Kuala Lumpur, volta a Bangkok e revolta a Kuala Lumpur. Unha páxina en branco.

Venres 4 de xaneiro de 2.013. Coma diría Amaya Montero: vouche escribir o artigo máis lamentable do mundo. Bueno, ela diría o máis bonito, pero facer faría o máis lamentable, e iso será o que faga eu tamén. Unha vez avisad@s, comezo.

Tras botar o día enteiro en Kota Bharu, cidade fronteiriza con Tailandia e pertencente a territorio malaio, partimos hacia Kuala Lumpur ás 21:00 do serán. Á capital malaia chegamos ás 05:00 da madrugada. É éste un horario inmellorable para procurar aloxamento. Ninguén na rúa a quén preguntar, nos hostels que están abertos toca espertar ó tipo de recepción, e hai que negociar para que non che cobren a noite que aínda está a transcorrer. A isto había que engadir nesta ocasión unha cortina de choiva coma só no trópico sabe caer.

Ante tales circunstancias rematamos por meternos no Merdeka, o primeiro no que nos ofreceron un prezo convincente. O que xa non resultou tan convincente foron as instalacións. A falta dun mes para completar a Volta enteira, o Merdeka meteuse de cheo na loita por se proclamar o aloxamento máis ruín que pisamos polo mundo adiante. Facendo honra ó seu escatolóxico nome, sábanas, mantas e cortinas tiñan máis furados que un queixo gruyer, as almofadas máis merda que o pao dun galiñeiro, un caldeiro e unha billa de auga fría substituían á ducha, e o mellor de todo: o interruptor da luz, fóra da habitación. Ante semellante panorama, ó espertar a mediodía comezamos a procura para mudarnos a un sitio onde as cascudas non superasen en tamañó ós ratos, os ratos ás hienas e as hienas a Jabba the Hutt. O elixido foi o Cosmopolitan.

Malaisia dándonos a benvida.

Malaisia dándonos a benvida.

Instalámonos na nosa nova hospedaxe, e puxemos rumbo á embaixada india en Kuala Lumpur. Pero antes de falar do que alí aconteceu, que ten tela, quero trasladarvos o pouco que puiden percibir do pobo malaio. Para comezar, unha sorpresa do máis agradable. Os idiomas malaio e indonesio son moi semellantes, polo cal puiden poñer en práctica as catro trapalladas que aprendera en Indonesia e que tanta graza lles facía ós seus habitantes que lles dixera.

E ésa é outra novidade coa que nos deleitou Malaisia e que nos fixo ben felices. O reino malaio é oficialmente musulmán, e coma en todo territorio habitado por este pobo, as súas xentes son quentes e acolledoras, e o mesmo que nos atoparamos en Indonesia, reaccionan con enorme entusiasmo cando lles dás unha mínima mostra de interés pola súa cultura.

Pero estaba a piques de comentarvos o acontecido no “Alto Comisionado Indio en Kuala Lumpur”, que así se fai chamar a representación india na capital malaia. Recoñezo que debimos interpretar a toma de contacto pouco menos que coma unha declaración de intencións. Namáis entrar pola porta, mandáronnos de volta. Había que completar o formulario do visado, e o único xeito de facelo é por internet, e despois imprimilo. Non, non existe ningunha copia xa impresa para cubrir directamente. E non, non se pode cubrir nun dos mil ordenadores dos que alí dentro dispoñen.

Ó saír do ciber e tamén da tenda fotográfica, xa que o formulario require fotos de 2 x 2 pulgadas, formato único do visado indio, voltamos ó Alto Comisionado. De novo duramos ben pouco dentro. Mais desta vez o motivo polo que nos chimparon para fóra era bastante máis preocupante. Por algunha razón que ninguén nos explicou e que en primeira instancia resulta noxentamente absurda, non se lles concede o visado ós turistas que o solicitan dende Malaisia. E punto. Os residentes non teñen problema. Tampouco se lle poñen atrancos ós turistas noutros países. Pero parece ser que o ser turista en Malaisia convírteche nun auténtico indesexable, unha especie de apestado. Dixéronnos que a nosa única posibilidade era desprazarnos a Bangkok, e tramitar o tema dende alí.

O amoe e señor do hostel Cosmopolitan era este adorable oso panda encarnado no corpo dun gatete mórbido.

O amo e señor do hostel Cosmopolitan é este adorable oso panda encarnado no corpo dun gatete mórbido.

E chegados a este punto, ¿qué vos parece se vos conto algunha brincadeira sobre Chuck Norris? Como por exemplo aquela que di que a Morte unha vez tivo unha experiencia cercana a Chuck Norris; ou aqueloutra que afirma que cando Graham Bell inventou o teléfono tiña tres chamadas perdidas de Chuck Norris.

Ou se preferides podemos abrir un debate sobre a orixe do universo. ¿Por qué non darlle unha volta máis á eterna confrontación entre creacionismo e evolucionismo ou darwinismo? A min persoalmente ningunha das dúas teorías me resulta demasiado convincente. Comecemos pola primeira, o creacionismo:

Os creacionistas sosteñen que Deus creou o mundo en seis días.  O primeiro día creou os ceos, a terra o día e a noite; o segundo o firmamento; o terceiro meteuse cos océanos, árbores e verduras varias; o cuarto espetou o sol no día e a lúa na noite, e o quinto paxaros e peixes. Viron a luz entón Catanha e Beckham, gaivota e faneca.

Por último, antes de deitarse a descansar, o sexto día púxose cos animais terrestres. É de supoñer que cos sobrantes de tódalas especies anteriores, para non desaproveitar material, creou o ornitorrinco. Obviamente tamén deu vida ó home, e da costela déste fabricou á muller. Xa ves, e logo critican a Marilyn Manson cando din que se quitou unha costela para facerse felacións a si mesmo. Polo menos el é autosuficiente.

creacion

Dende aquí, a modo de reproche, lembrarlle a Deus que hai que coidar os detalles. Non pode ser que algo a todas luces prescindible, e que antes ou despois vai resultar letalmente danado como o fígado estea protexido por toda unha caixa torácica, con seis costelas, un esternón e a virxe santísima; e pola contra, algo dunha importancia capital e unha tremenda delicadeza como os testículos só poida defenderse das agresións dun hostil mundo exterior cunha ridícula capa de pel engurrada, que aínda por enriba ás veces os suxeita con firmeza, pero outras déixaos pendurar dun xeito que quita a respiración.

Pero vaiamos co evolucionismo, que tamén ten o seu aquel. Este pensamento afirma que o universo xurdiu hai 13.700 millóns de anos, cando unha partícula do tamaño dun átomo, nunha fracción de segundo adquiriu un tamaño superior a unha galaxia. Enchendo o papo dese xeito, que deixaría baleira a despensa da avoa máis fartureira, non lle quedaba outra que rebentar, e cando o fixo formáronse as estrelas, que foron as seguintes en petar. Polo universo expándense hidróxeno, helio, touciño, grelos, garbanzos, chourizo de cebola, orella e demáis materias que deron orixe a un cocido que foi chamado planetas.

evolucionismo

No noso, 4.500 millóns de anos atrás, non había auga. Mais, nalgo que @s galeg@s chamariamos un pequeno chaparrón, botou a chover un millón de anos seguidos. Daquela o sistema de sumidoiros non era moi eficiente, e claro, houbo inundacións. E formáronse os océanos. Neles xurdiu o osíxeno, que subiu á superficie dando lugar á atmosfera e creando as condicións axeitadas para concebir a vida. A partires de aí, o home pasa da auga ás pólas das árbores, e de aí a pulular pola superficie da terra, primeiro para poboala nos seus catro puntos cardinais e despois para escarallala toda. O peixe que lle indicou o camiño de saída da auga ó primeiro home que catou a superficie aínda debe estar tirándose das escamas.

O caso é que esta teoría tampouco explica a escasa protección da que gozan os meus collóns, así que tampouco lle concedo o máis mínimo crédito.

Chegad@s a este punto, @s pouc@s que aínda seguides a ler este artigo estaredes preguntándovos ou ben por qué se me dá por escribir despois de tomar a aspirina con calimocho, ou ben por qué diantres estou a divagar de xeito tan esaxerado. Pois ben. O motivo é que se non quero que o artigo sobre Malaisia sexa de dous párrafos, teño que meterlle palla. E é que os desgrazados da embaixada india estiveron a darnos longas nada menos que ata o día 20, cando decidimos dalo por imposible e conseguir o visado en Bangkok.

Entrada das Covas de Batu, en Kuala Lumpur.

Entrada das Covas de Batu, en Kuala Lumpur.

Non puidemos movernos de Kuala Lumpur en todo o infructuoso proceso de toma e daca que mantivemos co Alto Comisionado Indio. Tamén é certo que as visitas ó mesmo só se producían de mañá. Tiñamos toda a tarde para lanzarnos a coñecer os non demasiados encantos que ofrece a capital malaia, mais ó clásico “xa iremos mañá” uniuse o lamentable estado físico no que nos atopamos. Tralos primeiros síntomas de febleza detectados na China, non levantamos cabeza. A Indochina percorrímola co depósito na reserva. En Tailandia remolcáronnos Richi e compaña. Mais en Malaisia quedamos varados.

Non foi ata os tres derradeiros días de estancia en Kuala Lumpur, cando nos mudamos ó Backpackers Inn, que nos dignamos a visitar algo da cidade. Fixémolo arrastrados por Carles e Alberto. Coñecímolos o día mesmo que nos mudamos de hostel. Eran dous amigos de Reus, o primeiro traballaba en Alemaña e o segundo en Bangkok, os dous para a mesma empresa de automoción.

Covas de Batu.

Covas de Batu.

Carles era un mochileiro mozo pero experimentado. Tiña unha chea de quilómetros e destinos na súa mochila, e falaba das fascinantes aventuras que neles viviu cunha naturalidade abraiante. Alberto, inxenioso e vacilón, era un amante dos deportes. Madridista ata a médula, encantáballe encarnar o papel de fanático cavernario, e facíao de xeito xenialmente simpático. Como comentaba, foi con eles dous canda quen fixemos a nosa única expedición: as Covas de Batu. Trátase dunha serie de templos hinduistas localizados no interior dunhas fermosas covas, presididas por unha impoñente figura dourada dunha deidade hindú.

Entre no-los dous, Carles. Alberto é o segundo pola dereita.

Entre no-los dous, Carles. Alberto é o segundo pola dereita.

Tampouco dá para moito máis o tema. Era o sábado 19 de xaneiro. Ó día seguinte partiamos hacia Bangkok. Resignados. Coas orellas gachas. Mais antes de pasar coa fabulosa volta a Tailandia, falemos de fútbol. Neste período de desidia entre as capitais malaia e tailandesa, o Celta xogou cinco partidos. Impuxémonos ó Fachadolid de xeito claro e merecido; caímos na volta dos oitavos de Copa no Bernabéu nun partido onde ademáis da nefasta imaxe ofrecida a peor nova foi a perda de Huguiño para todo o que resta de tampada; arrastrámonos nun choque lamentable en Cornellá ante un Español que nos gañou empregando os recursos máis básicos, perdoámoslle a vida unha vez máis ó Malaga na Rosaleda, arrincando un escaso e insuficiente punto, e safamos outro de milagre contra a Real en Vigo, xogando medio partido con dez. Este último envite presencieino xa en Bangkok.

Foi, como digo, o día 21 cando chegamos novamente a Bangkok. Unha vez máis, coa noite enriba. Tras preguntar nun cento de recepcións, acolléronnos no Sitdhi, case que por mágoa. Tampouco era esta unha hospedaxe que copara as nosas expectativas, así que ó día seguinte mudámonos ó Roof Guesthouse. Foi esa mesma mañá cando nos garantimos a nosa presenza na India, arranxando e deixando pago o noso visado. Finalmente. Tras un tedioso e desesperante cúmulo de despropósitos que nos levou a recurtar dúas semanas da nosa estancia na India, en principio establecida nun mes. Celebrámolo lacazaneando ata o día 31, ata que nos deron os pasaportes co dichoso visado indio estampado neles. Os últimos 9 días, nun dos cales quedamos con Alberto para tomarlle unhas chiquitas, pasámolos no Wild Orchid Ville.

P1090711

Templo á beira do río Chao Phraya.

O derradeiro día de xaneiro aterramos en Kuala Lumpur. O segundo de febreiro estabamos a despegar hacia Nova Deli. Tan só restan dúas semanas de viaxe. Afrontamos os derradeiros quince días do soño das nosas vidas. Os depósitos de forzas seguen baleiros. Non importa. Voltaremos a imprimirlle á nosa aventura o ritmo infernal dos dez meses e medio anteriores ó período de letargo malaio. Sacaremos as forzas de algures. Das promesas que deixamos na Galiza. Das lembranzas que colleitamos nos 22 países percorridos. Dunha Cruz do Sur que xa só sentimos ó lonxe dende hai tres meses.

Solicito as vosas desculpas polo indecente deste artigo. Prometo compensalo cos que veñen sobre a India. E prométovolo a tod@s, creacionistas e evolucionistas.

Kuala Lumpur, coas Torres Petronas de fondo.

Kuala Lumpur, coas Torres Petronas de fondo.

Advertisements

2 respostas a “Kuala Lumpur, volta a Bangkok e revolta a Kuala Lumpur. Unha páxina en branco.

  1. Estupendo Adri, na vida ai sempre momentos baixos, pero eu lin o teu artigo con moito interés, coma todos os anteriores, e prometoche que gustoume. Un bico e ánimo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s