Xapón. A quinta Bola Máxica non saíra da súa casa.

Xoves 4 de outubro. O aeroporto de Narita, ás aforas de Toquio, era testemuña da arribada dos emisarios calvarienses ó Xapón. Era pola mañá. A orde case robótica coa que se desprazaban os xaponeses topábase co andar errante e atolondrado co que os foráneos procurabamos algo de información en alfabeto latino para poder así atopar o camiño. Eran os nosos primeiros pasos nunha cultura tan sumamente lonxana e diferente, mais aínda así non foi complicado. Os xaponeses fixérono doado.

Figura dunha araña en “Roppongi Hills”.

O bus que collimos no aeroporto deixounos no centro de Toquio, e alí descendimos ó metro da capital xaponesa. Comezabamos a ser conscientes do funcionamento desta sociedade. A distribución das liñas, as indicacións, a frecuencia, a circulación da xente. Todo perfecto, todo impecable. Non tardamos en afacernos ós mecanismos do metro. Botamos o día en Roppongi, distrito toquiota onde tratamos sen éxito de arranxar o noso visado chinés, xa que a embaixada estaba pechada, e no serán desprazámonos a Meidaimae, en cuxa estación de tren concertaramos a nosa cita con Kouji.

Kouji era o noso anfitrión no Xapón. Na nosa estancia en México coñeceramos a Tomohito (si, xa sei que en Cuba hai unha chea de bares de copas con ese mesmo nome), Tomo para os amigos, quén se ofreceu a ser o noso embaixador no seu país á nosa chegada. Na súa casa non había espazo para tres, así que nos facilitou o contacto do seu amigo Kouji.

Dándolle ó “ramen” canda Tomo, no medio, e Kouji, á dereita.

Kouji, coma bo xaponés, estaba a agardar por nós na estación de Meidaimae con exquisita puntualidade. Presentóusenos con educación nun entrecortado pero correcto inglés, e decidimos ir a botar xuntos unha partida de dardos. No medio da mesma apareceu Tomo, e co equipo completo fumos a cear ramen primeiro, un dos pratos típicos xaponeses, e segundo a cubrir un dos trámites de obrigado cumprimeto no Xapón, nesta ocasión por mandato directo de Ruiz e Potri dende o Calvario: xogar ó Street Fighter nun salón recreativo xaponés.

Pese á miña destreza, que fai de min un dos grandes mestres do “Street Fighter” no Calvario, a tunda que papei ante un adversario xaponés tivo pouco de digno.

Tomo e Kouji, Kouji e Tomo. Un ofreceunos o contacto do outro, e o outro ofreceunos o seu humilde fogar durante toda a nosa estancia no país nipón. Os dous fixeron, como irei relatando ó longo do artigo, que unha etapa da viaxe que xa se presumía tremendamente agradable se convertise en inesquecible. Á intachable educación e enorme xenerosidade que como xaponeses se lles supón, a éstes dous hai que sumarlles importantes doses de diversión, de intelixencia, de perspicacia e tamén de agarimo. Non é o xaponés un pobo que se caracterice precisamente por exteriorizar en exceso os seus sentimentos hacia os demáis, pero Tomo, quizáis pola súa prolongada estadía en México, e Kouji, co paso do tempo e pode que por extensión, non tiñan reparo de ningún tipo á hora dar mostras do seu afecto hacia nós.

O cansanzo ocasionado pola falta de sono levounos a retirarnos a casa trala visita ó salón recreativo. Tivemos que redecorar o piso para facer sitio onde durmir nós e colocar as nosas mochilas, xa que o estudio de Kouji non excedía os 10 metros cadrados. Finalmente puidemos encaixar os nosos tatamis, que foi así cómo o noso anfitrión denominou á lámina de esparto que extendimos no chan e sobre a que durmimos ata que á mañá seguinte nos puxemos en funcionamento.

Asakusa, achegándonos ó templo.

O venres, tras arranxar o noso visado para poder acceder á China -nada menos ca 70 eurazos nos custou a broma que nos gastaron os nosos colegas chineses-, achegámonos ó distrito de Asakusa. Alí visitamos o templo que goza de máis fama dos que se atopan na cidade de Toquio: o Templo de Senso-ji. Cruzamos a súa entrada, custodiada á esquerda por Raijin, o deus do trebón, e á dereita por Fujin, o deus do vento. Pasamos onda unha especie de braseiro que os locais aproveitaban para respirar os seus fumes.

No Templo de Asakusa.

Os templos xaponeses, de tan recoñecible deseño pola súa traballada ornamentación e os seus tellados de picos ondulados. Tan sobrios e tan vistosos ó mesmo tempo. E, permitídeme que diga, dende o descoñecemento máis absoluto, tan semellantes entre eles. Seguramente non me deixe ver máis aló a mesma ignorancia que fai que afirmemos que tódolos orientais son iguais, pero esa foi a miña impresión.

Estivemos camiñando por un parque á beira do río Sumida, dende onde observamos a xigantesca torre Sky Tree, e ó seu carón a Asahi Beer Tower, na azotea da cal loce unha figura que tenta simbolizar a espuma da cervexa pero que máis ben semella un espermatozoide xigante. Tamén pode ser cousa da miña mente danada, diredes vós. Non vos falta razón.

Velaquí tendes a Torre “Sky Tree”, e á dereita a “Asahi Beer Tower”, coa súa espuma-esperma.

Deixamos atrás Asakusa, e dirixímonos ó distrito de Akihabara. A meca da electrónica en todo o país e, en extensión, de todo o mundo, en Akihabara tamén se dá cita a cara alternativa de Toquio. Paseando polas súas rúas tes a intensa sensación de estar a vivir dentro dunha serie anime, dun comic manga. A excentricidade e a extravagancia apodéranse do lugar e conviven con total naturalidade nas súas infinitas versións.

O distrito de Akihabara.

Por entre as mozas vestidas coma as típicas colexialas -a diferencia coas colexialas auténticas é palpable- camiña, case levita un tipo con peiteado estilo Eduardo Mans-Tesoiras paseando ó parrulo que ten por mascota. Hacia nós avanza un grupo de rapaces de roupaxes marcadamente góticas. O máis alto deles leva uns lentes de contacto que tinguen os seus ollos completamente de negro.

O últimamente tan acuñado termo friki cobra unha nova e superlativa dimensión en Akihabara. Xa no metro, o noso vagón vese invadido pola presenza dun cabaleiro, ben entrado na corentena, que porta con fachenda o seu disfraz de “gatiña”. O mesmo inclúe minisaia sexy, mandil, o rabo e a diadema coas orellas que se moven elas soas.

Coma se non ocorrese xa a cotío, Akihabara instala de xeito permanente no meu pensamento ós meus amigos do Calvario. Ambalasdúas beiras da rúa están atestadas de tendas con produtos de todo tipo e para tódolos gustos en relación ó mundo manga. Figuras de tódolos tamaños, comics e libros de todo grosor, obxectos pertencentes a personaxes de series que os máis postos no tema coñecen á perfección e que a min nin me soaban. Artigos, como digo, de toda índole que eles desfrutarían coma ninguén e saberían valorar coma é debido. Non me sae da cabeza o felices que serían paseando por Akihabara Juantxo, Potro, Brou, Gus, Nostris ou Dani entre outros.

“Mario World” en Akihabara.

Canda un dos protagonistas do meu videoxogo favorito, “Resident Evil”. Que eu tamén sei ser “friki” cando quero.

Era venres, e había que aproveitar que Tomo non traballaba ó día seguinte e dispuña de tempo para pasar canda nós. Ceamos os catro xuntos nun restaurante de sushi, para posteriormente degustar os licores clásicos nipóns nun bar de copas. Foi aquí, coa cunca na man, onde chegamos ó punto álxido de consciencia do que representa a mentalidade, a ética do pensamento xaponés, da súa cultura. Percibindo a sociedade sempre dende un punto de vista colectivo, grupal. Cedendo nas pretensións individuais ata chegar a obvialas en moitos casos. Colocando como valores de base a xenerosidade e a modestia. Abraiados nos deixaron as conversas que mantivemos cos nosos dous amigos. Rematamos a noite ó estilo galego, bebendo un cartón -e cando digo cartón quero dicir cartón, e non botella- de sake na rúa e dialogando con milleiros de descoñecidos.

Facendo unha onda vital masiva canda os nosos amigos e unha chea de descoñecidos.

Mais o máxico da noite xaponesa do venres non me ía desviar das miñas obrigas. Ás 04:30 da madrugada, 21:30 en Balaídos, o Celta afrontaba un duro test que puña a proba o proxecto do equipo na máxima categoría. Vitoria xusta e merecida por 2 a 0 ante o Sevilla, un rival con galóns, que non fai senón ratificar que este Celta está capacitado de sobra para competir na Primeira División e facerlle fronte a calquera rival.

O sábado adicámolo a pasear por Shibuya. O de Shibuya é un dos distritos comerciais de Toquio. Ateigadiño de enormes complexos comerciais, tamén supón o epicentro da moda toquiota, e percorrendo as súas rúas evidénciase un nivel de vida bastante máis elevado que no resto da cidade.

Mais o punto máis recoñecido de Shibuya, e pode que de todo Toquio, é o famoso cruzamento no que conflúen catro direccións, ó que chaman Scramble Kousaten. Dis que o cruzamento máis concorrido do planeta, o semáforo ábrese para os catro puntos ó mesmo tempo, o que permite unha invasión masiva de xente que visto dende a altura conforma pouco menos ca un fenómeno semellante a unha estampida.

O famoso cruzamento de Shibuya, o máis concorrido do mundo.

Vivido dende dentro, observar na outra beira á masa de xente coa que te vas cruzar mentres agardas polo semáforo faiche sentir unha especie de William Wallace. Non puiden evitar situarme enfronte do meu bando e soltarlles unha arenga para motivalos ante a inminente confrontación. Definitivamente, algo imposible de reproducir en calquera outro país sen sufrir varias baixas en cada paso.

Ó saír de Shibuya tamén dimos unha volta por Shinjuku. É o distrito comercial por excelencia da capital, e, sen chegar ós niveis de diversidade de Akihabara, tamén aquí se dá cita boa parte da versión excéntrica toquiota.

Para o domingo tiñamos planeada a visita a Yokohama, onde chegamos pola mañanciña cedo. A marítima cidade de Yokohama, que a día de hoxe pertence á área metropolitana de Toquio ó atoparse tan só a 30 quilómetros do centro da mesma, é o segundo núcleo poblacional do Xapón, e outórganlle ó redor de 4 millóns de habitantes.

Yokohama.

No posto de información da estación de autobuses sinaláronnos os principais puntos de interese e actividades que se celebraban ese domingo, tralo cal nos puxemos inmediatamente ó chollo. Dimos un longo paseo ben pegadiños ó mar ó longo do cal paramos a desfrutar dun concerto de jazz que estaban a dar uns rapaces de colexio.

Pasamos por unha rúa, curtada ó tráfico para a ocasión, ateigada de diferentes postos que ofrecían actividades completamente diferentes entre eles, dende un onde aprendían a facer os primeiros auxilios ata outro onde tiñan organizada unha carreira de mascotas, a cada cal máis simpática ca anterior.

Carreira de mascotas nas rúas de Yokohama.

Atopámonos co Yokohama Stadium, nos arredores do cal paramos nun posto de comida coreana para degustar algo ó que eles denominaron “pizza coreana”, e que estaba ben rico. Tratei de comunicarme cun par de coreanos para comentarlles que no meu equipo xoga actualmente o capitán da súa selección, pero parece ser que o meu coreano non alcanza nin para facerme entender neses termos.

A piques de degustar a gastronomía dos compatriotas do noso Park Chu Young.

Finalmente dimos cun gran parque, onde á nosa chegada nos advertiran da existencia dunha feira de comidas internacionais. E dado o noso gusto pola degustación de todo tipo de alimentos e os bos prezos das mesmas, lanzámonos a por elo. Catamos comidas de moitas nacionalidades, entre elas peruana, e observamos algunha que outra actuación interesante, coma a dun mozo facendo todo tipo de equilibrios imposibles sobre unha torre de cadeiras, e algunha que outra deplorable, coma a duns tunos que previamente estaban a vender paella no seu posto.

Xa de retirada pasamos polo porto, o máis importante de Xapón, o cal ofrece unha bonita vista da liña de rañaceos da cidade, coa súa nora incluída, todo decorado cunha iluminación de cores escollida con gusto, nada que ver co estilo Las Vegas.

Vista de Yokohama dende o seu porto.

O martes, mentres eu ficaba na casa un pouco para descansar, un pouco para aforrar, pero sobre todo para escribir, Cons desprazouse á cidade de Kamakura. É Kamakura unha cidade de grande importancia histórica, chegando incluso a ser a capital do país hai non sei cántos centos de anos.

Templo de Kencho-ji, en Kamakura.

E é Kamakura unha cidade que ofrece diversos puntos de grande interese, como pode ser o Templo de Kencho-ji, a enorme estatua de Amida Buddha ou a praia de Yuigahama.

Foi para os dous días seguintes para cando deixamos a visita gorda. A noite do martes ó mércores pasámola no bus para amencer en Osaka. Situada á beira da bahía do mesmo nome, Osaka é a terceira cidade de Xapón en canto a poboación, e supón o centro económico do país nipón. Moderna, como non podía ser de outro xeito, puxante e bulideira, unha vez nela saímos á procura do Castelo de Osaka, o primeiro dos puntos de visita obrigada da cidade.

Pozo e muralla do Castelo de Osaka.

Trátase dun castelo ubicado no medio dun parque enorme, rodeado por unha muralla e ésta á súa vez por un pozo de auga. Son ben bonitas as fotos que permite tirar de parte da construcción reflectida na auga do pozo, e máis bonita debe ser a estampa en primavera, coas típicas flores rosas xaponesas por todas partes enchendo o parque co manto dos deus pétalos. Vin fotos no folleto turístico do lugar, e asegúrovos que si o é.

O propio Castelo de Osaka.

Do castelo achegámonos ó Templo de Shitenno-ji. O templo budista máis antigo do Xapón, presenta unha torre ben alta no centro do complexo… e a verdade é que pouco máis vos podo narrar sobre el debido ó meu problema de percepción que antes vos comentaba, a causa do cal tódolos templos budistas me parecen iguais.

Shitenno-ji. Para min, todo un paleto na materia, un de tantos.

Estivemos camiñando polo porto, que coma no caso de Yokohama tamén conta coa súa nora, e observamos o Museo Marítimo, con deseño en forma de cúpula. E do porto dirixímonos ó distrito de Dotonbori. E Dotonbori, queridas xentiñas miñas, de todo o que visitamos do fantástico país que é Xapón, foi un dos puntos que máis nos impactou.

Museo Marítimo de Osaka.

Pódese dicir que é o Akihabara de Osaka, pero eu diría que máis besta. Consta dunha rúa que avanza ó longo dunha canle cruzada por varias pontes, e curtada perpendicularmente por unha chea de rúas peonís, todas elas de carácter comercial.

Dotonbori.

O punto máis concorrido e famoso é un bombardeo publicitario a base de luces e neóns, con pantallas luminosas xigantes incluídas, ó máis puro estilo Times Square. Nas rúas paralelas os letreiros dos restaurantes cobran vida, e algúns, coma no caso da nécora dunha marisquería, ademáis de estar en 3 dimensións, move as patas e os olliños dun xeito realmente simpático.

Zona de restaurantes de Dotonbori, co seu centolo xigante móbil.

Polo demáis, como dixen, todo garda a mesma liña que Akihabara. Tendas manga aquí e alá, xente peculiar abordándote dende tódalas direccións, e algún que outro salón recreativo espectacularmente futurista, con videoxogos de funcionamento inverosímil.

Co xesto desencaixado ante tanta información impactante, vímonos na obriga de abandonar Osaka, xa que ó día seguinte había que visitar o Monte Fuji. Para elo debiamos decidir cál era o punto idóneo para observalo, cál era a poboación á que debiamos desprazarnos dende a estación de Osaka.

Nesas andabamos, tentando descifrar un panel en letras xaponesas no que era de supor que aparecían os distintos destinos dende Osaka, cando de súpeto se nos achegou un señor para preguntarnos, no inglés máis básico, en qué podía axudarnos, atraído pola cara de polbos en garaxe que debiamos ter.

Cando conseguimos facerlle entender a nosa situación, colleunos da man e levounos á oficina de venda de billetes. Alí botou un cacho longo falando coas dependentas, ata que entre tod@s decidiron enviarnos a Shizuoka. Foi entón cando outro señor de avanzada idade, e que tamén tiña algunha noción de inglés, ó escoitar o nome da localidade, comentoulle ó primeiro que Shizuoka era tamén o seu destino, que podía retirarse, que xa se encargaba el de acompañarnos. A situación comezaba a sobrepasarnos.

Pero o máis incrible estaba aínda por chegar. Efectivamente o señor colleu o mesmo bus ca nós hacia Shizuoka, e unha vez alí, guiounos e meteuse canda nós no tren de cercanías ata Fujinomiya, unha localidade que medra ó pé do Monte Fuji. Cando chegamos, ó baixarse do tren, e cando viramos a cabeza ollando cara el para que emprendese a marcha canda nós hacia a montaña, o noso guía estábase a despedir de nós, xa que debía poñer rumbo a Toquio. Chegara ata Fujinomiya únicamente para acompañarnos, para asegurarse de deixarnos no sitio exacto que nós andabamos a procurar.

Podería falar longo e tendido das sensacións que tamaño altruísmo provocou en min, pero prefiro que vós mesmos extraiades as vosas propias conclusións. Impresionante.

Así que nada, unha vez máis cos ollos coma pratos, arrincamos cara o lago Tanuki, o sitio escollido para face-la reportaxe gráfica do Fuji.

Lago Tanuki, co Fuji de fondo.

Alcanzando case que os 4.000 metros no seu cumio, o Monte Fuji é considerado un dos símbolos máis representativos do Xapón. É o pico, o punto máis elevado do país, e é posible observalo dende múltiples emprazamentos, incluso dende Toquio se o día está despexado.

A súa presenza, incluso dende a lonxanía, é magnífica. Garda unha simetría case perfecta entre as súas saias, o cal unido a que no intre do ano no que o estabamos a visitar non estaba nevado no seu cumio, circunstancia que se dá durante moi escasas datas, daba a impresión de estar posto alí de xeito artificial, de ser calquera cousa agás un accidente xeográfico natural. Demasiado perfecto, a súa imaxe é demasiado súbita, no medio dun entorno antónimo por plano e homoxéneo.

Por outra banda, o punto de observación escollido resultou ser ideal. O ceo foi clarexando co paso do tempo trala nosa temperá chegada, e rematou por amosarse impoluto. A luz do sol rebotaba nas quedas augas do Tanuki, e o reflexo do Fuji era unha copia exacta da súa imaxe. Dimos unha volta rodeando o lago enteiro, e decidimos emprende-lo camiño de volta a Toquio, tras dous días de actividade frenética, case sen durmir e cunha barbaridade de quilómetros nas pernas.

O magnífico Monte Fuji.

Era de noite cando, o xoves, chegabamos á estación de Meidaimae para retornar á casa de Kouji.

Xa só nos restaban dous días en Toquio. Únicamente dous días máis en Xapón, un país do que, pouco a pouco, e ser apenas decatarnos, namoraramos por completo. E para esa recta final estabamos todos, xa que era fin de semana, o cal permitía que Tomo puidese unirse ós nosos plans. ¿E en qué consistiron os nosos plans para os dous últimos días? Pois en crapulear pola noite. Exclusivamente.

O venres comezámolo no-los dous canda Tomo nun bar de copas tradicionalmente frecuentado por estranxeiros, cita á cal non tardou en unirse Kouji canda dúas amigas. Máis adiante os que non tardamos fumos o resto en decidir continuar a noite de novo cun cartón de sake pululando polas rúas. Pasámolo en grande os seis, e como guinda rematamos por meternos nun bar para ver o amigable que en Saint Denis disputaron as seleccións de fútbol de Francia e Xapón. Sorprendinme a min mesmo celebrando o único gol do partido, o que lle daba a vitoria a Xapón, case coma se dun gol da selección galega se tratase, e liderando os cánticos dos presentes no bar ó berro de Nippon, Nippon!

Trouleando canda os nosos amigos e anfitrións.

O día seguinte, sábado, era o derradeiro da etapa xaponesa. Aínda cos corpos mallados pola festa do día anterior, a cita era ineludible. Eran preto das 20:00 do serán cando nos diriximos irremisiblemente hacia un karaoke. A misión estaba clara. Non podía deixar só a Amir García coma o único galego, o único vigués que gañase o recoñecemento dos xaponeses por cantar a canción de As Bolas Máxicas no seu país de orixe, e en galego.

O intre máis agardado. “¡Temos que buscar, a Bola do Dragón…!”

O destino era certo, e non fixen nada por impedilo. Deixei a ialma e a gorxa no envite. Fíxeno con toda a miña paixón. O resultado foi máis que cuestionable, mais iso só o poderán avaliar os alí presentes, mail@s privilexiad@s -máis ben coitad@s- que vaian visualizar os vídeos que do histórico momento se gravaron.

Despois de abandonar o karaoke, no mesmo bar de copas para foráneos da noite anterior, coñecimos a dúas mociñas locais. Unha non teño nin idea de cómo se chamaba. Creo que de feito non cheguei a sabelo nunca. A outra, Luna, era unha monequiña de risa doada e melódica, fina figura e viva ollada. Non teño a máis remota idea de qué significa nin unha soa das palabras que saíron dos seus doces beizos, pero quero imaxinar que eran comentarios inxeniosos e intelixentes. Iso semellaba. Escápanme suspiros mentres escribo estas liñas. O meu corazón será por sempre de Estrella. De Luna, perdón.

A do puchiño e Estrella. Digo, Venus. ¡Ai, Luna, home!

Tras unha nova sesión de karaoke, desta volta na compaña de Venus e da súa amiga da cal sempre descoñecín o seu nome, e co ceo xa clarexando, chegou o momento de emprende-lo camiño a casa para recolle-las mochilas e tirar para o aeroporto. Na estación de Shibuya despedímonos de Tomo. Grazas por todo, pequeno amigo. Pola túa compaña, as túas risas, a túa inmensa amabilidade. Por achegarnos a cultura do teu país, grazas á cal aprendimos o impagable. Verémonos en futuras datas. Non o dubido.

Na estación de Meidaimae despedímonos da miña namorada, Osa Menor. Grazas por… bueno, ti xa sabes por qué. E na súa casa despedímonos do noso anfitrión. Grazas pola túa hospitalidade, Kouji. Pola túa xenerosidade, polas túas ansias de aprender e por todo o que nos aprendiches. Crack & Genius -así nos autodenominabamos- teñen aínda moitas misións por cumprir, xa o sabes.

A nosa derradeira noite no Xapón.

Como xa dixen, a nosa estancia en Toquio, formidable, non o tería sido nin a metade de non ser por estes dous fenómenos ós que lles debemos unha barbaridade.

Xa con saudade no peito ante a inminente partida, e cos primeiros raios de luz, camiñamos hacia o aeroporto. Despedímonos de Xapón. Unha sociedade que acariña a perfección coa punta dos dedos. Con toda seguridade o país máis desenvolvido, o máis avanzado do planeta en múltiples eidos, coma o tecnolóxico, o cívico ou no que atingue a seguridade.

Sen dúbida o pobo máis organizado do mundo. Todo garda unha orde escrupulosa, meticulosa. Todo está deseñado, indicado e conectado cunha exactitude matemática, milimétrica. A importancia capital que á honra lle outorga o seu código de valores fai da xaponesa unha sociedade dunha honestidade brutal. Dos once días que botamos en Toquio non fechamos a porta da casa nin un.

Unha sociedade noble, xenerosa, solidaria. Ninguén fala nin papa de inglés, pero iso non lles impedirá cercionarse de que vas chegar ó sitio polo que lles preguntaches, chegando incluso, por exemplo, a acompañarte pouco menos que collido da man durante 200 metros dende unha estación de metro ata a entrada da rúa que procurabas. Por non lembrar o exemplo máis esaxerado que nos aconteceu, o do señor que dende Shizuoka nos acompañou ata Fujinomiya, e unha vez chegados, pegou a volta e puxo rumbo a Toquio.

Unha sociedade dunha ética admirable. Lembro a noite na que falabamos con Kouji e Tomo da historia das nosas culturas, e recupero a cara de parvo que nos quedou cando, diante dun vaso de sake, os dous afirmábannos con total naturalidade que o pobo xaponés non lle garda rencor algún ós E.UA. polas barbaries de Hiroshima e Nagasaki. Eles tiveron, recoñecen, parte de culpa por ter atacado previamente Pearl Harbor.

Unha sociedade alegre, riseira, que se sabe divertir unha vez que aparca as súas obrigas. Vaia se se saben divertir @s xaponeses/as. A sociedade xaponesa é, querid@s amig@s, como dixen nun principio, unha sociedade case que perfecta. Pero non perfecta coma a neocelandesa, unha perfección que che empurra a transgredila por repelente, porque dá a sensación de ser pura fachada. A perfección da sociedade xaponesa convídache a ser partícipe dela, anímache a respectar e imitar as súas normas e automatismos. Porque está enfocada, está construída dende a humildade máis fonda, dende a modestia máis absoluta.

É por isto, e por outras moitas cousas, polo que lle concedo a Xapón a miña quinta Bola Máxica. Mais desta volta, esta Bola non a atopei eu só. Esta Bola atopeina canda moitos dos meus amigos. Esta Bola atopárona Juantxo, Brou, Potro, Gus, Dani, tan amantes da arte gráfica comercial xaponesa. Atopouna Nostris, que dende pequeno co karate leva toda a súa vida interesado na cultura nipona.

Porque eles si saben valorar un aspecto tan importante e tan característico deste fenomenal pobo. Porque se eu gocei da miña estancia neste país, só imaxinarme o que eles poderían ter desfrutado fixo que apreciera cada intre con meirande detemento, con mellor detalle.

Foron eles os que camiñaron diante miña, os que me guiaron ata chegar todos xuntos ata a porta dunha construcción esférica, sobre a cal, en grandes letras, locían as palabras “Capsule Corporation”. Foron eles os que falaron cunha moza de cabelo azul, de trato e xesto amables, a cal rematou por entregarlles a Bola Máxica.

Deica sempre, Xapón. Nunca esquecerei os días que pasei onda ti.

Advertisements

6 respostas a “Xapón. A quinta Bola Máxica non saíra da súa casa.

  1. Estaba deseando ler o blog de Xapón. Por fin xa está, Encántame Adri.

  2. La bandera de Japon Guapisima

  3. Xapón… impresionante! A que cambia a concepción do mundo con eles? Algún día tocarame a min, sisisis…

    Qué alegrón poder ler de novo a vosa andaina, Adri. Un achuchón enorme.

    • Si que cambia, si, Larinha! Deberias facer por que ese dia non tarde demasiado en chegar, porque desfrutar desa sociedade e unha experiencia das que deixan pegada para sempre.
      Apertas coma castelos de Osaka de grandes, pequecha!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s