Primeiro cuarto de viaxe: paréntese para reflexionar, parte I

Domingo 20 de maio. Día no que se cumpre un cuarto da nosa viaxe. Ata o de agora, todo o que aquí publiquei, agás excepcións puntuais, foi pura descripción de feitos, escenarios e persoas, mera narración da aventura. Transcorridos 3 dos 12 meses que a integran, penso que chegou o momento de facer unha pequena análise do que levamos vivido, de voltar a vista atrás e, aínda que maree, ordea-las lembranzas que ata hoxe acumulamos sen ningún tipo de control. Vexamos qué podemos facer:

A Cruz do Sur é unha constelación, a máis pequena das que integran a esfera celeste. É tremendamente útil para se orientar, xa que a prolongación do seu eixo principal sinala o sur. Na América anterior á invasión hispánica tiña grande relevancia para civilizacións tan importantes coma o pobo Quechua, que a consideraba a versión tanxible do Deus Viracocha, creador e ordeador do Mundo.

Nós coñecímola cando comezamo-la viaxe, xa que naturalmente só se pode observar estando no Hemisferio Sur. E estou convencido de que dende o primeiro momento que nos vimos, caímoslle en graza. Dende ese preciso instante, cada vez que ollamos cara ó ceo, incluídos aqueles ceos perfectos do Estreito de Magallanes, Tierra del Fuego ou Puerto Chuvica, aí está ela, vixilante, disposta a protexernos e a axudar en todo o que faga falta, a facernos as vidas máis doadas. Xúrovos que unha noite que mirei cara arriba na súa procura, ós poucos segundos de atopala, e de súpeto, chiscoume un ollo, fixo desaparecer un dos seus vértices laterais, nun xesto de inequívoca complicidade.

E é que só así se pode explicar a sorte desmedida que estamos a ter nestes primeiros meses de viaxe. É o único que pode dar sentido ó feito de que todo estea a saír perfecto, a influenza dos astros é a única teoría coa que podo argumentar o ideal do noso comezo. Tódalas expectativas coas que partimos ó comezar a Volta ó Mundo estanse a ver superadas con creces nun inicio de ensoño. A cousa vai tan ben que asusta.

Cando saímos da casa estabamos preparados mentalmente para pasar momentos complicados, a lóxica dicíanos que nunha aventura destas características íanse presentar multitude de situacións duras que debiamos superar para completar o noso soño… Tres meses máis tarde aínda estamos agardando a que chegue esa época de “vacas flacas”. A día de hoxe o que podemos contabilizar no apartado de malos momentos vividos é a derrota de Río Grande… e nada máis. E estou preocupado por se esquecimos aquel adestramento mental, teño medo de confiarnos. Non quero que as circunstancias difíciles, que ben seguro que antes ou despois han chegar, nos collan despistados, nos sorprendan coa garda baixa. Non debería suceder.

Pero prosigamos coa análise: no post que titulei “Motivos” dicía que o principal deles é aprender, coñece-lo mundo que nun futuro queremos loitar por cambiar para convertelo noutro máis xusto. Pois ben, vexamos, a grandes rasgos, qué puidemos chegar a aprender neste primeiro tramo:

Estivemos no Brasil, e aprendimos cómo as políticas do Partido dos Trabalhadores de Lula fixeron del un país puxante, e cómo esa puxanza pode arrastrar a un continente enteiro grazas á continuidade de Dilma Roussef.

Estivemos na Arxentina, e vivimos o 36º aniversario do Golpe Militar, e o 30º da Guerra das Malvinas. Rodeámonos de Abuelas de Plaza de Mayo. E vivimos in situ o “caso YPF”, e comprobamos cómo de grandes pode chegar a ter os xenitais unha muller ó goberno, cando Cristina Kirchner nacionalizaba a petroleira e deixaba á caverna española pataleando e cuspindo sandeces.

Estivemos en Chile, e emborrachámonos de Salvador Allende, hoxe que a súa loita por fuxir do capitalismo se converteu nunha cuestión de agora ou nunca, nun caso de vida ou morte. Pero tamén descubrimos con estupor que non só Allende vive. Aínda que con menos forza, tamén se percibe a abominable presenza de Augusto Pinochet, e o enfrontamento dos seus espíritos se pode apreciar en cada recuncho do país.

E agora andamos por Bolivia, aprendendo por fin, e grazas a Evo Morales, algo dos poboadores orixinais de América, recadando datos sobre as verdadeiras raíces deste continente. Marcamos os pasos da ruta do Che Guevara, e nas nosas cabezas resoan con forzas renovadas consignas de sempre, coma que “a Revolución é o importante, e cada un de nós, so, non vale nada”.

Penso que o ritmo de aprendizaxe non é baixo, non anda mal.

Nestes tres primeiros meses de aventura, efectivamente, absorbimos información coma esponxas. Tamén visitamos lugares espectaculares, desfrutamos de paraxes e paisaxes prodixiosas. Moitas delas deixáronnos sen fala, algunha case sen respiración. Corrímonos moita festa, pasámolo en grande, rimos coma auténticos becerros.

Pero sen lugar a dúbidas, e por riba de tódalas cousas, neste primeiro cuarto de Volta ó Mundo o que fixemos principalmente foi amar. Estamos a sufrir un desgaste emocional importantísimo, pero paga a pena. Alo menos polo momento. Deixámonos a ialma amando por todo punto do Planeta polo que pasamos. Dende o máis fondo do trópico ata acariñar a Antártida, dende o Reino de Xeo ata un deserto na estratosfera. Nas casas onde nos acolleron, en hostels, na cabina dun camión, no seno dunha familia.

Pamela, a nosa primeira anfitriona e primeira persoa que nos fascinou.

E non amamos por amar, porque sexamos así de xenerosos e moito menos porque a biblia ou ningún deus (alo menos no meu caso) digan que hai que amar a todo ser vivo. Amamos porque a xente que atopamos no noso camiño non nos deixa outra opción.

Taty e Richard, da primeira etapa en Recife. Aínda hoxe, raro é o día que non nos chega unha mensaxe dela.

E é que, na contra do que moit@s pensan, que declaran en perigo de extinción ás boas persoas o que non as dá xa por extinguidas, que deron carpetazo ó caso sentenciando á especie humá, o mundo está cheo de boa xente. Asquerosamente ateigado de persoas marabillosas. De tódalas culturas, de tódadas cores, chegadas de calquera punto do Planeta.

Vale. Coñecímola en Río, e reatopámonos con ela na súa cidade, Mar del Plata.

Unha por unha, pinga a pinga, cada indivíduo que se cruza no noso camiño gaña o noso corazón de inmediato. Eu xa non sei cómo facer para describir tanta bondade no blogue sen perder credibilidade ou sen parecer imbécil. Quedo sen palabras, sen calificativos, non dou feito.

Raqueliña e Richi, os nosos galegos de Floripa.

E ésa, querid@s amig@s, ésa é a nosa principal aprendizaxe. É o que máis claro nos está quedando, é o que mellor podemos contrastar e constatar con meirande veracidade. E, claramente, é o que máis nos ilusiona, o que nos dá máis forzas para continuar, o que máis nos enche de esperanzas de cara ó futuro.

Gonzalo. El e maila súa moza Ely conquistáronnos en El Calafate.

Porque se ésta é a xente que habita o Mundo, todo é posible. Con esta calidade de persoas polo Planeta adiante pódense facer cousas moi importantes, moi grandes, cousas impensables para @s incrédul@s, para @s pesimistas, para aquel@s que sentenciaron á raza humá, e o máis importante: para @s que nos fixeron dubidar dela.

Samu, o noso anfitrión vigués en Buenos Aires.

Ese pequeno atallo, ese número insignificante de depravad@s que gobernan o mundo a base de corrupción, sementando miseria, desigualdade, violencia e odio ó seu antollo, e que pensan que o seguirán facendo polo resto da eternidade. Non saben o trabucadísimos que están.

Cata, a irmá da familia que deixamos en Valdivia.

Porque a boa xente non está extinguida, nin en perigo de extinción. A xente allea ó actual funcionamento do planeta, a que non está conforme e si está disposta a cambialo, non son uns pouc@s. Son moit@s. Unha barbaridade. Coma nunca me cansarei de repetir, SOMOS A MAIORÍA.

Que a Cruz do Sur nos siga acompañando.

Asshole Team, no Salar de Uyuni.

Advertisements

6 respostas a “Primeiro cuarto de viaxe: paréntese para reflexionar, parte I

  1. Es admirable verlos cumplir su sueño y que siempre se acuerden de cada persona que va formando parte de el! Gracias! y sigan asi simpre! Un beso grande desde Mar del Plata, Argentina hacia donde esten! Los quieroo =)

  2. Xa facía tempo que non daba unha ollada á vosa aventura.
    ¡Impresionante! ¡Mozos! ¡Impresionante! Porque somos maioría…

    Saude e sorte, pequenos besbellos!!!

    • Si señor, Ru! Así me gusta, que retomes o seguimento, que o outro día estiven vendo estatísticas e estamos a perder lectores a marchas forzadas, e non pode ser, jajaja!
      Apertas amigo, e moitas grazas!

  3. 🙂 teño moitas ganas de veros. Pero agora xa me dou conta de que se puidera, non vos facía volver, senón que iría convosco, a coñecer esas persoas das que falades. Creo que preciso dunha cura, dunha recuperación de fe na bondade humana! Quérovos

    • Sip, eu nunca perdera a esperanza, pero é certo que vivilo de primeira man resulta cando menos impactante. E teño gañas de analizalo polo miúdo en persoa contigo, María! Apertas!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s