Bariloche, “a Suíza chica”, e despedida da Arxentina. A primeira Bola Máxica xa está no peto.

Venres 20 de abril. 28 horas ininterrompidas de estrada. El Calafate – Bariloche pasou inmediatamente a ocupar o podio das tundas máis grandes do que levamos de volta ó mundo. Perdín a conta de cántas películas nos puxeron, e de cántas comidas nos serviron.

Sempre dixen que son un grande ignorante en canto a cine, que apenas vin un feixiño de películas na miña vida. Despois da viaxe a Bariloche estou preparado para participar nunha conversa de cine cos meus colegas máis freaks, incluso nun deses debates dirixidos por Cayetana Guillén Cuervo ou Fernando Trueba.

Tivemos tempo de ver 19 veces Ben – Hur, e 14 a triloxía enteira de El Señor De Los Anillos.

O sábado ás 20:00 chegamos a San Carlos de Bariloche. De camiño ó hostel pasamos pola Plaza Cívica, unha praza ben xeitosa rodeada de casiñas de madeira cunha iluminación encantadora, coma de conto tipo Hansel & Gretel.

Pequena mostra da Plaza Cívica, pero polo día.

Unha vez instalados no hostel Marcopolo Inn, desencadeáronse as desgrazas enfocadas na miña persoa, que máis que desgrazas vou a calificar de sustos. A primeira golpeoume nada máis dispoñer de internet: derrota do Celta ante o Hércules en Alacante, tras un partido onde nos amosamos coma un equipo timorato e tremendamente inocente. O mesmo discurso que mantía cando lle pasabamos por riba a todo o mundo hei de aplicalo hoxe e agora. Aínda queda moitísimo, non hai nada decidido, a Segunda dá moitas voltas. Non vai a ocorrer o do ano pasado, somos un equipo máis maduro, con máis recursos. Os rapaces van sacar isto adiante, sempre da nosa man, sempre co noso apoio. Non lles podemos fallar, eles non o farán.

Con tan agradables noticias, dado que era sábado, e a pesares de ter as pernas medio tullidas polo infinito da travesía, había que tomar unha. Para elo debía retirar cartos, e metinme nun caixeiro, o primeiro que vin transcorridos tres minutos de saír do hostel. A resposta déste deixoume teso, coas pernas tremendo e transpirando escarcha. No tiene fondos suficientes en la cuenta”. Imposible. Perdera a tarxeta 12 días atrás, pero mamá a anulara inmediatamente, e días despois consultara o saldo e estaba todo perfecto. Aínda así, a mensaxe era demasiado clara, aterradoramente clara.

Non quero adicarlle a isto máis dun par de liñas, xa que non pasou de ser un susto. Un susto que me provocou 9 infartos, 7 ictus, 13 soplos, 31 taquicardias e media arritmia, pero un susto á fin e ó cabo. A miña irmanciña encargouse de clarexalo todo.

O que si me vexo na obriga de comentar é o feito de que pasei dous días barallando a posibilidade de que a viaxe rematara para min. Nada máis. Deixo para vós o imaxinarvos o meu estado de ánimo e de cabeciña ó longo desas 36 eternas horas.

Esa mesma noite, e co meu corazón latexando con suma dificultade, Cons conseguiu arrastrarme a tomar unha copa, pero non foi quén de sacarme máis aló do bar do hostel. Alí, trala barra, o encargado de alimentar o noso vicio era Esteban, El Pelao. Da nosa idade, había uns poucos meses que se decidira finalmente a rachar coas súas ataduras en Buenos Aires e lanzarse a probar sorte iniciando unha nova vida en Bariloche. Era moi boa xente, demasiado según @s que o coñecían mellor, e a súa despexada cabeciña estaba contaminada por un exceso de ansiedade, o que o levaba de cando en vez a precipitarse na súa toma de decisións.

Ós poucos minutos chegou Yanina. Era unha morocha fermosa, ben simpática, e que tamén daba nome a unha importante vía do rueiro de El Calafate.

Entre os catro, Esteban, Cons, Yanina e o fernet, convencéronme para ir a tomar unha birra a un irlandés de por alí preto.

O domingo, tras espertar, meterme un par de sacudidas cun desfibrilador que atopei debaixo da cama, ducharnos e xantar, fumos a dar unha volta por Bariloche. E creo que ó facelo xa nos convalida a viaxe a Suíza. Rodeada de montañas nevadas, lagoas de auga xeada, ateigada de chocolaterías, con pistas de esquí, de arquitectura onde predomina de longo a madeira, con casiñas de escasa altura… Por estar está ata a vaca de Milka (en serio), o único que falta é o paraíso fiscal para Arantxa Sánchez Vicario e compaña.

Interior dun Centro Comercial en Bariloche.

Pasamos a tarde relaxándonos en Plaza Cívica e na lagoa de escasos metros máis abaixo, e paseando polas rúas de Zúric, perdón, de Bariloche.

Perspectiva máis ampla de Plaza Cívica.

Solpor sobre unha das lagoas de Bariloche.

O luns, por fin, puiden respirar o fresco aire de Bariloche. Yoli confirmoume que o problema á hora de retirar cartos era debido a un tope que tiña a tarxeta, o que fixo que recuperara o ritmo cardíaco. Aínda así, non quixen saír do hostel ata ben entrado o serán. Un pouco para escribir, un pouco para acougar espírito e cabeza, eu qué sei.

Dándolle voltas á cabeciña, supoño.

Cons si o fixo, e subiu ata Cerro Campanario, excursión consistente en ascender en teleférico ata o citado cerro bordeando a lagoa Nahuel Huapi, e dende onde se pode desfrutar dunhas impresionantes vistas da fermosísima Bariloche e do seu entorno, conformado como apuntei antes por unha mestura de montañas e lagoas.

Espectaculares vistas dende Cerro Campanario.

Á noite tocou ceíña en grupo, no-los dous con Esteban, Yanina e máis Mario, un sevillano que, coma tódolos presentes, rachara con todo na súa casa e fuxira a perseguir o seu soño, que neste caso era un ano dando voltas por América.

Martes. Ás 09:00 da mañá do martes 24 de abril foron a hora e data sinaladas da nosa partida da República Arxentina. Voume permitir a licenza de ser un tanto individualista neste preciso intre da narración, xa que non atopo outro xeito de afrontar e reflectir o especial que resultou para min a partida da Arxentina.

Coma emigrante, coma algúns emigrantes, cheguei á Arxentina, fixen a miña riqueza, e marchei. Estiven en praia, estiven en montaña, vin cidades inmensas, percorrín camiños eternos, observei ceos perfectos e paisaxes imposibles, camiñei sobre xeo, cheguei á fin do mundo e peguei a volta… E todo o fixen rodeado de Galiza, rodeado de galegos. Penso que non fixen pouca riqueza.

Ó periplo polo Brasil dinlle un sobresaínte. Non me sinto capacitado para calificar á Arxentina. Non podo ser obxectivo, non podo ser imparcial. Os vencellos non o permiten. É coma preguntarlle a unha avoa se o seu neto é bonito. Non é xusto. Eu sei o que me aportou, saberei valorar os intres que vivín.

Polo de pronto xa me levo a primeira bola máxica. Esa que, por algún motivo, me resulta especial a nivel persoal.

A miña bola máxica de unha única estrela. Estaba en Buenos Aires, na Avenida Belgrano. Concretamente no número 2.199. Deuma un señor no segundo andar, na habitación 202.

DE TODO CORAZÓN, E POR SEMPRE, GRAZAS, ARXENTINA.

Advertisements

2 respostas a “Bariloche, “a Suíza chica”, e despedida da Arxentina. A primeira Bola Máxica xa está no peto.

  1. Menos mal que o susto só foi un susto… e en fin, boa partida da Arxentina, seguro que vos han extrañar.

    Apertas grandes

    • Pois si, Lariña, menos mal, non quero pensar qué faría en caso de que fose algo máis ca un susto… Seguro que algo se me ocorrería, e coñecéndome sería algo non pouco descabellado, jajajaja!
      Bicos, Lariña!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s