Especial Aninovo.

Coma se fose un capítulo dos Simpson ou un programa de La Ruleta de la Suerte, Dendeomundoparagaliza congratúlase de dirixirse a vós nestas datas tan sinaladas cunha edición especial, no meu caso unha edición especial dos meus artigos.

Non teñades medo, esta viaxe cambiou algún aspecto da miña personalidade, pero nada tan marcado a lume no meu ideario como o meu sempiterno odio ó Nadal. Sigo pensando que son unhas datas cheas de falsedade e de hipocresía, e sigo negándome a ser máis solidario ou aparentar ser mellor persoa nesta época do ano simplemente porque El Corte Inglés así o dicte.

Así pois, o meu eterno boicot ó Nadal segue presente. Nada de felicitacións, nada de celebracións. Eu non teño nada que celebrar. O que si fago ano tras ano de igual xeito que a xente que celebra o Nadal, é beber. E non coñezo outro xeito de beber que non sexa brindando. Non entendo un grolo de calquera dos nosos deleitosos licores sen un brinde previo.

Normalmente, e por sorte, conto con infinidade de motivos polos que brindar. O certo é que non se me ocorre un só motivo polo que non se me vaia ocorrer un motivo para brindar en calquera momento do día ou da vida. Pero estaredes de acordo comigo en que este ano 2.012 as razóns polas que mentar a saúde mediante dúas copas en colisión multiplícanse de xeito notable. É o que ten facer realidade os soños.

E ese foi o xeito que se me ocorreu para felicitarvos o aninovo sen entrar no xogo do Nadal. Brindando. Brindando á saúde de todo o que ía cuspindo a miña mente, de xeito tan desordeado e caótico como todo o existente no seu interior. E esa é unha importante puntualización que habedes ter en conta. De contado redactarei a listaxe de brindes que se me foron ocorrendo estes días, e que, repito, non garda a máis mínima orde nin responde a ningunha disposición por importancia nin nada que se lle asemelle. O único brinde que quixen colocar nunha posición lóxica é o primeiro. Comecemos.

-Brindo pola nai que me pariu, sen a cal rematar o soño da miña vida tería sido imposible, e pola nai que pariu a ésta, ademáis de por ter colaborado igualmente á causa, por facer posible a axuda da primeira.

-Brindo por unha Galiza ceibe e de esquerdas, digna e soberana, e por unha sociedade galega vivindo en igualdade e orgullosa da súa cultura.

-Brindo por Brou, por un dos reencontros que máis levo agardando estes últimos meses, e por unha Chapela en lapas o día que éste se produza.

-Brindo por Encho, o colega desaparecido que sempre aparece, e  que xa estou botando demasiado en falta unha das súas aparicións.

-Brindo coa paixón que as súas xentes derrochan por unha Latinoamérica unida, unión propiciada polas políticas progresistas que predominan na práctica totalidade do seu territorio, e porque ésta lidere o espertar da esquerda mundial para dar comezo así a unha revolta global moito máis transformadora aínda da que se está a producir hoxe en día na propia América Latina.

-Brindo pola Madroa, por Paco Herrera e por conseguir a salvación sen demasiadas agonías.

-Brindo por un dicionario calvariense-galego galego-calvariense, e por Pako sentado na cadeira coa letra “A” da súa Real Academia.

-Brindo por trasladar a Barcelona unha promesa que incluía unha cea, un pouco de troula, unha visita a un antro da rúa Urzáiz e un chocolate con churros, e pola túa recén atopada e máis que merecida felicidade. ¡Saúde, Lía!

-Brindo por Francisco Ortiz Saborido, polo seu desequilibrio mental e por un dos seus salmos.

-Brindo por Lena, polas súas primeiras palabras as cales me perdín, e por desfrutar o dobre de cada segundo canda ela para recuperar un ano de ausencia.

-Brindo polo clube de moda da noite viguesa e referencia da arte e da cultura en Churruca, La Fiesta de los Maniquíes, por unha serea e un xigante, e de paso tamén polo C.B. Vigo A.M.

-Brindo pola Batalla de Sours e Chilkanos, e pola súa inclusión no libro de Historia das máis cruentas e salvaxes de todas as libradas na noite de Lima.

-Brindo polo lomo saltado de Hernán, polos anticuchos, polo cebiche, pola causa e por toda a deleitosa comida do Perú.

-Brindo polo iluminado que dixo que no mundo da noite non se coñece nada bo, e polas miñas Churru Girls, a xeración prodixiosa do ’87, sinxelamente o mellor que me aconteceu nos meus últimos anos de vida.

-Brindo pola Arxentina, país ó que antes de emprender esta viaxe xa lle tiña un enorme agarimo e que tras visitalo non podo senón consideralo a miña segunda patria, e pola brutal, case mística conexión que tiven coa absoluta totalidade d@s arxentin@s que topei tanto dentro coma fóra das súas fronteiras.

-Brindo por Delfín, pola súa grandeza física e espiritual, polo seu cachondeo mental e por un futuro álbum de hip hop en galego coa súa sinatura.

-Brindo por Martiña Cobas, a que sempre acude ó rescate, a que pon ombreiro e ouvido, a que nunca falla. Se o karma existe, merca moita lotaría, Marta. Saúde para ti.

-Brindo por cada un dos 47 días que faltan para que volva a estar con vós, e por cada un dos 318 que levo lonxe de vós e que me aprenderon a ver cánto vos quero.

-Brindo pola miña irmá, xestora de luxo e principal apoio moral, e polo meu cuñado, entre outras moitas cousas, pois polo mero feito de ser un puto fenómeno.

-Brindo por unha noite que comece no Vagalume, continúe nun karaoke e remate no Ático, un inhóspito día da semana coa cidade en pleno funcionamento.

-Brindo por Cris Cobas e Santi Villar, e porque ata velos xuntos non me dera conta do estupendo da parella que forman estes dous canallas.

-Brindo por practicar sexo c@s amig@s para darlles pracer, c@s inimig@s para fodel@s, e c@s descoñecid@s para darche pracer ou foderte ti.

-Brindo por Mary McCookie, polo seu humor acedo e xenial, por Nardo e por Airiñas, o neno de cabelos de ouro, o cativo máis celta do país.

-Brindo ata facer anacos a copa polo nacionalismo e pola persistencia e liberdade de tódolos pobos sen estado do mundo, xa que por cada cultura que desaparece da face da terra a humanidade morre un pouquiño.

-Brindo polo meu amor eterno, incondicional, desmesurado e enfermizo polo Celta de Vigo, e pola rapazada que dende a tempada pasada se uniu á causa celeste.

-Brindo polo meu afillado Yeray, e polo perdón dos seus papás e familia, o cal solicitarei á miña chegada á Galiza.

-Brindo por Bea, masaxista e cociñeira profesional, o que fai a súa a benvida máis agardada por min. ¡É bromiña, Beíña, unha de Brugal á túa saúde!

-Brindo por Alexandre Barcia, mestre e mentor, polo proxecto anarco-solidario no que se ven de embarcar canda a súa moza Carven en Nova Zelandia, e polo noso vindeiro encontro nun futuro en calquera recuncho do planeta.

-Brindo á saúde de Noah, á dos seus papás, e por que pronto se vexa acompañado d@ súa curmanciñ@ vasco-galeg@.

-Brindo pola ristra de brindes que arrastro con Raquel Bernárdez, e por seguir acumulando moitos máis, a poder ser, celebrándoos xuntos dunha puta vez.

-Brindo por Pregal, polas súas lapidarias machadas a dous decibelios, pola súa eterna disposición para a troula e pola súa recén estreada carreira coma empresario.

-Brindo por un irmán, e pola felicidade da súa familia. Saúde Tako, Ro, Aniña, Adrián. Saúde Pedro, Lita, Alba.

-Brindo por Aarón e por Ana, e por esa voda do 12 de xullo coa que nos sorprenderon a tod@s. ¡Saúde e felicidade, parella!

-Brindo pola lingua galega, a principal razón da nosa existencia como nación, e pola súa persistencia a pesares dos rabiosos ataques de fascistas, déspotas, imperialistas e cavernícolas españois.

-Brindo por Anxo, e pola súa aparente dureza que oculta a durísimas penas o pedazo de pan que este tipo ten por corazón. ¡Saúde, Anxiolítico!

-Brindo pola execución dun proxecto que incluía unha autocarabana, unha Volta a Galiza e a súa consguinte Volta a Catalunya, e por levala a cabo canda Meri e Ramonet.

-Brindo por Eva Fernández, e pol@s que coma ela son quén de sentir as inxustizas alleas como propias, xa que ésa é a clase de xente que fai do mundo un sitio mellor.

-Brindo polo meu curmán Deivi, por escribilo así xa que é así cómo o chamei toda a miña vida, e por Pixotiño, que é así cómo el me chamou toda a miña vida.

-Brindo por Lucy, a miña segunda mamá, polo Equipo A que formabamos e formamos, e pola cega e absoluta confianza que sempre tivo en min.

-Brindo por María Alonso, a miña madriña dentro do BNG, por Maruchi e Fran, os meus eternos compañeiros de chollo, por todo o Bloque Nacionalista Galego e por tódol@s compañeir@s que alí teño.

-Brindo por Chamo e pola Cova do Trasgo, o que con toda seguridade será o seguinte local de Churruca onde pase as horas das miñas noites libres.

-Brindo polas amizades puras, onde nin ti tes que demostrar nada ó teu amigo nin el a ti, onde ningún dos dous precisa abrir a boca para evidenciar que os dous estaredes sempre aí, polos momentos nos que isto se fai patente, e por non perder xamáis nin unha soa das que eu posúo.

-Brindo polos soños cumpridos, os grandes e os pequenos, e por esta experiencia impagable que me aprendeu a non deixar de loitar nunca por facelos realidade.

-Brindo polo Tito Suances, por Mark Robins e Dan Eggen, e por tódolos futbolistas cos que escachabamos de risa Lali e máis eu.

-Brindo por Bryant Reeves, Eric Montross e Anthony Peeler, e por tódolos xogadores da NBA cos que escachabamos de risa Deme e máis eu.

-Brindo por un Xantar de Ministros celebrado no sitio máis enxebre do país, no que a primeira cunca de viño entre ó comezo do mediodía e o último chupito de licor café ó remate do serán, e por tódolos integrantes que o han compoñer, incluído o que debe voar dende Lima.

-Brindo por Vero e Pali, testemuñas directas do comezo do soño da miña vida, e polo día no que eu sexa testemuña directa do comezo do soño das súas.

-Brindo por unha sesión de clásicos, a porta pechada e botella de licor café en man, que teño apalabrada con Rubén na súa Taberna do Celta, o novo templo do Celta e do celtismo.

-Brindo por María Méndez, unha das persoas máis nobles e traballadoras que coñecín no mundo da política, e polo mellor futuro posible ó proxecto no que está embarcada.

-Brindo por Canabal, por unha das nosas conversas trascendentais subindo de Churruca, e por unha cara de trance.

-Brindo polo mito de Xaime Escudeiro, por Alfonso Pardo, Andrés Vieites, O Decano, Xoan Galán e todo o equipo de Galicia en Goles.

-Brindo pola lenda de Eliseo Acea, pola súa dona e polo seu ximnasio, e por Álex, Susy, Adolfo e tódol@s meus compañeir@s do Hospital Xeral-Cíes Vigo.

 -Brindo por Catalunya e por Euskadi, irmás de loita, e por tódol@s catalás e vasc@s que atopamos ó longo do mundo nesta viaxe.

-Brindo por terme perdido a xestación de Garbanciño pero asistir á chegada ó mundo de Naia, por Juantxo, Iriña, e pola súa puta teima de non saír da miña cabeza nin un segundo ó longo dun ano.

-Brindo por un “venres dos amigos” á antiga usanza, que inclúa dardos, birras, e pode que unha alborada avariando na praia.

-Brindo por Sheila, a que foi no seu día a miña  principal subministradora de licor café, e que pouco a pouco se foi convertindo na miña principal subministradora de risas, consellos e agarimo.

-Brindo pola nova razón que me obriga a visitar Granada, xa que a Alhambra e prenderlle lume a Los Cármenes non me parecían convincentes de abondo. ¡Zalú, Bita!

-Brindo pola clase traballadora, pola loita obreira, polo sindicalismo de clase e pola dignidade da maioría social.

-Brindo por Mary Fernández, a última persoa que vin antes da miña partida ó primeiro destino da Volta ó Mundo, e porque sexa a primeira persoa que vexa cando volte do último.

-Brindo por unha familia que deixei en Valdivia, da que xamáis na miña vida esquecerei o trato que me brindaron, o agarimo que me prestaron. Brindo por vós dende o máis fondo do corazón, Gilda, Cata, Felipe, Elba.

-Brindo polo triángulo inquebrantable que conforman a miña tía Ana, o meu curmán Felipe e máis Gala, a que seguramente sexa a cadela máis querida da historia canina.

-Brindo por Xose, por nada menos ca 23 anos de amizade, e por que os vindeiros 23 sigan evidenciando que a estas alturas xa nada poderá separar nunca os nosos camiños.

-Brindo por Machu Picchu e en xeral por toda a cultura inca, seguramente a civilización que máis me impresionou e da que máis aprendín de tódalas que coñecín ó longo do planeta.

-Brindo por Sabe, outra xornalista de luxo que se perde o noso país pola ineptitude dos seus dirixentes, e por que todo lle vaia xenial na súa aventura británica.

-Brindo por Roi, un tipo cuxa loita polo país e apoio ó Celtiña se fan máis notorios dende Murcia que os de moitos dos que estamos día a día na nosa terra.

-Brindo por Jorge, outra desas persoas que leva pertencendo á miña vida máis da metade da mesma, medrando canda min, presente nos mellores e nos peores intres da miña existencia.

-Brindo por Richi Rama, quén fixo que recuperara a miña fé nos canallas, e por que lle siga gañando a batalla á lóxica do sistema na súa procura da boa vida.

-Brindo polo meu tío Roque como el o faría: ”Brindo por ellas. ¿Por quién, por las mujeres? No, por las botellas”.

-Brindo por México, un país que teño pendente de coñecer en profundidade, e por Mich, a persoa máis desequilibrada coa que topei nesta viaxe e o encargado de amosarmo.

-Brindo pola lembranza dunha vida medrando ó carón da miña tía Fitiña, a que sempre será a miñá irmá pequena, e polo moito que enriquece a ialma vivir amando a unha persoa tan especial.

-Brindo por Álex, ou Río, grazas a quén, cando volte, poderei dicir que estiven nos cinco continentes, e por recuperar a nosa vella tradición de esfolarnos vivos xogando ó baloncesto o un contra o outro.

-Brindo por Arthur, o noso irmán alemán, polo mes e pico que botamos xuntos percorrendo Latinoamérica, e pola súa mente privilexiada que nos permitiu deixarnos levar sempre que el estaba ó noso carón.

-Brindo polo Asshole Team, por aquel inesquecible roteiro polo Atacama e o Salar de Uyuni, e polos lazos que uniron ós seus membros con tanta forza en tan pouco tempo.

-Brindo polo Europe Team, por aqueles fantásticos días en Cusco, e polos sucesivos reencontros cos seus membros, a cada cal máis inverosímil.

-Brindo polo que seguramente pase por ser o tipo máis peculiar e entrañable que coñecín na miña vida, e que forma parte dese selecto grupo de mellores amigos dos que a xente adoita dicir que “se contan cos dedos dunha man”. ¡Á túa saúde, Druída!

-Brindo por non baixar os brazos xamáis ante o sistema capitalista, nin ante as políticas de dereitas que o propician e manteñen.

-Brindo por Iago Aspas, por Moaña, polo Morrazo enteiro e pola súas colonias.

-Brindo polo meu pai, e polo día que cos seus contactos no Xeral puxo fin ó peor ano e medio da miña vida.

-Brindo polo Xapón, por tódol@s xapones@s, e en especial por dous cracks que alí residen, grazas ós cales desfrutei daquel país aínda máis do que o tería feito sen a súa compaña. Por vós, Kouji, Tomo.

-Brindo por seguir a tachar países do mapa canda Richi Estévez, e por seguir a facer o imbécil ó longo de cada un deles sen importarnos idioma, cultura ou relixión.

-Brindo por Bra, e polas cóxegas que tanto nós coma o seu amigazo Álex lle metimos no corpo, que aposto van propiciar que sexa o seguinte calvariense en facer algo semellante.

-Brindo por Oli e por Sandriux, esas dúas pallasiñas ás que o corazón non lles cabe no peito, e pola nosa eterna loita Mondo – Koxo Bar, a cal xa comezo a dar por perdida.

-Brindo por Choli Fernández Bouzas, e por terme decatado do mal acostumados que nos ten coa súa accesible presenza, xa que se contas co privilexio de ter a Choli na túa vida, resulta completamente imposible afacerse á súa ausencia.

-Brindo polo xenio de Roi Rodríguez, polos seus contos, a súa imitación de Eugenio, os seus vaciles sen vacilar, o seu baixo, o seu inxenio, o seu canto de tenor, os seus 200 centímetros, o seu xogo de perímetro, o seu señorial xeito de soster unha cunca de viño, a súa sensatez na discusión…

-Brindo pola voda de Vis e Pichu que me perdín, e pola apertaza que lles vou meter ós dous cando chegue coma agasallo de voda, xa que como agarden por algo material van ter que agardar ás vodas de prata.

-Brindo por Davi, un tipo que me aprendeu que sempre podes atopar a alguén que sexa máis camándula ca ti, e polas innumerables situacións absurdas ás que o noso camandulismo nos levou.

-Brindo por Billy, o meu colega máis freak, polo Recluta, o segurata máis freak, e por Beni, o encargado de lidiar con tanta friqueza.

-Brindo por unha aliñación do Celta convertida en chupitos, e por esa benvida que tanto tempo me leva prometendo o señor Chufi Da Silva.

-Brindo polos que din “mira neno, el nacionalismo se cura viajando”

… polos que din “es que el gallego sólo se habla en los pueblos, yo hablo español que es un idioma útil”

… polos que cando che preguntan “¿y tú de qué equipo eres?” e lles respondes “¿eu? ¡Do Celta!”, din “no hombre, ¿pero del Madrí o del Barcelona?”

… polos que din “es que con tantas asignaturas en gallego mi hij@ no va a aprender español, yo quiero libertá para poder elegir”

… polos que din “Galicia sin España no es nada, España le ha dado todo a Galicia”

… polos que cando din “todos los políticos son iguales” e lles preguntas“¿e logo a quén vas votar?”, responden “¡al PP!”

… E POR QUE VAIAN TOD@S A RASCA-LO CARALLO.

-Brindo por unha marmita chea de anfetaminas, polo día no que sendo cativo Potri caeu dentro dela, e pola hiperactividade crónica que isto lle ocasionou.

-Brindo por que Castellón veña a Vigo ou Vigo a Castellón, por que aconteza o que teña que acontecer para voltar a atoparme con Grace, a miña heroína que un día deixou todo e marchou ó Levante para reorientar a súa vida.

-Brindo por Maritxo e por Juantxo, as persoas máis honestas, nobles e transparentes que coñecín na miña vida, e por todo o que medrei como persoa ó longo dos moitos anos nos que levan sendo os meus mellores amigos.

-Brindo por Boca Juniors, e por tódol@s hinchas xeneizes que coñecín na viaxe e que me meteron a afeción a Boquita no corpo.

-Brindo por Noe e por Cris, as miñas dúas loiriñas que máis me animan a seguir escribindo no blogue cos seus comentarios nas publicacións, e por ese licor café no Faneko coa primeira delas.

-Brindo pola volta das seleccións galegas ás pistas deportivas trala saída do fascismo do goberno do país.

-Brindo por Geli, polo día que o coñecín hai 18 anos, e polo pouco ou nada que o cabrón cambiou dende entón.

-Brindo por María Cerviño, polo seu ilusionante proxecto laboral canda os seus socios avogados, e por unha revancha ó Pictionary que xa ven de lonxe.

-Brindo polos meus padriños, por Bibi e por Zoila, a miña familia en Beade á que hai séculos que non vexo, pero que sei que sempre estarán aí.

-Brindo por Víctor e Dani, pola nosa amizade forxada na academia Esgarr Víctor e polo moitísimo que faciamos o idiota na mesma.

-Brindo por Nostris, pola súa mestría nos xogos de palabras, a súa xenial capacidade de rebautizar calquera elemento con vida ou inerte, e o seu inxenio sen límites.

-Brindo por Mar, Bele e Geor, as emisarias das Churru Girls lonxe das fronteiras churruquís, e pola vindeira esmorga canda elas á miña chegada.

-Brindo por Keka e polos consellos que me deu tanto antes de comezar a viaxe como ó longo da mesma, e que sen dúbida me axudaron a apreciar moito mellor certos intres sinalados e lugares determinados.

-Brindo por Xouba, a cámara – olliño de peixe que nos ha revelar o seu particular punto de vista da Volta ó Mundo unha vez que chegue a Vigo.

-Brindo por Raquel Costas, compañeira de fatigas laborais, loitas sindicais, esmorgas nocturnas, parrafadas vespertinas… compañeira de demasiadas cousas como para non ter un espazo privilexiado no meu querer. Saúde, Eco.

-Brindo por Andrés, pola súa sempiterna amizade a pesares das nosas escasas coincidencias os últimos anos, e por Aniña, a persoa que obrou a milagre de que éste sentara a cabeza simplemente dándolle máis da súa propia menciña.

-Brindo pola preguiza personificada no meu amigo Lagunilla, por unha trasfusión sanguínea das venas de Potri e, por exemplo por aquelas partidas eternas de palas que botabamos na praia.

-Brindo por unha rivalidade Celta – Dépor con pique san pero sen violencia, con camaradería, que xa bastantes eivas ten o fútbol galego fóra das nosas fronteiras como para andar a darnos paos entre nós.

-Brindo por Nast, pola súa pronta volta a Vigo tralo seu exilio no norte, e por recuperar as nosas sesións de bailes absurdos en calquera garito da noite viguesa.

-Brindo por Adri, Gosi, por Molaviajar e por que non cesen nunca os seus admirables proxectos sempre encamiñados a percorrer o mundo e a deixar nel a súa inconfundible pegada.

-Brindo por Recife, polo día que botou a andar a Volta ó Mundo cando aterrei nela, por Pam e Taty, as primeiras dunha listaxe de persoas extraordinarias que hoxe semella case que infinita, e porque me sigo lembrando delas coma se fose onte cando as coñecín naquel tolo entroido brasileiro.

E para isto foi para o que me deu o cabazo estes días. Sei do perigo que entrañan este tipo de publicacións, nas que tentas por tódolos medios de non deixar fóra a ninguén, algo que é completamente imposible.

Só espero que aquel@s que non se viron reflectid@s no artigo saiban perdoar a miña fráxil memoria, e entender que de igual xeito me lembro del@s, que están presentes no meu pensamento, e que @s boto en falta coma ó que mais.

Saúde, miñas xentiñas.

Advertisements

14 respostas a “Especial Aninovo.

  1. María Pérez Vázquez

    JOOOOOOO!!!!Case chorooooo!!!!

  2. Oohhh!!q bonito e precioso brindis!nunca deixas de sorprenderme!querote!

  3. eu case non, eu choro…porque estaba a copiar todo isto para darllo á túa nai, iso se, sen antes lelo mentres non me entregue as chaves e vin o dos brindes e díxenme, non se acordará do min, e se, se acordou, quérote mais que o idem

    • Non teñas medo, Luciña! Como dixen no artigo, hai amizades que sempre están aí aínda que non se vexan con demasiada fracuencia.
      Non me esquezo de ti nunca, mami2! Un bicazo!

  4. GRANDE!! teño un LK preparado para brindar contigo agora mesmo!! ❤

  5. Grande Adri!!! lo dicho menudo pedo te vas a pillar con tanto brindis hehehe, Nos vemos en Vigo en nada 😉

  6. E verdade!!!! Un mesiño solo!!!! Disfrutade nenos! mil bikos 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s