A fin dun soño, o comezo dunha loita. Reflexión final, parte I

Domingo 23 de xuño de 2.013. Instituto Oceaongráfico de Vigo, Cabo Estai, San Miguel de Oia. 15:25 do serán. É o meu primeiro día de chollo en case ano e medio. Carlos, o meu xefe na empresa de seguridade para a que veño traballando últimamente, lembrouse de min un verán máis para cubrir vacacións. Adoitaba facelo no Hospital Xeral, este ano tocou neste formidable emprazamento.

Inicio unha rolda periférica. Pega o sol, zoa un vento feble. Boto unha ollada ó meu redor. Está entreaberta a porta da pranta de cultivos, onde ensaian coas especies que medran en cautividade. Fóra, xentes xacen tomando o sol nas calas máis achegadas, pescan deténdose en calquera saínte. No horizonte asoman as Illas Cíes. Imperiais. Lucindo coa fachenda do que se sabe a xoia da coroa dun prodixio natural.

Solpor sobre a Ría de Vigo dende o miña posición no Oceanográfico.

Solpor sobre a Ría de Vigo dende o miña posición no Oceanográfico.

Pecho os ollos. O arrecendo é intenso, salgado, fresco. Cada bocanada de aire penetra e enche o peito coma só a brisa mariña pode facer. Ó lonxe albíscase algunha cacharela. É 23 de xuño, noite de meigas, trasnos e meigallos. Percibo a miña Terra con total plenitude, mediante todos e cada un dos cinco sentidos. Haberá lúa chea. A máis grande do ano. Súper lúa, que lle chaman. Resúltame imposible non voltar a vista atrás para lembrar a última súper lúa que presenciei. Aquela lúa imposible, colosal, que emerxeu ás miñas costas no medio do chileno deserto do Atacama. Nun lugar chamado O Val da Lúa.

A súper lúa do Val da Lúa.

A súper lúa do Val da Lúa.

Eran tempos nos que os astros me sorrían. E facíano literalmente. Non só no meu pensamento. Mesmo no meu ollar ficaban de xeito perenne a súper lúa do Atacama, a Cruz do Sur, os ceos perfectos da Patagonia, do Estreito de Magallanes, do Salar de Uyuni. Hoxe, aínda que dende a distancia, a relación segue a ser estreita e cordial. Hoxe, véspera de San Xoan. Preludio da lúa máis grande do ano. Día 146 dende a miña volta.

Xa voaron máis de catro meses. Atrás quedou a chegada a Madrid, con Mary e Mar agardando en Barajas. Achegábame á Galiza e a Galiza achegábase a min. Proba delo foi o menú íntegramente do País elaborado por Mary, ou as posteriores aparicións estelares de Davi, Manu e Paula, Iria, Keka

Degustando o LK que Mary me tiña preparado á chegada a Madrid.

Degustando o LK que Mary me tiña preparado á chegada a Madrid.

Atrás quedou tamén o multitudinario recibimento na estación de buses en Vigo. A miña sobriña correndo hacia min dende o colo da miña nai. Iriña chorando tras dunha columna cun bombo que non podía con ela. Bandeiras, cartaces, botellas de licor café. Facianas de xente á que quero abordándome por todas partes. E eu en permanente estado de desorientación. Inesquecible.

Pequena mostra do pifostio que se me montou á miña chegada á estación de buses en Vigo.

Pequena mostra do pifostio que se me montou á miña chegada á estación de buses en Vigo.

Naquel estado de desorientación mantívenme durante os dous primeiros meses. O corpo na casa e a cabeza en todas partes. O ritmo de vida era case que máis frenético que o da propia viaxe. Co campamento base sempre sito no Calvario, sucedíanse os reencontros. Diferentes grupos de xente, diferentes persoas de diferente importancia na miña vida. As mesmas preguntas, as mesmas lembranzas. ¿Qué fue lo que más te gustó? ¿Cuánto tiempo te llevó?

Non me importaba. Para min non eran lembranzas. A miña mente seguía alí, con aqueles pensamentos. Non había que facer memoria para respostar. Tan só había que sinalar. Entrevistas e reportaxes no periódico, na radio, na televisión. ¿Cómo te arreglaste con los idiomas? ¿Qué tal las comidas? E a miña cabeciña seguía sen regresar.

Mais todo nesta vida ten un comezo e un final. Especialmente algo tan volátil coma a volta a casa de alguén que sempre estivo aí. A frecuencia dos reencontros foi acougando ós poucos. E con ela, o meu ritmo de vida. ¿Cómo hacías para dormir? ¿Dónde están las tías más buenas? O ton das miñas respostas mudara sensiblemente con respecto ó dos primeiros días. Tiña un pouso máis reflexivo, máis meditado. Unha nostalxia case morriñenta foille gañando terreo ó entusiasmo e á euforia coas que contestaba á miña chegada. Xa aterrara a última parte de min que faltaba por chegar. Corpo e mente, por mal que se leven, volven formar parte dun único ser. Agora ela tamén sabe que todo nesta vida ten un comezo e un final.

Festa de benvida no baixo da casa de Juantxo e Iria.

Festa de benvida no baixo da casa de Juantxo e Iria.

E aquí me atopo agora, no meu posto de traballo unha véspera de San Xoan. Ollando de esguello ó mapamundi que serve de alfombrilla ó teclado do ordenador. Non enfoco un punto en concreto. Tan só trazo coa vista unha e outra vez un roteiro que comeza no Brasil e remata na India. Porque xa todo voltou á normalidade. Esperto na cama e sei ónde estou. Xa non preciso ese minuto ou minutos de reflexión para ubicarme en continente, país e cidade. Cando cruzo a rúa xa só miro nun sentido. Non me entran dúbidas de cál será o lado da estrada polo que conducirán aquí.

Paseando pola cidade xa nada aprendo. Nada é novo, nada me sorprende. Encaro un canto e sei con toda seguridade qué é o que me agarda ó remate da viraxe. Non teño aquela sensación de descubrir algo a cada paso que daba. Cada metro avanzado outorgáballe ós meus ollos unha instantánea que non observaran na vida. Entro nos locais e sei quén vai estar detrás da barra. Detrás, diante, apoiado nela e na cabina do pinchadiscos. Fágolles o comentario de sempre, sei qué me van responder. Na infinidade de recantos deste planeta que tiven o privilexio de descubrir quedou a impagable experiencia de non coñecer a ninguén en ningures, a marabillosa obriga de ter que descifrar a personalidade de cada ser humano que atopaba no camiño, xa que todos e cada un deles, en maior ou menor medida, ían ter o seu peso específico no desenvolvemento final da aventura.

Asshole team no Salar de Uyuni.

Asshole team no Salar de Uyuni.

E é que chegou o momento da última reflexión. Este artigo, o que servirá de peche deste blogue, ten o propósito de representar asímesmo a análise definitiva, a valoración final do que foi a experiencia máis inesquecible que xamáis vivín. O soño da miña vida. De aí que o último que mencionara antes de anunciar a fin do blogue fose a xente que coñecín. É por iso polo que deixei esa porta aberta, para a partires dela seguir fiando. Porque estou seguro de que se quero valorar a Volta ó Mundo coma un todo, debo comezar por aí. Pola que considero parte máis excepcional dentro dunha vivencia única. O aspecto que máis me calou dentro dun proceso de aprendizaxe bestial.

Carol e Julián no Magandhi Hostel, Buenos Aires.

Carol e Julián no Magandhi Hostel, Buenos Aires.

As xentes que coñecín. Todo tipo de culturas, razas, etnias, relixións. Diferentes xeitos de actuar e de reaccionar. Formas de comunicarse radicalmente distintas, algunhas ata opostas. A constante algueirada brasileira, a paixón desatada arxentina, o orgullo propio boliviano, a ardente calor colombiana. A sorprendente diversidade indonesia, o perfecto civismo xaponés, o rabudo carácter chinés, a inasequible fachenda vietnamita. Todos eles son evidentes feitos diferenciais. Selos de identidade, características que fan de cada cultura un pobo único, que o fan ser recoñecible e lles permiten ás súas xentes sentirse especiais, representativas de algo propio. Mais existe un elemento en común entre todas elas.

Europe Team en Cusco.

Europe Team en Cusco.

Eu percibín, máis ben desfrutei intensamente dunha cualidade que une indistintamente a todas e cada unha das culturas coas que convivín ó longo e largo do planeta: a xenerosidade. No minuto 1 do día 1 da miña aventura, detrás da primeira porta na que petei había unha perfecta descoñecida que, sen cuestionarme nada nin pedirme nada a cambio, ofreceume a súa casa e facilitoume un prato de comida, unha ducha e unha cama ata a fin da miña estadía na súa cidade.

Pame, Taty, Lisa, Richard... Chegaba a Recife, comezaba a  aprendizaxe.

Pame, Taty, Lisa, Richard… Chegaba a Recife, comezaba a aprendizaxe.

Aquela descoñecida, Pamela, abriume a primeira porta. E con ela, os ollos ante un mundo no que non remataba de confiar e que a base de actos fraternais fixo que nin tan sequera me voltase a plantexar nunca máis dar un só paso atrás no cumprimento dos meus obxectivos. Porque sempre haberá alguén ó meu carón no que poida confiar.

Arthur, unha das persoas das que máis aprendín ó longo da viaxe.

Arthur en Samaipata, Bolivia, unha das persoas das que máis aprendín ó longo da viaxe.

Tras desa primeira porta que se me abriu en Recife, abríuseme outra de igual xeito en Salvador, e en Florianópolis catei a xenerosidade ó estilo galego: ademáis de cama, comida e ducha, ofrecemos troula ata matarte por esgotamento.

Raquel, unha picheleira no Brasil.

Raquel, unha picheleira no Brasil.

Na procura da miña historia por terras arxentinas transportáronme de balde ó longo de 3.300 quilómetros. Foron cinco días de convivencia na estrada con personaxes entrañables, divertidos, sabios. Dunha humanidade abrumadora. Cada un levoume o tramo que puido, con algúns mesmo durmín na súa pousada ou na cabina do seu camión. De todos extraín aprendizaxes impagables.

xentes - nelson e beatriz

Nelson e Beatriz, os primeiros en recollernos.

xentes - oso

“Oso”, un dos personaxes máis peculiares que xamáis coñecín.

Dani, con quen rematou a ruta.

Dani, con quen rematou a ruta.

Máis dun milleiro de veces comentei neste blogue o especial da miña conexión coas xentes da Arxentina. As miñas andainas canda el@s ó longo do globo así o testemuñan. Martín en Río, Sebas en Buenos Aires, Vale en Mar del Plata, Ely e Gonza en El Calafate, Esteban en Bariloche, Darío en Cusco, Natalia en San Pedro, Pablo en Medellín, o equipo de Bali, Dani en Cheng Du, Eli e Lucas en Vietnam… O pleno implica a demasiada xente como para ser atribuído ó azar. A explicación é outra. Eu chámolle irmandade galego-arxentina.

Pablo, o bostero co que rachei Medellín.

Pablo, o bostero co que rachei Medellín.

Á miña chegada a Chile acolléronme no seno dunha familia da que abonda dicir que en poucos lugares na miña vida me fixeron sentir tan querido. Para elo non precisaron máis ca seis días dende o intre que me coñeceron. Xa por aquel entón, e con pouco máis de dous meses de viaxe transcorridos, o corazón comezaba a dar síntomas de saturación ante tanta mostra de amor desinteresado. A ferida causada ó partir daquela casa en Valdivia arrastreina o resto da aventura. Hoxe aínda segue aberta.

Gilda e Cata. Xa tiña familia en Chile.

Gilda e Cata. Xa tiña familia en Chile.

A sinxeleza e o altruísmo cos que en Bolivia e Perú se afanaban en instruírme nas culturas quechua ou aymara, e o agarimo e cercanía extraordinarias coas que se me tratou en Colombia serviron de despedida dun subcontinente, Sudamérica, que me deixou marcado de por vida. Percorrer estes últimos territorios canda dous grupos de foráne@s da calidade humana dos que tiven a sorte de formar parte tampouco me evoca pouca fascinación.

No deserto Siloli canda Bre, Simon, Maz e compaña.

No deserto Siloli canda Bre, Simon, Maz e compaña.

Máis de mil veces foron mentad@s neste blogue xentes coma Athur, o coquiño xermano ó servizo da fraternidade, Judith e Natalie, dúas toliñas adictas a compartir, Ida, unha cativa devoradora de países, Regi, a idealista cun mundo na súa mochila, Dayana, o amor repartido entre Colombia e New York… Mil veces os mencionei porque mil veces me veñen á cabeza ó cabo do día. Imposible esquecer tan ricas convivencias.

Helene, no refuxio de animais de Samaipata.

Helene, no refuxio de animais de Samaipata.

Nun México de mentira coñecín mexican@s tan pur@s coma o tequila que bebín. Con Michel a conexión foi tal que os gobernos galego e mexicano seguen a día de hoxe a manter unha estreita colaboración para evitar que se preduza un, por outra parte, inminente reencontro. Non os culpo.

Canda Mich en Cancún. Así nolas gastabamos.

Canda Mich en Cancún. Así nolas gastabamos.

Xa en Norteamérica, territorio a priori, pensaba eu, pouco propicio para actos de excesiva xenerosidade, topei de fuciños con Fernando. O seu xeito de meternos na súa casa nada máis coñecernos e de dárnolo absolutamente todo sen nós pedirlle absolutamente nada aínda me produce arrepíos agora mesmo. Cando se botaba enriba a metade da Volta ó Mundo o meu corazón xa non sabía qué pensar e a miña cabeza non sabía qué sentir. ¿Ou era ó revés? Non o creo.

O do Tío Fernando foi un caso difícil de explicar.

O do Tío Fernando foi un caso difícil de explicar.

En Nova Zelandia tamén me meteron nunha casa sen eu pedilo e sen eles pedir nada a cambio. Os días canda Meritxell e Ramón foron días de conversas de loitas, días da nosa propia loita por continuar cos nosos soños nun país tan pouco apto para soñadores, días de risas, de compartir proxectos, de deseñar outros novos… Días, en definitiva, que remataron por supor outros moitos días para recuperarse da despedida destas dúas persoas absolutamente sensacionais.

Meri e Ramonet. Auckland, Nova Zelandia.

Meri e Ramonet. Auckland, Nova Zelandia.

Tamén nas antípodas, e aínda que recibindo un trato moito máis frío e distante, en Sydney tamén me convidaron a vivir de balde ó longo de once días, que non é precisamente pouco. Foi, ademáis, o preludio da etapa asiática. Seguramente a causa da enorme e sempre notoria barreira idiomática, desta etapa polo leste máis lonxano as persoas a destacar de xeito específico supoñen un número considerablemente inferior en comparación coa etapa occidental.

Nembargantes, xentes coma Raffaele en Xava, todo un exemplo de motivación, ou Juliette e Amandine no camiño a Bali, as francesiñas moinantas, servíronme de importante apoio nos meus difíciles primeiros pasos polo outro vello continente.

viaxe - xapón2

Cómo esquecer, do mesmo xeito, ós meus anfitrións no Xapón, grazas ós cales coñecín moito mellor a unha cultura tan cálida, tan xenerosa, tan humilde, tan perfecta que parece incríble que lles resulten tan alleos os nosos bicos e apertas. Eu liaríame a eles todo o día con estas xentes. Ou cómo esquecer, por favor, o señor que percorreu 60 quilómetros en sentido contrario ó seu destino para deixarme no punto exacto dende onde observar o monte Fuji.

Kouji e Tomo. Pura risa, todo xenerosidade.

Kouji e Tomo. Pura risa, todo xenerosidade.

Pan en Cheg Du, a chinesiña cativeira que me prendeu máis que os pandas, Tom e Baptiste en Kun Ming, os alsacianos cos que alcancei o estrelato da noite chinesa, ou Kels en Ha Noi, a moza coa que mantiven o idilio máis peliculeiro da miña vida, son outros claros exemplos de persoas que máis aló dos usos e costumes dunha cultura en xeral, aportaron cousas significativas, importantísimas de cara á miña vivencia.

Neste último senso, no eido dos pobos que, en contraposición ás persoas que quixen subliñar a título individual, enriqueceron a miña ialma dun xeito colectivo no continente asiático, ademáis dos que xa signifiquei aquí de forma recorrente con anterioridade, quero destacar a indonesi@s e indochin@s.

@s primeir@s por aquela fascianción inocente coa que me ollaban, esa incredulidade coa que analisaban cada un dos meus acenos ou movementos. Faise inverosímil, gratifica sobre maneira que nun mundo tan grotescamente globalizado coma o que habitamos, aínda quede xente que valore as nosas diferencias dun xeito tan entrañable e construtivo coma esta xente fai.

xentes - indonesia

No que atinxe a vietnamitas, camboxan@s e laosian@s, o que máis me chegou, entre outras moitas cousas, foi esa capacidade para deixar a un lado as dolorosísimas lembranzas dun pasado inmediato no que o mundo occidental castigou con atrocidade e con saña esta marabillosa cultura, para amosarse ante nós cunha hospitalidade abraiante. Cunha ansia de intercambio cultural, de enriquecemento mutuo que non me cabe na cabeza.

xentes - vietnam

Xa para rematar, lembrarme de Soni e Moni. Sería nefasto pola miña parte facer un repaso polas persoas que máis pegada deixaron en min ó longo da miña viaxe sen determe a comentar o que estas dúas rapaciñas indias me aprenderon. E o que me aprenderon é moi doado de dicir, nomear ou escribir. Mais é imposible de calibrar e de explicar. E é que, Soni e Moni, Moni e Soni, simplemente, abríronme os ollos ante a realidade dun país, o seu, realidade ésta que é perfectamente extrapolable ó mundo no que vivimos.

Así de sinxelo. E aí o deixo. Porque o intento de explicación desta derradeira reflexión que veño de debullar non pertence a esta publicación. O carácter da mesma ten mellor cabida no artigo que debo publicar deseguido. Neste debía cinguirme á análise da xente que coñecín. Algo sobre o que sería quén de botar o resto da miña existencia escribindo, falando, incluso cantando ou berrando ós catro ventos. Mais coido que o correcto de cara a este blogue é tratar de resumilo, e iso veño de facer. Non sei se o acadei, moito me temo que non. Iso é algo que haberedes de xulgar vós.

Isto foi todo, relativamente, nesta reflexión final no tocante á xente, o que, repito xa por última vez, considero o aspecto máis destacado, didáctico e enriquecedor da miña Volta ó Mundo. Na vindeira entrega, os meus obxectivos.

2 respostas a “A fin dun soño, o comezo dunha loita. Reflexión final, parte I

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s