Atacama, o deserto a 4.000 metros de altitude.

Xoves 3 de maio. Subimos ó bus con destino San Pedro de Atacama, unha localidade no medio do deserto e pegadiña á fronteira con Bolivia, ás 22:00 da noite. Cando baixamos eran as 0:00 da madrugada do venres. 26 horas, e desta volta nin películas tivemos.

Cando rematemos o periplo por Sudamérica farei o cálculo de horas que botamos metidos nun bus, pero a día de hoxe estou seguro de que superan ás horas que estiven en toda a miña vida metido nunha biblioteca, en misa (e estudei 6 anos nun colexio de monxas) ou practicando sexo. Bueno, o desta última comparación é bastante obvio, de feito creo que estiven máis tempo en Paraguai que practicando sexo en toda a miña vida.

Como digo, chegamos a San Pedro ás 0:00 da noite esfolados perdidos. Coa axuda das lanternas, xa que a iluminación nas rúas é prácticamente nula, puxémonos a buscar os hostels que levabamos apuntados. Houbo sorte ó segundo intento: Backpackers Hostel, un hostel ateigado de gatos que non contaba case con auga quente, pero si con internet.

San Pedro de Atacama.

O sábado Cons ergueuse para dar unha volta mañaneira pola vila. Eu, como me deitara moito máis tarde por andar a voltas co blogue, erguinme ás 12:00 do mediodía. 12:00 hora chilena, 18:00 hora galega. Sabadell – Celta. Vitoria innecesariamente agónica, xa que se tería que ter gañado con bastante máis folgura, pero importantísima en todo caso de cara a depender de nós mesmos para ascender directamente se se gaña o partido adiado de Cartaxena. A saída do pozo vese un chisquiño máis preto, pero haberá que pelexar ata o final.

Ó remate do partido, e medio infartado, unha duchiña de auga ben fría, que a 2.500 metros de altitude sempre gusta. E ó remate da ducha, ó microbús, para face-la primeira incursión no deserto do Atacama: Valle de la Luna. O da lúa é un val que se formou, ou mellor dito que se segue formando, debido ó empuxe da Cordilleira dos Andes, a formación montañosa máis nova do planeta, sobre o resto do territorio continental. Ascendimos para observar a parte máis árida do deserto máis árido do mundo, que non o máis seco: aínda que en cantidades case que insignificantes, algo de choiva cae, pero as durísimas condicións ambientais fan que a vida no deserto do Atacama sexa prácticamente inexistente.

Deserto do Atacama.

¿O pobo xudeu? Non, a nosa expedición ó Atacama.

Pasamos polas Tres Marías, unhas rochas que segundo din, debido á erosión do vento colleron forma da Virxe María rezando en tres posicións diferentes. Coma se me dis que teñen forma de Esperanza Aguirre facendo croquetas, eu non vin nada.

As Tres Marías. Pódese apreciar perfectamente a forma da Virxe nas rochas. Ou non.

Pero o mellor estaba por chegar. Allan, o noso guía que era un cachondo mental e que nos explicou todo perfectamente estando borracho perdido (en serio), levounos a unha especie de mirador, un balcón natural no medio do deserto para observar o solpor sobre o Valle de la Luna. A estampa é espectacular, co ceo tomando eses tons encarnados que se fusionan co cobrizo das rochas e area do deserto. Nesas andabamos, sacando fotos coma tolos, cando de súpeto sumouse á festa un convidado que ninguén agardaba.

Aínda non rematara de agocharse o sol, cando de entre as montañas emerxeu a lúa máis xigantesca que vira na miña vida. Era algo desproporcionado, case que antinatural. Atendendo á cantidade -e calidade- do meu velo corporal e ó número de noites das que non me lembro de nada, nunca puidera descartar a posibilidade de ser un lobishome. A partires dese momento, si. Se non me transformei observando durante o tempo que observei aquela lúa de tamaño desorbitado, non me vou transformar na vida.

Espectacular luar no Atacama.

Nati e máis eu, apampados ante o espectáculo que nos brindaba Lúa.

E é que ata niso estamos a ter unha sorte desmedida nesta viaxe. Xusto o día que decidimos visitar Valle de la Luna, unha localización que se atopa a máis de 4.000 metros de altitude, resulta que hai lúa chea, e cadra exactamente no día que o satélite pasa máis preto do seu planeta en todo o ano, amosándose máis grande ca nunca. En serio, non sei qué carallo facemos que non imos mercando lotaría alí por onde pasamos.

Con Nati e Allan, o guía máis profesional.

Ó remate da excursión, e aínda enfeitizados polos poderes máxicos de Lúa, ese día máis poderosos do que foron xamáis, fumos a tomar unha cervexiña con Allan, que coma dixen antes xa viña quentiño da casa, e con Natalia, unha arxentina de Córdoba que coñecimos na excursión e que traballaba no mesmo San Pedro para conseguir cartos e así poder proseguir coa súa viaxe por toda Latinoamérica.

De “carreteo” con Nati e Allan, máis un músico que se uniu á causa.

O domingo, tras chamar á casa para felicitar a mamá polo seu día, adícámolo a pasear pola vila. San Perdo de Atacama é unha localidade duns poucos centos de habitantes. Con máis hostels que residentes, vive case únicamente dos turistas que veñen e van, e que utilizan San Pedro coma ponte para pasar de Chile a Bolivia e viceversa. Non conta con asfalto nin cemento en ningunha das súas estradas nin beirarrúas, e as súas casas, feitas con adobe e portas de madeira, dan a sensación de non poder aturar nin un mal temporal. Se no conto de “Os Tres Porquiños” o Lobo derrubaba as casas dos dous primeiros soprando, as vivendas de San Pedro de Atacama poderían ser arrasadas por un soprido de Calimero no medio dun ataque de asma. Poderíase dicir que San Pedro é o Vale do Capão na súa versión chilena, para que nos vaiamos entendendo.

O luns tiñamos programada a visita a El Tatio, que consiste nunha incursión na Cordilleira dos Andes para chegar a un campo de geisers que se atopa a 4.300 metros sobre o nivel do mar. Para elo había que erguerse nada menos que ás 04:00 da mañá. Dado que estabamos en San Pedro de Atacama, a expresión “non estaban postas nin as rúas” perde bastante graza: catro días botamos en San Pedro e non fun quén de dar coa hora á que erguerse para atopa-las rúas postas.

Un pouco antes das 06:00 da mañá chegamos ó campo de geisers. A verdade é que resulta impresionante atoparte no punto máis alto dos Andes, e que de súpeto o chan comece a botar fume, para que acto seguido saia un chorro de auga de medio metro. Segundo nos contou o guía Pato, éste en estado sobrio, a auga, dentro das rochas volcánicas (hai que lembrar que toda a Cordilleira dos Andes é unha zona de grande actividade xeotérmica), é conducida polas fallas á superficie, onde emerxe a 86ºC, o seu punto de ebullición a esa altura, quecida polo magma volcánico que se atopa preto da superficie.

“Geiser” en plena actividade.

A continuación reemprendimos a marcha para dirixirnos a unhas pozas naturais de augas termais. Aproveitamos ben o momento, pois non se pode dicir tódolos días que un se pegou un baño nunhas augas mornas no máis alto dos Andes, a 4.300 metros de altura e a 0ºC de temperatura ambiental. Iso si, se difícil foi espirse para meterse na auga, saír molladiños dela para alcanza-la toalla e secarse, nin vos conto. Encolléuseme tanto e durante tanto tempo a zona xenital que cheguei a convencerme de posuír vaxina. Houbo unha tempada que mexaba sentado, e ata menstruei psicolóxicamente.

De volta ó hostel observamos varios grupos de vicuñas, un camélido semellante á llama pero de pelaxe máis curta e que vive en estado salvaxe; llamas, un camélido semellante á vicuña pero de palaxe máis longa e que vive en estado doméstico; e pasamos por un campo ateigado duns cáctus enormes, que poden acadar ata os dous metros.

Unha linda vicuña.

E unha linda llama.

E ó chegar ó Backpackers Hostel tocaba organizar mochilas e demáis petates, xa que ó día seguinte había que partir hacia Bolivia. E fariámolo canda Maz, a nosa compañeira de habitación ó longo da nosa estancia en San Pedro de Atacama. Era unha londiñense negra, co pelo tinguido de vermello e de complexión ben atlética, o que lle outorgaba un parecido máis que razoable coa tenista Venus Williams.

¡Bolivia, alá imos!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s