Florianópolis, ou cómo sentirse na casa a 10.000 quilómetros de distanza.

Martes 13 de febreiro. A primeira hora da tarde estabamos na rodoviaria de Foz de Iguaçú, dende onde ás 16:00 partimos hacia Florianópolis. A distancia entre ambalasdúas cidades é de aproximadamente 1.000 quilómetros, polo cal nós calculáramoslle un máximo de 10 ou 12 horas de traxecto. Cando o tipo que nos vendeu os billetes nos dixo que a duración era de 18 horas, case nos caen os xenitais ó chan.

Resignámonos, aceptamos o noso destino, e entramos no que debía ser o autobús máis lento na historia do transporte colectivo. E abofé que o era. Na súa ruta a Florianópolis aquela carraca do inferno detívose en todas e cada unha das localidades con máis de un habitante e medio, o que unido a un longo e exhaustivo control policial e a unha serie de sucesos turbios que non chegamos a comprender moi ben por parte dun grupo de pasaxeiros, aumentou a duración do traxecto das 18 previstas a 22 tediosas horas.

Xa pasaba das 14:00 da tarde cando chegamos a Florianópolis, unha cidade-illa tranquila, bastante europea, capital do estado de Santa Catarina. Nós, en concreto, debiamos dirixirnos ó distrito de Lagoa da Conceição, onde vivía Richi, un tipo a quen Cons coñecía de Xesuítas. Eu fíxeno alí mesmo, no momento, mais Richi non era alguén complicado de calar.

Lagoa da Conceição

Richi era, sinxelamente, un auténtico canalla, dos que xa apenas quedan, de sangue puro. Levaba xa non sei cánto tempo vivindo en múltiples lugares do planeta, sen fogar nin rumbo fixos, en permanente procura da boa vida. Pero, coma todo canalla de sangue puro, ademáis de pola súa constante procura do bo vivir, tamén se caracterizaba por posuír unha nobleza e unha xenerosidade inmensas, que chegaban a abrumar.

Pois alí se atopaba semellante fenómeno á nosa chegada ó seu hostel, o Tucano, onde tamén puidemos coñecer a Nacho e a Miguel, dous estudantes de INEF, salmantino e leonés respectivamente, amigos da universidade e outro bo par de tunantes que se ían pegar unhas boas festas connosco.

Xantamos no hostel, e Richi propúxonos facer unha trilha (percorrer un sendeiro) ata unha cachoeira (fervenza) que ficaba ó norte de Lagoa da Conceição. Antes de partir estivemos agardando un cachiño por Raquel, unha amiga compostelá de Richi. Tras case un mes de volta ó mundo, por fin iamos coñecer á nosa primeira paisana. Non era sen tempo.

De alí a uns minutos, apareceu pola porta do hostel unha moza cativa, de pel moura e de voluminosa cabeleira ensortixada. Aquela rapaza podería ser de infinidade de recunchos do planeta, pero difícilmente de Santiago de Compostela. Cando abriu a boca para presentarse e o fixo nun perfecto galego, co inconfundible acento compostelán, doce e melodioso, pouco menos que comezamos a facer chilenas. Se aquel instante fose representado por un debuxante manga, as nosas cabezas serían percorridas por unha enorme pinga de suor, e os nosos ollos mudarían en dous sombríos puntos case inapreciables. A nosa primeira galega e aparentaba ser do puto centro de Senegal. Magnífico.

De esquerda a dereita, Raquel, Miguel, Nacho, e en primeiro termo, Richi.

De alí en adiante, a citada Raquel ía amosar día tras día que a súa dozura non só se cinguía ó seu acento precisamente, e entre ela, Richi e compaña íannos tratar tan ben, íannos facer sentir tan cómodos que… Bueno, cada cousa no seu momento.

Iniciamos a trilha pasadas as 16:30 do serán coa absoluta certeza de que iamos chegar de noite. Suounos a zona xenital de xeito preocupante. Armados con dúas lanternas que debían alumear a frioleira de 7 milímetros máis aló dos nosos pés, alá nos adentramos os catro polo monte adiante sen ter nin a máis remota idea de ónde se achaba a cachoeira. De feito, tamén estabamos bastante certos de que xamáis a iamos atopar. Como así foi.

Tras máis de unha hora de camiño, atopamos un dos peiraos por onde pasan as barcas ó longo da beira da lagoa camiño da parte urbanizada de Lagoa da Conceição, e alí quedamos. Puxémonos de parola mentres escoitabamos os trebóns e observabamos os lóstregos da treboada que se desatara minutos atrás na parte continental de Santa Catarina. Ata que non resistimos máis e lanzámonos ás doces augas da lagoa que tiñamos ós nosos pés. En plena noite. Cunha imponente treboada no noso horizonte. No medio do bosque. Entre risas, entre catro galeg@s que se atoparan de xeito inverosímil en pleno Brasil. Qué mala vida.

Nun peirao da lagoa, pousando cos nosos mellores sorrisos.

Baño nocturno na lagoa, mentres se desataba unha treboada no continente.

De volta ó hostel, unha volta que fixemos acompañados ata o último centímetro por un canciño que coñecimos no peirao, algún desaprensivo propuxo o plan Garrafinha. A el uniuse únicamente Richi, Raquel, fallando á súa natureza picheleira, quedou derrotada na súa casa, onde tamén Cons e máis eu iamos vivir ó longo da nosa estancia en Floripa.

A casa de Raquelinha, e a nosa durante a nosa estancia en Floripa.

O plan Garrafinha desenvolveuse sen incidentes, entre moita risa, intercambiando a tres bandas as historias máis escabrosas das nosas vidas nocturnas.

O xoves, tras erguernos, fumos conscientes de que ó longo da nosa estancia en Florianópolis ía ser verdadeiramente complicado que nos adicáramos tan só un pouco a facer algo de turismo, a pesares das excelentes referencias que tiñamos da illa. É imposible manterse un ano coñecendo sitios día tras día, e dada nosa compaña, escollimos eses días para, sen máis, deitarnos á bartola.

Así que estivemos toda a tarde do xoves rañando a barriga, e pola noite, tras cear os catro en compaña de Garrafinha, Felipe e Fellipe, este último un rapaz moi interesante que deixou a carreira de Administração pola de Belas Artes por conviccións políticas e morais, dirixímonos a un local de samba para que, quen puidera ou quen quixese, botara uns bailes.

De alí, e trocando a compaña dos “Felipes” pola de Pablo, un castellonenco que abandonou ós seus amigos para rematar connosco a noite, dirixímonos a unhas dunas enormes, as cales custou o seu escadar, para unha vez alí… facer o parvo ata fartarnos e ata rematar semellando cinco croquetas xigantes, dignas de ser servidas nos mellores tempos do Lareca.

Facendo a mona nas dunas.

O venres… o venres foi día de surf. Así, como soa, sen necesidade de facer outra interpretación. Collimos dous traxes de neopreno e dúas táboas no Tucano Hostel, e arroxámonos ás augas da praia de Mole. Richiño foi o que mantivo máis a dignidade, o meu e o de Cons, aínda que éste o tentou con máis afán, naturalmente foi bastante denigrante. Iso si, houbo moita risa, que lle pregunten a Miguel e a Nacho, que non perderon detalle das nosas evolucións dende a beira da praia.

Kelly Slater e máis… e máis outro surfista famoso.

De novo rebozados en area, puxémonos a deseñar o plan da noite. O primeiro era mercar Garrafinha para tod@s, evidentemente, e o segundo era elixir o menú da cea. Nun momento de crecida, Cons ofreceuse para cociñar unhas empanadas. Nin que dicir ten que nin un só dos outros cinco presentes abriu a boca para levar a contraria.

As empanadas, excelentes, deron paso a unha noite de xogos, risas, consellos a Nachete, que conseguira citarse cunha moza na cal levaba tempo traballando, máis xogos e máis risas, para acabar politiqueando ata a presencia da alborada, que nos mandou á cama ás 07:00 da mañá.

Politiqueando.

O sábado eu espertei, máis ben recuperei a consciencia ás 18:30. Pese ó precario do meu estado mental, o cálculo foi rápido e sinxelo: había dúas horas que rematara o As Palmas – Celta. Saín escopetado a sangar sinal Wi-Fi do Tucano Hostel. Desta volta as novas non eran nin moito menos tan boas. Tras un partido bastante frouxo caíramos no Gran Canaria por 3 a 1.

Son momentos para mante-la calma, acepta-la derrota como algo inevitable nunha competición tan longa e esixente, e seguir ilusionados apoiando ó equipo. Os rapaces aprenderon ben a lección do ano pasado, maduraron tras semellante hostiazo tan brutal, e estarán á altura. Tócanos amosar a nós que o celtismo tamén o está.

Tras procesar e aplicarme a min mesmo o que acabo de escribir, e antes de decatarme, xa tiña unha caipirinha diante dos meus fuciños, e o persoal estaba a lanzar unha moeda ó aire, que caía sobre unhas indicacións que viñan de fábrica na mesa do bar do hostel, e que ían dende pedirlle un bico a alguén da mesa do lado ata facer o chimpancé ó redor do bar, pasando, cómo non, por convidar a roldas de chupitos.

O xogo acendeunos, e decidimos facer unha versión na casa, mellorada e ideada por nós. Os mesmos compoñentes da noite anterior. Alí sucedeu de todo: stripteases, guerras de cabaliños, voltas á casa en roupa interior e a catro patas, bailes sensuais, houbo quen tivo que sinceirarse en varios aspectos… ata que chegou o momento de travestirse. A proba tocáralle a Richi, pero inevitablemente caímos todos en tromba. Cando estivemos todas ben gostosas, tampouco puidemos evitar saír á rúa a dar unha volta para lucirnos. Non sei se causamos moito escándalo, moito me temo que si. O que sei é que era pleno día cando chegamos a casa a deitarnos. Catro noites en Floripa, catro noites de Garrafinha, e catro festas apoteósicas. O dos galegos é de delito.

O domingo non estabamos para nada. Malamente investimos o día en despedirnos da panda. Dado que durmiamos en casa de Raquel, o último da sesión de despedidas foi Richi. Só espero voltar a atoparte nalgún lugar nalgún intre de novo, meu canalla amigo. Enchéchesme de agasallos e de consellos, e podes estar seguro de que non os vou esquecer, nin a eles nin a ti.

E fúmonos deitar, e á mañá seguinte foi a quenda de Raquel. De fachada senegalesa e ialma e corazón composteláns, agarimosa, festeira, galeguista a morte… miña nena, a pesares da tristura da despedida, podes estar segura de que non vas safar de nós tan fácilmente.

O mediodía do luns 19 de marzo, de camiño á terminal de autobuses e co obxectivo fixado en Montevideo, Cons non aturou a presión e deu a volta para pasar un día máis con tan selectos anfitrións. Eu decidín continuar o camiño. Tras un mes xuntos polo Brasil, os nosos camiños separábanse, aparentemente só por un día. A saber.

Foi un mes no Brasil, xa pasou a primeira etapa. E foi unha etapa á que non lle podo atribuir outra nota que non sexa un sobresaínte. O Brasil é un país apaixoante, que garda tesouros tan espectaculares coma Iguaçú, Ilha Grande ou a Chapada Diamantina, cidades fascinantes coma Salvador, Recife, Río… Pero sen dúbida, para un servidor o meirande tesouro do Brasil son as súas xentes. Alegres, cálidos e amables, os brasileiros deixáronnos marabillados. E qué dicir sobre @s nos@s acompañantes. Debo parecer parvo poñendo polas nubes a todas e a cada unha das persoas que pasaron a formar parte da nosa aventura, pero non o podo facer doutro xeito. Seguro que tivemos moitísima sorte. Pode que tamén influísen as circunstancias, o feito de atoparnos case tod@s fóra das nosas casas. Pero o certo, o que xa non vai cambiar xamáis é que tod@s tendes xa un oquiño para sempre nos nosos corazóns. ¡VIVA O BRASIL!

Advertisements

6 respostas a “Florianópolis, ou cómo sentirse na casa a 10.000 quilómetros de distanza.

  1. Os quiero mucho!!!y os echo de menos cabrones, así que a seguir dando muuuuuuucha envidia, que sino voy a buscaros por las orejas!!!(para sustituiros, claro…jeje)
    Mil bicos soles!!!

  2. Que lindo que puedan hacer esta experiencia y compartirala con la gente! Son personas maravillosas que tuve la suerte de conocer en Brasil, en donde tambien yo vivi mi propia aventura. Cuando me contaron sobre la suya realmente me conmovio y me identifique muchisimo con ustedes porque es algo que yo algun dia gustaria de hacer. Nunca dejen de luchar por este sueño y ojala sea testigo de que lo lograron. Los esperamos en nuestra querida Argentina y ojala la vida nos cruce en algun otro lugar del mundo. Sigan asi con esa energia positiva y esas ganas de vivir. Porque al fin y al cabo para eso esta la vida, PARA VIVIRLA! Besos desde ARGENTINA. Vale

  3. Por supuesto que serás testigo de la consecución de nuestra aventura, Vale, y como parte integrante de ella. Estoy deseando volver a verte en la Argentina!

  4. Grande Fellipe!!!!

    Non sabedes o que houbese pagado por estar nesa sesión surfeira convosco, creo que a realidade superaría con creces a miña imaxinación XDDDD

    😛

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s