Tailandia. De paseo pola Ibiza de Asia.

Sábado 22 de decembro. Co corpo moído polo reenganche da noite anterior, prantámonos en Bangkok ás 20:30 do serán. Con catro horas e media de retraso e tras mudar de bus e minibús un cento de veces. E faciámolo acompañados dunha parella de amigos que coñecera nunha destas mudanzas. Tratábase de Fernando e Carmen. Oscense el e pamplonica ela, estaban no comezo dunha aventura prácticamente idéntica á nosa, unha volta ó mundo dun ano cun trazado inverso pero moi semellante.

Ela, como ben indica o seu documento de identidade, era cercana e independente. Brava. Falaba da viaxe que ten por diante coma cando eu falaba de sacar a pasear ó can antes de comezar a miña. E iso que nunca tiven can. El, e non vou esaxerar en absoluto no dato que aportarei deseguido, era o meirande bebedor que xamáis coñecín. Datos estatísticos aportados por el ó longo dun botellón argumentan o titular. E xa se sabe que nunca se minte nun botellón. Viranos visitar a Vigo. Quen queira, que o poña a proba.

O domingo 23 era día sinalado no almanaque. Como ameazara na nosa despedida en Los Angeles e como confirmara escasas datas atrás, Richi uníase de novo a no-los dous na causa de percorrer o mundo baixo o título de emisarios do Calvario. Pero é que iso non era todo. Chegaba con reforzos. Canda el apuntárase ó periplo tailandés Santi, outro vigués, bonachón e curtido en mil batallas. Cun afinado gusto polo humor absurdo, o que fixo del o complemento perfecto para mudar en trío o dueto de máquinas de cuspir idioteces que habitualmente conformamos Richi e máis eu.

Santi, con pose intelectual.

Santi, con pose intelectual.

E canda Santi apuntárase ó periplo tailandés Ale, un uruguaio, inxenioso e que escasamente entrado na trintena xa levaba vivido nos catro recantos do planeta. Cun refinadísimo sentido do humor, adaptable tamén ó absurdo, o que fixo del o complemento perfecto para mudar en cuarteto o trío que viñamos de conformar Santi, Richi e máis eu.

Alejandro, o charrúa que resultou ser unha fichaxe estelar.

Alejandro, o charrúa que resultou ser unha fichaxe estelar.

Chegaron contra o mediodía. Xantamos, e dimos unha mínima volta pola cidade canda Carmen e Fernando. Cando caeu a noite, saímos os sete a tomar unhas cuncas. Rematámola sos Fernando e máis eu. O resto, as tres novas incorporacións incluídas, foron descansar trala tunda da viaxe que os trouxera a Bangkok. Foi a primeira e a única ocasión que fixeron tal. Non viñeran a Tailandia para descansar. Viñan con fame de esmorga. Máis da que poida ter Triki de galletas. Máis da que poida ter Papadopoulos de gol. Máis da que poida ter un vasco de sexo.

A famosa "Khaosan Road".

A famosa “Khaosan Road”.

Se nalgún momento tiñamos pensado mergullarnos na cultura tailandesa, procurar o acougo nalgunha paraxe apartada do mundanal ruído, ou alonxarnos na medida do posible de todo o relacionado co mundo occidental, iamos dados. Un percorrido polos puntos máis masificados dun dos destinos máis concorridos do planeta nos últimos tempos por parte daqueles que procuran o desenfreno e o descontrol era o que nos agardaba os vindeiros dez días. Iso era o que demandaba a nosa visita. Supoño que iso era o xusto.

Ó día seguinte á tardiña despedímonos de Carmen e Fernando no Lek Guest House, o noso cotroso hostel na famosa Khaosan Road, e deixamos Bangkok. Comezaba a ruta da luxuria, e o primeiro destino era Pattaya. A ela chegamos rematando o serán, de novo con dúas horas de retraso. Despois doutras tantas procurando un sitio onde pasar a noite, rematamos por atopar o Jiraphon Hotel 2, o único que se axeitaba un mínimo ás nosas posibilidades. O máis afastado do epicentro da movida que puidemos alcanzar.

Situada 170 quilómetros ó sur de Bangkok, podería darvos unha descripción máis detallada de Pattaya. Algún dato de interese relativo á súa demografía, sociedade ou cultura. Mais penso que co seu alcume é máis que de abondo para que vos fagades unha idea do ambiente que alí se respira. A Pattaya chámanlle o burdel de Asia.

tai9

Non é por casualidade. Do Jiraphon, por obra e graza dun tuk tuk conducido por un señor sospeitoso de rebasar a idade de xubilación ata do último dos obreiros galegos cando o derradeiro país da U.E. por ser rescatado sexa Suecia -por proxección uns 170 anos-, aparecimos na boca dunha rúa chamada Walking Street. O nome da rúa non convida precisamente a exprimir os miolos para achar a procedencia do seu nomeamento. Igualiño que se un checheno aparece de súpeto no número 1 da rúa Alexandre Bóveda.

E a simpleza do seu nome vai acorde coa vulgaridade do seu contido. Un local destinado ó turista ruso foi o único en toda Walking Street no que puidemos entrar sen que no seu interior un feixe de mozas tailandesas se insinuasen ós clientes amosando cacha. No primeiro que probamos sorte foi no Rock ‘n’ Roll Bar. Nome en principio non demasiado suxerente. Incorrecto. A música era o de menos. As mozas que abaneaban os seus corpos medio espidos sobre as tarimas facíano seguindo ritmos inexistentes. Tanto tiña se soaba a balada máis lenta dos Scorpions coma o tema máis incendiario dos Guns ‘N’ Roses. Eran zombis en movemento. Os gringos que baboseaban ós seus pés non casaban moito máis coas notas. Walking deads dentro de Walking Street.

O equipo no interior do Rock 'N' Roll Bar.

O equipo no interior do Rock ‘N’ Roll Bar.

Percorrimos a rúa das mortas vivintes de cabo a rabo. Ninguén olla a ninguén. Os gringos ollan os carteis que as mozas sosteñen, ofrecendo o striptease, a masaxe ou o polvo máis barato. Elas, ausentes, non ollan nada. Dous axentes con uniforme de “Policía dos turistas” inmobilizan unha prostituta transexual. Será seu o delito. A impunidade cubre a vergoña en Pattaya. Case todo vale. Case todo o mundo se cre con dereito a case todo. Collimos outro tuk tuk de volta ó albergue. Este novo conductor, se cadra máis veterano aínda que o que nos trouxera na ida, pareceume nembargantes a persoa máis chea de vida de todo o surleste asiático.

O martes saímos escopetados de Pattaya. Era 25 de decembro. O noso xantar de nadal consistiu nun prato de pad thai, o máis típico do país, os sete en amor e compaña no bar máis achegado á estación de autobuses. Viñamos de elixir o noso vindeiro destino. Era tempo de praia. Era tempo de Ko Samui.

Xantar de nadal xusto antes de fuxir de Pattaya.

Xantar de nadal xusto antes de fuxir de Pattaya.

Ko Samui é unha illa situada na costa leste de Tailandia. Sobra dicir que é un dos destinos máis solicitados do país, pola calidade e cantidade das súas praias. Deixados atrás autobuses, ferris, tuk tuks e taxis, chegamos a Ko Samui ó día seguinte a media mañá. Era tempo de poñernos de acordo en ónde iamos durmir os vindeiros tres días. Despois de idas e voltas, ofertas e contraofertas, tira e afrouxas e toma e dacas, decidímonos por un complexo de bungalows chamado P&P Samui. Así tiven pesadelos tódolos días.

Unha gaivota enriba das "pes", e o drama está asegurado.

Unha gaivota enriba das “pes”, e o drama está asegurado.

En Ko Samui, ó cuarto día, descansamos. Deitámonos na praia coma se fosemos lagartos, e deixamos que pasaran as horas e os días. Ata que chegou o 28. O venres 28 había que completar outro dos deberes de obrigado cumprimento que traiamos da casa. No ceo había lúa chea. Baixo os nosos pés había unha praia tailandesa. Había Full Moon Party. A festa da lúa chea, todo un clásico en Tailandia. Bares e hospedaxes de toda a illa anunciaban a súa particular Full Moon Party. Nós quedamos na zona de bares situada ó pé do P&P.

Unha das festas máis coñecidas do mundo… que nos deixou fríos. Cando menos, fríos. Música electrónica en tódolos locais a todo meter. Occidentais pasados de todo berrando e facendo algo que eles considerarían bailar, e que non pasaban de ser movementos espasmódicos bastante perigosos para os que estabamos preto deles. Botellas escachadas en cabezas. Esta última situación superounos un pouco, e decidimos ir a outra zona de bares algo máis afastada da praia.

"Full Moon Party" en Ko Samui.

“Full Moon Party” en Ko Samui.

Alí non se ofrecía outra cousa que máis da mesma menciña. “Chunda-chunda” a volumes insáns, e máis guiris ata arriba de calquera cousa que dilate pupilas e faga mover o corpo coma se éste estivese a sufrir un ataque epiléptico. Queixadas angloparlantes movíanse con independencia do resto da cabeza dos seus dopados donos, e surcaban o aire da noite de Ko Samui, iluminada por unha magnífica lúa.

Así as cousas, aturamos ata o final, xa que o plan deseñado esixía tal esforzo. Sen pasar por cama, debiamos coller un microbús que nos achegase ó seguinte destino da ruta da perdición. Desta volta tratábase da Bahía de Railay. Cando deixamos o P&P Samui, Ale e Santi decatáronse de que o persoal lle afanara cartos na habitación. ¿Casualidade? Cun nome con esas siglas, e falando de roubar, penso que non se pode falar de casualidade. Aínda non clarexara de todo o ceo cando puxemos rumbo a Railay.

E a el chegamos a medio serán. Desta volta, milagre, non houbo retraso, máis aló do que levo eu sempre comigo. O que si houbo foi récord de transbordos. Para chegar á Bahía de Railay montamos en tres autobuses, dous microbuses, un tuk tuk, e finalmente, un bote. Faltou o transbordador espacial, un foguete marca ACME e a Nube Kinton para cubrir tódolos medios de transporte posibles.

Desembarco en Railay.

Desembarco en Railay.

A Bahía de Railay segue o patrón de Ko Samui, e supoño que dunha alta pocentaxe da liña de costa tailandesa. Son paraxes espectaculares, cunhas praias impresionantes metidas nun entorno natural que quita o salouco. Formacións montañosas cubertas de vexetación tropical rematan súpetamente para deixar paso a unhas praias de fina area e mornas augas.

Praia Oeste da bahía.

Praia Oeste da bahía.

E no horizonte desas mornas augas, unha incomprensible sucesión de rochas enormes, coma se da Bahía de Halong se tratase. A beleza do emprazamento é impresionante. Mais, como dixen, o patrón de Ko Samui tamén está presente en Krabi, que así se chama a cidade que acolle a Railay. A bahía divídese en parte leste e parte oeste. Cada parte remata en cadansúa praia, e o camiño á mesma está saturado de hospedaxes –Rampala era o nome da nosa-, restaurantes, bares e oficinas de turismo.

P1090600

E todo elo saturado de turistas trasnoitados. Australianos, europeos, norteamericanos. Chineses, rusos, xaponeses. Orcos de Mordor. O imposible é atopar un tailandés. Os que hai agóchanse detrás dunha barra, dun mostrador… ou debaixo dunha capa de maquillaxe que os faga parecer máis mulleres. Estes últimos fanse chamar ladyboys. A lenda do ladyboy tailandés. Tan verídica que asusta. Hainos que amagan peor ca min cando me disfrazo de muller en entroido. Hainos que crean dúbida a primeira vista, pero que cando abren a boca lles medra o paquete. E despois están os velenosos.

tai10

Locen curvas sinuosas, longas e lisas cabeleiras, e nin sequera o ton de voz delata o seu sexo. Sementan a dúbida. E con ela, o pánico. Coñézovos coma se vos parise. Sei que tod@s tendes a mesma pregunta nas vosas perversas e morbosas mentes. “¿Pero caeu algún de vós ou non?”, resoa nos vosos interiores unha e outra vez. Non serei eu o que sacie a vosa sede de morbo. Deixareivos coa dúbida, non vou dicir nada. Coma sucedera en Las Vegas, o que acontece en Krabi, fica en Krabi. Simplemente apuntar, na miña defensa, que estaba moi escuro e que atacou a traizón.

En Railay foméntase moito, ademáis do transformismo, a escalada. Os cantís, montañas e formacións rochosas que tanto abundan na bahía son propicias para elo. Precisamente nun dos puntos elevados da zona, contra a praia do oeste, existe unha lagoa. Un día que nos atopamos con forzas e confianza, decidimos subir a visitala. O problema foi que o día que nos atopamos con forzas e confianza coincidiu co día que estivo a chover toda a mañá, e o tramo a escalar, xa de primeiras non demasiado asequible, estaba esvaradizo e totalmente enlamado.

De camiño á lagoa.

De camiño á lagoa.

Esvaraban as pedras, esvaraban as cordas a agarrar, esvaraban as pólas e raíces das árbores nas que apoiarse… Non esnaframos de milagre, pero a incursión deu para facer unhas risas espectaculares ó ollar os uns para os outros cubertos de lama de pés a cabeza. Despois de dúas horas de tunda, chegamos a un cantil polo que só se podía descender deslizándose por unha corda, a cal esvaraba máis que unha anguía, así que desbotamos a idea de partirnos a crisma por ver unha lagoa. Tiramos unhas fotos e pegamos media volta.

Railay vista dende unha das súas montañas.

Railay vista dende unha das súas montañas.

E foi entón cando se nos botou enriba fin de ano. Antes de chegar a Tailandia este día tamén estaba marcado en vermello na nosa axenda. A idea de pasar a festa de aninovo nunha praia tailandesa resultaba bastante excitante. Despois do vivido, por exemplo, na Full Moon Party de Ko Samui, as nosas expectativas tornáranse moito máis modestas. Aínda así, puxémonos ó chollo.

Música electrónica en tódolos locais a todo meter. Occidentais pasados de todo berrando e facendo algo que eles considerarían bailar, e que non pasaban de ser movementos espasmódicos bastante perigosos para os que estabamos preto deles. Botellas escachadas en cabezas. Efectivamente, acabo de facer un vil “copia-pega” do acontecido na Full Moon Party de Ko Samui. Porque iso foi no que consistiu a festa de aninovo. Unha vil copia da Full Moon Party, coa única salvedade da botella escachada na testa. Iso e unha afluenza de xente moito menor.

Festa de aninovo. Nós puxemos todo da nosa parte.

Festa de aninovo. Nós puxemos todo da nosa parte.

Co 2.013 tamén chegaron as despedidas. O novo ano trouxo consigo a marcha de Richi, Santi e Ale. Foi un pracer soltar estupideces sen filtro nin control canda vós, meus absurdos amigos. O Reino Republicano de Fanelia, país que nun exercicio de demencia sen parangón inventamos entre todos, acollerá o noso reencontro. Que así sexa.

Quedabamos novamente os dous de sempre. O día 3 de xaneiro partimos hacia Sungai Kolok, na fronteira con Malaisia. Chegamos con ésta pechada, así que houbemos de facer noite no Marina Hotel. Sería ó día seguinte cando pisamos chan malaio, na cidade de Kota Bharu.

Fóra do balbordo turístico Tailandia amósanos a súa verdadeira faciana. Foron escasas horas as que botamos en Sungai Kolok, mais deu para evidenciar que baixo tamaña sobre explotación turística as vidas tailandesas desenvólvense viciadas. Prezos miltiplicados por dez. Menús onde os pratos locais figuran na derradeira páxina, tras hamburguesas, pizzas e hot dogs. Xentes que ollan para ti con desprezo ou coma se foses un billete con pernas. Fóra de decadencia e ladyboys voltaron as olladas incrédulas, sorprendidas de ver un loiro e un barbudo. Sorrisos cómplices, amables, modestos. Quero coñecer esa Tailandia. Pode que o faga algún día.

"Perdidos" en Krabi.

“Perdidos” en Krabi.

Mais agora é tempo de Malaisia.

Advertisements

6 respostas a “Tailandia. De paseo pola Ibiza de Asia.

  1. Fágome idea pola tua narración do ambiente Tailandes. Creín que era outra cousa. Vas ter que por gafas para ver melhor e que non te ataquen a traición, jajajaja

  2. xenial!encantoume o que escribestes en tailandia, teño moito traballo por facer con todo o que me perdín sen pc, xa case é coma ter que ler un libro XD…oes! partinme co pé de foto do P&P, non mo esperaba…guiris, drogas e prostitución? é triste cando se le…pensei q era menos esaxerado….seguide así q queda só medio mes!!!!!!

  3. Madre mía, parece que estuvimos en Mordor!!! Tailandia estuvo genial! yo volvería a visitar a todos los Layboys que nos mostraron tanto cariño! eso aqui no pasas! XD

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s