Non nos humillaredes nunca máis

Son intres nos que o País chora. Amig@s e familiares lamentan as súas perdas. Máis adiante coñeceremos os nomes d@s falecid@s. Porémoslle faciana a cada unha das vítimas. Verán a luz historias desgarradoras. Mais cando comecemos de novo a camiñar (en pé puxémonos no intre exacto no que envorcou o primeiro vagón), non podemos nin debemos caer na autocompaixón.

Ó día seguinte á traxedia chamábame un amigo maño para interesarse polo acontecido. “Galicia está gafada”, comentábame. Incorrecto. Cada día somos máis @s que vemos causas e motivos ben esclarecedores máis aló do gafe ou o infortunio. Cada vez son menos @s que reaccionan con resignación e aceptan como algo inevitable as catástrofes que cada pouco azoutan dramática e case sistemáticamente a nosa terra.

Non. Non foi casualidade que en menos de dez anos dous petroleiros afundisen diante das nosas costas e as asolagasen baixo dun manto de petróleo, no que foi no seu día o peor desastre natural dende a catástrofe nuclear de Chernobyl. Non foi casualidade que en 2.006 unha vaga de incendios arrasase os nosos montes e que en 2.012 as lapas devorasen as Fragas do Eume.

E non. Non foi casualidade que o primeiro accidente mortal dende que existe a Alta Velocidade Española se convertise no segundo con máis vítimas da historia ferroviaria do Estado. Un ano e medio despois da chegada do AVE á Galiza. Vinteún anos despois da inauguración do primeiro tramo de Alta Velocidade entre Sevilla e Madrid.

Por suposto que non. Isto nada ten que ver con gafes nin con meigas. Todo é moito máis sinxelo. Os mesmos que decidiron afastar o Prestige da costa para que o combustible anegara ata o máis mínimo recuncho do noso litoral, e que nos mentían asegurando que nada acontecía mentres o chapapote nos chegaba polos xeonllos, son os que co seu nulo investimento en prevención de incendios forestais conseguen que a Galiza, ano tras ano, lidere as cifras de incendios no Estado español (sobre o 50% do total, segundo Greenpeace).

E, cómo non, son os mesmos que hoxe tentan utilizar como cabeza de turco ó maquinista do Alvia que a véspera do Día da Patria descarrilaba en Angrois cobrándose a vida de 80 persoas, cando resulta evidente que as deficiencias nas infraestruturas tanto da vía coma do comboio son, cando menos, co-causantes do sinistro. Un ano e medio despois da chegada do AVE á Galiza. Vinteún anos despois da inauguración do primeiro tramo de Alta Velocidade entre Sevilla e Madrid.

Se non nos afunden, quéimannos. E se non, fannos descarrilar. Pero é que non só é iso. Soterran a educación e a sanidade públicas. Atacan con rabia e ferocidade a nosa cultura, a nosa identidade. Deixan morrer o sector naval. Afogan o sector leiteiro. Exterminan as nosas caixas de aforros e privatizan os nosos bancos. Róubannos os nosos aforros con total alevosía. E, por se fose pouco, utilizan os cartos públicos, os nosos cartos, con fins corruptos e lucrativos mentres se escarallan de risa nas nosas putas caras.

Con semellante panorama, cabería preguntarse: ¿ata cándo? A resposta é ben sinxela: ata que nós queiramos. Nós, a clase traballadora, a maioría social, somos @s únic@s e principais perxudicad@s polas ruindades e vilezas destes desaprensivos. E, que non vos caiba a menor dúbida, somos @s únic@s que podemos pararlles os pés.

A fórmula, alo menos na súa vertinte teórica, tampouco reviste demasiada dificultade. Debemos unirnos nun frente cívico revolucionario, e vogar tod@s na mesma dirección. Coller as diferencias que nos separan entre nós, comparalas coas diferencias que nos separan con eles, e poñernos a traballar en pos do grande proxecto en común.

A aplicación práctica desta fórmula debería ser a parte complicada do proceso. Mais non para nós. O pobo galego xa ten demostrado sobradamente que cando se une é quen de acadar calquera cousa. Sen ir máis lonxe (que tamén poderiamos), os paus descomunais que ven sufrindo a nosa sociedade nos últimos anos supoñen a proba máis inequívoca do carácter loitador e solidario das nosas xentes.

Deste xeito, @s mesm@s que recollían o chapapote das nosas praias coas súas propias mans, @s que cos seus monos de traballo conformaban mareas brancas máis inmensas aínda que a negra que tinguía a nosa costa, son @s que cos utensilios máis rudimentarios, cos medios máis enxebres, apagaron as lapas que convertían o verde dos nosos montes en gris cinza.

E, cómo non, son @s mesm@s que non dubidaron nin un instante en lanzarse a socorrer ós afectad@s do accidente ferroviario de Angrois, unha vez máis, con material improvisado que desta volta facía as veces de mantas, panos ou padiolas. E @s mesm@s que minutos despois da chamada das autoridades, ateigaban os centros de transfusión de sangue de todo o País, ata tal punto de chegar a colapsalos.

Médicos de vacacións, persoal sanitario en paro, bombeiros en folga achegáronse a centros de saúde e ó lugar do sinistro para prestar os seus servizos. Todos eles deixaron a un lado as súas loitas persoais, esqueceron o trato vexatorio que están a recibir por parte dos desalmados que nos gobernan e puxéronse a traballar en pos do grande proxecto común.

Levamos séculos caídos en desgraza. Mais non son séculos de infortunio, gafe ou mal agoiro. Son séculos de opresión, discriminación e marxinación. Séculos de humillación. Xa abondou. É o noso momento. Coma reza o noso himno,

Os tempos son chegados

dos bardos das idades,

que as vosas vaguedades

 cumprido fin terán.

Pois onde quer, xigante

 a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

Nazón de Breogán.

Ou, se non queredes poñervos tan solemnes, lembrarei aquelo que versa unha preciosa canción de Luar Na Lubre, “Memoria Da Noite”, precisamente con motivo da catástrofe do Prestige:

… que na túa memoria xa non hai volta atrás,

non nos humillaredes nunca máis.

Que así sexa.

Advertisements

2 respostas a “Non nos humillaredes nunca máis

  1. Días tristes que nos fan máis fortes….gustoume moito. Quérote.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s