Arquivos diarios: 29/11/2012

Xi’an e Cheng Du. De exércitos de pedra e osos de debuxos.

Martes 24 de outubro. Chegamos a Xi’an ás 09:30 da mañá. Foran trece horas de tren dende Pequín. Trece horas do mítico tren chinés. E sentados, algo que nos desaconsellaran categóricamente. Despois de escoitar o que escoitaramos, e coas historias e lendas que sobre el se contan na cabeza, a verdade é que o que agardabamos era pouco menos ca o inferno sobre unha vía, con xaulas de pitas cacarexándonos na orella, soterrados sobre un milleiro de maletas de chineses, e sobre elas un milleiro de chineses donos das maletas de chineses.

E o certo é que, a pesares de non ser a viaxe máis prácida das nosas vidas, non resultou ser, nin de lonxe, o suplicio que tiñamos pensado vivir. Incluso ceamos estupendamente nun vagón-restaurante, e quecimos tallaríns nas billas de auga quente das que dispón cada un do resto de vagóns comúns.

Como dixen, chegamos a Xi’an ás 09:30 da mañá. Capital da provincia de Shaanxi, parece ser que Xi’an é unha das cidades con máis historia da China. Ó ternos alonxado 1.400 quilómetros de Bei Jing, albergabamos a lixeira esperanza de que a atmósfera non estivese tan contaminada coma na capital da República Popular. Observar cómo a luz emitida por un panel publicitario se reflectía perfectamente na densidade da polución que o rodeaba fíxonos desbotar esa posibilidade de inmediato. E de paso morrer de noxo mentres temiamos polos nosos aparatos respiratorios.

Aloxámonos no HanTang Hostel, un dos mellores, se non o mellor de tódolos que levamos posto a proba ó longo do mundo. De recentísima construcción, contaba con todo tipo de actividades e prestacións, e nas paredes do recibidor locían diversos galardóns outorgados por diferentes medios especializados.

Tras tomar un día de descanso, o xoves decidimos visitar outro dos pratos fortes dentro da etapa chinesa: o Exército de Terracota. Antes, e dado que ese día non había sitio para nós no HanTang, houbemos de mudarnos de hostel. Non se pode dicir que resultase moi traumático o cambio, xa que o que fixemos non foi máis que trasladarnos ó HanTang antigo, ubicado na mesma rúa a 100 metros do novo.

O primeiro exército que nos fai fronte na nosa conquista, e era inanimado.

Unha vez instalados, entón si, dirixímonos ó Mausoleo do Emperador Qin. Alí, a 1.500 metros da tomba do citado emperador, foi soterrado todo un exército de soldados e cabalos feitos con terracota, unha especie de arcilla. En posición de ataque, xa que se cría que así seguirían ás súas ordes polo resto da eternidade.

Pavillón principal do mausoleo.

Descubertos por casualidade en 1.974, hoxe os guerreiros son expostos nun complexo composto por tres pavillóns. Consta de 7.000 soldados moldeados a tamaño natural, e todos son diferentes entre si. Diferentes idades, diferentes xestos, diferente estilo de belo facial. Verdadeiramente espectacular.

O mesmo que a Gran Muralla, escapa de todo ó entendemento por esaxerado. Un exército de pedra formado nada menos que por 7.000 guerreiros, cos seus cabalos e carros a tamaño real, soterrados durante máis de 2.200 anos. Pode que nos estivese a custar adaptarnos ó pobo chinés, mais o noso problema de acoplamento non impedía que esta cultura non deixase de sorprendernos día tras día.

Para o venres deixamos a visita de rigor á cidade. E a mesma evidenciou o que comentaba con anterioridade: Xi’an é unha cidade con historia. Está repletiña de templos, algún tan espectacular coma a Bell Tower.

Si, non vos vou enganar, non mellorei no meu problema de percepción que me impide atopar diferencias entre dous templos orientais. Mais nesta ocasión o elemento distintivo é evidente de máis: como o seu nome indica, a Bell Tower ten ó seu carón unha campá coma un castelo de grande.

Bell Tower

Ademáis chama a atención a súa ubicación, no medio e medio da estrada, na parte máis urbá da cidade, onde fai as veces de rotonda xigantesca.

Deseguido achegámonos ó barrio musulmán de Xi’an. Ó comezo as diferencias son case que inapreciables con respecto ó resto da cidade, máis aló dalgún birrete ou algún posto de especias que perfectamente tamén poderían ser chinesas. Pero conforme te vas adentrando, as tendas con camisolas de Hello Kitty e monecos de Angry Birds van deixando espazo a postos con pezas de carne curadas ó aire, e peles de animais recén despelexados ciscadas polo chan.

Abundan túnicas e sandalias, e, dentro do que permite a escasa espesura do belo facial entre as xentes desta parte do mundo, abundan tamén as longas barbas.

Para rematar, o último co que nos atopamos foi, primeiro a dúas cabras atadas a unha farola, para de contado topar directamente co rebaño enteiro, co seu can pastor e todo, sobre o asfalto da cidade.

Cando saímos do barrio musulmán, onde renunciamos a entrar na mesquita polo alto prezo da entrada, era tempo de deixar Xi’an. Había que continuar hacia o sur, e o seguinte punto marcado dentro da nosa ruta pola China era a cidade de Cheng Du. Desta volta, e a pesares de ser a distancia moito menor que de Pequín a Xi’an, a dificultosa orografía a sortear fai do traxecto a Cheng Du unha travesía de 16 horas, co cal, dado o escaso aumento de prezo, optamos por escoller liteira.

A bela Cheng Du.

Cando chegamos a Cheng Du era xa media mañá do sábado 27 de outubro. Cheng Du, capital da provincia de Sichuan, a cal se gaba de ter a mellor cociña de toda a China. Non sei se a mellor, pero na miña opinión, seguro que é a máis picante. E se non o é, pobres dos comensais da provincia que supere a Sichuan, tamén coñecida polo nome de Ul Zhe Ras. De estómago, pero iso xa queda longo de máis.

Instalámonos no Sim’s Cozy Garden Hostel, que, mantendo a liña de tódolos hostels nos que nos aloxaramos ata entón na China, tiña un nivel óptimo e a un prezo excelente. Ese mesmo serán apareceu no Sim’s Lithan, unha israelí que coñeceramos en Pequín durante a viaxe de retorno da Gran Muralla. Pola noite, de parranda con Cons, quedara con el en aparecernos en Cheng Du, e, de feito, para non faltar á súa palabra, meteuse unha tunda bestial de horas en tren dende máis ó norte de Pequín ata a capital do picante chinés, o que di moito da súa integridade.

Lithan, todo un amor de nena.

Si, era sábado 27. E non, non me esquece o acontecemento que tivo lugar aquel día. Era día de festa do fútbol galego. Era día de derbi. Mais non un derbi calquera. Era o derbi do reencontro en Primeira. Tratei de velo, canda Lithan e Cons, nun bar onde no hostel me dixeran que o poderían emitir vía internet. Auga. Tiven que voltar escopetado ó Sim’s, mais a conexión alí non alcanzaba nin para escoitalo pola radio, así que, máis escopetado aínda, púxenme a procurar un ciber. Atopeino na rúa pegada ó hostel.

Ó final reparto de puntos con sabor bastante amargo para o Celta, a quén a expulsión de Cabral lle curtou un ritmo que facía pensar que podería quedar coa vitoria. De feito, incluso con dez se amosou superior a un Dépor bastante reservón, dispoñendo das mellores ocasións. Na volta en Riazor, xa comigo presente, non nos escaparán.

O luns acollímonos ó principal atractivo que ofrece Cheng Du cidade: osos panda. Pola mañá cedo, no-los dous e máis Lithan arrincamos hacia a Reserva de Wolong, a menos dunha hora en micro dende o hostel. Alí tivemos o privilexio de observar ben de preto a unha das especies máis ameazadas do planeta. E tamén unha das máis adorables.

Non quero poñerme en plan ñoño, pero a verdade é que os bechos non poden ser máis simpáticos. Con eses andares, cos que menean o cú describindo un arco pronunciadísimo e graciosísimo. Con esas maneiras de sentar, repanchingados de todo, sacando panza e rañando nela coas gadoupas.

O que teñen de simpáticos téñeno tamén de lacazáns. Botan o día ou rillando, xa que a súa dieta principal baséase no bambú, alimento demasiado lixeiro e do que precisan inxerir unha barbaridade de quilos para cubrir as súas necesidades diarias, ou durmindo. E poden durmir nas posicións máis inverosímiles, coma o que estaba botando unha soneca todo cheo escarranchado na póla dunha árbore.

Outro handicap que teñen como especie, ademáis da dificultade para atopar comida de abondo, é á hora de aparearse. Parece ser que as femias son bastante selectivas, e aínda por riba, cando o macho resulta convincente, o seu esperma é de baixa calidade e as posibilidades de fecundar á parella non son demasiado elevadas.

Total, que non dubido que o home teña gran parte da culpa do estado de perigo de extinción no que se atopa o oso panda, pero non me negaredes que un animal destas características, en estado salvaxe teno máis ben complicado para mante-la especie. Toda a vida papando ou durmindo, levando cabazas das mozas e pegando gatillazos. Se o fago eu, na miña terra son un panoco, un túzaro de toda a vida. Pero claro, como os pandas son tan monos…

Cría de panda na enfermeiría.

Para o día seguinte tiñamos pensado visitar a montaña de Qing Cheng. Mais cando soou o espertador, cada un estaba pregando ós deuses para que non se erguera o outro, xa que os dous estabamos escarallados vivos, así que dadas as circunstancias, e aínda sen mediar palabra, non foi difícil chegar a un acordo. E cando nos dimos erguido, botamos o resto do día lacazaneando, o cal invita a pensar que a actitude dos pandas posiblemente veña dada polo aire que se respira en Sichuan.

Cons con Lithan, e eu pasei o serán de parola con Anne, unha moza que traballaba na recepción do Sim’s, e que coñecera o día anterior, cando fixera de guía para o noso grupo en Wolong. Pan Hong Sen era o seu nome en chinés, e a rapaza non tiña desperdicio. Soñadora e loitadora a partes iguais, tiña os seus obxectivos na vida ben claros e marcados, e a súa seguridade en rematar por acadalos resultaba admirable.

Anne, cunha cariña un tanto retorcida, mais é o que teño para amosarvos.

O mércores si que non perdoamos a visita á Qing Cheng Shan. E para elo contamos cun compañeiro de ascenso. Xa había tempo que non se daba o caso, e xa se botaba de menos: no bus hacia a montaña coñecimos, cómo non, a un arxentino. E cómo non, a conexión foi inmediata e a compenetración total. Chamábase Dani, e andaba pola China de vacacións e adestrando tai chi. Outro verdadeiro fenómeno que me fai preguntarme se algún día coñecerei a algunha persoa nada na Arxentina que me caia mal, aparte de Scaloni.

Canda Dani no comezo do ascenso á montaña.

Pois os tres xuntos iniciamos o proceso de exploración de Qing Cheng, unha montaña ateigada de templos taoístas. A vila que se atopa ó seu pé é ben xeitosa, formada por rúas adoquinadas e casiñas de madeira.

Xa iniciando o ascenso tras cruzar unha ponte de cordas, o monte Qing Cheng desprega toda a súa beleza. Nós decidimos escalar a cara sur, con menos templos e máis natureza, e coido que atinamos. O ascenso prodúcese por unhas escadas de madeira que entonan por completo co entorno.

Baixo túa vai quedando un perfil abrupto, cheo de fendas por onde se desliza a auga, fendas que acollen rochas e penedos cubertas de musgo, e que tornan en serpenteante o camiño da auga, dándolle un toque aínda máis singular.

En moitos dos descansos entre os tramos de escadas hai unhas cubertas pensadas para descansar, tamén de madeira e co teito de deseño oriental, que coa auga caíndo por detrás e a vexetación asomando non podían ser máis acaídas.

Así estivemos ascendendo, entre cantís, lagoas, pequenas fervenzas, rochas e verde follaxe, durante dúas cansas pero moi agradables horas. Ata que ó coroalo, o monte Qing Cheng permitiunos o desfrute do seu val.

Cuberto de frondosa vexetación, e ben fondo, alá abaixo. Cunha lixeira brétema que lembra a humidade do lugar e lle aporta se cabe un chisco máis de encanto. Iniciamos as outras dúas horas de descenso coa satisfacción de ter percorrido un lugar de enorme beleza.

De volta ó Sim’s, e aproveitando a compaña de Dani e que había festa Halloween, metímoslle un pouco de troula ó corpo. Tampouco me esquezo da derrota do Celta en Almería na ida dos dezaseisavos de final da Copa, só que este partido non o puiden nin ver nin escoitar. Parece ser que o señor colexiado non andou moi fino, pero iso non debe servir de excusa para tapar unha derrota contra un equipo de inferior categoría.

Ó día seguinte tocaba de novo estrada, unha nova inxesta de quilómetros das que causan fartura. O destino desta volta era Li Jiang, co que nos adentrabamos na derradeira provincia que habemos visitar na China: Yunnan. A que din máis bela é.

Polo momento, a nosa impresión sobre a China melloraba lixeiramente. E xa non só no que atingue ós puntos turísticos a visitar, esa impresión sempre foi moi boa. Lonxe do estrés da macro-urbe, e aínda que na China todas o sexan, a xente dispón de máis tempo para fixarse no que ten ó seu carón, cando menos un par de segundos nos que ollar para ti e escoitar o que lle tes que dicir. Que xa é un comezo. Como dixen, o achegamento continuaría en Li Jiang.

O día que non souben responder de ónde era.

O domingo era un home ilusionado. Nervioso, expectante. Pode que algo preocupado. Mais, por riba de tódalas cousas, ilusionado. Había pouco máis de oito meses que marchara do meu país para cumpri-lo soño da miña vida, na procura dunha experienza que encha o meu espírito e a miña mente, dun proceso de aprendizaxe que me forme e me convirta nunha persoa apta para axudar na loita por mudar este mundo nun lugar máis xusto.

Levaba oito meses pregoando con orgullo o nome do meu país por cada un dos recunchos deste planeta. Nuns poucos deles xa o coñecían. Nalgún en concreto, un específicamente, facíano moi ben, case mellor ca min. Mais na meirande parte do mundo, a xente coa que falaba non sabía ónde está o meu país. Nin escoitaran falar del. Ninguén. Non me importaba.

Cando me preguntaban de ónde era, eu explicáballes a xentes de tódalas culturas, razas e relixións, co peito enchido e a man no corazón, que o meu é un país moi pequerrechiño. Un país fermoso, bonito a rabiar. O país coa mellor comida, as mellores praias e a mellor troula do mundo.

Un país habitado por xentes humildes, modestas, sinxelas. Traballadoras inesgotables. Xentes honestas, puras, para as que a palabra significa todo. Unha cultura solidaria, onde a palabra “irmandade” figura nos capítulos máis relevantes da súa historia. Un país habitado por xentes bravas, orgullosas, de enorme amor propio. Xente con coraxe. Un país que tempo atrás foi o primeiro reino de Europa en erguerse contra os poderosos, contra as clases privilexiadas.

Todo iso fun dicindo do meu país, coa man no corazón e o peito enchido, ás xentes que me preguntaban de ónde era. Dende a Patagonia ata Canadá, e dende as antípodas ata o lonxano oriente.

Si. O domingo estaba ilusionado. As enquisas dicían que o índice de participación ía ser moi baixo, pero eu non lles facía caso. ¿Cómo non ía participar a xente? Había catro anos que o presidente do meu país presentara en campaña electoral un catálogo con 14 promesas, das cales incumprira as 14. E o meu país está habitado por xentes honestas, puras, para as que a palabra significa todo.

O goberno do meu país levaba catro anos retirando axudas ós dependentes, recurtando en servizos públicos ou obrigando a pagar por medicamentos e libros de texto. Catro anos afogando e machacando ás familias máis desfavorecidas. E o meu país está habitado por xentes humildes, modestas, sinxelas.

En catro anos o goberno colocara ó meu país á cabeza do desemprego, cos seus principais sectores produtivos feridos de morte. E as xentes do meu país son traballadoras inesgotables.

Nos últimos catro anos o goberno do meu país lapidara privilexios que o pobo gañara tempo atrás coa súa loita e o seu esforzo, eliminara dun plumazo dereitos que a clase traballadora conseguira nunha loita que custara moitas vidas. E o meu país está habitado por xentes bravas, orgullosas, de enorme amor propio. Xentes con coraxe.

Por suposto que a xente ía participar. E íanlle facer pagar a tan infame personaxe por tódalas atrocidades cometidas. Sen dúbida era o momento. Había moito tempo que a cultura galega, o noso tesouro máis prezado, non sufría ataques tan rabiosos, con tanto odio. Concretamente dende o réxime dictatorial fascista. Dende os días nos que Francisco Franco silenciaba ós que preguntaban pola liberdade a base de cadea ou fusilamentos, a perda de dereitos básicos por parte do pobo non se convertía nunha sangría de tales dimensións.

Era o momento de dicir basta. Xa abonda. As mesmas políticas, o mesmo sistema vil e putrefacto que está levando o planeta á súa autodestrucción, estaba devorando a nosa sociedade dende o máis básico, dende as súas raíces. Estaba desarticulando todas e cada unha das súas capas. Agás, por suposto, onde habita o gran capital. Alá arriba, dende os máis ricos ollan para nós con desprezo. Mais eses non fan que o mundo funcione, senón todo o contrario.

Pois claro que era o momento. Por fin, despois dun longo e deseperante período de letargo, o pobo espertara. Había un tempo que deixara a un lado a súa pasividade, a súa indeferencia. Un par de anos atrás aparcara a súa sumisión para comezar a cuestionarse cousas, a saír á rúa para anunciar que xa non estamos dispostos a tragar máis. A rebelarse. Pedían cousas. Solicitaban cambios. Novas propostas máis aló dos mesmos de sempre, aqueles que se enquistaron no poder e nos afundiron no abismo no que hoxe nos atopamos. Os que cunha noxenta complicidade se foran alternando nun trono que corrompera ata as entrañas a aqueles que non viñan xa corruptos das súas casas. O pobo demandaba trocos. Unha alternativa á que aferrarse.

E as súas peticións foran escoitadas. Abofé que o foran. @s galeg@s podían elixir a alternativa que o nacionalismo leva toda a vida encarnando na contra do sistema establecido coas propostas de sempre. Coa promesa de traballar por e para a xente. Coa oferta dunha saída da crise pola esquerda, respectando os servizos públicos e potenciando os sectores productivos propios do país. Sempre coa nosa cultura por bandeira. Sempre co sentimento galeguista como elemento de confraternización.

Por outra banda, @s galeg@s podían ter escollido un proxecto nado dende a xenerosidade e co obxectivo de servir de fogar común para a esquerda deste país. Un proxecto no que unha das mentes máis brilantes que a nosa política xamáis deu, tendeu a man a todas aquelas forzas políticas, galeguistas e de esquerdas, que estivesen dispostas a facer un esforzo cedendo lixeiramente nos seus programas para unirse nunha fronte sólida e solidaria, que poida prantar cara con firmeza ás políticas antigalegas e antisociais do actual goberno nacional.

Tamén podían @s galeg@s terse decantado por outro proxecto nado para a ocasión, e que tamén foi concebido mediante a unión de forzas decididas a representar esa nova ferramenta que valla á sociedade galega para enfrontar a dictadura do capital. Un proxecto que veu a encher o baleiro existente no espazo reservado ó galeguismo de centro, no que se vexan reflectid@s @s galeguistas máis moderad@s que ata entón tiñan que optar por partidos de ámbito estatal ou nacionalismos máis á esquerda do seu ideario.

E así podería continuar enumerando as distintas opcións, podería seguir enunciando as diferentes alternativas existentes que o pobo solicitara, ata, por exemplo, as 21 candidaturas que se presentaron pola provincia de Pontevedra, que na Coruña foron 19, en Ourense 18 e en Lugo 16.

Xa o creo que era o momento. Co país sumido nun estado de precariedade que non se daba dende había 70 anos. Coa xante na rúa clamando polo cambio. Co instrumento preciso para iniciar ese cambio ó servizo desa xente. Coa idiosincrasia da nosa sociedade enfrontada irremisiblemente ós elementos opresores que tratan de erradicala.

Era o momento de da-lo paso cara adiante. De actuar con decisión, con afouteza. De rachar coas ataduras de tópicos e mentiras. De revolverse contra a manipulación. De darlle as costas a corruptos e deshonestos, a féridos e duros, imbéciles e escuros; e darlle o apoio ás alternativas demandadas, á xente que atendera as peticións do pobo. Ós bos e xenerosos.

Era, en definitiva, o momento de declarar a guerra ós ricos. De botar ós que gobernan exclusivamente para eles. De combater a tiranía do capital. De rebelarse contra humillacións e opresións. De berrar non ós que están do lado duns poucos privilexiados e na contra dunha maioría esmagante, esquecida e pisoteada nos seus dereitos máis básicos. E iso só podía acontecer se o domingo as xentes do meu país saían en masa a exercer o seu dereito ó voto, que entón máis que nunca non era un dereito, era unha obriga. E se votaban con tino.

Mais nada disto sucedeu. As enquisas, aquelas que dicían que o índice de participación ía ser moi baixo, estaban no certo. A xente quedou na casa. Non prestou o seu apoio a aqueles que a escoitaran, non escoitou a aqueles que lle prestaran o seu apoio. Os mesmos de sempre, aqueles que se enquistaron no poder e nos afundiron no abismo no que hoxe nos atopamos; os corruptos, deshonestos, féridos, duros, imbéciles e escuros; os que nos humillan e oprimen; es que gobernan para uns poucos privilexiados e na contra dunha maioría esmagante, renovaron maioría absoluta e obtiveron 3 escanos máis que catro anos atrás.

Ninguén sabe qué foi das xentes honestas, puras, para as que a palabra significa todo. Ninguén se explica en qué estaban pensando as xentes humildes, modestas, sinxelas. Nin rastro das xentes bravas, orgullosas, nin das traballadoras inesgotables.

Un non sabe qué ten que acontecer para que reaccionen, pero dá medo pensalo. Quizáis a que lles falte o prato de comida a eles, pode que non abonde con botar unha ollada ó seu redor e comprobar que lles falta a moit@s d@s seus/súas compatriotas. Ou pode que nin tan sequera se dignaran en botar esa ollada.

Por outra banda, é certo. A clase política debe facer unha reflexión máis aló, e atopar as cousas que se fixeron mal para non facerlle ver ó pobo a extrema gravidade da situación que atravesamos. Ou máis importante aínda: qué non se soubo ver do que o pobo demendaba para saír de tal situación. E, cómo non, debe tamén ollar cara adiante. Valorar o magnífico traballo realizado e os extraordinarios resultados obtidos por A.G.E. Aferrarse a el coma ó tremendo raio de esperanza que é, tomalo como referencia e a partires de aí traballar con máis dureza que nunca. Eu, pola miña conta, iso farei. Palabra.

O luns era un home afundido. Os nervios tornaran en desolación, a expectación mudara en desesperanza. Mais, por riba de tódalas cousas, estaba defraudado. Mentres paseaba pola Gran Muralla Chinesa, dúas mozas londiñenses, divertidas e bulideiras, presentáronseme, e unha preguntoume:

-¿De ónde es?

Eu baixei a vista ata o chan, e así permanecín durante uns eternos dez segundos. Deseguido erguín de novo a mirada, e craveina nos ollos da moza londiñense, que agardaba co xesto desconcertado.

O meu é un país moi pequerrechiño. Un país fermoso, bonito a rabiar. O país coa mellor comida, as mellores praias e a mellor troula do mundo. Un país habitado por xentes humildes…