Ho Chi Minh e delta do Mekong. Adeus ó país da insubmisión eterna.

Venres 7 de decembro. Chegada a Da Nang. Remata a primeira das dúas travesías de duración idéntica que nos habían levar a Ho Chi Minh. Son as 14:00 do mediodía. No medio do aturdimento polo cansanzo tras un traxecto de 21 horas, comprobamos alternativas no internet de balde que ofrece a estación de buses de Da Nang. O desprazamento en tren habíanos levar pouco menos tempo, e o prezo case que se triplicaba. Non quedaba outra. Para chegar a Ho Chi Minh, outras 21 horas de autobús, con menos de dúas de descanso entre un traxecto e o outro. Estabamos a batir calquera rexistro marcado até a data na nosa Volta ó Mundo.

Cidade de Ho Chi Minh, ou Saigon.

Cidade de Ho Chi Minh, ou Saigon.

E si, chegamos a Ho Chi Minh, antigamente coñecida como Saigon, o sábado contra o serán. O debate está servido. Hai varias travesías de 30 horas ininterrompidas. Hai travesías de 59 horas con varios períodos de espera. Hai travesías de 52 horas sen trocar de autobús. E logo está ésta, que foron 42 horas con dúas de lecer entre un bus e o outro. Todas elas aspiran á tunda máis grande que nos metimos entre coxis e caluga ó longo dos dez meses que levamos de roteiro polo mundo adiante. As tundas secundarias agardan detrás, clamando polo seu recoñecemento. Terán o seu lugar na miña redacción nalgún intre, máis cedo que tarde.

¿Ónde está Cons? É unha nova modalidade do "Ónde está Wally", no medio do tráfico de Saigon.

¿Ónde está Cons? É unha nova modalidade do “Ónde está Wally”, pero ésta no medio do tráfico de Saigon.

Recuperando vellos costumes que eu comezaba a botar en falta poderosamente, non tiñamos o máis mínimo aloxamento preparado de antemán, así que tivemos que procurar sitio onde durmir na mesma cidade, preguntando ós locais. Ó final atopamos unha habitación privada con dúas camas e baño propio por 5€ a noite. Non saíu mal a cousa. Encantaríame trasladarvos o nome do lugar, pero non o apuntei en ningures, e ó ser case que exclusivo para vietnamitas, non figura en internet. O enderezo si que me quedou gravado na mente, por evidentes motivos de funcionamento irregular da mesma: rúa Pham Ngu Lao, número 217.

Cando nos instalamos, consutei internet. Porque o noso fogar en Pham Ngu Lao tamén contaba con conexión de balde á rede de redes. E alí, no meu correo, puiden comprobar con emoción que Kel, a amiga filipina que coñecera en Ha Noi, chegaba igualmente a Ho Chi Minh ese mesmo día, apenas unha hora máis tarde do intre exacto no que eu estaba a ler a súa mensaxe.

P1080999

Coma se do protagonista dun videoclip de John Bon Jovi se tratase, pegueime unha ducha, e saín propulsado cal munición de canón a lombos dunha motocicleta conducida de xeito temerario por un transportista local, ata chegar á estación de trens. Alí púxenme a agardar pola chegada da miña amiga manileña a bordo do tren procedente de Hoi An, a cal se produciu escasos segundos, que nin minutos, despois da miña cinematográfica arribada á plataforma correspondente.

P1090006

Chegada a noite acompañeina ó aeroporto, dende o cal despegou con destino á súa cidade natal e de residencia actual, que non futura. Cando partiu, iniciei o camiño de volta ó noso aloxamento en Pham Ngu Lao. Levaba tantas horas vivindo no guión dunha película barateira que probei a sorte de chegar a lombos dun ser mitolóxico voador. Cando me fartei de esmagar pombas, pedín un taxi.

P1090010

Ó día seguinte, domingo, era unha data histórica para o celtismo. O almanaque sinalaba o derradeiro partido dos nosos na Catedral, en partido que enfrontaba ó Celta co Athletic na capital viscaíña. Tras un enfrontamento onde as defensas se impuxeron con claridade ós ataques, e onde o noso xogo combinativo non luciu o que a cita merecía, non nos puidemos traer nada positivo daquel feudo irmán, o cal prometemos visitar na súa versión moderna o ano vindeiro. Seguro.

Para martes e mércores programamos unha visita guiada polo río Mekong. Foron dous días navegando polas súas augas, aprendendo a vida das xentes que alí viven e paseando polas cidades que medran á súa beira. O martes achegámonos á localidade de Cai Be. Cai Be non medra á beira do Mekong. Cai Be medra sobre o Mekong.

Ca Be, no delta do Mekong.

Cai Be, no delta do Mekong.

Tódalas súas vivendas son aboiantes, o mesmo que tendas e negocios. A mercadoría chega en botes, e de igual xeito os clientes pasan pola entrada dos establecementos para facerse coa súa compra. Todo aquí xira en torno ó río. Botes de vendedores fan abordaxe no noso bote para ofrecernos todo tipo de froitas e bebidas.

A continuación achegámonos ó Mercado Aboiante. É un mercado tradicional, onde os distintos postos de alimentos confórmanos unha morea de botes. En cada bote ofrécese un produto, e para identificalos locen un exemplar pinchado nunha cana de bambú.

P1090028

Existen botes de varios tamaños. O máis grande deles fai as veces de almacén, e os máis pequenos adícanse a transportar a mercadoría entre tendas e particulares. Cando nós chegamos a actividade xa acougara bastante, mais a primeira hora da mañá ésta debe ser frenética.

Tras un rico xantar, dimos un paseíño en canoa por canles máis estreitas e tranquilas, sen xente nin comercio. Rodeados da densa selva vietnamita. O paseo incluía o clásico chapeu do Vietnam, o cal rexeitei para non sentirme aínda máis títere.

P1090071

Polo serán atracamos na cidade de Can Tho. Aquí habiamos facer noite. Can Tho é a cidade máis poboada do delta do Mekong, e a quinta de todo o país con 1’2 millóns de habitantes. As súas xentes viven principalmente da agricultura, e pasa por ser o máis importante subministrador de arroz de todo o Vietnam.

P1090091

O mércores adicámolo a percorrer as súas rúas, paseando polos seus mercados na rúa, catando as froitas locais ou visitando o seu mercado aboiante. Así pasamos o día, antes de montar de novo no minibús que nos había levar de volta a Ho Chi Minh. Poñiamos deste xeito fin a unha excursión que resultou interesante, mais que non nos ofreceu nada doutro mundo. Un tanto previsible todo, a verdade.

Mercado nas rúas de Cat

Mercado nas rúas de Can Tho.

Á volta de tan anodina visita, voltamos aloxarnos no noso acolledor hotel, coma eles mesmos se autodenominan, na nosa xa apreciada rúa Pham Ngu Lao. Ás 04:00 da madrugada tiñamos cita coa Copa de España. Tiñamos cita cun máis que merecido reencontro coa historia, a historia debíanos tan merecido reencontro. O Real Mandril rendía visita ó Templo de Fragoso cinco anos despois.

Nun partido de ida onde, para continuar coa tradición inoportunamente interrompida cinco anos atrás, metímoslle un baño criminal ós “señoritos madrileños”, o pequeno punto de lóxica que a tiranía farsandril (Farsa e Mandril) comeza a semantar no fútbol mundial, perdeu todo o seu senso existencial. Tras un meneo inexplicable dada a diferecia orzamental, a catarse chegaba a Balaídos cun furolo pola escadra do menos agardado. Do pitbull. De Cristian Sustos. Nin que o guión fora escrito polo mesmísimo Ramón Valle Inclán. A xoubiña papaba ó tiburón branco despois de mazar nel coma nun polbo. E o golpe de graza asestáballo cun esbirro.

Cristian-Bustos-celebra-su-gol_54356315651_53389389549_600_396

Imaxenádevos que nos poñemos no peor dos casos. Digamos que unha das crónicas post partido a escribe un túzaro ignorante ó que trala súa casposa carreira no mundo da música, os dirixentes dun xornal de marcada tendencia conservadora lle meten unha pluma na man para que desafogue con toda a súa rabia irracional de fanático fascista as derrotas do seu equipo de estreliñas vidas a menos. Nin iso nos podería estragar o gustazo de terlle metido unha vez máis ó Mandril en Balaídos, ¿non é?

O xoves era o noso derradeiro día no Vietnam. E adicámolo a visitar o que con toda seguridade é o punto máis ineludible para todo turista con dous dedos de fronte que pise terras vietnamitas, ou que no seu defecto non queira fuxir da realidade do desprezable mundo no que vive. O Museo da Guerra de Vietnam.

Museo da Guerra de Vietnam.

Museo da Guerra de Vietnam.

A visita non é doada. Moito menos doada que papar de principio a fin o Telexornal de tódolos días sen facer zapping cando as novas internacionais falan de novos mortos polos ataques israelíes ó pobo palestino, ou das novas baixas civís polos bombardeos dos EE.UU. no Iraque ou Afganistán. Pero nós non estamos facendo esta viaxe para virar a ollada cara a outra beira, o mesmo que non faciamos zapping cando papabamos o Telexornal.

P1080991

O Museo da Guerra de Vietnam non anda con parvadas. Está enfocado a deixar ben claro as atrocidades que Occidente cometeu con este país, e non tanto para denuncialo, que tamén, como para evitar que algo semellante volva acontecer. Tanto no Vietnam coma en calquera outro pobo que o único que procure sexa o seu libre desenvolvemento coma nación, por imperativo dos seus cidadáns, da sua cultura e da súa historia.

P1080989

Dito isto, e dado que non me paga Tele5, non vou caer no morbo barato e sensacionalista de definir as instantáneas de soldados franceses torturando revolucioanarios vietnamitas na guerra pola independencia do Vietnam. Soldados estadounidenses incurrindo en infinitos crimes de guerra ó masacrar de xeito inmisericirde 2 millóns de civís, ou sementando as principais poboacións do sur do país con armas químicas prohibidas, que non só remataron de xeito cruel coas vidas de xentes do momento, senón que seguen a lastrar xenéticamente vidas de xeracións actuais, producindo aínda hoxe malformacións e deficiencias físicas varias. Non definirei as fotos que vin. Mais non deixarei de adicar o resto da miña vida a denuncialo.

P1080994

O venres 14 de decembro, ás 07:30 da mañá, estabamos a subir no autobús que nos había transportar de Saigon, no Vietnam, a Phnom Penh, en Camboxa. Deixabamos atrás un país que nos viña de marcar de por vida. Viñamos de convivir tres semanas con xentes dunha natureza extraordinaria. Inasequibles, insubmisas, irreductibles. E non é algo que se aprecie simplemente en museos ou libros de historia. A pesares do seu carácter extrovertido e amigable, no vietnamita detéctase á perfección un claro deixe rabudo, rebelde, orgulloso.

P1080990

É extraordinario, resulta abrumador, nada máis saír do Museo da Guerra, observar a estas xentes desenvolverse no seu día a día, convivindo en perfecta harmonía coas culturas occidentais que non onte, unhas horas atrás os aniquilaban e esmagaban sen compaixón, tratando sen éxito de domesticalos. Na miña vida esquecerei as impagables leccións de loita e dignidade que me brindou a miña estancia no Vietnam. O seu próspero futuro será unha da principais motivacións da nosa eterna loita.

P1080779

Advertisements

2 respostas a “Ho Chi Minh e delta do Mekong. Adeus ó país da insubmisión eterna.

  1. Impactante coma sempre os teus comentarios, estou ansiosa de poder escoitalos persoalmente. Xa falta menos. Bicos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s