata os taxis nos asaltaban para ofrecéndonos os seus servizos. Polo pouco que puidemos comprobar, o que si parece ser certo é o que nos comentaran dos baixos prezos dos productos tecnolóxicos no Paraguai. O que coñecimos de Ciudad del Este estaba ateigado de tendas de electrónica, e os vendedores-asaltadores ofrecían principalmente este tipo de produtos.

Isto foi, básicamente, o que fumos facer ao Paraguai: rañar un país máis no Raskamap de Mary.

Camiñamos sobre 300 metros ata atopar un sitio onde xantar. Eu pedín un prato de carne estofada con arroz e feixoada, e Cons un prato típico paraguaio, suxerencia da camareira do local: o borí-borí, a mesma carne estofada ca miña pero bañada en caldo. Todo moi rico, e por 6 reais brasileiros o prato, uns 7 trillóns de guaraníes aproximadamente, creo.

Fronteira paraguaia co Brasil. Si, é o Paraguai, non é Vietnam.

O Paraguai é un país marabilloso, cunha fronteira co Brasil extraordinaria, cun restaurante a 300 metros da fronteira onde se come absolutamente deleitoso… e como non vai coar vou a pasar a pedir desculpas @s paraguai@s, porque tras xantar voltamos inmediatamente a Foz de Iguaçú sen coñecer nada máis do seu país. Unha mágoa, pero a axenda manda, e non sabedes cómo aperta.

Antes de pechar o capítulo do Paraguai quixera facer especial fincapé no tema do caos do tráfico, xa que nas tres ou catro ocasións que me atrevín a cruza-la estrada, tiven a sensación de estarme a xoga-la vida en todas elas, e sería bastante ridículo que tras un mes vivindo no Brasil, fose a palmar en pouco máis dunha hora que botamos no Paraguai. Iso si, seguramente faría saltar a banca das apostas de ónde imos morrer.

Unha vez deixado atrás o Paraguai, foi chegar a Foz de Iguaçú, despedirnos de Paul e compañía no El Shaddai, e poñer rumbo ó noso seguinte destino: Florianópolis, onde nos agardaba Richi.

Advertisements

2 respostas a “As Fervenzas do Iguazú: un tesouro compartido

  1. E dende logo eu tamén quero ficar a vivir no inferno….XD

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s