Nova Zelandia. Encontro nas antípodas dos Phileas Fogg do Calvario, e irmandade galego – catalá.

Xoves 30 de agosto. Aterramos en Auckland, Nova Zelandia, contra a noitiña, despois de facer escala en Sydney. Os problemas comezaron dende o minuto 1. A aerolínea perdéralle a mochila a Cons, e houbo que face-la denuncia correspondente para que, sen aportarnos demasiada seguridade, nos comentaran que enviarían a mochila á mañá seguinte ó enderezo que les dimos, o correspondente ó hostel no que nos iamos aloxar.

Unha vez feito o trámite, saímos ás rúas de Nova Zelandia. E o país oceánico non quixo agardar nin a que saísemos do aeroporto para deixarnos claro a qué clase de economía no enfrontabamos, cál é o nivel de vida que se gastan os “kiwis”. Incriblemente a liña pública de autobuses non comunica a cidade co aeroporto, e para chegar á civilización, dado que ésta está afastadísima do aeroporto, hai que coller o bus dunha empresa que se adica únicamente a ofrecer este servizo, e que custa a frioleira de $16. Hai que dicir que o dólar neocelandés está a 1.5 con respecto ó euro, aproximadamente. Aínda así, como dicía, toda unha declaración de intencións por parte de Auckland.

Auckland, Nova Zelandia.

Xa no Airbus, que así se chama a empresa cometedora do delito, sorprendeunos a cantidade de letreiros e paneis que estaban escritos en linguas e con caracteres asiáticos en xeral, e xaponeses en particular. “Estaremos no barrio xaponés”, pensei eu. Co paso dos minutos xa pasei a pensar “¡pois si que é grande o barrio xaponés!”. Máis adiante habíame decatar de que toda Auckland é un barrio xaponés en si mesma.

Efectivamente, tivemos que aloxarnos nun hostel unha vez máis. As máis de cento trinta billóns de solicitudes que enviara vía CouchSurfing para que alguén nos acollese no seu fogar non surtiran efecto, e por uns motivos ou por outros todas foran rexeitadas. Aínda así, nunca tan mal foi a cousa. Tendo en conta que nos atopabamos no país máis caro que pisaramos nas nosas vidas, cun dos niveis de vida máis elevados do planeta, a noite de hostel no FrieNZ saíanos por 19 dólares neocelandeses, menos da metade do que nos custaran polo xeral nos Estados Unidos, sen ir máis lonxe.

Instalámonos e puxémonos a procurar un sitio barato onde cear ou algo barato no supermercado para cociñar. Coitados. Iso non existe en Nova Zelandia. Comimos unha hamburguesa no Burguer King e fumos a deitarnos. Tremíanme as perniñas. Así era completamente imposible que me alcanzase o meu modestísimo orzamento.

 O venres á tardiña, tras xantar uns fideos deshidratados, saímos a coñecer Auckland. Achegámonos ó Mount Eden, para coroar a principal atracción turística da cidade máis populosa de Nova Zelandia. O monte Edén é un parque no que se ubica un enorme cono volcánico, hoxe durmido e cuberto dun intenso verde, e dende onde se poden desfrutar unhas magníficas vistas da cidade e da súa bahía.

Cráter do volcán situado no Mount Eden.

Unha vez no alto do volcán, a estampa que ofrece Auckland é espectacular. As augas da súa bahía rodéana case por completo, uníndose a cidade ó continente tan só por un estreito istmo. Unha sucesión de illas salpica o horizonte mentres no chan da parte continental altérnanse contínuas vivendas con zonas verdes, zonas verdes por tódolos recunchos. Ata nas partes máis urbanizadas.

Vistas de Auckland dende o Mt. Eden.

Sentamos a observa-las vistas un anaco ben longo, case sen mediar palabra. Ós dous nos invadira a mesma sensación, unha das sensacións máis estrañas que tiven xamáis. Ollar detidamente aquela preciosa paisaxe, dende aquel monte de verde tan puro, polo que vai descendendo a cidade, ata topar coa mar, que a envolve case que por completo, mentres suxeita aquelas illas no horizonte… Todo era moi familiar.

¿Auckland ou Vigo?

Non puiden evitar sentirme no Castro, sentado nas Áncoras, observando a ría coas Cíes de fondo. Sentinme en Vigo estando o máis lonxe dela do que estarei xamáis, máis que nada porque non se pode. Escoitei a súa chamada xusto cando alcanzamos a metade da Volta ó Mundo, cando a conta atrás xa se realiza en positivo, cando o que falta para voltar a pisala xa é menos do que nos levamos alonxando dela. Desconcertante. Reconfortante.

Ó día seguinte, sábado, produciuse o primeiro dos dous encontros prodixiosos que tiveron lugar en Auckland. Mentres estabamos facendo a cea cos únicos produtos cos que podiamos aspirar a facernos no supermercado -pasta e un bote de tomate infumable-, escoitamos de fondo unhas palabras en castelán. Estas proviñan dunha moza catalá chamada Norma, e ésta á súa vez levounos a unha mesa onde estaba a cear, entre outr@s, Meritxell.

Tratábase dunha barcelonesa que no ano 2.010, canda o seu mozo Ramón, fixeran unha volta ó mundo de seis meses grazas a un concurso que gañaran de Shandy Cruzcampo. E nese concurso impuxéranse a Adri e a Gosi, os nosos amigazos de Vigo que tamén fixeron a súa volta ó mundo, éstes entre 2.011 e 2.012. Cando atopamos o nexo de unión quedamos os tres parvos, interpretamos o sinal e fumos a mercar dúas botellas de viño.

Meritxell, a noite que a coñecimos.

Fumos a bebelas á azotea do hostel, e ó longo da velada fóronse unindo a no-los catro (os dous vigueses e as dúas catalás), personaxes de diversa índole. Carlos, un chileno que atopamos bebendo pisco en solitario polo FrieNZ adiante; Mohamed, un emiratí que se trasladara a Australia e que tiña un don espectacular para os idiomas; e outro Mohamed, éste eritreo, amante do fútbol e que manexaba uns coñecementos sobre o Celta que me chegaron a emocionar.

A noite e o bo ambiente entre os compoñentes da tropa acendeunos e saímos a dar unha volta. Pero cando chegamos á entrada dun antro no que pedían $10 por entrar, fixen estoupar unha bomba de fume e desaparecín sen deixar rastro. Si, para aforrar, pero tamén é certo que estaban a piques de dar as 02:00 da madrugada, as 16:00 na Galiza, e a 3ª xornada de Liga citaba en Balaídos a Celta e a Osasuna.

En Nova Zelandia non é de balde nin o Wi-Fi, así que tiven que conformarme con seguir de moi mala maneira o partido polos ordenadores do hostel, cunha conexión bastante deplorable. Non importou. Primeira vitoria do Celtiña trala súa volta á máxima categoría, nun partido máis que convincente no que se fixeron méritos máis que de abondo para merece-la triunfo, cun Bermejo estelar e o primeiro gol de Aspas en Primeira. Funme deitar enchidiño de felicidade.

Para o domingo non había dúbidas sobre o plan a desempeñar. O encontro con Meritxell da noite anterior deixara unha sensación inmellorable e moitos cabos por atar, e agora era tempo para coñecer a Ramón, o seu mozo. E as boas vibracións non se mantiveron. Incrementáronse elevándose á enésima potencia.

Con Ramón e Meritxell, unha conexión brutal.

Ela, Meritxell, era un fedelliño, unha fuxefuxe, pura alegría, sempre activa. Inqueda, espléndida, fartureira. Tiña un don especial para poñerse sempre no lugar da persoa coa que falaba, de ver a realidade cos ollos do outro, o que a levaba a comprender á xente de xeito inmediato e actuar en consecuencia sen cuestionar nada xamáis. Un auténtico anxo non exento de picardía, pois gozaba dunha notable capacidade de vacile e dun envexable sentido do humor.

El, Ramón, era a típica persoa á que o corazón non lle cabe no peito e non é quén de ocultalo de xeito algún. Posuía, coma a súa moza, unha enorme facilidade para escoitar, para entender, para compartir. A comunicación con el é dun sinxelo extraordinario, todo flúe, todo é cómodo. Estar con el era un enriquecemento constante. Só desprendía gratitude, non emitía máis ca amabilidade.

Con Meri e Ramonet en Hunua Park.

Comezamos o día á tardiña, paseando polo porto e facéndolles un vídeo ós nosos amigos de MolaViajar, Adri e Gosi. Rematámolo ben de madrugada de novo na compaña do viño na azotea do hostel. Facendo gala dun irmanamento inmediato e fortísimo, mediante un intercambio de culturas xenial. Gastronomías, culturas populares, historia. Crenzas, soños, metas, retos. Política, moita política. Nacionalismo. As mentes abertas en todo momento, no horizonte sempre un planeta máis xusto, un mundo mellor.

A conexión fora instantánea e dunha solideza inquebrantable. O paso dos días aínda a fortalecería máis.

De cara ó luns, Cons tiña planeado cumprir un micro-soño dentro do grande soño que supón facer a Volta ó Mundo. Estaba en Nova Zelandia, e na Illa Norte, onde nós nos atopabamos, rodouse parte da saga de “El Señor De Los Anillos”. O decorado pertencente a Hobbiton constitúe uha atracción turística bastante importante, e Cons contratou un tour para visitala. Eu quedei de novo con Meri e Ramón, posto que o tour barato non é precisamente, e a min a saga de “El Señor De Los Anillos” tenme moitísimo sen coidado.

E precisamente por iso, porque non teño nin idea do que supón estar en Hobbiton, polo que vos vou trasladar, literalmente, as palabras de Cons sobre o que alí experimentou, mentres cumpría o seu pequeno soño freak:

“… e véndome no espello de aquel carro decateime de que xa non era un neno, xa non era un cativo, as enrugas dos meus ollos delataban a miña vindeira trintena.

Mais alí volvín a sentirme un neno, o mesmo que con once anos lera ‘O Hobbit’. ¡Estaba en Hobbiton! Se cadra non son o mesmo, ou iso din estas enrugas… ou se cadra si.

Eu aínda non deixei a fantasía a un lado, sigo soñando, sigo imaxinando. Porque imaxinar é a única forma de crear, de avanzar, de ter esperanza.

Non pode haber un avance na intelixencia dos homes se non teñen fantasía, se non imaxinan, se non inxenian novas solucións para os problemas. Nada existe máis necesario no pensamento científico que imaxinar para crear.

E alí, sendo un home que non deixara de imaxinar, de soñar e ter fantasía coma un neno, alí en Hobbiton, no medio da Terra Media, alí atopei, como diría o Adri, a miña Bola Máxica.”

O martes saímos pola mañá cedo os catro para visitar o Parque Rexional Hunua. Ésta é unha paraxe natural bastante linda, onde se combinan fervenzas e lagoas, todo sempre dentro do marco neocelandés, un marco onde predomina poderosamente o verde en todo momento.

Falando de marcos, aí tendes un para observar unha fervenza en Hunua.

E é que Nova Zelandia, ou alo menos Auckland, é unha terra case perfecta. Avanzadísima socialmente como corresponde a un país con semellante nivel de vida, as súas xentes son educadas e están profundamente concienciadas a nivel ecolóxico e de convivencia. Todo está limpísimo, a policía non existe nas rúas, todo o mundo sorrí, ata os animais semellan estar felices e contentos…

Nova Zelandia constitúe o clásico país da piruleta, un mundo noxentamente idílico que provoca que che entren unhas gañas irreprimibles de profanar a súa sacra perfección. De comezar a cambadelas pola rúa e escachar da persoa en cuestión cando estea no chan, de cuspirlles na cara cando che dan os bos días con ese sorriso de orella a orella, de ciscar o lixo no chan, colarte na fileira do supermercado e cruzar a estrada en vermello para aportar un mínimo de caos ó seu puto tráfico perfecto. Por asquerosos.

Lagoa en Hunua Park.

Xa voltando de Hunua Park detivémonos nunha Marae, unha especie de templo onde os maoríes se reúnen para realizar as súas oracións e para facer vida social en xeral. Este edificio está aberto a tódalas razas e capas da sociedade, non é restrictivo en absoluto nin exclusivo dos maoríes.

Meri no interior da “marae” con Ramón, quén sabe se tentando facer a mítica “haka”.

Foi antes de despedirnos cando Meri e Ramón nos soltaron a bomba. Sabían do moito que nos complicaba a viaxe o ter que pagar a estancia no hostel, e cando menos o agardabamos comentáronnos, coma quén non quere a cousa, que os seus compañeiros de piso marchaban varios días, e que nos acollían a nós nel. Con toda naturalidade, sen cuestionar nada nin a ninguén. Con toda xenerosidade. Xa eran parte da nosa aventura, e viñan de converterse en salvadores da mesma.

A nosa parelliña de cataláns na súa casa, e a nosa ata a nosa partida de Auckland.

Foron días, de aí ata a nosa marcha de Auckland, e coma sucedera en Valdivia, de vida en familia. Teríanos encantado coñecer máis de Nova Zelandia, a min persoalmente doeume moito ter que marchar sen ter coñecido de preto nada con respecto á miña admirada cultura maorí, pero non é Nova Zelandia un país pensado para mochileiros. E menos para mochileiros con orzamentos ridículos coma min.

Así que nos adicamos a pasalo ben entre nós, e a verdade é que co nivel de entendemento do que gozabamos entre nós, non foi difícil precisamente. Un paseíño por Albert Park, un precioso parque que tiñamos ó carón da casa, uns vídeos made in Meritxell, uns monólogos…

Albert Park.

Ata que chegou o día do segundo encontro prodixioso. E éste levabámolo a agardar máis de dous anos. O mércores 5 de xullo, pasadas as 19:00 do serán, fixo acto de presenza na cidade de Auckland Álex, o noso irmán calvariense que leva dende 2.010 de Vólta ó Mundo, e ó que aínda lle queda alo menos outro tanto.

Mestre e mentor, apareceu canda Cons, que lle saíra ó encontro, pola porta traseira do piso de Meri e Ramón. Co cabelo máis longo que nunca, coas barbas máis longas que nunca. Coa mochila máis repleta que nunca de novas aventuras apaixoantes, de novas aprendizaxes impagables, de novos coñecementos dos que non se aprenden na univarsidade nin nas rúas da túa propia cidade. Novos coñecementos que só se adquiren lanzándose a coñecer os mundos máis lonxanos, as culturas máis estrañas, os currunchos máis recónditos.

Mais nin tan sequera se adquiren lanzándose coma nos lanzamos Cons e máis eu, cun colchón de cartos que, por xusto que sexa, sempre che permite dar un paso máis, e, no peor dos casos, poder voltar a casa. Son coñecementos que só se adquiren lanzándose, coma el fixo, con catro pesos no peto e un letreiro na man coa primeira cidade onde queres chegar.

Aí o tendes, ó gran Alexandre Barcia, toda unha lenda no Calvario.

Todo un espello onde verse reflectido, un exemplo de coraxe e determinación para calquera ser humán e en particular para todo aquel que, en maior ou menor medida se considere viaxeiro. Na súa ollada albíscanse as vivencias máis fascinantes que ningún de nós poidamos imaxinar. E con elas agasallounos durante horas e horas a no-los catro, que escoitabamos atónitos mentres o tempo pasaba para todos agás para nós, ata que o ceo comezou a clarexar e o sol asomou anunciando a alborada.

Álex impartindo leccións.

E foi así cómo se uniu á familia o derradeiro membro. Porque si, porque Meri e Ramón, na súa enésima demostración de total altruísmo, tamén acolleron a Álex na súa casa. E a vida en familia mellorou aínda máis, fíxose máis amena, máis rica. Cociñamos tod@s xunt@s, eu incluído, que cheguei a facer a miña primeira tortilla, cantamos xunt@s nun karaoke doméstico, xogamos xunt@s a todo tipo de xogos, e falamos de todo unha vez máis, e outra, e outra.

Meritxell continuou cos seus vídeos-montaxe, e elaborou un sobre a nosa Volta ó Mundo, con entrevista incluída para o seu blogue SinÑ, que cada vez que o reproduzo pónseme a pel de galiña.

Meri e Ramón rascando Nova Zelandia no “Rascamap” que me regalou Mary en Vigo.

E así foi tocando á súa fin a nosa estancia en Nova Zelandia. Nas antípodas da nosa Terra, nun país que nun principio partía coma un dos destinos estrela, unha das paradas máis atractivas, apenas coñecimos nada. Mais, aínda así, marchamos plenamente satisfeitos.

Os reporteiros de SinÑ entrevistados co seu propio micro.

O baleiro que nos provocou o non poder movernos da casa enchérono con creces Meri e Ramón. Grazas a eles continuou a imparable conta de xente magnífica que imos coñecendo no noso camiño e c@s que nos enriquecemos constantemente, só que éstes dous igual se pasan de magníficos.

E xa non falemos do encontro con Álex. Tras máis de dous anos tratando de cadrar o encontro das nosas Voltas ó Mundo, o destino quixo que éste se producise nas antípodas do Calvario, de Vigo. Da nosa Galiza. Tres calvarienses que decidiron percorrer o planeta atopáronse no punto máis alonxado da súa Terra que se pode pisar en todo o globo. O titular impresiona.

A familia ó completo.

Pois tanto de un coma dos outros tivemos que despedirnos o sábado 8 de setembro. Levamos tal cantidade de despedidas sentidas nesta viaxe que sería incapaz de dicir cál foi a que máis nos lastrou. Mais ésta, sen dúbida, foi especial. Moi especial.

Despedímonos da nosa parelliña SinÑ. Dos nosos cataláns. Dos salvadores da miña viaxe. A nosa conexión foi brutal, e grandes encontros futuros nos agardan para desempeñar proxectos fantásticos que xa están no horizonte. Grazas por todo, rapaces.

E despedímonos de Álex. Do noso mestre e mentor. Do noso conselleiro. Do espello onde vernos reflectidos. O mundo voltará a cruza-los nosos camiños, meu amigo. Ata entón, que todo che vaia coma ata agora. O mundo acho agradecer. Ultreia Acolá.

Advertisements

12 respostas a “Nova Zelandia. Encontro nas antípodas dos Phileas Fogg do Calvario, e irmandade galego – catalá.

  1. ¡Pero qué bonito! Casi me sale la lagrimilla. Fueron unos días geniales 🙂
    Por cierto, ¿qué es una fuxefuxe?

  2. Grandioso este post, BUFFFF me he emocionado y todo ;), SIn conocer a Mery y Ramon, tenemos una muy buen rollito con ellos y después de leer todo lo que ponéis de ellos aun tenemos mas ganas de conocerlos, Menudos fenómenos los dos, aunque yo sigo enfadado con ella por ganar lo de shandy ;). Una pena que no pudierais conocer mas de nueva Zelanda pero es que los precios no ayudan y Australia aun es peor, así que prepararos. A nosotros nos fui imposible también conseguir couchsurfing, que pena que no estuviera allí sineñe, para disfrutar con ellos como lo habéis hecho vosotros. Bueno entonces a vuestra vuelta tendremos que hacer un encuentro DENDEOMUNDOPARAGALIZA-SINEÑE-MOLAVIJAR en Vigo no? puede ser brutal 😉 Un abrazo y Adri tienes que colgar el video de la entrevista en este post. Besazos Gosi y Adri y a seguir así que mola mucho viajar 😉

    • Siiii, coma ben di Meri, foron uns dias xeniais os 5 xuntos. Cando os conhezas vas namorar deles coma nos pasou a nos, e si, definitivamente, esa quedada DENDEOMUNDOPARAGALIZA-SINENHE-MOLAVIAJAR… Pode ser brutal!
      Un bico enorme para ti, Adri, e outro para Gosi! Queremosvos!

  3. NO ME LO PUEDO CREER!!!!TÚ COCINANDOOOOOO!!!FUE LO QUE MÁS ME IMPACTÓ DE LO QUE LEÍ!!!

    • Jajajajaj! Pois si, Mary, unha tortillaca fantastica que me mandei. Pero e que dias antes fixera macarrons con ovos cocidos, e aqui en Australia mandeime unha pota de verduras cocidas que podes flipar!
      Xa vos deleitarei con algunha especialidade cando volte, xa…

  4. Que grande chicos!! Gracias, Fueron unos días geniales, como familia o amigos de toda la vida! Hasta pronto “Hijiños míos”, para la próxima Likorka de verdad!! : )))

    • Jajajajaja! Likorka? Pero tú ya estás integrado en la cultura gallega más que los mejillones!
      Claro que sí, Papáaarrr! Te espera un tour decadente por Vigo, amigo mío!

  5. Coma sempre, fantásticos e emotivos comentarios Adri. Xa lin o blog o pasado sábado en Tenerife, pero non tiven tempo a dexair o meu comentario porque acabáronse os euros que pagara para Internet. Xa desde casa un bico moi forte para ti e mais Pablo.

  6. Non me reconhezo neses verbas, pero gracinhas de carazon, facia moito que non ria tanto e o pasaba tan bem. Non miro hora de que cheghe a seguinte. Unha apertisima amigos!

    • Pois vaite recohecedo, porque e o que hai! Eu amen o pasei xenial, companheiro, podes estar seguro.
      E a seguinte sera cando ti queiras, como non pode ser doutro xeito!
      Unha aperta xigante, meu amigo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s