Sydney, a vida “hippie” que nos salvou.

Sábado 8 de setembro. O noso voo procedente de Auckland aterrou en Sydney contra as 08:30 da mañá. Grazas a Meri e a Ramón puidera superar a estancia en Nova Zelandia co orzamento irrisorio que destinara para ela, e tralo encontro con Álex nas antípodas levaba unha folla de ruta, unha importante listaxe de instruccións coas que tamén debería sortear o escollo australiano dentro dos límites marcados.

Non ía ser tarefa doada. Se en Nova Zelandia o nivel de vida é escandalosamente caro, en Australia os prezos son os mesmos, mais coa sutil diferenza de que o dólar australiano prácticamente equivale ó euro, mentres que o neocelandés roldaba os 1’5 dólares por cada unidade da moeda europea. Case nada.

As primeiras instruccións que Álex nos indicara para facernos a vida máis barata en Sydney eran, primeiro, dirixirnos a unha casa no barrio de Malabar onde el estivera aloxado, e segundo, unha vez alí, poñernos en contacto coa súa moza. E iso foi exactamente o que fixemos.

Ó chegar á casa de Malabar chamamos a Carven, que é así cómo se chama a moza australiana do noso amigo, e ésta, entre risas e nun case que perfecto castelán, laiouse de non poder verse connosco ata o serán, e convidounos a que entrasemos na casa e nos presentasemos nós soíños. Así que procedimos. Entramos pola porta e comezamos a presentarnos a tód@l@s que alí habitaban. E @s que alí habitaban eran doce, nada menos.

A casa de Malabar.

Unha comuna hippie no sentido máis estricto e con tódalas da lei. Con tódalas da lei polo de comuna, xa que penso que o número de compoñentes alcanza para entrar dentro da definición, e con tódalas da lei polo de hippie, xa que era ésta a tendencia ideolóxica e social á que pertencían @s nos@s nov@s compañeir@s de piso. Ou máis ben compañeir@s de casa, xa que a de Malabar era unha vivenda de dúas alturas, a escasos metros da praia á que dá nome o barrio.

As presentacións transcorreron entre sorrisos, aloumiños e apertas do máis sentidas, así pechando os ollos, como marcan os tópicos que recaen sobre esta tribu urbá. Mais neste caso non só o tópico dos saúdos agarimosos se cumpría a raxatáboa. Entre presentación e presentación achegóuseme unha moza á que xa de lonxe, e coa miña vista nefasta, lle detectara algo máis de sombra na cara do habitual. E cando a tiven preto puiden comprobar con estupor cómo a moza en cuestión lucía un bigote dun espesor espeluznante. Xúrovos que non esaxero cando digo que era pouco menos poboado que o meu, ata tal punto que facía dubidar, tanto da súa feminidade por motivos evidentes, xa que o único máis masculino que o bigote que hai no corpo humán é o propio pene, como da miña mesma masculinidade. Quince anos cultivando con esmero o meu señor mostacho para chegar a Australia e que ás dúas horas se me prante diante unha tipa cun igual de tupido que o meu. Pero é que a señorita achegábaseme para abrazarme, polo cal o facía cos brazos erguidos, e non queirades ver as guedellas que agochaban aquelas axilas. A piques estiven de espetarlle algo así como “estás en Australia, ¿non, corazón? Pois que te abrace un koala”.

Non me xulguedes, fago estes comentarios só para rir. Únicamente a modo de carallada, a min tanto me dá o que queira face-la xente coa súa apariencia. Ademáis, non son eu o máis indicado para meterme co belo corporal dos demáis.

A panda de amig@s de Carven.

Pois nesa casa estivemos a facer tempo ata que un chisquiño pasadas as 17:00 do serán fixo acto de presenza Carven. Tratábase dunha rapaza miuduña, de longo cabelo mouro e marcados rasgos asiáticos, xa que os seus pais eran chineses. Ela era nada en Sydney. A impresión xovial e alfúfara que me amosara por teléfono tivo continuidade en persoa. Falábanos coma se nos coñecese de toda a vida, entre contínua risas e bromas, o que nos facilitou enormemente o noso acoplamento tanto a ela coma á propia Sydney.

Asímesmo, co paso do tempo tamén nos foi amosando a súa faciana máis doce, tenra e infantil. Un auténtico amor de rapariga. Un auténtico amor que posuía unha mente bastante privilexiada: o anxiño falaba á perfección inglés, chinés mandarín, cantonés e o dialecto do pobo da súa nai, e un castelán correctísimo. Iso si, para facelo era un chisco preguiceira, e a práctica totalidade do tempo a comunicación entre nós producíase en inglés. E a todo isto hai que engadir as nocións de galego que eu lle aprendín e que asimilou con abraiante facilidade. Pode que polo seu don para as linguas, pode que polo maxistral das miñas leccións. Quén sabe.

Trala presentación e algunha que outra formalidade máis, e por se aínda non asimilaramos por completo o novo estilo de vida que nos ía agardar ó longo dos nosos días en Australia, este amoroso cerebriño xa se encargou de meternos de cheo na realidade perrofláutica. Pouco menos que nos exortou a coller cadansúa bicicleta e tirar a “facer a compra” para a cea desa noite. Deseguido saberedes por qué escribo entre aspas o de facer a compra.

Carven Lee, a moza australiana do noso Álex.

Así que nada, montamos nas bicis, eu por primeira vez dende que con once anos me espichara un hostión criminal e me abrira a cabeza -non vaiades de list@s, o meu desequilibrio mental é de nacemento-, e puxemos rumbo ó supermercado máis achegado. E unha vez alí, dispuxémonos a facernos cos alimentos da cea nunha sección onde eu non o fixera na miña vida. De feito nin sequera entramos no supermercado en si. Concretamente dirixímonos á súa parte posterior, onda os colectores onde as distintas seccións ciscan os alimentos en suposto mal estado, e metímonos a remexer neles tras unhas arduas negociacións co encargado da seguridade do lugar, ante a súa ollada entre atónita e divertida.

Esta actividade ía constituír a nosa principal fonte de alimentación día si e día tamén de aí ó remate da nosa estancia en Australia. Cando dimos por finalizada a colleita, montamos de novo nas bicis e marchamos de volta á casa de Malabar, onde co recopilado deunos para cociñar unhas albóndigas con arroz, e de postre un despropósito de pastel de banana con iogur de chocolate polo medio. Rillamos todo en comuna, e a durmir.

Ó amencer a mañá seguinte, almorzamos unhas tortas cociñadas, atención, nunha tixola colocada sobre unha placa solar ideada por Alain, un dos habitantes da casa e todo un científico tolo ó servizo da ecoloxía e da sostibilidade. Tras un breve paseo con Carven pola costa de Malabar e de xantar un popurrí de verduras preparado por Cons, cómo non, na tixola solar, marchamos os tres hacia o centro da cidade, a coñecer o corazón de Sydney.

Alain pousando canda a súa creación, a tixola solar.

E no corazón de Sydney, ubicado á beira da súa bahía, atópase a mítica, a única, a inconfundíbel Opera House. Construcción ésta rocambolesca, transguesora para a época na que foi erguida, e situada nun entorno precioso. Xusto enriba da bahía de Sydney, unha bahía moi edificada pero con gran gusto, misturando a liña de rañaceos da cidade coa propia Opera House e cunha impoñente ponte: a Sydney Harbour Bridge.

A Sydney Harbour Bridge.

De alí dirixímonos ó Black Rose, un local frecuentado polo grupo de amizades de Carven onde visualizamos unha película de temática anarquista; e ó remate désta fumos a pasa-la noite ó Dusty Monster, un centro social onde os anteriormente mencionados membros da panda de amig@s de Carven levan a cabo diversas actividades, todas elas incluídas nun marco que poderiamos calificar de solidario-anarquista-antisistémico.

Primeiro exemplo gráfico, e pode que o máis evidente, da nosa vida “perrofláutica”. Aquí, no “Dusty Monster”, no barrio de Dulwich Hill, Sydney.

Para o luns tiñamos planeado arranxar o visado que nos permita entrar na China, para o cal nos puxemos a procurar, canda Carven, a embaixada do xigante asiático en Sydney. Non a atopamos, pero aproveitamos para dar unha volta pola Chinatown de Sydney, onde xantando nun restaurante chinés seguimos a perfeccionar a nosa técnica cos palillos de cara á nosa inminente etapa asiática. Carven ficou a durmir no Dusty Monster, no-los dous desprazámonos á casa de Malabar.

Un koala no Taronga Zoo.

O martes era día de visita ó Zoo Taronga de Sýdney. A entrada non é barata -$37 con desconto dunha revista que arramplamos no aeroporto-, mais existen demasiadas especies animais autóctonas e únicas de Australia, que non viramos ni voltaremos a ver as nosas vidas, como para non facer unha visitiña a un parque zoolóxico deste particular país.

Un canguro vermello, coma sempre, ciscado cal saco de patacas.

As especies únicas de Australia son moitas, e non perdoamos nin unha. Vimos koalas, vimos canguros, vimos wallabies, ornitorrincos. Emúes, todo tipo de roedores estrañísimos, vimos demos de Tasmania… A cada cal máis peculiar -o ornitorrinco lévase a palma-, a cada cal máis especial.

Mais non só especies australianas constituíron a nosa visita. Tamén gozamos da inigualable elegancia, da maxestuosidade dos tigres, e un deles incluso nos agasallou cun íntimo cara a cara, separando os nosos fuciños os escasos centímetros nos que se interpón o cristal da xaula.

Estivemos con hipopótamos, pingüíns, xirafas e tódalas especies de monetes habidas e por haber. Un grupo de elefantes deleitou ós asistentes con todo tipo de monadas que lles indicaban os seus adestradores, os cales lles recompensaban cun petisco de comida as súas execucións.

Foi unha visita ben completa, a verdade. Á marxe de todo isto, voume aforrar o recorrente discurso das olladas tristes, ausentes, apáticas, apagadas dos animais dentro das súas gaiolas, que por grandes, espazosas e traballadas, non deixan de ser gaiolas, e nelas os seus ocupantes desenvólvense mediante movementos repetitivos, cíclicos, case robóticos. Compórtanse prácticamente coma autómatas. Voume aforrar o discurso porque tod@s sabedes en qué consiste un parque zoolóxico.

Trala visita ó zoo, fumos a pasa-la noite ó Dusty Monster. Alí, ó día seguinte ,tiña lugar a People’s Kitchen, unha actividade consistente en, coa comida recollida dos colectores o día anterior de forma masiva, cociñar a meirande cantidade de pratos posible para a xente que por alí se achegue. Eu supoño que a actividade en cuestión nacería nun principio para axudar ós máis desfavorecidos, mais por alí só se achegaron amigos e familia, todo o mundo pertencente ó mesmo círculo de xente. Como comentario adicional, e da importancia que lle queira dar cada un/a, hei de dicir que, dándolle continuidade á miña recén descuberta creatividade na cociña, preparei un pote de vexetais cocidos que a xente dixo -eu non lle botei pelotas a probalo- que estaba ben rico. Son perroflautas, si, ést@s comen de todo, pero alí quedar non quedou nada.

Para non perde-lo costume, o xoves foi día de reencontro. E desta volta era quenda para Regina, a eslovaca membro do Europe Team que coñeceramos en Cusco, e que xunto a Judith nos acompañara na nosa visita a Machu Picchu.

Con Regi na praia de Manly.

Tralo seu periplo por Latinoamérica, voltara uns meses ó seu fogar na República Eslovaca, mais non tardou en emprender voo de regreso a Sydney, onde xa botara vivindo unha tempada longa con anterioridade. E Regi vivía aloxada nun hostel no barrio de Manly, á outra beira da bahía. Un dos barrios máis acomodados da cidade, senón o que máis, Regi levounos a dar un paseíño pola costa de Manly, cheo de praias e cantís.

Tamén estivemos camiñando pola rúa comercial do barrio, mais despois de xantar moi rico e a prezo razoable para o barrio máis caro dunha das cidades máis caras do mundo, púxose a chover, así que houbemos de continuar co noso reencontro no hostel de Regi, entre risas e xogos de cartas.

Cantil na costa de Manly.

Un verdadeiro pracer atoparnos de novo con esta mociña de mente inocente e corazón puro, de valores intachables e espírito afouto. Que todo lle vaia xenial na súa nova vida en Australia, señorita Vikova.

O sábado acudimos, xunto a Carven e @s seus amig@s, a un acto de reivindicación do pasaporte aborixe. Éste é un pasaporte que recoñece Australia como territorio aborixe, e dun xeito simbólico á espera de seguir loitando pola súa oficialidade, proclama as fronteiras dispostas polos antigos e orixinais poboadores deste país.

Foi un evento interesante, positivo, pero que eu considero que se salta varios pasos previos, comezando pola inclusión do pobo aborixe no sistema educativo. Un pobo sen educación é un pobo abocado á súa autodestrucción, e dende logo é un pobo ó que non podes concienciar da importancia que teñen este tipo de actos para a súa potenciación e de cara a devolverlles o estatus que merecen dentro da sociedade australiana.

O pai de Julian Assange, no acto polo pasaporte aborixe e coa bandeira aborixe ás súas costas.

Proba delo é que ó acto non acudiu nin un só aborixe. Quén si acudiu foi o pai de Julian Assange, así como un grupo de vasc@s e cataláns, con quén estivemos de parola e con quén nos tiramos unha foto moi significativa, tod@s co seu pasaporte aborixe no que, de paso, tamén reivindicamos as nosas respectivas nacións.

Galegos, vasc@s e cataláns amosando o noso pasaporte aborixe.

Tres nacións sen estado reivindicando un pobo marxinado.

 

Xa pola noite, ás 02:00 da madrugada, este celtista estaba pegado a un ordenador no Dusty Monster. Valencia 2 -Celta 1. Derrota das que doen, nas que es consciente de que puideches sacar moito máis do que finalmente obtiveches nun campo complicadísimo. Sobre todo despois dunha primeira metade a un nivel altísimo, e nun partido onde só dous erros puntuais, unidos a unha segunda parte un chisco máis frouxa nos impediron puntuar en Mestalla. Paciencia. Se mantemos o nivel de xogo, os resultados chegarán.

O domingo foi o día que escollimos para fuxir de Sydney. E fixémolo ás Blue Mountains, en concreto a Katoomba, un pobo nas montañas a uns 100 quilómetros da cidade máis poboada de Australia. No-los dous canda Carven, durmimos na casa dun amigo désta, un tipo que vivía amargado en Sydney e decidiu emprender unha nova vida na montaña, unha vida respectuosa ecolóxicamente e en consoancia coa natureza. Qué vos vou a contar.

Casa nas montañas de Katoomba onde pasamos a noite.

E foi o luns cando nos achegamos ó Parque Nacional Blue Mountains a facer unha excursión por el. E fixémolo por separado. Cons decidiu apuntarse a un tour en autobús ó que a miña economía non podía aspirar, así que decidín tirar pola miña conta camiñando, como tiña previsto. Cando nos reatopamos, xa polo serán, Cons contoume que finalmente decidira facer a visita tamén camiñando. Cousas que pasan.

A visita ás Blue Mountains non a tiñamos prevista antes de chegar a Sydney. É máis: antes de chegar a Sydney nas nosas vidas escoitaramos falar das Blue Mountains. Porén me resultou aínda máis chocante a beleza do parque.

O Parque Nacional Blue Mountains agocha un val dunha fermosura espectacular, que, sen chegar ós niveis da Chapada Diamantina ou do Gran Canón do Colorado, a min resultoume, en certo modo, unha mistura dos dous.

Coa depresión cuberta de verde ata a súa fin, coma a Chapada, e con formacións rochosas inverosímiles e inmensas, coma o Gran Canón. Coa auga xogando coa vexetación e coas alturas, coma na Chapada, e cos tons vermellos e alaranxados da súa pedra, coma o Gran Canón.

Mais tamén as Blue Mountains teñen elementos de seu. É o caso das Tres Irmás, tres formacións rochosas impresionantes e idénticas, que se erguen señoriais e se presentan en fileira, destacándose entre unha paisaxe de cantís e diversas paredes.

As Tres Irmás.

Fabuloso o Parque Nacional Blue Mountains de Katoomba.

O noso derradeiro día en Sydney, o noso derradeiro día en Australia, adicámolo a pasear polo Royal Botanic Garden e polo casco vello da cidade, o denominado The Rocks. O Real Xardín Botánico é un espazo verde enorme, co seu invernadoiro de forma piramidal, as súas tropemil especies de prantas, árbores e verduras varias, das que supoño que, coma no caso da fauna, moitísimas serán propias de Australia, e o seu paseíño pola beira da bahía. Todo isto na compaña de paxaros de tódalas cores e tamaños. Moi agradable o paseo.

Royal Botanic Garden de Sydney.

En canto a The Rocks, dicir que si, que dá a impresión de ser un barrio un tanto máis antigo que o resto dos que visitamos na cidade, pero nada máis aló dunha lixeira sensación de atoparte máis preto  da cidade colona, Londres. Lóxico, tendo en conta que seguramente teña pelos nos meus testículos con máis antiguedade que Australia como nación.

“The Rocks”, o casco vello de Sydney.

E así, sen máis, foi cómo tocou á súa fin a nosa visita a Sydney. Australia, un país peculiar, onde se misturan as raíces de tódolos pobos europeos e se marxinan as propias. Un país, coma os seus veciños neocelandeses, evolucionadísimo a nivel cívico e social, e esaxeradamente caro. Máis incluso que Nova Zelandia, e de xeito sustancial.

E un país ó que sobrevivimos trala vida hippie que levamos a cabo grazas ós consellos de Álex e á compaña e exemplo do contacto que éste nos facilitou, a súa moza Carven. Ese cerebriño australo-chinés, ese anxiño xovial, alfúfaro. Tenro, doce, infantil. Grazas a ela e grazas @s seus amig@s, unha panda coa que, a pesares de estarlles eternamente agradecidos por ternos acollido na súa casa ou no seu centro social, a pesares de non ter nada en absoluto que reprocharlles, temos que recoñecer que en ningún momento chegamos a sentirnos completamente cómodos con eles. A pesares, insisto, de acollernos sen ningún problema nin condición, amosábanse distantes, con suma frialdade máis aló das apertas protocolarias da presentación. Falando claro, que non sendo Carven, alí ninguén nos fixo nin puto caso.

Sexa como fose, o caso é que xa estamos dispostos a chimpar a Indonesia, a primeira parada no mundo máis afastado do noso a nivel cultural. A outra cara do planeta, a outra historia, as outras civilizacións milenarias. Comeza a parte máis exótica da nosa viaxe. A máis descoñecida. Esperemos que a mellor. Chegamos a Asia.

Advertisements

6 respostas a “Sydney, a vida “hippie” que nos salvou.

  1. JAJAJAJAJAJAJAJAJAJA!!!!!!ES QUE ME PARTO CONTIGO!!!

  2. Como antes dixen, xa lin o blog de Sydney, meu deus¡¡ pero e verdade que comíades do lixo??? Espero que poidades recuperarvos nos vosos seguintes destinos. Feliz estancia en Indonesia. Bicooosss para os dous.

  3. Para aqueles que pensan que coller comida do lixo esta mal

  4. Adrian y cons, vaya viajezazo q so esta is dando. Soy Caride. No se sabéis que yo vivo en Shanghai. Si estáis pensando en venir por China ya sabéis. Mi email es caridejalda@gmail.com

    • Hei! Que tal, companheiro! Pois non tinha nin idea de que andabas por eses lares! Si, pasaremos por China, e si, pasaremos por Shanghai!
      E si, contactaremos contigo, xa o creo!
      Unha aperta, Caride!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s