Medio ano de Volta ó Mundo. Paréntese para reflexionar, parte II.

Luns 20 de agosto. Hoxe exactamente cúmprense seis meses desque comezamos a viaxe. Xusto hoxe chegamos ó ecuador da nosa aventura, a estas horas hai medio ano que partíamos da Terriña mortos de medo, consumidos polos nervios e enchidiños de inquedanzas. Moito cambiaron as cousas dende entón.

É por iso polo que, o mesmo que cando cumprimos o primeiro cuarto de viaxe, vou facer un alto na narración para deternos a analizar cómo vai a aventura, qué cousas cambiaron, qué continúa igual ou con qué novidades contamos, se é que contamos con algunha. Poi ben, comecemos:

Din que o tempo o pode todo. Que sana as feridas máis fondas, perdoa os actos máis atroces; e que marchita os sentimentos máis puros, enfría as paixóns máis descontroladas. O seu paso é inexorable, din. A nosa, sen dúbida, é unha aventura especial. Alo menos ós nosos ollos. Aínda así, incluso támen ós nosos ollos, nin sequera unha experiencia tan particular pode escapar ás vontades inapelables do tempo. Ata algo tan extraordinario como é o cumprir o soño da túa vida vese afectado polo implacable do seu transcorrer.

Inevitablemente, as nosas sensacións non son as mesmas do comezo. Seguimos poñendo un empeño moi forte en tratar de valorar cada momento, de ser conscientes permanentemente do que estamos a vivir. Aínda así, de xeito inconsciente, afixémonos a esa sensación de aprender algo novo cada día, o que tanto nos chamaba a atención ó principio. Fixemos rutina da variedade, convertimos en costume a diversidade.

A convivencia extrema desgasta, e moito. Xurden os problemas económicos, centrados e agudizados na miña persoa. As lembranzas mistúranse, as caras confúndense, algunhas difumínanse. A típica sensación de espertar tras unha soneca completamente desubicado, a estas alturas da viaxe magnifícase ata ter que reflexionar case medio minuto para centrarte no tempo e sobre todo no espazo. “¿Ónde estou? ¿Na Arxentina? ¿En Colombia?”

Había, pois, que buscar vías de escape, e éstas chegaron da man d@s diferentes compañeir@s de viaxe que fumos atopando polo camiño. De tódalas nacionalidades, idades e caracteres, foron eles/as quen nos aportaron ese punto de desconexión preciso para non acabar por asasinarnos entre nós.

Adentrámonos en Bolivia canda dez assholes, percorrimos a mesma xunto a Arthur, con quén elaboramos o noso segundo equipo para acceder a Perú, o Europe Team. Tirando máis para casa botamos tres semanas canalleando por Lima da man de César, e cruzamos os Estados Unidos de costa a costa na compaña de Richi.

Compañeir@s de viaxe uns, amigos de toda a vida outros, incluso algunha amizade que se vaia perpetuar no tempo. É o caso do inesquecible mes e medio que compartimos con Arthur, ese alelmán que comezou aportándonos orde, control; pero que tras “calvarizalo” e afacelo a deixar todo nas mans da improvisación, pasou a aportarnos risas, paz, confianza, calor.

O noso querido Arthur.

Ó longo da nosa travesía conxunta compartimos diferentes estancias canda algunhas mozas que tamén contamos con voltar ver nun futuro, unha vez rematada a nosa aventura. Cómo esquecer á estraña parella que conforman Natie e Judith, coas súas compras compulsivas e ese ritual que tiñan de compartir sempre os seus postres; ou a enerxía irreprimible da nosa baby dinamarquesa, Ida.

Ascendendo por Cusco canda Natie e Judith.

Maz, a “Serena Williams” londiñense;  Dayana, o terronciño de azucre colombo-americano;  Helene, a bretona namorada de Bolivia; Natalia, a tolemia con pasaporte cordobés; Regi, a mochileira orgullosa… Todas elas nos aportaron, en todas nos apoiamos en diferentes e numerosos momentos da viaxe, en diversos puntos da xeografía americana. Xunto cos xa nomeados axudáronnos a manter acesa a chama da nosa viaxe, a conservar a ilusión, a que permanecesen intactas a nosas ansias de seguir devorando quilómetros, de continuar coa nosa aprendizaxe sen fin.

Porque nese aspecto nada cambiou. Seguimos adquirindo coñecementos impagables, seguimos extraíndo feixes de informacións de todo aquel punto do planeta onde nos establecemos. Cada país apréndenos algo, cada cultura apórtanos a súa filosofía da vida.

En Bolivia reafirmámonos nunha das premisas principais do noso ideario: non son as posesións materiais as que brindan a felicidade. Un país tan pobre coma o Estado Plurinacional, con tan pouco que ofrecer en canto a economía, fíxonos enormemente felices, dun xeito enigmático, case que subliminal. Coa maxia da súa cultura ancestral, coa particularidade das súas xentes, co diferencial da súa identidade.

O Perú gañounos, ademáis de polo estómago, pola súa historia, grazas á cal aprendimos moitísimo sobre a cultura inca. No Perú adentrámonos na Amazonia, onde vivimos experiencias que seguramente non repetiremos xamáis. E seguimos os primeiros pasos do proceso de apertura ó mundo por parte dun país excepcional, que ten todo por ofrecer. E cando digo todo quero dicir todo. Absolutamente.

Colombia aprendeunos cómo un país debe esquecer as súas loitas internas para amosarse ó mundo como unha nación nova, reinventada, reivindicando as súas cualidades. Orgullosa do que é e do que foi, ollando cara adiante sempre e sen esquecerse do seu pasado xamáis. Colombia é un país de futuro, que só precisa dun goberno que aposte por ela e polas súas xentes dun xeito definitivo. Fantástica lección a que nos brindou Colombia.

E agora andamos apurando a nosa recta final nos Estados Unidos de Norteamérica. Para continuar coa nosa aprendizaxe, para pegar un considerable salto cualitativo nela, adentrámonos na Meca do sistema capitalista. Colámonos na casa do inimigo, infiltrámonos nas súas entrañas, coñecimos e manipulamos os seus mecanismos para aprender os segredos do seu diabólico funcionamento. O balanzo foi notablemente satisfactorio.

As cousas cambiaron na nosa aventura, si que o fixeron. Pero seguramente o fixeran cara unha especie de adaptación, pode que sexa a nosa propia evolución detro da nosa Volta ó Mundo. Xa non somos aqueles tipos inseguros, invadidos pola desconfianza, que un 20 de febreiro deambulaban polas rúas de Recife na procura do fogar dunha tal Pamela.

Hoxe camiñamos con paso firme, sen medo a quén nos poida abrir a porta ou a quén se interpoña no noso camiño hacia ela. Porque iso foi o que nos aprendeu o mundo, esa foi a principal lección que nos impartiu a xente, foi ela a que nos empurrou a movernos polo mundo con total confianza en nós mesmos, pero sobre todo neles, nos nosos mentores.

Xa chegamos á metade da nosa viaxe. E a casualidade quixo que isto coincidise co momento no que hemos estar máis lonxe da nosa casa do que estaremos xamáis. Unha vez en Nova Zelandia, calquera movemento que realicemos non fará outra cousa senón achegarnos a vós, nosas xentiñas. O mesmo que calquera movemento que fagan as agullas do reloxo.

No ecuador da nosa aventura chegamos onde xa non hai máis camiño, e agora toca retornar. Pero non o faremos por onde viñemos. Farémolo polo camiño oposto. Para seguir aprendendo, para seguir coñecendo. Para seguir desgastándonos, para ter máis problemas económicos, para seguir misturando lembranzas. Para seguir atopando compañeir@s de viaxe, amigos de toda a vida e amizades que se perpetúen no tempo. Para seguir evolucionando.

Porque o paso do tempo xoga á nosa prol.

Advertisements

4 respostas a “Medio ano de Volta ó Mundo. Paréntese para reflexionar, parte II.

  1. Fantastic and emotive description of your experience. Kisses.

  2. María Pérez Vázquez

    Eres un fenómeno escribiendo!!!!Es más,te contrato para que.escribas mi biografíaaaaaaaa!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s