Tres cuartos de Volta ó Mundo. Paréntese para reflexionar, parte III

Martes 20 de novembro. Hoxe cúmprense 9 meses dende o día que deu comezo a aventura de pegar a Volta ó Mundo. E dado que ésta se compón exactamente dun ano, nin un día máis nin un día menos, se simplificamos a fracción atopámonos con que xa se consumiron tres cuartas partes da mesma. Así que continuando coa tradición iniciada no primeiro dos tres cuartos, é tempo de deterse e analisar.

goku pescando

Nove meses. Nove meses dando forma a un soño que foi dando a luz ós seus froitos ó longo do seu período de xestación. De vagar, paseniño. De xeito constante, ininterrompido. Nada do que ofreceu é merecedor de ser rexeitado. Todo aporta, todo suma. Vivencias de todo tipo e para tódolos gustos. Unhas poucas negativas. Hai que procurar ben fondo no caixón, o seu número supón unha porcentaxe inapreciable. A meirande parte enormemente gratas. Son éstas á nosa viaxe o que os glóbulos vermellos ó sangue, o que os riffs de guitarra a un tema de rock ‘n’ roll. Representan a maioría no seu conxunto, a esencia fundamental do elemento resultante. Todas elas, negativas e positivas, igualmente didácticas.

Cumpridos os tres cuartos de aventura, o certo é que marea botar a vista atrás. Hai tanto rollo de filme polo medio que custa traballo atopar a escena no cumio daquela ladeira en Olinda, onde sentamos a analisar o noso primeiro día de viaxe, o primeiro día de entroido brasileiro. Hai que procurar para atopalo, pero a súa imaxe está nítida, e soa de marabilla. Case tan ben coma un concerto de Seu Jorge.

Aínda así, transcorridos nove meses dende o comezo, a memoria comeza a se amosar selectiva. Con lugares, con anécdotas. Incluso coa xente. E a memoria sabe o que fai. Unha boa montaxe é fundamental en toda película cun mínimo de calidade. Por moito que lle doa ó director, hai escenas que deben ser eliminadas, recurtadas ou desprazadas a un segundo plano. Os destinos que menos impresión causaron, as experienzas menos relevantes ou os personaxes que pasaron con meirande discrección polo devir de días e países, vense relegados pouco a pouco a recunchos máis discretos na área da lembranza reservada para esta viaxe. Á hora de ubicalos o tempo e o espazo amósanse confusos. Os nomes mistúranse.

-goku-and-bulma_20120523223026

Mais non ocorre o mesmo cos elementos de maior incidencia. Os escenarios máis impactantes reconstrúense de imediato na corteza cerebral no instante mesmo no que se pechan os ollos. As historias máis rocambolescas reprodúcense diante de un coma se dunha sesión de cine con proxector se tratase. E, cómo non, as persoas que máis pegada deixaron, aqueles que representaron un papel de meirande peso na trama, seguen a desfrutar dos mesmos metros cadrados de espazo no corazón que os que se lles outorgaron no intre de cada unha das súas despedidas. Nada cambiará isto xa.

dragon-ball-revenge-of-king-picallo-cast-of-characters-screenshot

E é este último aspecto, o desgaste emocional que tanto recalquei tamén nas dúas anteriores parénteses para reflexionar, un dos que máis protagonismo gañou nos meses que restan por comentar. Era de agardar que así acontecese. No momento que fixo acto de presenza o cansanzo físico, houbo que desprenderse da pesada coiraza instalada no seu día para protexerse de penas e mágoas, morriñas e saudades causadas polas constantes despedidas dos innumerables seres extraordinarios que se foran cruzando no camiño.

GokuCry

Houbo que desprenderse da coiraza por cansanzo, si. Pero a pobre tampouco daba máis de sí. Estaba esnaquizada. As últimas persoas ás que houbo que dicir adeus golpeárona con suma violencia. Álex, amigo da panda de toda a vida, Meri e Ramón en Auckland. Tomo e Kouji no Xapón. O Xapón enteiro. Félix, Lithan ou Anne na China. O escudo xa non resistía máis. O problema é que vai ser complicado instalar outro unha vez desprendido éste.

Outro factor de desgaste co que houbo que lidiar, e neste caso persoalizo, foi o lastre económico. Foi un lastre que me vin na obriga de arrastrar dende o segundo 1 de Volta ó Mundo. Mais foi un lastre que se tornou inamovible unha vez chegado ó Primeiro Mundo. Nos pouco máis de dous meses que incluíron as visitas ós E.U.A, Nova Zelandia, Australia e Xapón, a miña economía pasou de calamitosa a inviable. Tiven que admitir que o meu non era unha unha desaceleración económica. Que estaba en pura crise. E entrei en recesión.

E foi entón cando me decatei de que aquel xa non era o meu soño. Máis preocupado polo peto que por continuar coa aprendizaxe, xa non era quén de desfrutar do meu privilexio. Aquelo que tanto me propuxera, o valorar cada intre da experienza máis importante da miña vida, resultábame imposible ante a ameaza, cada vez máis plausible, de que todo rematase. Era o momento de tomar decisións drásticas. Das que parten a ialma. Era o momento de poñer punto e final e voltar á casa.

songoku todo fodido

Mais foi entón cando apareceu a miña particular Unión Europea co rescate debaixo do brazo. Co rescate e nada máis. Nada de burócratas que controlen a miña economía polos séculos dos séculos. Nada de esixencias de leis de austeridade, recurtes ou demáis obrigas que me afogasen máis do que xa estaba. Porque nin a miña nai nin a miña avoa son Angela Merkel. Tampouco me esquezo da miña irmá e o meu cuñado, nin da miña outra familia, os meus máis achegados amigos do Calvario. Tiven que frealos, xa que a pesares da dificilísima situación pola que todos atravesan, xa estaban petando na porta do meu banco cos cartos na man para ingresarme.

O privilexio de contar con esta xente na Galiza posibilitou que voltase a desfrutar do privilexio de rematar de cumprir o soño da miña vida.

peñuqui 2

Un dos poucos aspectos da viaxe que non mudou nin un chisco foi o ritmo de aprendizaxe. Ou pode que si. Unha vez en Asia, éste incrementouse de xeito considerable. Na terra máis insólita posible as circunstancias obrigan. Na cultura máis remota coa que un galego se pode misturar, ningún dos recursos utilizados ata entón surten efecto. As formas de comunicación máis básicas proveñen de universos diferentes. A fala, a escritura, a lectura. Calquera parecido non é unha casualidade. É unha milagre. E xa se sabe que as milagres non existen. Hai que buscar novas vías de comunicación. E diso apréndese, e moito.

P1070978

En Asia apréndese do mesmo xeito a derrubar vellos e estúpidos tópicos. Non tódolos asiáticos son iguais. O segundo paso por unha fronteira en Asia non o puido deixar máis claro. Foi coma se xaponeses  e chineses se confabulasen para evidenciar que os veciños poden vivir en mundos opostos. Agradécese o esmero, mais o mesmo na China pecaron de exceso de vehemencia.

Tamén sorprende a súa sopresa. O seu monumenteal abraio cada vez que observan alguén de ollos redondos, cabelos claros ou barba tupida. O interese que poñen en saber da súa procedencia, a enorme calor que lle prestan. E sorprende sobre todo se a comparamos coa total indiferencia, no mellor dos casos, coa que se reacciona en occidente cando pasa alguén de ollos rasgados, naris chato e lacios cabelos mouros. A priori semella máis proveitosa a actitude deles. Máis humana. De todo se aprende.

Mais non só en Asia de desenvolveu o terceiro cuarto de aventura. Culturas oceánicas tamén pasaron a engrosar a listaxe de pobos diseccionados no roteiro. Non o foi tanto Nova Zelandia. A maorí, unha cultura que sempre espertou poderosamente o meu interese, pasou nos once días de estancia no país dos kiwis de destino predilecto a espiña cravada. O nivel de vida imposto polos seus colonos imposibilitou o meu acceso ós seus costumes.

Onde si existiu máis implicación, e polo tanto adquisición de coñecementos, foi no tocante ó pobo aborixe en Australia. Resultou duro e moi desagradable comprobar o estado de marxinación social ó que son sometidos os poboadores orixinais deste territorio. Abonda dicir que ata 1.967 nin sequera estaban considerados seres humáns. Entraban dentro das leis de fauna e flora do país. Moito ten que camiñar esa sociedade para acadar un nivel aceptable de covivencia e igualdade entre indíxenas e colonos.

P1070278

O 75% da Volta ó Mundo xa voou. Mais non o 75% dos coñecementos que nela se poden adquirir. O percorrido polos mundos máis inauditos continúa. O incremento do ritmo de aprendizaxe non fixo máis ca comezar a inclinar a súa curva estatística. Surleste asiático e India, elementos compoñentes do derradeiro treito de viaxe, agardan coa vara de impartir leccións alzada.

E haberá que acudir a eles con ou sen coiraza. Con tres cuartos de camiño percorrido, cando a fin xa se albisca, hai que chegar a ela aínda que sexa co motor parado, empurrando. E ollo, porque onde agora me atopo existe a posibilidade física de chegar camiñando. Deixádevos que co da Gorxa do Chimpo do Tigre non me veña arriba e dea algunha sorpresa. ¿Alguén quere apostar?

1313320507252_f

Advertisements

5 respostas a “Tres cuartos de Volta ó Mundo. Paréntese para reflexionar, parte III

  1. Pos mira meniño! Eu se non fora inverno – inverno animaríate a vir camiñando. Pero as temperaturas continentais estes meses son de caerse de cú… de todos xeitos si che apetece eu douche cama, comida e mimos en Burdeos, que queda na ruta 😉

    Estupendo o balance dos nove mesiños, eh? A disfrutar do que queda!!

  2. Fantástica a reflexión dos tres cuartos de volta ó mundo. Coma sempre emocionanme os teus comentarios. Bicos.

  3. Nin Wiiliam Wallace sendo torturado en”Braveheart”,nin cando Rachel case marcha para Paris en “Friends”,nin cando morreu Mufasa no “Rei León”,nen cando se atopan todos en “Lo imposible”,en ninguna desas situacións emocionome tanto coma cando leo as túas divagacuóns…Parabéns,machote!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s