El Calafate. Para chegar ó Reino de Xeo hai que pasar polo inferno.

Domingo 15 de abril. Erguímonos ás 06:00 da mañá para segui-lo derbi. Eu xa estaba resignado a escoitalo pola radio, pero ó dar comezo ás 07:00, tiñamos toda a conexión á rede para nós, e tirou para poder seguilo por internet.

Qué dicir do partido que vós non saibades. Simplemente apuntar o orgulloso que me fixeron sentir os rapaces sobre o campo, e o ilusionado que me fixo sentir a xente nas bancadas. Se continuamos así, de seguir todos xuntos na mesma, habémolo conseguir.

Quixera tamén dar as grazas á miña xente por estar toda a semana achegándome ó ambiente do derbi, por lembrarse de min, por levar o meu espírito da man ata Balaídos, ata sentalo na cadeira de ó lado. Grazas @s meus corresponsais no estadio, ós meus calvarienses e á miña familia. En serio, moitas grazas.

Tralo remate do partido, e coa ialma arrastro, arrincamos do hostel con rumbo á Nacional 3 sentido norte. Era unha camiñata de máis de unha hora, e coa casa ó lombo, pero cando nos quedaba aínda máis da metade, e sen nós pedilo, parounos un tipo nun coche. Sen mirarnos á cara e falando para a súa camisa, ofreceuse a levarnos. O tipo mantivo case todo o traxecto o xesto serio, contestando con telegramas e a medio decibelio. Ata a despedida, cando xa se soltou un pouco e ata esbozou un sorriso.

Deixounos nun lugar ideal, ó carón dun posto de policía, coma nos sucedera en Miramar. Isto é enormemente positivo, xa que os mesmos axentes, todo amabilidade, xa lles solicitan ós conductores que lles dan o alto se nos poden recoller.

O noso destino escollido era Río Gallegos, para saír a dedo de Tierra del Fuego a toda costa, xa que a pasaxe para facer o propio en bus é carísima, ó ter que facer un tramo por territorio chileno ademáis de cruza-lo Estreito de Magallanes en ferri.

Parounos unha furgoneta e ofreceunos Río Grande. Aínda é territorio Tierra del Fuego, pero supoñía avanzar 220 quilómetros. Aceptamos. Tratábase dun matrimonio, Félix e Mercedes, que ían recolle-lo seu fillo á Academia de Policía de Río Grande. El, que ía ó volante, amosábase moi interesado na nosa cultura, e preguntaba constantemente. Ela, mestra, tiña unha conversa interesante e agradable, o que nos levou a tocar diversos temas socio-políticos.

Chegamos a Río Grande ás 16:00 da tarde. Río Grande é unha cidade… ¿cómo dicilo sen ferir sensibilidades? Río Grande é unha cidade fea. Non fea, horrenda. É espantosa. Máis fea que ser pobre e votar dereita. Máis fea que celebrar un título do Farsandril (Farsa ou Mandril) en Praza América.

Pois por tan idílicas paraxes, puxémonos a buscar un sitio onde xantar. Non atopamos nada que se axeitase ó noso peto, así que decidimos tirar para unha estación de servizo na Ruta N-3 con saída ó norte.

Río Grande e a súa inasequible hostelería…

Non me lembra quén nos falou da existencia desta estación, pero debería lembrarme. Del e de toda a súa familia de hienas. Camiñamos durante máis de unha hora por aquela estrada de horrible paisaxe. Nunha enorme recta ollamos cara ó horizonte. Non se albiscaba nada. Absolutamente nada. Achegueime á entrada dunha propiedade privada para preguntarlle a un tipo que por alí andaba. Debinme achegar de máis, porque de alí saíu un can enfurecido correndo hacia min coma un foguete. Ladraba e gruñía coma un demo, o condenado. Menos mal que tiña o cartonazo co letreiro de Río Gallegos na man, e non sei moi ben cómo, logrei manter as fauces de Cancerbero afastadas das miñas tibias ata que chegou o seu dono.

Maldito Río Grande, cos teus cans endiañados…

Cancha de básquet no fermosísimo paseo marítimo de Río Grande.

O dono explicoume, mentres suxeitaba a aquela mala besta, que a estación de servizo estaba aínda a uns 10 quilómetros. Tremendo baixón. Meternos dez quilómetros máis, con aquel frío e aquel vento, coas mochilas, para chegar a un sitio no medio da nada e xa de noite… era unha tolemia. Debiamos pegar media volta e desfacer toda a quilometrada feita, que era outra tolemia, pero menos.

Comezamos o retorno mentres saboreabamos o amargo da derrota. Río Grande 1 -AdriCons 0.

Pero nesta viaxe, ata na derrota temos un chisco de sorte. Un rapaz incriblemente amable recolleunos e levounos no seu coche ata o hostal máis barato. Chamábase Antares (o hostal, non o rapaz), e menos mal que era o máis barato. Non probáramos bocado dende o almorzo en Ushuaia, así que fumos a meternos unhas pizzas. Xúrovos que non é empecinamento meu, teño a Cons de testemuña: aquelas pizzas eran unha agresión ó padal.

Río Grande, ti e a túa noxenta cociña…

Así, deste estético xeito, é como anuncian en Río Grande os seus talleres.

Ó día seguinte, luns, comezamos o chollo xa de mañá. Situámonos na saída norte dunha rotonda onde se ubicaba unha estación de servizo. En principio, o sitio era perfecto. Transcorrida unha hora, non pasara nin un só camión. Ó frío e ó vento, cos que xa contabamos, sumouse a choiva. Non eran catro gotas, precisamente.

Parou unha furgoneta, e apuntounos que alí non nos levantaría ninguén. Debiamos avanzar pola ruta, ata un cruzamento de camiños de onde subían os camións procedentes de Ushuaia. ¿O problema? O cruzamento estaba a 7 quilómetros. Debiamos facer o camiño que o día anterior rexeitaramos por ser unha tolemia. Era pola mañá, tiña máis sentido.

Pesa a mochila. Pesa a choiva. Pesa o vento, o frío. Pesa a derrota no derbi.

Maldito sexa o teu clima infernal, Río Grande.

Pasamos por un posto de policía, e recibimos os ánimos e as indicacións dos axentes, reforzando a nosa entrega hacia eles. Chegamos ó cruzamento. O fluxo de vehículos é baixísimo. O de camións case nulo, o que non nos ofrece chance, nin sequera nos permite a posibilidade de ser optimistas, de manter a esperanza.

Ó ter un campo de visión tan fondo ás nosas costas, ó ver os camións chegar tan de lonxe, temos tempo de ensaiar o noso mellor sorriso, de poñer ollos de croque, cariña de bos rapaces, de encomendarse un ó Gauchito Gil e o outro ó Flaco Gil… nin así. Pasan coches, motos, furgonetas, algún camión. Ninguén se detén, nin o amago de minguar a marcha.

Microderrota tras microderrota, van minando a nosa moral ata reducila á mínima expresión.

Cómo te odio, Río Grande, a ti e ó teu mínimo tránsito de vehículos.

Esta estrada é o escenario da nosa derrota. Os vehículos chegaban dende o outro sentido.

É o momento de tomar decisións. A fronteira con Chile está a piques de pechar, e xa non van pasar máis camións. Debemos acepta-la derrota e paga-lo billete de bus a El Calafate. De novo temos sorte na derrota, e topamos cun bus para desface-los sete quilómetros que fixeramos camiñando. Na terminal confirman os nosos temores: o primeiro colectivo sairía á mañá seguinte. Debiamos pernoctar unha noite máis na nosa amada cidade.

Río Grande 2 -AdriCons 0. Hai que recoñecelo. Gañáchesnos, Río Grande, eres buena.

Horripilante, de hostelería inasequible, con cans endiañados, cociña noxenta, clima infernal, mínimo tránsito de vehículos… pero buena.

Atopamos unha pensión máis barata que a do día anterior e fumos a cear, xa que, unha vez máis, non lle metéramos nada ó corpo dende a mañá. Para que vexades que non son ningún obcecado, teño que dicir que comimos moi rico, en cantidade e barato no Paso Obligado, unha cantina de camioneiros. E é máis, direi que os riograndenses son uns auténticos encantos: sen facer dedo nin nada que se lle pareza, dúas señoras ofrecéronse a levarnos, a primeira da terminal ó hostal, e a segunda do hostal ó Paso Obligado.

O día seguinte pasámolo enteiro no ómnibus, así que pouco hai que reseñar. Se cabe, a alegría, o alivio, a paz de espírito que sentimos ó abandonar Río Grande. “¡Feliz Viaje! Municipalidad de Río Grande”, cun mínimo santuario ó Gauchito Gil nun dos soportes do valado publicitario. Utilizas a retranca, a miña propia menciña, para regodearte na túa vitoria. E empañas as xanelas do autobús para non deixarme tirarlle unha foto a ese Cristo crucificado mamotrético e arrepiante que tes á túa saída, para censurar as probas do desmedido da túa fealdade. Aprende a gañar, Río Grande.

Reseñable foi tamén o cruzar de volta o Estreito de Magallanes, desta vez de día, o que nos permitiu sacar máis e mellores fotos.

Cruzando o Estreito de Magallanes de volta.

Tras 14 horas nun bus do que baixamos tres mil veces para solventa-los tediosos e absurdos trámites fronteirizos, chegamos a El Calafate ás 22:00 da noite. Non había preocupación pola procura de hostel, en El Calafate hai Che Lagarto, que, coma sempre, non fallou. Hostelazo, con tódalas letras.

Che Lagarto El Calafate.

Á mañá seguinte, mércores, tocaba visita ó Perito Moreno. O microbús que nos transportou do hostel ó glaciar contaba cunha guía, Catalina, quen ó longo do percorrido foinos aportando información sobre diferentes aspectos tanto de El Calafate coma do Perito Moreno. Explicounos a procedencia do nome do pobo, que lle ven polo calafate, unha pranta que abunda pola zona. Coa descripción de Catalina entráronnos fundadas sospeitas, e en canto o vimos diante tivémolo claro: ó que aquí lle chaman calafate, na Galiza coñecémolo como toxo. E en canto o tiven claro, decidín presentarme na Prefectura (concello) de Calafate cunha serie de propostas baixo do brazo: se ese pobo se chama O Toxo, existe a imperiosa necesidade de inaugurar no seu rueiro a Praza Raquel Costas, a Avenida Georgina Herrera e a Rúa Juan Pablo Vázquez.

Chegamos ó Parque Nacional Los Glaciares ás 11:30. Trátase dunha reserva natural de máis de 700.000 hectáreas, ubicada ó suroeste da provincia de Santa Cruz. Máis aló do seu bosque e a súa fauna, entre onde destacan a águila mora, o zorro patagónico -máis semellante a unha mofeta que a un raposo- ou o huemul, o principal atractivo do Parque Nacional Los Glaciares é precisamente o glaciar Perito Moreno.

Águia moura, de camiño ó Parque Nacional Los Glaciares.

A organización oferta a posibilidade de camiñar por riba súa, a cal escapaba por completo ós nosos petos, así que decidimos acollernos á opción máis barata: movernos por diferentes pasarelas para observar as caras norte e sur deste xigante branco que conta cunha fronte de case 5 quilómetros de extensión, e 60 metros de altura sobre o nivel do Lago Argentino.

Antes de pasar a falarvos do Moreno, quérovos presentar á xente coa que fixemos a visita. No mesmo microbús coñecimos a Sandra, unha alemá de Frakfurt que vivía en Suíza, onde traballaba ocupando un cargo de responsabilidade dentro dunha multinacional alimentaria que non quero nin nomear.

A Ely e a Gonzalo, unha parella de bonaerenses que desfrutaba das súas vacacións en El Calafate, Cons coñecéraos a noite anterior, e eu fíxeno na mesma excursión.

Ely, de 29 anos, cursara estudos para traballar con xente aqueixada de diferentes discapacidades. Fixérao durante case dez anos, pero a súa implicación non lle permitiu poñer a distancia cos pacientes precisa neste tipo de traballos, non foi quén de desconectar unha vez rematada a xornada, e viuse na obriga de elixir entre traballar no que lle gustaba, para o que se estivera preparando, e a súa saúde. Actualmente traballa no call center dunha tarxeta de crédito. Hincha de Racing, era intelixente, detallista, e cun grande sentido do humor.

O seu mozo e compañeiro de traballo era Gonzalo. Non hincha, fanático de Boca, a súa paixón polo equipo xeneize era comparable á miña polo Celta, o mesmo que o seu gusto pola festa. Unicamente con estes datos xa vos poderedes imaxinar o mal que conectamos, pero é que ademáis Gonza era un tipo dunha xenerosidade abraiante.

Baixamos os cinco do microbús, e puxémonos a camiñar polas pasarelas ata topar de fronte co glaciar Perito Moreno. Aquelo era algo maxestuoso, imponente. O día estaba algo anubrado, o que provocaba un xogo de luces e cores que aportaba ó branco natural do xeo uns tons dun azul intenso nos curtes e nas fendas da súa cara frontal, máis abrupta e erosionada que o resto do glaciar debido ós sucesivos impactos coa terra ó longo de sécuos e milenios.

Cara frontal do glaciar Perito Moreno. Así, para comezar.

Os desprendementos de pequenos anacos da súa superficie son constantes, chegando nós a presenciar unha manchea deles. O impresionante barullo que meten ó precipitarse ás augas estas ínfimas porcións de glaciar axudan a facerse unha idea da inmensidade do mesmo.

Á conquista do frío ben equipados, non coma Napoleón.

Nin que dicir ten que nunca na miña vida vira nada semellante, nin de lonxe. O meu estado de perplexidade, aínda que de magnitudes similares, era totalmente diferente ó que vivín en Iguazú. Alí os elementos, auga, vexetación, montaña, xa me eran coñecidos, aínda que xamáis os vira conxugados dun xeito tan salvaxe, tan magnífico.

Pero no Perito Moreno foi diferente. Eu nunca vira xeo en cantidades superiores ás que caben nun vaso de cubalibre, maldita sexa. E ter diante miña a aquel titán xeado mantíñame desconcertado de todo, como agardando a que Superman saíse voando de entre algunha das súas fendas.

Non só xeo é o Parque Nacional Los Glaciares.

E para rematar de desubicar a este pobre paleto que non vira nevar na súa vida, de súpeto comezaron a caer unhas pequenas folerpas, situación que se prolongou durante uns poucos minutos. Nin feito a propósito.

Xa de volta, estabamos dispostos a regresar ó hostel, pero Ely e Gonza comentáronnos a posibilidade de facer algo diferente. E tan diferente. Faláronnos da existencia, no medio do traxecto entre o Parque Nacional e o hostel, dun bar feito de xeo. Totalmente feito de xeo. De xeo o chan, de xeo as paredes, de xeo a barra, as cadeiras… ata os vasos son de xeo. Penso que sobra dicir que antes de que remataran de explicarnos a súa ubicación xa estabamos pedindo na barra. Acompañounos Sandra.

Barra do Glacio Bar.

A visita só permite permanecer no bar un pouquiño menos de media hora. Pero é media hora de barra libre. E para completa-la maxia, había licor café. Licor de café arxentino, pero como xa teño dito, amaga ben.

Con Sandra. Ligar no Glacio Bar, un máximo de 25 minutos rodeados de xeo e vestidos coma esquimais, supón todo un reto.

Non quero virme arriba de xeito inxustificado, non é o meu estilo, pero creo que o feito de beber licor café dun vaso de xeo, nun bar feito en xeo, no medio da Patagonia, elévanos directamente ós altares dos máis grandes licorcafeteiros da Historia, non sei qué opinaredes vós. Para superar isto só se me ocorre brindar con licor café con Breogán, ou bebelo directamente do embigo de Afrodita .

Brindando con licor café nun bar de xeo. Lendario.

Ó chegar ó Che Lagarto, ceíña con Gonza e Ely, onde puidemos degustar unha nova edición da tortilla calvariense de Cons, e sesión fernet ata ben entrada a madrugada.

E o xoves foi día de asado. Foi o motivo polo que quedamos un día máis en El Calafate -ademáis de pola compaña, evidentemente-, e non defraudou. Preparado por Gonzalo, quedoulle deleitoso, e serviu para facer unhas risas co persoal do hostel. Unha última parrafada ata as mil, e a durmir.

O venres era día de partida a Bariloche, había que continuar a nosa remontada hacia o norte. Despedímonos do persoal do Che Lagarto, e de Ely e Gonza, dúas pezas máis para a nosa colección de xente fascinante, xente joya.

Marchamos de El Calafate, O Toxiño, unha cidade re-contra-linda, de parques coidados e construccións de fermosa e orixinal arquitectura, que agocha un tesouro de xeo nas súas montañas.

Como dixen, seguinte parada, Bariloche, a derradeira na Arxentina.

Advertisements

6 respostas a “El Calafate. Para chegar ó Reino de Xeo hai que pasar polo inferno.

  1. Soys unos cabrones! xD

  2. …. Pude entenderlo!!!! jajaja… Sinceramente estamos muy agradecidos por lo que leimos y la verdad es que nosotros tambien disfrutamos muchisimo su compañia.. Les deseamos que tengan un gran viaje!!.. Y esperamos poder ir a visitarlos a Vigo a partir de Febrero del próximo año.. 😉 .. Próximamente en el facebook estaran nuestras fotos..!!.. Saludos y un gran abrazo.. Ely y Gonza. PASENLA JOYAAAAA!!!!!!

    • Chicoooos!
      Nosotros si que estamos agradecidos por haberlos conocido! Realmente sería fantástico encontrarlos en Vigo, así que ya sabés, Ely, muchas pastillitas para que Gonza duerma mucho y bien, y nos vemos los 4 del otro lado del charco!

  3. Adri, gracias por contarnos todo con tanto detalle y acercarnos estos parajes, yo soy de “verde” más que de “piedra” y el Perito Moreno es espectacular. Seguir con mucha fuerza como hasta ahora.
    Apertas!!!

    • É un pracer para min escribir este blogue, Luis! En serio, faime moita ilusión, e con este tipo de comentarios, máis. 😉
      Seguiremos con forza, con moita forza, e en gran parte é grazas a vós, á nosa xente!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s