Luang Prabang e Vientián. E chegados a Laos, acabouse o caos.

Martes 27 de novembro. Ídesme permitir tan patética licencia poética, pero que serve perfectamente para reflectir o troco que se percibe nada máis cruza-la fronteira entre o Vietnam e Laos. A sensación estresante que te invade ó pasear polas rúas das grandes cidades vietnamitas, e que se fai especialmente notorio no seu tráfico, acouga de xeito drástico no territorio veciño do sur. Moita menos xente nas rúas, e moitísimos menos vehículos na estrada, motos en particular. E as que hai deixan o claxon tranquilo, algo que eu agradecín profundamente.

Mais non todo foi paz e relaxación á nosa chegada a Laos. De feito, a toma de contacto coa República Socialista indochina non puido ser máis accidentada. Viñamos de selar o visado que nos permitía o ingreso ó país, para o cal houbo que abonar 36 dólares, cartos estes que me adiantaran os membros do persoal do autobús, xa que eu non dispoñía nin de dólares nin de kips, a moeda laosiana. Con éstas, unha vez rematados os trámites, subimos de volta ó autobús para prosegui-lo camiño.

Luang Prabang.

Luang Prabang.

Era a mañá do mércores 28 de novembro, e aínda nos quedaban 10 horas dun traxecto, o Ha Noi – Luang Prabang, que consta de entre 24 e 30, coma nos aseguraran ó merca-lo billete. Importante horquilla, ¿verdade? Pois se digo que quedaron curtos, quedaría curto eu. Ós poucos minutos de retomar a marcha, comezamos a avanzar por unha estrada de terra. Terra que, debido á choiva que estaba a caer, mudara en lama. De súpeto, detivémonos. E logo dun par de minutos detidos, o conductor apagou o motor. Escoitáronse cruzar un par de berros en vietnamita, e o persoal comezou a baixar do autobús.

Cando fixen o propio, uns cen metros máis aló da nosa posición, puiden albiscar dous camións cruzados no medio da estrada. Quedaran atrapados na lama, e imposibilitaban o paso de calquera vehículo de dimensións superiores a unha moto. “Nada que non poida arranxar un simple guindastre”, dixen eu, confiado. E voltei ó autobús a botar unha soneca.

Espertei ó cabo dun par de horas, e baixei a comproba-lo estado da situación. Nada mudara. En absoluto. Os camións seguían na mesma posición, e a única novidade era o aumento do número de xente que os rodeaba. Decidín achegarme ó punto exacto do conflicto. Como dixen, aquelo estaba ateigado de vietnamitas e laosianos. Falaban entre eles, e observaban para os camións con facianas de preocupación. Sentados neles. E penso que esta curiosa faceta, ou habilidade, ou superpoder co que contan as xentes destas latitudes do planeta aínda non volo comentei.

P1080888

Si. Sentan neles. Nunha posición que lembra a un paxaro pousado nunha póla, flexionan as pernas, sacan os xeonllos para fóra e, cos calcaños pegados ó chan, depositan o peso de todo o corpo sobre os xemelgos. E nesta postura, na que o resto dos mortais podemos aturar entre 3 décimas e 45 segundos dependendo de se es un crápula ou un atleta de elite, chineses e indochineses teñen a potestade de botar horas. Eu diría que meses. Senón o resto da humanidade. E está caralludo, porque ó sentar neles non precisan cadeiras:

-Senta, por favor.

-¿Ónde?

-¡En ti!

Así pois, ese era o panorama na enlamada estrada do medio de Laos. A fileira de vehículos atrapados, tanto nun sentido coma no outro, non paraba de medrar. Aquelo non paraba de encherse de xente, e todos seguían o mesmo proceder. Chegaban, e preguntábanlle ó que estaba ó carón polo que alí acontecera. Ó escoitar a explicación, poñían cara de “¡Ah!, pois si que estamos fodidos.” E sentaban neles.

As horas pasaban e nada facía pensar que a estampa fose mudar un mínimo. Mais a verdade é que os ocupantes do noso autobús levaban a situación con enorme e sorprendente naturalidade e bo humor. Falaban entre eles, rían, vían películas no portátil dun deles. Polo que a min respecta, non o levaba tan ben. Cando caeu a noite cumpríronse 30 horas dende a última vez que lle metera algo sólido ó corpo. Xa vos dixen que non dispoñía nin de dólares nin de kips, non podía mercar comida.

P1080854

Estaba sentado unhas poucas fileiras máis adiante do resto do grupo, ollando pola xanela. Obsevaba os animaliños pasar, e imaxinábaos a cada un deles cociñado e pousado enriba dun prato. Incluso algún elemento inerte. Porque por aquel entón sería quén de comer ata pedras. Chovía, pero só na miña fiestra.

Entón, un dos conductores chamou por min. Vin para el, e cun aceno convidoume a unirme a eles cinco. Sobre dous asentos, atravesando o corredor do bus, colocaran o letreiro que indicaba o traxecto, e sobre el pousaran dúas bolsas plásticas. Nunha delas había arroz, e na outra anacos de carne troceada. Coas súas mans de unllas quilométricas, collían unha puñada de arroz, moldeábana ata darlle forma de croqueta, e dábanma para comer. A carne tamén a comiamos coas mans. Estaba fría coma o xeo, era dura e graxa. Non había dúbida: era can. Xa o probara días atrás, unha noite que foramos cear co Vegetable Team, pero desta volta era por sobrevivencia. Lembreime de cando había uns minutos ollaba pola xanela imaxinando os animais cociñados sobre un prato. Non hai nada coma desexar algo con tódalas túas forzas para que se acabe cumprindo. Sóubome todo a gloria.

P1080823

E amenceu un novo día, e foi o único novo nas nosas vidas. Á mañá seguinte, cando se cumprían 20 horas de retención na estrada enlamada, os camións non se moveran nin un milímetro. Entón, no noso autobús mudaron os ánimos. A naturalidade e o bo humor tornaron en desesperación e impotencia. Sensacións éstas que se intensificaban ó non recibir explicación algunha debido á barreira idiomática  existente co persoal du autobús.

E tomáronse decisións. Os ocupantes do noso bus, Cons incluído, decidiron coller cadansúa equipaxe e achegarse camiñando á poboación máis próxima, para alí tomar un novo autobús que os levase definitivamente a Luang Prabang. Eu, unha vez máis, desmarqueime. Decidín ficar canda aquel autobús ó que xa lle comezaba a medrar musgo. Para comezar, ó terme adiantado os cartos para o visado, o persoal do bus tiña retido o meu pasaporte. E para continuar, aquela xente convidárame a cear primeiro a noite anterior cando estaba a piques de morrer de inanición, e a almorzar logo, esa mesma mañá, de novo con roliños de arroz e algunha que outra verdura. Atopábame moi a gusto entre eles a pesares de non falar nin unha palabra do seu idioma,e viceversa. Así as cousas, uns partiron, e outro -eu- quedou.

Un dos milleiros de Budas que te podes atopar en calquera dos milleiros de templos de Luang Prabang. Éste, deitado.

Un dos milleiros de Budas que te podes atopar en calquera dos milleiros de templos de Luang Prabang. Éste, deitado.

Ó cabo de cousa dunha hora e pico, producíronse novidades na estrada enlamada. Fíxoselle espazo entre os vehículos atrapados a un guindastre, e éste procedeu a remolcar ós camións que taponaban o paso. Logo de 22 horas. Case que un día enteiro tardaron os servizos de estrada en retirar os vehículos que impedían o tránsito en ambalasdúas direccións nunha vía de comunicación entre dous países. Mais o importante era que xa estabamos en movemento. O acontecemento celebrouse no bus entre berros, cánticos e risas, das cales os vietnamitas trataban de facerme partícipe. Era un máis dunha tripulación que xa só estaba integrada polo persoal traballador e máis un servidor, ademáis dunha parella de mozas locais que se subiran no medio da confusión, as cales, por certo, convidáronme a xantar.

P1080827

Pasaba das 22:00 da noite cando, tras 52 horas de autobús, e 30 de retraso, finalmente fixen acto de presenza na vila de Luang Prabang. Estaba esgotado, así que só me deu para seguir a remontada do Celta no partido de volta de dezaseisavos de final da Copa de España fronte ó Almería, coa temida prórroga incluída. Nos oitavos agarda o meu amado Real Madrid, o seguinte obstáculo no noso camiño. Cousa fina.

Ó día seguinte saímos a dar unha volta canda Linus e Karin, unha parella sueca que coñeceramos na odisea do autobús dende Ha Noi. Eran os suecos a mar de simpáticos, agradables e moi intelixentes. Reaccionaban con modestia cando poñiamos polas nubes o sistema socio-político do seu país, e botaban as mans á cabeza cando o comparabamos co noso. De feito, metéronme unhas gañas enormes de visitar Suecia. Boa festa, temperaturas fresquiñas, din que os mariscos e pescados son comparables ós nosos, e un salario de segurata que duplica nun mes o que eu gañei en toda a miña dilatada e gloriosa carreira.

Linus e Karin. os dous loiros que aparecen en primeiro termo, na furgoneta que colleron para chegar a Luang Prabang.

Linus e Karin. os dous loiros que aparecen en primeiro termo, na furgoneta que colleron para chegar a Luang Prabang.

Luang Prabang é unha cidade pequena e tranquila, ubicada no norte do país. Está repletiña de templos por tódolos recunchos -de verdade que o seu número resulta esaxerado-, o que lle dá á vila un toque místico e relaxante. Moitos deles sucédense ó longo do ascenso á colina de Phu Si. O mesmo prodúcese por medio dunha escada de 300 chanzos, con pasamáns de dragón e figuras varias de Buda amenizando a subida.

Ascenso á colina

Ascenso á colina

Ó chegar ó cumio, xunto ó templo máis importante do lugar, chamado That Chomski, pódense desfrutar dunhas fermosísimas vistas da cidade medrando á beira do Mekong.

That

That Chomski.

Nós tivemos a inmensa sorte de chegar contra o solpor, o cal fai o momento máis especial e bucólico. Baixamos de volta a colina Phu Si, e dirixímonos ó Mercado de Noite.

Solpor sobre Luang Prabang.

Solpor sobre Luang Prabang.

O Mercado de Noite de Luang Prabang está formado por pequenos postos onde se poden adquirir diversos artigos de artesanía local e souvenirs de todo tipo, degustar diferentes bocados da gastronomía do lugar, e o que a min máis me entregou: beber un dos variadísimos batidos que oferta esta zona de Luang Prabang, e que son todos deleitosos.

Un sector do Mercado de Noite de Luang Prabang.

Un sector do Mercado de Noite de Luang Prabang.

O domingo saímos a coñecer as fervenzas de Kuang Si. Trátase dun parque que conta con varias lagoas de augas turquesas, cheas de pedras e cantís polos que cae a auga, formando numerosas fervenzas de distintos tamaños.

P1080919

De camiño ás mesmas coñecimos a Eva e a Sergi, unha parelliña de recén casados cataláns residentes en Barcelona pero naturais de La Garriga. Aconselláronnos e advertíronnos todo o que puideron sobre a India, un país que visitaran e coñecían a fondo, e do que gardaban unha sensación bipolar, de amor-odio que co paso do tempo foi quedando só en amor.

Canda Eva e Sergi nunha das pequenas fervenzas de Kuang Si.

Canda Eva e Sergi nunha das pequenas fervenzas de Kuang Si.

O mesmo ca nós, namoraran do Xapón trala súa visita ó país nipón -visitas, en plural, no caso de Sergi-. De feito, os seus amigos que foran de convidados á súa íntima voda acudiron á mesma vistidos con traxes tradicionais xaponeses para deleitar ós noivos. Incluso preparan unha futura mudanza ó país do sol nacente.

P1080929

Baixo a choiva, fixen o Tarzán nunha das lagoas durante o escaso tempo que estivemos no parque antes de emprender a volta ó centro da cidade, e fumos de novo ó Mercado de Noite para cear e degustar batidos de novos sabores.

O Señor dos Monos en plena acción.

O Señor dos Monos en plena acción.

A cea tomámola nun buffet ó aire libre no propio Mercado, moi rico e a moi bo prezo. Ó remate estivemos de parola ata a medianoite. Intercambiando historias de viaxes, politiqueando. Intercambiando historias da vida, aprendendo. Definitivamente, a fórmula galego-catalá tampouco funciona nada mal. Pero que nada nada mal.

"Buffet" no Mercado Nocturno.

“Buffet” no Mercado Nocturno.

Á chegada ó Thony 2, que así se chamaba o hastel no que nos hospedabamos, estivemos seguindo o Celta – Levante por unha canle tailandesa que se sintoniza en Laos. Empate a 1 final dos que proen, xa que os nosos levaron o peso do partido durante os 90 minutos, e encaixando o gol da igualada en tempo engadido. Unha auténtica mágoa.

E foi así cómo, o mércores 5 de decembro, deixabamos a bela Luang Prabang para poñer rumbo a Vientián, a capital do país, sempre coa vista posta en seguir descendendo para entrar na parte sur de Vietnam. Polo momento, grazas a Luang Prabang, a primeira impresión sobre Laos viña de ser inmellorable.

Linda, moi linda Luang Prabang.

Linda, moi linda Luang Prabang.

Chegamos a Vientián á mañá seguinte, e aloxámonos no Vientiane Backpackers Hostel. Estaba eu ultimando trámites para subir á habitación, cando de súpeto un berro de “¡gallego!” sobresaltoume. Superado tan agradable susto, vireime, e puiden comprobar con enorme agrado que se trataba de Alberto e de Vero. Alberto e Vero eran outra parella de cataláns de Tarragona, que coñeceramos a noite anterior ceando no Mercado de Noite de Luang Prabang.

Outro par de fenómenos, e coma a eles mesmos lles recoñecín, Alberto e Vero poderían formar parte da nosa panda en Vigo perfectamente. Visualiceinos sen problema algún en Churruca, cun licor café na man, facendo gala da súa sinxeleza, da súa cercanía, da súa inmensa extraversión. Canda os nosos novos amigos cataláns emprendimos unha volta expeditiva pola cidade de Vientián.

P1080958

Igualmente tranquila e mística, Vientián evidencia de xeito meridiano a enorme pobreza que asola Laos. De apenas 200.000 habitantes, o centro urbán da capital da República Socialista carece de edificios nin de mediana altura, e semella máis o barrio residencial decadente dunha pequena localidade de interior.

P1080970

Estivemos os catro procurando durante un bo puñado de horas o Patuxai, unha réplica do Arco do Triunfo parisino que se ergueu en conmemoración da liberdade do país. O camiño está enchidiño de templos de traballadísima ornamentación e tamaño máis ca respectable. Cando finalmente dimos co Patuxai, tiramos unhas fotiñas e pegamos media volta. Alberto e Vero foron visitar un parque con figuras de Buda, Cons e máis eu a descansar. Ó día seguinte tocaba nova sesión de estrada e quilómetros para parar un boi.

Panxito, o Arco do Triunfo laosiano.

Patuxai, o Arco do Triunfo laosiano.

Cando acordamos á noitiña, quedamos de volta con Vero e Alberto, e xunto con Jordi, outro catalán que eles coñecían, saaímos a tomar unhas birras. Non  tardamos en retirarnos. Como dixen, ó día seguinte tocaba quilometrada. O seguinte destino era a cidade de Ho Chi Minh, a máis importante do sur do Vietnam, e para chegar alá era preciso tomar dous buses, nada menos que de 21 horas cada un. O primeiro a Da Nang, e o segundo á propia Ho Chi Minh.

Vientián, co Puxiten de fondo.

Vientián, co Puxiten de fondo.

Era tempo de deixar Vientián, e con ela Laos. Un país que, a título persoal, fíxome enormemente feliz. Un país tranquilo, noble. Un país pobre ata as trancas, pero que transimte boas vibración a borbotáns. Dun xeito semellante a Bolivia, por exemplo. A Laos as boas sensacións véñenlle pola amabilidade das súas xentes, pola súa sinxeleza. Todo é enxebre, todo é natural. Todo é puro, todo é xenuíno. A autenticidade de Laos é formidable.

P1080822

Deica sempre, Laos.

Advertisements

6 respostas a “Luang Prabang e Vientián. E chegados a Laos, acabouse o caos.

  1. Me encanta el blog!!! O galego se entiende bastaaaante bien 🙂
    Qué recuerdos, qué vivencias… Cuando llegas al final del viaje y echas los ojos atrás y aquella sensación cosquilleante te recorre el cuerpo te acuerdas de por qué te gusta tanto viajar. Parte grande de esta gran experiencia es ir encontrándose gente maravillosa por el camino. Tenéis una casa en Barcelona!

    • Y a mí me encanta que te encante, sobre todo que entiendas el gallego!
      Cuando llegue al final del viaje, el último destino habrá sido India, así que no sé qué clase dde sensación cosquilleante tendré, mi niña… Pero ya te contaré, jajajajaja!
      Un bico, guapa, y nos vemos en Vigo/Barcelona!

  2. ojalá estivera ahí kon vos…terei ke ir pensando en facer unha destas grandes aventuras…sos un krack eidrian,jajajajaja,unha aperta amigo.

  3. Pero esto que es!! Mi mujer ofreciendo la casa a completos desconocidos, que encima son galegos, radicales, …… y unos cachondos de la ostia!! Cagüen la ostia joder, las puertas abiertas hermanos!!!! ^_^

    Gracias por hacernos co-protagonistas de esta vuelta al mundo!!!!

    Recuerdi e abrazzi de una bella coppia italiana!! preggo!

    • Jajajajajjaja! Craaaack! Estoy pensando en hacer un meeting con todos los catalanes que me encontré en este viaje, y romper la noche viguesa. Eso sí, previa visita a Barna, eso te lo garantizo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s