Sucre, Samaipata e Vallegrande. Comezamos a “Ruta do Che”.

Xoves 10 de maio. Coma dixen, o Asshole Team dividíase. O noso “comando”, integrado por Maz, Arthur e no-los dous, partía hacia Sucre ás 19:00 do serán. O autobús facía escala en Potosí, así que canda nós viaxaron @s integrantes do comando que ficaba na cidade das minas de prata: Pedro, Marcus, Dayana, Debbie e François. Deles despedímonos á 01:00 da madrugada, e continuamos coa nosa marcha hacia a capital do departamento de Chuquisaca.

Chegamos contra as 04:00 da mañá. Puxémonos a buscar un por un tódolos hostels que levabamos preparados, e todos estaban completos. O Hostal Torino foi o que nos abriu as súas portas. Puxémonos a durmir, Maz e Arthur nas súas camas propias, Cons e máis eu compartimos unha de matrimonio.

Sucre dende a azotea do hostel.

O venres pola mañá saímos a facer uha volta de recoñecemento por Sucre. Capital constitucional do estado, e sede do poder xudicial, Sucre autoproclámase a Capital Digna de Bolivia, título que ostentou ata a guerra civil contra La Paz en 1.899. De grande peso histórico, en Sucre xurdiu o que se coñece coma o “Primer Grito Libertario de América”, primeiro foco de rebelión contra o Imperio Español en todo o continente americano, o 25 de maio de 1.809, mediante a chamada Revolución de Chuquisaca.

Edificio do Concello, na Praza Principal.

Sorprendeunos moi gratamente Sucre, cidade limpa, segura e bonita, destacando principalmente as prazas 25 de Mayo, onde se ubica o edificio do concello, e Plaza Libertad, que da cobixo ó Teatro Gran Mariscal de Sucre.

Teatro Gran Mariscal.

Vimos pasar unha manifestación liderada por un sindicato que nos resultou un tanto extraño, e que deducimos que se trataba dun sindicato de empresa, e degustamos uns ricos e elaborados xeados nun pequecho local.

Manifa en Sucre. Sinceiramente, moito teñen que aprender de Vigo.

O sábado ó mediodía, nova final do Celta, e nova traxicomedia para poder seguilo pola Radio Galega en internet debido á paupérrima conexión existente en Bolivia. 3-0 ó Alcorcón, resultado máis cómodo do agardado, a pesares de ter un chisco de sorte ó adiantarnos no marcador cando máis e mellor xogaban os madrileños. Segunda praza conquistada (grazas, Manucho), e tomamos a dianteira na enconada loita que nos agarda de aquí ó final co Valladolid polo ascenso directo.

Ó longo do día foron chegando pouco a pouco membros do “Comando Potosí”. A primeira foi Dayana, e a continuación apareceron Pedro e Marcus, cun séquito tras deles que se trouxeron da súa estancia na cidade das minas de prata. Pola noite saíron tod@s a un concerto dun grupo de música tradicional boliviana e posterior copeteo, eu fiquei no hostal co estómago pocho.

“Plazuela de la mujer, madre y heroína”. Homenaxe do goberno boliviano á muller.

Xa o domingo, ás 15:30, tocaba prosegui-la ruta do Che, e o destino era Samaipata. Os integrantes da expedición eramos Arthur, Cons e máis eu, polo camiño quedou Maz. A travesía foi longa e tortuosa, alternando estradas asfaltadas con outras de terra e pedras, ó que hai que sumarlle o baixón considerable que pega a calidade dos autobuses bolivianos con respecto ós que estabamos afeitos no resto de Sudamérica. A imaxe é bastante impactante, coa xente deitada tanto na cabina do conductor coma no medio do corredor do propio bus.

Única parte de Samaipata sen rúas de terra.

Chegamos ás 04:00 da madrugada a Samaipata, que nos recibiu con choiva. O noso hostel, o Andoriña, todo un luxo e a moi bo prezo. Cando nos puxemos en funcionamento o luns polo serán, a nosa intención era coñecer o Fuerte de Samaipata, pero a choiva impedía o tránsito polos enlamados camiños que levan a el. Así que decidimos achegarnos ese día ó zoolóxico e deixar a visita grande para o día seguinte. Partimos no-los tres e máis Helene, unha bretona de 24 anos que coñecimos no hostel e que estaba a desempeñar o seu proxecto de fin de carreira en Bolivia. Un verdadeiro encanto, qué vos vou a contar.

O “zoolóxico”, así entre aspas, é unha vivenda coa que se fixo unha suíza que hai case 20 anos veu a vivir a Bolivia, que era unha grande amante dos animais e que comezou a coleccionalos e a distribuílos ó longo do seu terreo. Cando nós chegamos, o “zoo” estaba a ser mantido por catro voluntarios franceses, que coidaban as instalacións e daban de comer ós animaliños.

Con eles estabamos a falar, aínda non remataran de explicarnos que ó longo do terreo hai animais soltos, e entre eles monos que o máis normal é que se suban á xente, pero que non hai perigo, cando unha cría de mono aullador veu correndo hacia min, subiume polas pernas, enrolóuseme ó pescozo e asentouse na carapucha da miña sudadeira. De alí non sairía durante as case tres horas que andivemos por aquel “pseudo-zoo”.

O monete Alfredo, coa ledicia de ter atopado ó seu papá.

Con “Alfredo” ó pescozo, visitamos as gaiolas de monos menos amigables que non podían andar soltos, unha águia, gatos monteses, porcos bravos, un dos cales non parou de tirarlle os trastos a Helene, e algún que outro paxaro que non viramos nas nosas vidas.

Cando rematamos a visita, pasamos pola cabaña dos voluntarios. Eu, aínda con “Alfredo” ó lombo, xa comezaba a sentirme unha mistura entre Marco e Ross Geller. De súpeto vinme con outro mono enriba, éste adulto, e xogando cun mono-araña, e xa pasei a sentirme un pouco máis coma Tarzán. E para rematala, con tódolos monos enriba púxenme a darlle mimos a un San Bernardo ó mesmo tempo que tentaba comunicarme cun gato montés mentres un porco bravo andaba polo medio, e directamente me sentín coma “O Señor das Bestas”.

O Tarzán do Calvario.

O martes si era día de visita ó Fuerte. Consultamos a un taxista, e éste recomendounos que primeiro pasasemos polas fervenzas de Cuevas, e xa coa estrada un pouco máis seca, achegarnos ó Fuerte. Iso fixemos.

Unha das Fervenzas de Cuevas.

A visita a Cuevas, localidade veciña de Samaipata, é un percorrido por un parque, escadas arriba e escadas abaixo, pasarelas adiante e pasarelas atrás, que te van guiando por diferentes fervenzas e paraxes de interesantes vistas.

Con Arthur e Helene en Cuevas.

Moi bonito todo, a verdade. Nunha hora escasa xa rematáramos o percorrido, e estabamos subindo ó taxi do noso amigo para poñer rumbo ó Fuerte.

O Fuerte de Samaipata é un complexo que data da época prehispánica. Foi utilizado nun principio polos Mojocoyas como centro ritual e ceremonial, dos séculos IX ó XIV.

Monolito central do “Fuerte”.

Os bravos guaraníes utilizárono como lugar de tránsito aló polo 1.400 d.C.

Posteriormente serviu de territorio de contacto e centro administrativo para o pobo Inca, de 1.400 a 1.450.

Xa durante a ocupación española foi un punto de vilxilancia para garantir a ruta de unión entre Asunción e Lima.

Consta dunha enorme rocha monolítica de 220 metros de longo por 60 de ancho, esculpida con multitude de animais e formas xeométricas que simbolizan todo tipo de deidades, cheas de significados máxicos e relixiosos.

Polos seus laterais presenta varias cavidades que no seu día supuxeron o Templo das Sacristías, e nichos na era incaica. E ó seu redor, restos do que foron vivendas, prazas, varias hactáreas de zona administrativa e residencial.

Vistas dende o “Fuerte”.

Hora e media estivemos paseando polo Fuerte, trasladándonos a aquelas épocas, tan lonxanas no tempo pero tan achegadas no desenvolvemento social, superior ó noso en moitos aspectos.

Voltamos ó taxi. O pago da entrada ó Fuerte incluía tamén e visita a unha especie de museo pequerrechiño sobre arqueoloxía prehispánica. A el achegáronse Helene, Arthur e Cons. Eu non podía. Estaban a piques de dar as 15:00 do serán, e tiña que presenciar unha final. A primeira das cinco que lle restan ó Celta de aquí ó remate de tempada: Guadalaxara – Celta. Partido cómodo ante un conxunto alcarreño sorprendentemente frouxo. Bueno, cómodo a pesares de ter que rematalo á mañá seguinte, nun novo xiro esperpéntico no camiño do Celta ó que agardemos sexa a nosa volta á elite.

Mércores. Ás 11:30 despedímonos de Helene ata Santa Cruz, e collimos o bus que nos ía levar a Vallegrande, onde chegamos sobre as 16:00 do serán. Aloxámonos no Hostal Pinto. Baratísimo, cunha habitación para no-los tres con camas do máis confortables, e ducha de auga quente. Perfecto. Tras meterlle algo de combustible ó corpo, dispuxémonos a coñecer o que nos ofrecía o pobo.

Vallegrande.

Básicamente, o turismo en Vallegrande xira en torno á figura do Che Guevara. É aquí onde remata a ruta que leva o seu nome, xa que nesta provincia foi onde o exército boliviano, co apoio e supervisión ianqui, lle deu captura e morte a el e ós seus compañeiros de guerrilla.

Non vos vou aburrir contándovos cómo o Che Guevara e o seu grupo de 17 combatintes se instalaron en Bolivia, aló por 1.966. Cómo emprenderon unha viaxe de exploración pola zona, e cómo ó ser descubertos, os 18 enfrascáronse nunha loita sanguenta e irracional contra todo o exército boliviano. Cómo o 8 de outubro, nunha emboscada na Quebrada del Churo, o Che Guevara e os seus compañeiros son tomados prisioneiros, e cómo son executados ó día seguinte en La Higuera. É algo que, @s que non o coñezades, podedes informarvos sobre elo.

Os tres na Lavandeiría.

Achegámonos á oficina de turismo, ubicada no edificio da Casa da Cultura. Na planta baixa, un mini-museo de arqueoloxía prehispánica. No andar de arriba, outro en homenaxe ó Che. Saímos da Casa da Cultura, e dirixímonos ó Hospital Sr. de Malta. Na lavandeiría deste hospital foi exposto o corpo sen vida do Che Guevara durante dous días, 9 e 10 de outubro de 1.967. Estremecedor.

Sitio exacto no que foi exposto o cadáver do Che.

Xoves. Desbotamos a idea de visitar La Higuera, lugar onde foi executado o Che, por tempo e por cartos. Si visitamos o lugar, a foxa común onde foron soterrados el e mailos seus compañeiros, e que non foi descuberto ata 30 anos despois das súas mortes. Antonio, Aniceto, Arturo, Che, Pancho, Chino, Willy. A unhas ducias de metros, outra foxa, co resto de combatintes. Entre eles Tania, esposa do Che. Non foi agradable.

Foxa na que foron atopados o Che e os seus compañeiros.

Aquí foi atopada Tania.

Ás 14:00 emprendimos a marcha a Santa Cruz, e dimos por finalizada a Ruta do Che. A súa loita, os motivos que o levaron a emprendela, retumban nos nosos peitos e cabezas con máis forza que nunca. É imposible saber con certeza o que sentiu Ernesto Guevara cando fixo aquela viaxe en motocicleta por parte de Sudamérica canda o seu amigo Alberto Granado. Sen embargo, agora podo imaxinalo.

Seamos realistas y hagamos lo imposible”.

Advertisements

2 respostas a “Sucre, Samaipata e Vallegrande. Comezamos a “Ruta do Che”.

  1. Me ha emocionado mucho todo lo relativo al Che. Precioso.
    No paro de pensar en el tremendo viaje que estáis realizando. Es una genialidad. Os va a volar la cabeza, amigos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s