Arquivo da categoría: Estados Unidos e Canadá

California. Sensación de vivir… nunha burbulla.

Xoves 16 de agosto. Contra as 18:00 do serán o noso autobús de Greyhound, que así se chamaba a empresa coa que mercaramos a oferta para movernos por todo o territorio norteamericano, chegou á estación de autobuses de Los Angeles. Aquí citarámonos con Sarah, con quen nos puxera en contacto Cata, a nosa irmanciña chilena. Ambalasdúas coñecéranse en Valdivia, fixéronse amigas da morte, e Catalina aproveitou o noso paso por California para cruzar o noso camiño co da súa amiga estadounidense.

Ésta chegou a recollernos á estación tan só 10 minutos despois do noso desembarco. Presentouse cun amplo sorriso na faciana, e inmediatamente fixo unha demostración de por qué caeu en graza no seno da nosa famila en Valdivia, de por qué fixo tan boas migas con Cata. Ó máis puro estilo familia Sanhueza Spuler, dirixiuse a nós coma se nos coñecera de toda a vida, cunha confianza abraiante, e ofrecéunolo todo dende o primeiro instante.

Casa de Sarah en “Hermosa Beach”. Non dabamos creto.

Sarah conduciu durante aproximadamente media hora dende a estación ata a súa casa, e tamén a nosa durante eses días. E cando chegamos… non podiamos crer o que vían os nosos ollos. Sarah vivía, canda outras dúas compañeiras, nunha idílica casiña a escasos metros de Hermosa Beach. De feito, ó estar a casa situada nunha ladeira, dende a mesma pódese observar directamente a praia, bañada polo Océano Pacífico. No porche da casa, porque ten porche, pendura de dúas cadeas un banco-columpio. No piso de abaixo atópanse o salón, un baño e a cociña, que comunica cun patio exterior. No piso de arriba, as habitacións e o resto de baños.

Dende a casa viamos a praia.

Aínda sen asimilar de todo a especie de soño que estabamos a vivir, deixamos na casa os petates, puxémonos a roupa de praia, e dirixímonos lixeiriños, os tres en compaña de Sarah, a Hermosa Beach. Alí apenas pousamos as toallas na area, e fúmonos mergullar nas augas do Pacífico. Richi por primeira vez na súa vida. Cons e máis eu por primeira vez dende Totoritas, con César e Anto.

A temperatura era perfecta. A da auga, inmellorable. Non eramos quén de saír dela. E nela sorprendeunos o solpor. O sol agochouse diante dos nosos fuciños nas mesmas augas nas que nós nos estabamos a bañar, tinguindo na súa marcha o ceo dun alaranxado fresco, veraniego.

Solpor en “Hermosa Beach”.

Estabamos a observar o solpor nunha praia nada máis chegar a Los Angeles, a California. Nunha praia que se atopa a cincuenta metros da casa onde nos acollera unha moza guapa, simpática e agarimosa. Nunha casa con porche e banco-columpio. Así nos recibira Los Angeles. A vida tratábanos demasiado ben.

Foron os nosos primeiros días de vida californiana días de relaxación, despois do tute monumental de quilómetros e noites sen durmir que supuxo a nosa particular Ruta 66. Por internet alugaramos un coche por tres días para movenos por California, por tan só $11 cada un. Éste contaba con dúas camas, unha na parte de atrás do coche e outra nunha especie de cápsula no teito; dúas pranchas para cociñar, a vaixela completa, fregadeiro, DVD, e outras tantas mil prestacións que xa non me lembran. O venres fumos a recollelo, e pola noite saímos a tomar unha cervexiña canda Sarah e unhas amigas súas. Pero era o sábado para cando estaba reservada a festa grande.

Sarah á dereita, cunha compi de casa.

Unha das compañeiras de casa de Sarah marchaba a vivir a Chicago, e tíñanlle montada a despedida. Xuntouse unha chea de xente, fixemos unhas risas moi grandes xogando ó para nós xa famoso beer-pong no patio da casa, e cando saímos de discotecas a diversión continuou.

Antes de comezar un partido de “beer-pong”.

Foi un bo xeito de tratar de esquecer o debut do Celta en Primeira tras cinco anos no inferno.

Partido moi serio dos nosos, que deixaron ben ás claras que podemos competir sobradamente nesta liga e tratar de ti a ti a calquera equipo da categoría. Mágoa de resultado, pero hai que pagar a novatada.

O domingo tiñamos planeada a nosa visita a San Francisco. E maldito o momento. A idea era arrincar pola mañá, pasar o día na cidade, durmir no coche, devolvelo pola mañá e regresar a Los Angeles en autobús, no último día que nos restaba de oferta con Greyhound. Mais as cousas non saíron segundo o previsto, nin moito menos.

Ésta é a única foto que temos da famosísima ponte de San Francisco, o “Golden Gate”.

Trala festa que nos pegaramos a noite anterior, erguímonos moi tarde, polo camiño perdímonos nun par ou tres de ocasións, e rematamos por chegar a San Francisco xa á noitiña, cando xa escurecera. Tras tirarnos unhas fotos coa famosa e bela Bahía de San Francisco de fondo, cociñamos na prancha do coche uns cachorros cunhas salchichas e uns bolos de pan que mercaramos nun mercado, e dispuxémonos a pasar a noite nas camas do automóbil. Richi e máis eu abaixo, tras facernos unhas risas épicas, Cons na “cápsula” do teito.

E ésta é a única foto que temos da bahía de San Francisco.

Foi imposible pegar ollo. Por algunha estraña razón que aínda hoxe non entendemos e que ninguén alcanzou a explicarnos, San Francisco, dentro da propia California, “goza” dun microclima propio. Un microclima infernal. Xa á nosa chegada recibiunos con choiva e unha espesa brétema, e pola noite a cousa empeorou. En pleno verán pasamos un frío horroroso -eu incluído-, e Cons tivo que baixar do teito ós asentos de adiante para non morrer de hipotermia.

De cocinillas en San Francisco, coa cociña do coche.

Pero as vilezas que nos tiña preparadas San Francisco non remataban aí. Debiamos devolver o coche esa mesma mañá, así que puxemos rumbo ó negocio. Levabamos o carro cargadiño de combustible, co depósito baleiro das augas residuais do fregadeiro, e todo o que nós cosiderabamos que tiña que estar en orde. E digo o que nós considerabamos, porque os señores de Jucy, que é ése o nome da empresa de estafadores á que lle alugamos o vehículo, non o considerou así.

Utilizaron o pretexto dun suposto cheiro a tabaco no interior do coche -que pode que existise, pero que a min, un non fumador, me resultou case que inapreciable- para reter os $500 de fianza que asinaramos. Aseguráronnos que a factura non ía exceder os $200, cousa que xa nos parecía absolutamente desorbitada. Ó cabo duns días comprobamos que a Cons, quén puxera a conta para o aluguer, retiráranlle a fianza enteira. $500 por un suposto cheiro a tabaco.

Todo isto quitounos as gañas de coñecer San Francisco por completo, e decidimos emprender o camiño de volta a Los Angeles. No camiño detivémonos en Oackland, unha cidade que non pinta mal, e aínda que aparentemente non ten demasiado que ofrecer e as súas rúas, alo menos o día que nós as percorrimos, amosáronse sorprendentemente baleiras, o clima mellora con respecto a San Francisco, e semella moderna e ben coidada.

Oackland.

Á nosa volta a Los Angeles, o luns 20, houbemos de aloxarnos nun hostel. O escollido foi o Adventurer, no barrio de Inglewood, barrio no que, por certo, naceu e medrou o meu admirado Paul Pierce, capitán e emblemático xogador dos Boston Celtics. Trala nosa chegada a Los Angeles, a cal nin nos nosos soños máis ambiciosos poderiamos imaxinar, presentábase ante nós a nosa segunda etapa de vida californiana. E, sen dúbida, prometía non ser tan grata coma a primeira. Tamén é certo que o tiña complicado. Alo menos coñecimos máis a fondo a cidade, percorrímola máis aló do residencial barrio de Hermosa Beach polo que nos moveramos case que exclusivamente durante os primeiros días.

E Los Angeles sorprendeunos coa súa paisaxe urbanística. Moito máis semellante a unha cidade sudamericana calquera que ás grandes metrópoles estadounidenses, os seus edificios son de escasa altura, sinxelos, sen o máis mínimo alarde arquitectónico. As beirarrúas, máis ben as rúas en xeral, están descoidadas, a vexetación salvaxe medra de entre as fendas do cemento, o lixo abunda sobre a superficie da urbe.

Los Angeles. Non queirades ver as beirarrúas.

Non é Los Angeles unha cidade bonita precisamente, non. Antes comparábaa cunha cidade sudamericana, mais xa lle gustaría a Los Angeles semellarse a algunha das capitais de Latinoamérica que tivemos a sorte de coñecer ó longo da nosa viaxe. L.A. non é bonita, pero o que si é é grande. É unha auténtica inmensidade. Ó non ter altura os seus edificios, exténdese ó longo dun terreo inimaxinable, non alcanza o entendemento a procesar semellante cantidade de quilómetros cadrados. Alo menos para un pobre paleto coma min.

As súas rúas son atravesasdas por unhas estradas enormes. Non crucei nin unha soa estrada de menos de catro mil carrís. É unha cidade completamente descentralizada: ó ser tan extensa, cada barrio, cada distrito é totalmente independente, incluso co seu propio corpo de policía.

É xusto por isto, polo extensa que é, polo que sorprende poderosamente o feito de que non teña metro. Los Angeles carece de transporte público subterráneo. E o sistema público de transporte, composto por dúas empresas diferentes de autobuses, é paupérrimo, cunha frecuencia ridícula para unha cidade coma esta. En Los Angeles todo o mundo ten coche propio, e o transporte público está total e lamenteblemente esquecido.

Unha vez que quedei a gusto poñendo Los Angeles pouco menos que a caer dun burro, podemos proceder a continuar coa narrativa. Na nosa segunda etapa anxelina tamén aproveitamos para achegarnos a algún dos destinos de visita obrigada da cidade. O martes foi a quenda de Hollywood.

A tan afamado barrio, cheo de contrastes e incoherencias, partimos coa chegada da tardiña. Baixamos do autobús e puxémonos a camiñar rumbo ó arquicoñecido letreiro de “Hollywood” que loce no alto da colina. Sinceiramente, teño que recoñecer que me sentín bastanate imbécil ó meterme aqueles quilómetros no corpo procurando un monte cunhas letras xigantes espichadas nel.

Supoño que é o prezo que hai que pagar por ser turista nun país que ten máis de circo que de país propiamente.

E se me sentín imbécil procurando o letreiro de Hollywood, non vos quero dicir cómo me sentín camiñando polo paseo da fama. O paseo da fama, o mítico bulevar –Hollywood Boulevard– coas beirarrúas onde se suceden baldosas con estrelas cos nomes dos artistas máis recoñecidos -a xuízo dos señores que fan o paseo- do mundo do cine, da música e da televisión.

Un dueto que fixen un momento co cantante de Kiss.

O paseo da fama, ó que perfectamente poderían chamar “paseo dos petos furados”, ou “paseo dos polos sen cabeza”. Non hai nin unha soa persoa que camiñe ollando cara adiante. Nin sequera ollando hacia arriba, coma sucedía en Nova Iorque. Nun exercicio de ridículo supino, todo o mundo camiña coa cabeza gacha, ollando cara o chan, coma se lle acabara de caer unha moeda do peto, na procura da estrela dun personaxe que coñeza. As xentes colisionan unhas coas outras, e só nos faltaba levar unha mecha con chispa na cabeza para semellar definitivamente unha atracción de coches de choque. Moi triste.

Porque esa é outra. Non vos pensedes que o paseo son uns poucos centos de metros e que só as súperestrelas teñen o seu nome lucindo na súa baldosa. Con aparecer en medio capítulo da serie máis cotrosa xa podes dispoñer do teu espazo no paseo. Eu non a vin, pero escoitei que Ana Obregón ten a súa baldosa pola súa aparición estelar nun capítulo de “El Equipo A”.

Visto o visto, eu solicitei a miña propia estrela, tralas miñas entrevistas de antes de comezar a viaxe en Radio Galega e na Cadena Ser, a miña reportaxe a páxina completa en Faro de Vigo, e unha vez que saíra na TVG respondendo a unha pregunta sobre o estrés que me fixeran pola rúa hai uns anos, nun día de resaca. Non me garantiron nada, pero as xestións están en marcha.

Ó día seguinte decidimos visitar o barrio de Santa Monica. Barrio, este si, ben lindo, limpiño, cunha rúa peonil ateigada de negocios e postos na rúa, flanqueada por dúas fileiras das típicas palmeiras californianas. Por fin nos atopabamos na clásica estampa de Los Angeles que tiñamos na cabeza, o que se nos amosa na televisión.

Distrito de Santa Monica.

Tras dar un paseíño por tan típica paraxe, decidimos dirixirnos á praia. Coma case todas as de Los Angeles, a de Santa Monica é unha praia inmensa, tanto ó longo coma ó ancho. Fai graza observar cada poucos metros o típico posto de vixilantes, os mesmiños que ocupaban David Hasselhoff, Pamela Anderson e Carmen Electra.

Ademáis, Santa Monica Beach conta cun peirao, unha pier que eles lle chaman, que inclúe un parque de atraccións con noria e montaña rusa, zona comercial, e toda esa clase de prestacións que se fan indispensables nun día de praia.

“Pier” da praia de Santa Monica.

Ó día seguinte, xoves 23 de agosto ás 06:00 da mañá, Richi voltaba para Vigo. Aquí remataba a súa aventura americana. Aquí remataba a etapa da Volta ó Mundo co equipo ó completo. Volviamos a estar Cons e máis eu sos, voltabamos a xogar en inferioridade numérica. Mais non foi unha despedida emotiva. Non houbo lugar ó drama. Recuperaremos a igualdade numérica en menos do que tod@s pensamos. Ata aquí podo ler.

O resto da nosa estancia en Los Angeles, o que restaba ata que o martes collesemos o voo a Nova Zelandia, prometía ser longo e tedioso. A miña economía, sempre precaria e tendo que pagar hostel, e a de Cons, co vimbiazo que supuxo a retirada dos $500, non nos permitían movernos do Adventurer, algo ó que tamén axudaba o patético funcionamento do transporte público anxelino.

Mais cando todo semellaba perdido, cando xa tiñamos asumido que non iamos poñer un pé fóra do hostel ata o día de acudir ó aeroporto, fixo acto de presenza a milagreira figura dun vello salvador noso, co que xa non contabamos, ó que xa dabamos por desaparecido ata rematar a viaxe enteira.

Unha vez máis, coma xa sucedera en Florianópolis, no Brasil, acudiu ó noso rescate o canalla dos canallas. O vividor dos vividores do xeito mellor entendido posible. Un compatriota, un paisano. Richard Rama. Trocabamos Ricardo por Ricardo sen perder un ápice de calidade. Ás nosas mentes saltaron inmediata e inevitablemente as festas rachadísimas que nos meteramos en Floripa canda este auténtico fóra de serie e canda Raqueliña, a compostelá de pranta senegalesa, coas participacións estelares de Nachete e Miguelón.

Reencontro con Richi, tralo vivdo en Floripa.

Xa non contabamos con el, pero alí apareceu. Unha vez máis para safarnos, para aportarnos, para facernos a vida máis doada. E apareceu porque se fartara da súa vida no seu hostel de Florianópolis e decidira botar unha tempada en Los Angeles. Nada máis chegar xa estaba vivindo na casa dunha “medio moza” súa, coma el mesmo denomina. Sempre na procura da gran vida, sempre perseguindo a excelencia. Nunca deixarei de admiralo.

Trala súa aparición case que de película, case “hollywoodiana”, citámonos para o día seguinte. E o día seguinte era sábado. E o sábado xogaba o Baby-Gali-Celta. Cunha conexión a internet vergoñenta para a suposta primeira potencia económica do mundo, escoitei o partido a tiróns, a saltos pola Radio Galega, da man do mito, de Xaime Escudeiro.

Tampouco houbo moito que escoitar. Derrota xusta en Anoeta, nun partido moi frouxo onde amosamos unha febleza en defensa condenatoria na Primeira División. Non pasa nada. As fichaxes acaban de chegar, aínda o ten que facer algunha máis, e a grande maioría dos rapaces están a dar os seus primeiros pasos na nova categoría. Por suposto que seguimos confiando. Entre outras cousas porque nunca nos deron motivos para deixar de facelo.

Ó pouco de rematar o partido apareceu Richi, acompañado da súa “medio moza” Nadine, anxelina de ascendencia vietnamita. Os dous leváronnos, no coche dela, ó barrio chinés de Los Angeles. A China Town anxelina non é tan grande coma a de Nova Iorque. As súas xentes semellan máis integradas na sociedade estadounidense, non desempeñan as súas vidas dun xeito tan puro, non desenvolven a súa cultura dunha maneira tan fiel coma sucede na China Town neoiorquina.

Barrio chinés de Los Angeles.

Iso si, coma en case todo o referente a Los Angeles, existe unha fachada para maquillalo todo. As rúas do barrio chinés están engalanadas coa típica decoración oriental, e as súas estradas crúzanas cordeis de onde penduran esa especie de piñatas redondas, que cando estea na China xa aprenderei cómo se chaman e para qué serven. Os edificios tamén teñen o clásico deseño chinés, cos típicos tellados rematados en picos de corvatura ascendente. Todo dunha artificialidade bastante chocante.

Tamén estivemos no barrio xaponés, máis pequeno e sen tanta maquillaxe, e de alí fumos directamente á praia, despois de facernos cuns litriños de calimotxo. Moi agradable o día que pasamos canda o noso Richi e máis Nadine, e especialmente amena foi a sesión de calimotxos e risas que organizamos na praia, mentres o sol iniciaba o seu descenso.

Richi e Nadine. Non, en directo non ten ollos de morcego.

O domingo quedamos con Richi para botar o serán na praia de Venice, a que para moit@s nativ@s é a mellor da cidade. E a verdade é que non está nada mal, pero non lle sabería eu atopar o punto de melloría con respecto ó resto de praias da cidade. O punto diferencial en xeral. É enorme, e conta con todo tipo de servizos de cara o bañista. Exactamente igual ca todas as que visitaramos ata o momento.

Busqueino, pero non atopei ó vixilante careco e de bigote, o coleguita de Mitch Buchanan. Queríalle dicir catro cousas.

O que si que é peculiar é o propio distrito de Venice-Venecia en inglés-. Barrio rico da cidade, os dirixentes non debían ter moi claro ónde investir os cartos, e decidiron emular á cidade que lle dá nome ó distrito, prantando unha sucesión de canles que cruzan unha das súas avenidas principais, coas súas pontes correspondentes.

Canle da Venecia de Los Angeles.

Novo exercicio de artificialidade co que nos agasallaba Los Angeles, nova mostra de derroche absolutamente inaxeitado, coa cantidade de necesidades reais coas que conta a cidade. Nós seguimos ó noso, e procedimos a unha nova sesión de calimotxos e risas, desta volta na propia praia de Venice.

A nosa estancia en Los Angeles, un tanto agredoce, un chisquiño bipolar, con dúas fases marcadamente diferenciadas, tocaba á súa fin. Unha cidade, repito, fea. Mais cun estilo de vida, aínda que sumamente artificial, envexable. Baseado no ocio, no lecer, deixando un espazo importante ó relax e a relaxación. Alegre e saudable.

E con ela tamén tocaba á súa fin a nosa etapa nos Estados Unidos. Unha etapa que nos deixa lembranzas imborrables. Coma a semana en Nova Iorque, unha cidade que nos ha marcar de por vida. Coma os días que pasamos na fermosísima Boston canda o Tito Fernando, unha persoa que xa nos marcou de por vida. Ou coma a paisaxe que nos brindou o Gran Canón, o espectáculo natural máis desproporcionado que observei na miña vida.

Un país os E.U.A. que nos ofreceu xusto o que agardabamos del. Na Meca do capitalismo, nunha nación que vive por e para o consumo, nada é o que parece. Todo está agochado tras unha fachada de conveniencia, todo está oculto baixo un manto de interese. Nun país onde non existen os escrúpulos, con todo se fai negocio, a todo se lle pon prezo, todo é susceptible de ser vendido. Todo o puro é violado, a todo se lle aplica unha capa de maquillaxe para que lle entre mellor polos ollos ó consumidor.

Isto é o que supón o capitalismo, deixando a un lado as actividades atroces que implican as políticas exteriores encamiñadas a mante-lo sistema, obviando as invasións militares, invasións empresariais, relacións esperpénticas e interesadas con outras nacións, e outros tantos e tantos temas turbios que se tratan de ocultar de xeito patético á sociedade, aspectos estes polos que é imposible pasar por enriba sen profundizar.

Marchamos dos Estados Unidos, mais non o facemos do Primeiro Mundo. A loita continúa. Seguinte destino: Nova Zelandia.

Ruta 66, terceira Bola Máxica no Gran Canón, e Las Vegas. O que acontece en Las Vegas…

Venres 10 de agosto. O seguinte destino tras Chicago era o Gran Canón do Colorado. Como sabedes, a nosa intención dende un principio sempre foi cruza-los Estados Unidos facendo a mítica Ruta 66. E como tamén coñecedes, as posibilidades tanto de alugar un coche na costa leste e devolvelo na oeste, como de mercalo en Chicago e vendelo en Los Angeles, escapaban totalmente ás nosas economías.

E escapaban ás economías dos tres, non só á miña -á miña economía escapa ata a posibilidade de facer a ruta nun burro con tres pezuñas escordadas, anemia e paludismo-. Así que, procurando e procurando, en Boston atopáramos a oferta de poder movernos por todo o territorio norteamericano collendo un número ilimitado de buses, por $360. Non faríamos a clásica Ruta 66 no noso propio coche e escoitando a nosa propia música. Non me ía deter na tasca de Joe a pedirlle que me enchese o vaso de bourbon unha vez máis, que éste mo denegase mentres limpa o interior doutro vaso co seu pano, alegando algo así coma “xa bebiches de abondo, Adri, ¿por qué non te vas para casa?”, para eu berrarlle aquelo de “¡¿é que os meus cartos non valen na túa tasca, Joe?!”

Nun sitio semellante a este imaxino eu a miña liorta con Joe.

Non, non se ía producir esa escena. Pero igualmente iamos facer a Ruta 66, alo menos en autobús. A duración da viaxe dende Chicago ata o Gran Canón leva máis dun día e medio, así que había que facer unha parada intermedia. E conxugando horarios e distancias, o destino máis axeitado resultou ser Amarillo, unha poboación illada no medio do norte de Texas. Naturalmente non nos fixamos nos atractivos turísticos que puidese ofrecer Amarillo, xa que só iamos facer noite para continuar hacia o Gran Canón.

Mais, avatares do destino, non quedaban prazas para desprazarnos directamente a Amarillo. Lembrando os traxectos ifinitos do noso primeiro mes no Brasil, tivemos que pasar por un punto intermedio antes de chegar ó destino final, e houbemos de agardar ata as 21:00 do serán para poñer rumbo a Dallas. De madrugada fixemos paradas en Memphis, no estado de Tennessee; en Little Rock, Arkansas; e en Texarkana, Texas.

Quilómetros, quilómetros e máis quilómetros de estrada e deserto.

A Dallas chegamos en pleno serán cunha calor que impoñía o seu respecto, e sen saír da terminal de buses, arrincamos, desta vez si, a Amarillo. Alí fixemos media noite, que nin enteira nos deu para pasar, xa que chegamos ben entrada a madrugada.  Ó erguernos e chamar a un taxi que nos achegase á estación de buses atopámonos con que ía tardar unha hora e pico en recollernos. Non nos daba tempo de chegar a coller o autobús ó Gran Canón. Pero non pasaba nada, alí estaba Raj, un hindú perfectamente descoñecido que escoitou o noso drama e non dubidou en ofrecerse a achegarnos. Bueno, por ofrecernos tamén nos ofreceu auga, folletos de desconto en hostels, e o seu número de teléfono para chamalo en caso de que tivesemos calquera improvisto nos Estados Unidos.

Pouco antes do mediodía arrincamos hacia Flagstaff, a localidade máis achegada ó Gran Canón onde chegaba a compañía de buses coa que decidimos percorrer Norteamérica. Tamén esta era unha quilometrada fina, e o autobús fixo unha das súas paradas coa entrada do luscofusco para descansar en Albuquerque, Arizona. Nesas andabamos Richi e máis eu, estirando as pernas. Cons non, Cons estaba inquedo. Esa mesma noite tocaba Iron Maiden xustamente alí, en Albuquerque. Corría de aquí para alá, procurando a alguén que lle vendese unha entrada. Richi e máis eu ollabamos o un para o outro co típico xesto de “éste toleou”.

Pero non, non toleara. Ou si, pero safou, e de qué xeito, dentro da súa tolemia. Na enésima vez que se achegaba á nosa posición, fíxoo máis alterado do que xa estaba dende que pisara a estación de Albuquerque. Contounos que coñecera a un mexicano que lle vendía unha entrada para o concerto, e que lle ofrecía a súa casa para pasa-la noite. E anunciounos que quedaba en Albuquerque para presenciar o concerto do seu grupo favorito. Naturalmente, Richi e máis eu continuabamos adiante, rumbo ó Gran Canón.

Cons canda Paloma e Ana, as dúas mexicanas que atopou na estación, e Javi, o que lle vendeu a entrada e o aloxou na súa casa.

Contounos que tras tomar unhas birras na casa de Javi, o mexicano afincado en Albuquerque que lle vendeu a entrada, canda Paloma e Ana, dúas amigas deste, dirixíronse ó concerto. Contounos que a súa entrada e a de Javi eran entradas V.I.P. Todo o concerto en primeira fila, e sen necesidade de usar o cóbado. Contounos que nun intre do espectáculo, Nicko McBrain, batería da banda británica, lanzou o parche do tambor ó público. E si, caeulle a el. Asinado.

Foto do concerto de Iron Maiden que tirou Cons co móbil dende a súa posición V.I.P.

O que gozou do concerto só o pode saber el. Valorar o extremadamente afortunado que foi de aparecer no sitio exacto no que se producía o concerto, e no intre perfecto para atoparse coa persoa que lle facilitara a entrada para o mesmo, tamén só o pode facer el. Javi, o seu anfitrión e proveedor, tratou de facelo, de valorar tanta fortuna, de comprender cómo é posible ter tanta sorte. Non atinou a facelo, atribuíuno a designios do destino, e decidiu convidar a Cons. $120 de entrada V.I.P. que lle saíron de balde ó noso amigo de cú florido. E aínda non mercou nin un só billete de lotaría no que levamos de viaxe.

Pero voltemos á viaxe puramente entendida. Trasladémonos a Flagstaff, onde Richi e máis eu chegamos, unha vez máis, de madrugada, para aloxarnos no clásico motel de estrada. Desta volta si, exactamente igual que nas películas yankees.

Típico e tópico motel de estrada gringo.

Botamos unha soneca na nosa habitación totalmente equipada -biblia incluída, por suposto-, e á mañá seguinte dirixímonos ó noso obxectivo principal dende que comezáramos a meternos semellante malleira a base de quilómteros días atrás: o Gran Canón do Colorado.

Flagstaff, Arizona. O interior dos E.U.A. en todo o seu “esplendor”.

A el chegamos, non sen poucos atrancos, ó comezo da tardiña. No microbús que nos achegou ó Parque Nacional uníusenos unha mociña xaponesa que Richi entendeu que se chamaba Norito. Eu entendinlle Yokito, así que aquí, polo momento, ímoslle chamar Sisuka. Polo momento, xa sabedes que aquí as cousas cambian rápidamente, sobre todo os nomes inventados.

Como digo, foi a primeira hora da tardiña cando no-los dous, acompañados de Misae, asomamos ó Parque Nacional do Gran Canón. As sensacións a medida que te achegas son as das grandes citas. Como cando asomamos ás fervenzas do Iguazú. Como cando xiramos 180º para topar co Centro Galego de Buenos Aires. Como cando ascendimos o último chanzo da boca do metro de Times Square.

E cando chegas, o incomparable de ver colmadas as expectativas creadas tras aquelas sensacións invádeche o corpo. Ante ti ábrese un espectáculo de rochas e fendas, montañas e vales, paredes e gorxas. E todo elo tinguido dun vermello intenso que se extende ata onde alcanza a vista.

Din que a orixe do Gran Canón data de máis de 1.500 millóns de anos. Mais iso non é o que semella. O traballo da erosión durante un período de tempo tan prolongado invita a pesar en formas homoxéneas, máis ben redondeadas, pode que ata predicibles. O Gran Canón, nembargantes, ofrece  unha estampa de formas impensables, incomprensibles. Un perfil dunha irregularidade fantástica.

O Gran Canón non semella ser froito dos designios da erosión. Diríase máis ben que hai uns poucos séculos un diluvio de meteoritos se cebou nesta paraxe, e os seus impactos fortuítos, os puntos de caída marcados á toa orixinaron esta paisaxe de formas anárquicas, incoherentes.

Unha parede dunha caída de máis dun quilómetro agocha un val incrustado a machete, como posto pola forza. A dúas rochas milagreiramente xemelgas síguelles a saia dunha montaña deitada, salpicada dunha infinidade de matoxos, sobor da cal sobresaen varias bancadas cuxo saínte vai de máis a menos, desaparecendo ós pés e fusionándose coa formación que as cobixa.

O Gran Canón xoga coa túa percepción. O heteroxéneo das súas formas e o inmenso da súa extensón fan que, cando tratas de concentrarte nun punto, perdas a perspectiva dos planos, e non saibas se o que observas está en vertical ou en horizontal. É esta unha sensación confusa, case que sedante.

O Parque Nacional do Gran Canón alberga a gorxa do río Colorado. E a bacía do Colorado non desentona en absoluto co abrupto do seu entorno. É unha conca de perfil afilado, con ángulos definidísimos. Dá a sensación de que a terra rachou nesa zona cedendo ante unha forza superior. Semella que no canto de auga, o caudal do río Colorado confórmano un exército de guerreiros que se abren paso a machetazos.

Tras varias horas percorrendo aquel fascinante parque, e arrastrando a Xuneo, que estaba esfolada dende o momento que baixou do microbús, decidimos ir pensando en retornar. Un erro de cálculo do conductor que nos levara na ida, quén non se enterou de que non había sitio para nós na volta, deixáranos sen transporte para chegar ó motel, así que tiñamos que buscarnos a vida e xa comezaba a caer o solpor.

Transcorrer do río Colorado polo Gran Canón.

Finalmente, tras unha carreira frenética fiando os diferentes autobuses gratuítos do parque, carreira que Xigante pasou durmida coma un lirón, acadamos chegar ó motel xa coa noite ben entrada. Á nosa chegada, na nosa habitación estaba Cons. Fixemos un pouco a mona os tres xuntos, e puxémonos a durmir. Derrotados, Richi e máis eu pola quilometrada feita tanto en bus como a pé, Cons por dalo todo no concerto de Maiden.

Á mañá seguinte había que separarse de novo. Cons tiña que visitar o Gran Canón, Richi e máis eu continuabamos cara Las Vegas. Marchabamos de Flagstaff, deixabamos atrás o Gran Canón do Colorado. Mais eu non o facía co peto baleiro. Na miña retirada do parque o día anterior, mentres procurabamos un dos autobuses de balde, un esquío meteuse no meu camiño.

Cun día de retraso, pero Cons tamén estivo no Gran Canón.

Ergueuse das patas de diante, ollou para min, e botouse a unha beira do camiño. Entón volveu parar, voltou a ollar para min, e desapareceu na vexetación. Quixen saber qué quería de min aquel simpático animaliño, así que me acheguei ó punto onde o perdera de vista. Ó apartar a vexetación, alí estaba ela, relucinte, impoluta. A miña cuarta Bola Máxica.

Goku_holding_4_star

O martes 14 de agosto Richi e máis eu puxemos rumbo a Las Vegas. Tras facer algún que outro numeriño para chegar á estación de autobuses de Flagstaff, ás 14:30 estabamos a bordo do bus que nos había levar ata a cidade máis representativa do estado de Nevada.

A isto me refiro co de facer algún que outro numeriño.

A Las Vegas chegamos Richi e máis eu o mesmo martes, contra as 20:30 do serán. Cando baixamos do autobús, a sensación de calor que nos asaltou era algo bestial. Esa mesma tarde, a pleno sol observáramos cómo o termómetro dunha estación de servizo na que baixamos en Arizona marcaba 127ºF. Ou o que é o mesmo: 54 graos dos nosos. Na miña vida o sol me pegara con tal violencia. Pola noite, en pleno deserto de Nevada, os marcadores térmicos marcaban 110. Máis de 40ºC ben entrada a madrugada.

Á nosa chegada xa escurecera por completo, así que “A Cidade do Pecado” nos recibiu na súa total plenitude. En Las Vegas todo está iluminado. Os paneis dos negocios, as marquesinas, os sinais. O chan e os teitos, ata os letreiros cos nomes das rúas están iluminados. E non cunha iluminación calquera. Todo ten que estar bordeado con eses puntiños de luces que se moven. Moi discreto todo.

Isto foi o primeiro que nos atopamos nada máis poñer un pé fóra da estación. Era un hotel do máis normaliño.

De camiño ó hostel, percorrido que fixemos camiñando, paseamos durante 15 minutos por unha rúa peonil, cuberta cun teito abovedado. Nela atopamos á morte, a Spiderman, a Batman. Pasamos por catro concertos diferentes. Nun deles decenas de persoas tentaban seguir os pasos de baile que unha moura medio espida trataba de marcarlles. O teito abovedado, naturalmente, estaba iluminado con xogos de luces en movemento. No último tramo decatámonos de que por el, polo teito, se desprazaba a xente por medio dun sistema de tirolinas.

Entrada da rúa peonil que vos acabo de describir.

Medio aturdidos, chegamos ó noso hostel. Hostel Cat, facíase chamar, e a verdade é que tampouco tiña desperdicio. Antro de perdición con camas e duchas, nel rodáronse varias escenas do filme Resacón En Las Vegas, e delo fachendean con orgullo mediante varios pósters. Para que vos fagades unha idea, obríganche a deixar en recepción o teu saco de durmir, “por motivos de seguridade e hixiene”. Eu tampouco o comprendo. Pero por $14, non iamos pedirlle máis.

Cartel que che anuncia a túa chegada ó Hostel Cat. Ben iluminadiño, non vaia ser.

Como digo, á nosa chegada ó hostel estabamos medio aturdidos. Pode que polas luces que viñan de ametrallar as nosas mentes, pode que pola cantidade de preguntas que sempre che suscita Las Vegas, e que ó estar nela rexurden inquedándote soberanamente.

¿Hai xente que vive en Las Vegas? ¿De verdade que nacen bebés veguenses?

De ser así, ¿ónde se produce o parto? ¿Nunha mesa de black jack? Porque hospitais non vin nin un…

¿Cómo paga Las Vegas a súa factura da luz? ¿Co que aforra en hospitais?

¿Algunha vez na historia Las Vegas tivo alcalde de esquerdas, que levara a cabo políticas de esquerdas?

¿Qué pasa en Las Vegas se tratas de expropiar o terreo dun casino para construír un colexio?

¿Cántas mortes se producen en Las Vegas ó cabo do ano por ataques epilépticos?

Dispostos a clarexar todas estas inquedantes dúbidas, Richi e máis eu saímos a percorrer as rúas de Las Vegas.

Partimos a camiñar polo bulevar onde se atopan tódolos casinos, a zona hoteleira, a Las Vegas típica. Lanzámonos directamente ós brazos da perdición, falando claro.

South Las Vegas Boulevard, que así se chama a avenida, non é un bulevar pensado para pasear precisamente. Cada pouco a beirarrúa vese interrompida por unha ponte que tes que sortear subindo por unhas escadas, as cales te levan a unha encrucillada de camiños. Todos eles pasan ben pegadiños á entrada dos casinos, e se non escolles ben o que queres seguir, acabas no interior dun deles.

Incluso algunha ponte se introduce directamente no casino-hotel, e para voltar á rúa tes que pasar necesariamente polo salón de xogos. Tódalas hospedaxes teñen transporte de balde a eles, e unha vez alí convídante ás primeiras fichas. Todo pensado para facilitarche ó máximo que comeces a xogar. Unha vez metido no vicio, pagas. Dun xeito ou doutro, pero pagas.

O señorial Hotel-Casino Bellagio, co seu espectáculo de chorros de auga.

Un tras outro, imos deixando atrás os sucesivos hoteis-casino. The VenetianTreasure IslandThe MirrageFlamingoCaesar Palace. A cada cal máis impoñente, a cada cal máis luxoso.

Bellagio, Paris Las Vegas, Monte Carlo, Tropicana, Luxor. A cada cal máis ostentoso, máis petulante; a cada cal máis fastuoso, máis cargante. O derroche polo derroche, en Las Vegas todo resulta excesivo. Non hai escrúpulos, non teñen medida á hora de captar clientes incautos. Se teñen que espichar unha puta montaña rusa enriba das azoteas dos edificios que compoñen o complexo, non lles treme a man. É o caso do New York New York.

O Paris Las Vegas.

Se as vistas dende o andar 86 do Empire State as percibín coma unha metáfora do soño americano, Las Vegas é unha hipérbole do mesmo. Nada é real, introdúcente nun mundo de ilusións no que che fan sentir o rei. Fanche crer que tes uso e dominio de todo, que todo está baixo o teu control, que todo está preparado para que te fagas rico co único recurso do dólar de fichas de balde que che agasallan na porta do casino no que apareciches involuntariamente.

Caesar Palace.

Prostitución e drogas por tódolas esquinas baixo un manto de glamur. Xogo, apostas, luxo, despilfarro… Las Vegas é a Meca do vicio, do desenfreno, da perdición, da decadencia.

O mítico Luxor.

Luces, moitas luces. De tódalas formas, cores e tamaños. Las Vegas é un paraíso. O paraíso… das polillas. Pero como nós non somos polillas, fai falla moito máis que luces de cores e vicio en bandexa para facernos felices. Pero qué esperar dunha cidade onde un dos negocios principais e máis numerosos son as capelas de vodas exprés. Dimos por finalizado o tour por Sin City, e recollímonos no Hostel Cat.

Unha das capelas para poder casar que te vas atopando a cada paso por “South Las Vegas Boulevard”.

Á mañá seguinte, a do mércores 15, Cons apareceu na nosa habitación do hostel, recén chegado do Gran Canón. Xa nos alcanzara definitivamente, ata a vindeira arroutada que lle dea xa non nos habemos separar máis. Pasamos o día paseando e descansando no hostel, xa que a calor apertaba aínda máis que o día anterior.

Las Vegas dende unha das pontes que cruza “South Las Vegas Boulevard”.

E chegou a noite, e preparámonos para, agora si, agora que estabamos os tres calvarienses xuntos, poñer a proba á noite de Las Vegas. Rachar con ela.

Mais amig@s, como reza o dito, e como ben sabedes, o que acontece en Las Vegas… fica en Las Vegas.

Vindeiro destino, California.

Niágara, Toronto e Chicago. Ou o que é o mesmo: Chicago.

Domingo 5 de agosto. Saímos rumbo Niagara Falls, onde chegamos a primeira hora da mañá do luns, tras pasar por localidades tan insulsas coma Albany, capital do estado de Nova Iorque, ou Buffalo, xusto na fronteira entre Estados Unidos e Canadá e antesala das afamadas fervenzas.

Foi aquí onde collimos o bus que nos deixase definitivamente na localidade estadouinidense de Niagara Falls. Camiñamos uns minutos ata que comezamos a sentir unhas pingas de auga que caían sobre nós. O día era soleado e o ceo estaba totalmente despexado. Barallamos a posibilidade de que proviñesen das fervenzas do Niagara. Uns metros máis adiante confirmámolo ó albiscar ao lonxe unha columna de auga vaporizada dunha altura descomunal. Seguimos a pista que as propias fervenzas nos tenderan.

Entramos moi tranquilamente no Parque Estatal Fervenzas do Niágara, onde aínda non había nin unha ialma. Nin tan sequera na entrada. Adentrámonos ata topar coa auga, e avanzamos no sentido que ésta o facía, procurando a súa caída. Cando o divisamos, cando tivemos diante, a uns trinta metros, o punto no que a auga se precipitaba dando forma á fervenza, sorprendeunos o escaso ruído que o choque entre augas emitía.

Augas do río Niágara antes de chegar á caída que conforma a fervenza.

Chegamos onda a fervenza, e quedamos un tanto fríos. O punto de observación non era o máis idóneo precisamente, o ángulo de visión, lateral con respecto á fervenza, non permitía nin tan sequera vela enteira, e a caída de auga… Penso que o adxectivo máis axeitado, sempre na miña opinión, é decepcionante. Visto o visto, decidimos seguir avanzando hacia a parte canadiana do enclave.

As fervenzas dende o lado estadounidense.

Para saltar a Canadá o único que tivemos que facer foi cruzar unha ponte. A pé, tranquilísimos, sen que ninguén nos saíse ó paso en ningún momento. Á outra beira da ponte había unha minúscula aduana onde nos fixeron media pregunta entre ós tres, comprobaron os nosos pasaportes, e nin selo nos puxeron. “Sigan, sigan”, convidounos o axente.

Punto exacto que divide os E.U.A. e Canadá.

Na beira canadiana o mirador ofrece unhas vistas infinitamente máis ricas. Pódense observar por completo e de fronte as dúas fervenzas principais dende un balcón que debía ter uns 300 ou 400 metros de lonxitude. Desta volta, coas fervenzas do Niágara diante na súa total plenitude, con tódolos datos na man para poder valoralas con coñecemento de causa, o adxectivo máis axeitado para calificalas, sempre na miña opinión, é… decepcionante.

E as fervenzas dende o lado canadiano.

Non as estou a comparar, sería inxusto facelo, coas de Iguazú. Sería inxusto. As comparacións, din, son odiosas, e nesta Niágara sae perdendo por goleada. É por iso polo que vou tentar manterme obxectivo, e tratar, por complicado que sexa, de afastar durante uns intres aquel prodixio da natureza que conforman as fervenzas de Iguazú.

Para comezar, as fervenzas do Niágara nin sequera son un enclave natural. A caída de auga non ven producida por un designio da natureza. As augas precipítanse dende un muro, unha especie de encoro elaborado polo ser humán. Non son un enclave natural, e están moi lonxe de selo. Ó seu redor hai montado un complexo comercial que pretende meterte polos ollos unhas fervenzas que eles mesmos convertiron en produto, pero que o que conseguen é dexeneralas cunha artificialidade que ata molesta.

O que si impresiona, aí non hai dúbidas, é a culumna monumental de auga vaporizada que orixinan as augas da meirande das dúas fervenzas ó toparse logo dunha caída de 52 metros. Alcanza ata a eclipsar o sol, chega a facer efecto nube e a paliar a intensidade da pegada dos raios do astro rei.

As fervenzas do Niágara están ben, pero considero que non son merecedoras da fama que posúen a nivel planetario. Esta análise deberíana facer dous expertos na materia como poden ser Víctor e Oli, pero ata que chegue ese momento, aí queda a miña opinión.

Había que continuar adiante, era tempo de poñer rumbo a Toronto. Á capital do estado de Ontario chegamos contra o mediodía. Custounos horrores atopar o hostel que levabamos reservado, o Backpackers on Dunda, xa que éste está máis agochado que Rosa Díez de visita por Galiza, pero unha vez que dimos con el, instalámonos e saímos a xantar. Fixémolo nun restaurante chinés, coma todos, rico, barato e en cantidade, e co papo cheo dispuxémonos a percorrer as rúas de Toronto.

Barrio chinés de Toronto.

O primeiro que nos chamou a atención foi o deserto das rúas da cidade. Seguramente veña dado pola época do ano: coa chegada do verán, e tras pasar un inverno das características do que se dá nesta zona, é de supoñer que os toronti… os torontia… os toront… é de supoñer que os cidadáns de Toronto fuxan en manadas na procura de sol, calor e praia.

Lago Ontario, Toronto.

Toronto é unha grande cidade. A clásica metrópole norteamericana que máis aló dos seus rañaceos e algún que outro parque, pouco máis ten que ofrecer. Decatámonos disto cando, ó saír do hostel, preguntamos a un traballador do mesmo polos sitios máis representativos, os puntos máis interesantes a visitar. O tipo enviounos ó parque principal da cidade e a un centro comercial.

Toronto.

E iso fixemos. Tras dar unha volta polo barrio chinés aproveitando que xantáramos alí, comezamos a camiñar rumbo Queens Park, onde ó chegar topamos co Toronto Legislative Building. Paseamos un pouquiño polo parque, deitámonos un cacho para repoñer forzas, e continuamos co tour.

“Toronto Legislative Building”.

Camiño da zona comercial, polo centro da cidade, Toronto cobra bastante vida. As rúas xa se ven ateigadas de xente indo e vindo, como corresponde á cidade máis populosa dun país coma Canadá, e a actividade frenética da clásica macro-urbe fíxose patente de inmediato. Pegamos unha voltiña polo centro comercial, un máis entre tantos, e separámonos. Richi e Cons foron a tomar unha cervexiña, e voltei para o hostel. Punto e final ó primeiro día de visita por Toronto, e a durmir, que levabamos dende Boston sen facelo.

Ó día seguinte, martes, tiñamos o bus a Chicago pola tarde. Había que deixar o hostel ás 11:00 da mañá, e o tempo que transcorreu dende que o abandonamos tras pegarnos unha ducha deleznable ata plantarnos na terminal de autobuses adicámolo a visitar, primeiro a famosa CN Tower, e despois o lago Ontario.

A famosa “CN Tower”.

Dende a base da edificación máis famosa de Toronto dirixímonos ó Ontario. Alí, nun peirao, tirámonos unhas fotos coa liña de rañaceos da cidade, entre onde destaca presisamente a CN Tower. Cando deu a hora prantámonos na estación, e, en pleno serán, puxemos rumbo a Chicago.

Toronto dende o lago Ontario.

De madrugada fixemos parada en Detroit, Michigan, para pasa-lo control de aduanas. Chegamos a Chicago contra as 07:00 da mañá. Na capital de Ilinois aloxámonos no Hostel Parthenon, no barrio grego. E a primeira levámola na fronte: non podiamos meternos na habitación ata as 15:00 do serán. Así que nada, unha vez máis, sen durmir, partimos a facer turismo pola “cidade do vento”. Iso si, o almorzo que lle metimos ó corpo, incluído no prezo do hostel, foi dos que marcan época.

E por Chicago estivemos camiñando nada menos que sete horas. É certo que Chicago tamén é unha grande cidade. A cásica metrópole norteamericana. Pero aínda así, as sensacións que transmite son diferentes.

É unha cidade moderna, viva, con personalidade propia. Aínda gardando a liña das grandes urbes estadounidenses, Chicago marca as diferenzas cun estilo de seu. Os seus edificios gardan harmonía cando teñen que gardala, e rachan coa monotonía estética cando teñen que facelo.

Río Chicago.

Preséntase inmensa no seu centro, amosando os seus enormes rañaceos; e cautivadora, maimiña fóra del, cunha arquitectura de estilo federal. Mais en ambolosdous terreos sempre está presta á sorpresa, e en calquera momento pode impactarte cunha edificación de deseño innovador.

Paramos na descomunal Willis Tower, detivémonos no famoso Teatro de Chicago, e asomamos ó río Chicago. Cando dimos coa auga, viramos, e dirixímonos ó Millenium Park. E é este parque o exemplo perfecto da tendencia impactante e innovadora da cidade de Chicago.

Teatro Chicago.

Ten fontes e demáis estructuras de curte sobrio, elegante; e de súpeto, e sempre con gusto, sorpréndete con obras de carácter moderno e transgresor. Un exemplo delo é unha especie de feixón xigante prateado, onde a xente se ve reflectida nunha imaxe deformada, algo desenfadado e divertido.

Feixón prateado no “Millenium Park”. A saber cómo se chamará en realidade.

O parque tamén conta cun auditorio enorme, cun equipo de son espectacular, onde por esas datas se celebraban concertos case a diario. A ambos lados da ponte que o comunica exténdese o Instituto de Arte de Chicago, unha construcción amplísima que conta coa máis variada oferta cultural.

Auditorio en “Millenium Park”.

Continuamos coa marcha, e o seguinte destino era o lago Michigan. Ó chegar ó seu peirao comezamos a camiñar por el con rumbo á Navy Pier, unha zona recreativa ubicada nunha illa, e que pasa por ser o punto máis turístico de Chicago.

“Navy Pier” de Chicago.

É unha especie de parque de atraccións, coa súa noria, os seus postos, e o que para min foi o máis atractivo: unhas vistas da cidade que quitan o salouco. Coa Navy Pier dimos por rematada a maratón de Chicago, e dirixímonos ó hostel, onde xa nos estaba permitido ingresar na habitación, e puxémonos a descansar, xa que, por segundo día nos últimos tres, estabamos sen durmir.

Chicago dende a “Navy Pier”.

Tan intensa foi a sesión turística do mércores, que para o día seguinte só deixamos o United Center. Pola tardiña achegámonos ó pavillón onde xogan os Chicago Bulls da NBA e mailos Chicago Blackhawks da NHL, a liga de hockey.

E o que é máis importante: a casa onde levou a cabo a meirande parte das súas fazañas o señor Michael Jordan, sen discusión, unhna das figuras máis importantes da historia do deporte. Impoñente posar diante da estátua de cobre que lle erixiron nunha das entradas do complexo, ó pé da cal se citan un por un os fitos que foi quén de acadar este fenómeno sen comparación, esta lenda viva do deporte do baloncesto.

Dous prodixios do baloncesto: MJ e máis eu.

Regresamos, pola noite tomamos unha cervexiña, e preparámonos para o día seguinte. Ó día seguinte, venres, ía comezar a nosa particular Ruta 66.

Non fóramos quén de cumprir co plan trazado nun comezo de percorrela no noso propio coche, mais iamos facela en autobús. O seguinte destino era o Gran Canón do Colorado, mais a distanza era demasiada como para facela dunha soa quenda. E a parada escollida para facer noite era Amarillo, unha localidade perdida no medio de Texas. Pero iso xa será outra historia.

Gran Canón e Las Vegas. O segundo prato forte da etapa norteamericana presentábase ante nós. O interior dos Estados Unidos era o noso seguinte reto.

Boston. Forxando a lenda de Tito Fer na Atenas americana.

Chegamos a Boston a madrugada do mércores 1 ó xoves 2 de agosto. Non foi a máis afortunada a nosa arribada á capital do estado de Massachusetts. Tiñamos reservada a noite no noso hostel e apuntado o enderezo, localizado na School Street, así que comezamos a buscar. Mais co que non contabamos é que en Boston existen un cento de School Streets, mínimo unha por distrito, e estivemos pegando tumbos coma toupas un bo anaco cando saímos da estación. O peor de todo é que parte dese anaco percorrímolo en taxi, e cando por fin dimos co hostel, a factura do mesmo ascendía a uns quince millóns dos antigos maravedíes. Non queirades saber o equivalente en dólares.

Entramos, aínda co recto proído, no Backpackers Hostel, que así era cómo se chamaba o noso aloxamento. Era tan complicado de atopar porque nin sequera se atopaba en Boston, estaba en Everett, unha pequena localidade veciña de “Beantown”. Deitámonos a durmir sen máis.

Downtown de Boston.

O xoves amencimos co firme propósito de trazar dunha vez por todas o noso ruteiro por Norteamérica, e sobre todo de poñer solución á eiva de cómo desprazarnos até a costa oeste. No plan inicial, o pensado en Vigo, barallabamos a idea de alugar un coche na costa leste e devolvelo en California tras percorrer con el a histórica Ruta 66. Mais no plan inicial eramos un mínimo de catro, e na actualidade o custe do aluguer era inasumible para no-los tres sos. Así que decidimos probar sorte coa opción número dous, a que nos suxeriron os nosos compatriotas coruñeses en Medellín: mercar o coche no leste e vendelo en Los Angeles, algo bastante habitual entre os visitantes que optan por cruza-lo país, segundo parece. Confiados na nosa sorte, dirixímonos a un local de compra-venda de autos usados.

Non nos foi difícil atopalo, de feito chegamos camiñando. Dimos unha volta polo aparcadoiro para botarlle unha ollada á oferta de coches, e metímonos na oficina. Alí presentóusenos o vendedor, en perfecto castelán. Facíase chamar Fernando, un venezolano residente en Boston e de papás canarios. Era un home ben alto, duns cincuenta anos. Peiteaba as súas canas engominadas hacia atrás, e dirixíase a nós con voz ronca, grave, pero igualmente afable. Mais a afabilidade do seu trato non agochaba o espeluznante das cifras que nos ía espetando entre oferta e oferta.

Pouco a pouco, paseniño, as nosas facianas íanse alongando, os nosos corazóns sobresaltábanse a cada labazada que supuña cada cantidade que cuspía a boca de Fernando, e non tardamos, alo menos eu, en desconectar de todo o que dicía aquel home para comezar a cavilar outra posibilidade lonxe da de mercar un coche.

Antes de despedirnos, Fernando ofreceuse a levarnos a coñecer Boston da súa man, incluso a convidarnos a un grolo unha vez que rematase a súa xornada de traballo ás 18:00 do serán. Aceptamos por inercia, xa que aínda estabamos desconcertados pola batería de prezos mareantes que viñamos de escoitar. Erguímonos das cadeiras coas perniñas tremendo, e fumos a refuxiarnos no hostel.

Inmediacións do porto de Boston.

Cheguei ó mesmo desesperado. A miña situación económica era -e segue a ser- calamitosa. O día a día nos E.U.A. estaba a castigala aínda máis, e non existía nin unha posibilidade de moverse polo país a prezo razoable. Desbotadas as opcións de alugar e mercar un coche, puxémonos a procurar voos. Mais nin con esas. Nin o voo de máis curta duración baixaba dos $100. E precisabamos un mínimo de catro. En canto ós buses, pouco máis baratos eran que os avións.

A miña única opción era voltar ó autostop. Xa o tiña decidido. Estaba resignado. Ó rematar a visita a Boston comezaría a darlle ó dedo, e dalgún xeito, non sabía cómo, reuniríame con Richi e Cons en Los Angeles. Estaba afundido. Precisaba falar con alguén da miña xente en Vigo para desafogar, e botei a man ó peto procurando o móbil. Lembrei que o perdera en Cancún -algo que non reflectín na entrada de México porque me deprimía bastante-, e rematei por derrubarme. Funme deitar á habitación.

Boston Common.

Cando acordei, canda Richi e Cons andaba Tony, un xaponés que coñecéramos en Leticia, na Amazonia colombiana, e que hai 15 anos que vive en Boston. Mentres trataba de despexar tanto do sono coma dos milleiros de voltas que lle dera á miña situación de merda, os rapaces déronme unha boa nova: procurando por aquí e por alá atoparan a posibilidade de moverse por todo o territorio norteamericano en autobús, durante 15 días e con número ilimitado de viaxes e quilómetros, por $360.

Non era a panacea, 360 dólares seguía a ser unha estacada moi importante para a miña feble economía, pero alo menos habíanos permitir seguir xuntos o noso periplo por Estados Unidos e Canadá. E con estas dirixímonos os catro, no-los tres máis Tony, de novo ó local de compra-venda de autos, onde esa mesma mañá nos citaramos con Fernando, o vendedor venezolano.

Bandeira de Harvard.

Era unha situación esta que nos tiña algo confusos. Non é moi habitual que unha persoa á que coñeciches hai 20 minutos se ofreza a levarte da súa man a coñecer unha cidade e que che convide a tomar unhas chiquitas, mais nós achacámolo a un intento de gañar as nosas confianzas para rematar vendéndonos un carro. Fora como fose, isto era algo que nos importaba ben pouco, estabamos decididos a visitar Boston guiados por Fernando, e non tiñamos pensado mercar coche ningún nin por asomo.

Cando chegamos, Fernando saudounos coa mesma amabilidade coa que o fixera esa mesma mañá. Escolleu un automóbil máis amplo dado o improvisto da chegada de Tony, e comezamos o tour por Boston. E o lugar escollido para comezalo non foi un lugar calquera. Coma se me coñecera de toda a vida, a primeira parada que Fernando elixiu para inicia-lo percorrido foi o TD Garden, o pavillón onde xogan os meus queridos Boston Celtics.

Entrada do TD Garden de Boston.

É sabida por tod@s @s que me coñecedes un mínimo a miña afición bastante pronunciada polos Celtics. A fidelidade que lle profeso ós “orgullosos verdes” suporá aproximadamente un 2% da paixón que sinto polo Celta, así que imaxinádevos cantísimo me gustan. Hai 16 anos que Xosé me pegou a afición por este equipo, o máis laureado da historia da NBA, pero que cando eu decidín escollelo coma o meu, era un dos máis frouxos.

Para min non foi calquera cousa estar no pavillón onde xogan os meus Celtics.

Foi algo realmente especial para min visitar o TD Garden. @s que seguimos a NBA dende Europa facémolo cunha marcada sensación de lonxanía, percibimos aquela liga e todo o que a rodea coma algo inalcanzable, xa non só pola distancia física, senón tamén polos anos luz que separan o baloncesto estadounidense en canto a infraestructuras, orzamentos e espectáculo mediático do que se practica no resto do mundo. Foi por iso que toca-lo escudo dos Boston Celtics que luce á entrada do pavillón e tirarme fotos coas imaxes dos meus admirados Paul Pierce, Rajon Rondo ou Kevin Garnett supuxo un subidón bastante importante para min.

Paul Pierce…

Co luscofusco enriba puxemos rumbo a Faleuil Hall. Principal punto de reunión de bostonianos e foráneos, esta praza, onde se organizan a cotío eventos lúdicos e culturais, conta co Quincy Market , un mercado ateigado de postos de comida de calquera recuncho do planeta.

Aledaños de Faneuil Hall.

Aquí, aconsellados por Fernando, degustamos a chowda, unha sopa de marisco con base de leite, prato típico de Boston. A capital de Massachusetts conta cun moi importante porto pesqueiro, e é famosa pola calidade do seu marisco, especialmente das langostas.

Quincy Market.

A seguinte parada foi no mítico bar onde se rodou a serie Cheers. A diferencia do bar de Cómo Conocí A Vuestra Madre, éste si que garda unha fidelidade case absoluta co que vemos na tele, e serviunos para trasladarnos ós anos ’80, a nosa máis tenra infancia, cando se emitía Cheers.

Pasamos por Newbury Street, a rúa comercial de Boston. Moito máis discreta que a Quinta Avenida de Nova Iorque, substitúe os rañaceos por edificios baixos, antigos, feitos de pedra. Este tipo de arquitectura, coñecida coma de época federal, é a tónica dominante na meirande parte da cidade, o cal lle outorga a Boston o seu famoso aire europeo, a súa semellanza coas grandes capitais do vello continente.

Aínda así, existen zonas onde a arquitectura da época federal se mistura con edificios de altura impoñente, coma no distrito financieiro, onde por riba de todos érguese fastuosa a Prudential Tower.

Prudential Tower.

E chegou o momento de deternos en Harvard. O alcume de “Atenas americana” venlle a Boston pola suposta sapiencia das súas xentes. E á súa vez, esta fama ven dada pola cantidade inxente de universidades e institutos cos que conta a capital de Massachusetts. Máis de cen entre unhas e outros, nada menos, o cal xera unha importantísima cantidade de empregos e dota á cidade dun dinamismo incomparable.

Instalacións de Harvard, cando as visitamos ó día seguinte xa de día.

Moitas destas universidades son privadas e de difícil alcance para o cidadán de clase media, mais Boston tamén conta con servizos públicos en canto a educación. De feito, o Sistema de Escolas Públicas bostoniano constituíu no seu día a primeira rede de centros educativos de carácter público na historia dos Estados Unidos.

Rúas de Harvard.

Harvard, esa grande factoría de enormes intelectos, non é pública precisamente. Percorrimos, na compaña da noite, as súas instalacións, e chegamos á estátua de John Harvard. Din que se lle tocas o pé esquerdo a Harvard vólveste un tipo listo. Eu probei, e efectivamente notei cómo medraba de golpe a miña intelixencia. Mais coa emoción esvarei, batín coa cabeza co pé dereito da estátua e de inmediato volvín a ser o idiota de sempre. Pouco duran as alegrías na casa do imbécil.

Estátua de John Harvard.

A derradeira parada antes de que Fernando nos achegase de volta ó hostel fixémola no río Charles. O Charles separa o centro de Boston de localidades coma Cambridge, Watertown ou a propia Charlestown, e dende a beira onde nos detivemos ofrece unhas vistas magníficas da liña de rañaceos bostoniana.

Vista de Boston dende o río Charles.

E así, como digo, chegou a hora de poñer o punto e final ó tour por Boston dese día. Despedímonos de Fernando. As horas que pasamos con el coñecendo da súa man a súa cidade de residencia disiparon toda dúbida que puidesemos ter sobre a súa persoa. A cercanía e a extrema amabilidade do seu trato, a súa familiaridade, a paixón coa que nos falaba de Boston provocaron que lle entregasemos sen pensalo dúas veces a nosa total confianza a Fernando. Unha confianza que, aínda a día de hoxe non comprendemos moi ben por qué, el depositou en nós dende o primeiro segundo que nos tivo diante.

Canda o Tito Fer e Tony, o amiguete xaponés que coñecimos na Amazonia colombiana.

É máis. Quedamos con el de novo para o día seguinte, e cando se enterou do que estabamos a pagar no Backpackers Hostel pouco menos que nos obrigou a pasar a noite seguinte e as que fixera falta no seu apartamento.

Cando nos despedimos non o fixemos de Fernando, o vendedor de coches venezolano. Dixémoslle deica mañá ó noso novo amigo en Boston: o Tito Fer.

Ó día seguinte, venres, fuximos do Backpackers Hostel de Everett. Non é que estivese mal, pero tiñamos unha oferta moito mellor. Contra o mediodía achegámonos ó chollo do Tío Fernando coa intención de que nos permitise deixarlle alí as mochilas e dar unha volta pola cidade antes de voltar a quedar con el. Pero unha vez máis, Tito Fer foi máis aló.

Piso do Tío Fernando.

Deixou o negocio nas mans dunha empregada súa, colleu o coche e achegounos á súa casa para que deixasemos alí os petates. E non contento con iso, deixounos unha copia das chaves do piso para que dispuxesemos del cando quixésemos. Non pasaran nin 24 horas desque nos coñecera.

O tempo a transcorrer ata que saíse do traballo o Tito Fer pasámolo, para comezar, paseando pola praia que se atopa ó pé da urbanización onde el vivía. A praia de Revere foi, por certo, a primeira praia pública dos Estados Unidos, segundo nos comentou Fernando.

Praia de Revere.

Máis tarde achegámonos de novo a Harvard, por aquelo de desfrutala de día. Estivemos na súa biblioteca, e pasamos novamente pola estátua de John Harvard. Desta volta nin me molestei en tocarlle o pé. Total, para facerme ilusións, prefiro vivir feliz na miña ignorancia.

Facendo gala da nosa cultura infinita na biblioteca de Harvard.

Cando deron as 19:00 dirixímonos ó departamento do noso tío bostoniano, xa que era alí onde quedáramos con el. Arranxámonos un pouco e saímos a tomar uns cacharros con el, coma nos prometera o día anterior. Comezamos a velada cunhas cervexiñas e uns cócteles de vodka no Hipódromo de Boston, onde paraba habitualmente Tito Fer e onde Richi e máis eu estivemos a piques de gañar $500 coa primeira aposta das nosas vidas. Pero que moi preto. As risas que fixemos coa panda de amigos de Tío Fernando foron mundiais.

De alí trasladámonos a un bar de copas de colombian@s. Aquí estivemos bebendo guaro sen compaixón, a augardente colombiana que probáramos por primeira vez en Bogotá. Pegámoslle moi duro, e aínda pedimos outra botella no garito onde decidimos matar a noite. Tito Fer non nos permitiu pagar nin un só grolo. Os catro, tío e sobriños, agarramos unha gabexada moi importante. Desas que cando estás no medio da batalla es conciente de que ó día seguinte vas andar arrastro, pero que tanto che dá, e non fas nada por remedialo.

E como non fixemos nada por remedialo, o sábado eramos tres guiñapos. O Tío Fernando, todo pundonor, ergueuse ás 09:00 da mañá para ir traballar, mais a nós non nos deu o corpo para poñer un pé fóra da casa en ningún momento.

Ver fútbol foi unha das múltiples actividades proveitosas que fixemos para pasa-la resaca.

Cando chegou de traballar Tito Fer, contra as 19:00 do serán, atopouse cun panorama dantesco. Os corpos dos seus tres sobriños estaban desperdigados polo salón, e non daban sinais de vida. Ó final conseguimos reunir forzas para saír a cear.

E chegou o domingo, día no que tiñamos que poñer rumbo ó norte. O noso percorrido por Norteamérica continuaba, e o seguinte destino eran as fervenzas do Niágara. Iso significaba que tocaba despedirse de Boston, e con ela, do Tío Fernando. Era o seu día libre, así que aproveitou para pasar connosco as horas que nos restaban na cidade. Levounos ata o Boston Common, o parque máis grande da cidade. Cos seus estanques con parrulos e cisnes, esquíos correteando por aquí e por alá, lagoas nas que pegar paseos románticos nos típicos chimpíns con pedais, o Boston Common é o parque público máis antigo dos E.U.A.

Boston Common.

Ó entrar a tardiña Tito Fer insistiu en convidarnos a xantar a modo de despedida. Notámolo melancólico. Non paraba de suspirar, e de exclamar cousas como “¡ay muchachos, qué bien lo hemos pasado!, ¿verdad?”. Convidounos a xantar, nada menos, ó bar de Cheers.

E chegou o momento. O Tío Fernando aparcou na porta da estación de buses, e sacamos as mochilas do maleteiro. Un por un, fúmonos fundindo con el nunha aperta. Non sabiamos cómo darlle as grazas. El non sabía cómo dicirnos que para el foi un pracer, que non lle supuxo esforzo ningún, que lle tería encantado poder ofrecernos máis. ¿Pero qué máis nos podía ofrecer? Deunos a súa casa, deunos comida, deunos bebida, coñecimos a cidade grazas a el…

E todo elo sempre cun sorriso na cara, cun comentario agarimoso, coa naturalidade e a familiaridade que se lle brindan ós seres máis queridos. Coa tenrura e entrega que un tío lle profesa ós seus sobriños. A diferenza é que a nós coñecéranos namáis ca tres días atrás. Na miña vida presenciara un exercicio de xenerosidade tan desmesurado.

Brindando co Tito Fer no bar de Cheers.

E tamén marchabamos de Boston. A cidade das mil universidades, das mentes privilexiadas. Unha cidade de marcadísima pegada irlandesa. A cidade onde saltou a chispa da Independencia dos Estados Unidos. A cidade dos meus Celtics. Unha cidade que prende, que namora. E faino dun xeito diferente ó que o fai Nova Iorque. Non impacta, non impresiona de primeiras coa súa inmensidade e grandiosidade como fai a Grande Mazá. Boston seduce pouco a pouco, engatusa co seu encanto. Con tranquilidade, con seguridade. Coa calor das súas xentes e co frescor do seu mar.

Deica sempre, Boston. Deica sempre, Tito Fer.

Tres do Calvario en New York: a invasión definitiva.

Mércores 25 de xullo. Día da Patria Galega, así que escribirei esta entrada en galego, aínda que só sexa a portada.

Chegamos a Nova Iorque contra as 21:00 do serán. Como tod@s sabedes, o mes que vai durar a etapa dos Estados Unidos ímola facer en compaña de Richi, que nun principio, cando xurdiu o proxecto de facer a Volta ó Mundo, subírase ó carro, pero non puido chegar, e finalmente sumouse tan só ó periplo norteamericano. Tan só, polo momento.

Supoñíase que o noso amigo calvariense chegaba dúas horas antes ca nós nun voo procedente de París, onde fixo escala. Supoñíase tamén que chegaba cargadiño de licor café, para acougar a nosa sede insoportable del, o noso síndrome de abstinencia polo noso elixir predilecto.

Pois o noso amigo calvariense chegou media hora máis tarde ca nós, e coas mans baleiras de “LK”. Parece ser que no aeroporto parisino retiveron a súa maleta precisamente por causa da botella de licor café, pola que lle pedían unhas taxas desorbitadas. E en Vigo custáralle 6€. ¿Vedes ó que me refiro cando digo que os galegos non valoramos o noso patrimonio?

Ó final tivo que tomar o seguinte voo a Nova Iorque procedente de París, o cal saíu dúas horas máis tarde, de aí a coincidencia case absoluta nos nosos horarios de chegada.

O encontro, non vos vou enganar, estivo bonito, foi emotivo. Entre a ledicia por parte de Richi de ver rematada a súa odisea, e a nosa inmensa satisfacción ó ter connosco, por fin, e tras cinco meses, a un membro histórico e unha das principais cabezas visibles da alta cúpula do Calvario, orixinaron unha instantánea chea de emotividade, plasmada nunha aperta conxunta, entre chimpos, cánticos, e as primeiras parvadas de sempre que nos viñeron á cabeza.

A primeira cea, nada máis instalarnos. Eu coa bandeira nacional ó pescozo, xa que para nós aínda era Día da Patria Galega.

Agora si. Tralo baixón que supuxo a nova de que non podía afrontar a viaxe enteira canda nós, xa o tiñamos aquí. Xa eramos tres, coma debería ter sido dende un principio. O destino, as circunstancias, os deuses, o que vós queirades, quixeron que o equipo só vaia estar ó completo durante un mes -insisto, alo menos-, pero todos sabemos que nesta aventura somos un trío. Por destino, circunstancias ou deuses imos xogar en inferioridade numérica a práctica totalidade do partido, pero neste equipo somos tres. E agora estabamos todos. Certa sensación de invulnerabilidade percorre os nosos peitos. Se cando estivemos en inferioridade todo saíu a pedir de boca, máis perfecto do que nunca puidemos tan sequera chegar a imaxinar, agora que estabamos todos, nada podía saír mal.

E o escenario escollido para desenvolvernos en plenitude era Nova Iorque, nada menos. A capital do mundo, a Grande Mazá, a cidade que nunca durme agardábanos inmensa, confiada, fachendosa. Nunca oíra falar da nosa estirpe, nos seus informes non figuraban os calvarienses. Mais iso estaba a piques de trocar de contado. E para sempre.

Primeiro foi King Kong. Despois chegou Godzilla. Terremotos, tsunamis, meteoritos xigantes, invasións alieníxenas. A todo foi quén de repoñerse a todopoderosa metrópole de Nova Iorque. E agora era a nosa quenda. Tocábanos a nós poñer a proba a supremacía neoiorquina. A invasión definitiva xa estaba aquí: a perpetrada polo Calvario.

Chegamos ó hostel onde tiñamos feita a reserva por internet. Estaba no número 89 da rúa Stockton, no barrio de Brooklyn. Petamos na porta e timbramos varias veces. Abriunos un tipo con camisola sen mangas e pantalón salpicado de pintura. Apenas abría os ollos, e cada unha das nosas preguntas sorprendíano soberanamente. Un fumao de primeira categoría, á altura dos protagonistas de calquera comedia sobre yonkis que todos vimos en algunha ocasión. Tras instalarnos saímos a tomar unha cervexiña ó pub máis achegado, mais o cansanzo levounos cedo para cama. Ó día seguinte sería o día 1 da invasión calvariense en New York.

Como así foi. Erguímonos cedo, e lanzámonos directos ás entrañas da metrópole por excelencia. Descendimos ó metro, do que mercamos cadanseu pase semanal. Mistura de cores, letras e números, a organización do transporte subterráneo neoiorquino resulta o máis sinxelo posible dada a súa inmensidade. Non alcanzan as letras do abecedario, non abondan os números de dúas cifras, nin hai suficientes cores na caixa de 36 de Plastidecor.

A primeira parada na que baixamos foi Times Square. Así, sen anestesia nin nada.

Entrada do metro de Times Square.

Encaramos a boca do metro, ascendimos o último chanzo, e voltámonos diminutos de inmediato. O espectáculo de luces e cores dos paneis publicitarios nas fachadas dos edificios ametrallan as túas retinas case ata aturdir. Os propios edificios rodéante titánicos, impoñentes, avasallantes. Tentas non amosarte paleto, manter a dignidade, pero a túa cabeza actúa pola súa conta, e reclina o pescozo hacia atrás para que a vista alcance o remate daquelas monstrosidades.

Foi entón cando nos decatamos que levar a cabo a invasión daquela cidade non ía ser empresa doada. Por moi galegos do calvario que fósemos. Decidimos tomalo con calma, e mercamos un hot dog no típico posto da rúa. Tachando clásicos da listaxe, vós xa sabedes.

Sen un rumbo moi fixo dimos uns tumbos pola Quinta Avenida, e casualmente topamos coa Praza Rockefeller. Nela visitamos unha tenda de Lego.

A Quinta Avenida. “Fifth Avenue”, que diría un nativo.

Praza Rockefeller.

O señor Ricardo frikeando canda un R2D2 feito con pezas de Lego.

O seguinte destino era o Empire State Building. Levabamos tempo tentando atopar unha oficina de turismo ou un mapa da cidade, de Manhattan alo menos, e cando lle preguntamos a un paisano pola ubicación do mítico edificio, éste sinalounos directamente o que tiñamos ás nosas costas. Nun principio pensamos que o tipo estaba de cachondeo. ¿Cómo iamos ter o mítico Empire State diante dos nosos fuciños e non decatarnos delo?

Pero si, o señor ó que lle preguntáramos, que resultou ser dominicano, estaba no certo. Deramos de fuciños co edificio máis emblemático de Nova Iorque e nin conta nos dimos. Pero é que claro, ó estar tan achegados a semellantes mamotretos non se pode percibir a súa altura, é imposible albiscar o seu remate. Con sensación de incredulidade, procedimos a pasar ó seu interior.

Ascendimos ata o andar 86. Fixémolo en dúas quendas, a primeira ata o 80, na que o ascensor ía tan rápido que o contador de andares chimpaba de dez en dez; e a segunda ata a mencionada 86ª altura, xa nun ascensor que se desprazaba máis a modo. Ó asomar ó mirador a estampa que se che presenta é grandiosa.

Os xigantes de cemento que nos acompañaran ó longo de toda a mañá, que se sucedían a cada paso e que apenas uns minutos atrás nos abrumaban coa súa monumental presencia, incluso aqueles xigantes alumeantes de Times Square que nos aturdían coas súas mensaxes de luz, ficaban agora ós nosos pés. Diminutos, ridículos, insignificantes. Coma o eramos nós ante eles antes de elevarnos ata os ceos polo interior do Empire State.

A percepción de ter dunha soa vez ó alcance da vista a totalidade da capital do mundo, de ter a Nova Iorque baixo ti, de observala dende arriba, apórtache unha sensación de grandeza que axuda a comprender a realidade do “soño americano”. Eu percibina coma unha metáfora do mesmo. É unha sensación irreal, traizoeira, mentireira. Puro espellismo. Dura o que dura. Ata que descendes ata o derradeiro andar no ascensor que chimpa de dez en dez. Ata que te volves a sentir abrumado polos xigantes de cemento.

Despois de xantar e de botar outro bo anaco tentando acadar un mapa de Nova Iorque en van, puxemos dirección á Ponte de Brooklyn. Primeiro topamos co edificio do concello, o City Hall, que se atopaba de reformas. E logo si, encaramos a mítica ponte, que tamén tiña un tramo en obras, e pegámonos un bo paseo por ela.

Rañaceos de Manhattan dende a ponte de Brooklyn.

Ateigada de xente facendo footing e correndo en bici, ollas para eles estrañado pola súa naturalidade, como pensando: “¿pero non se dan conta de que van correndo pola Ponte de Brooklyn?” Supoño que serán cousas de paleto que son, eu qué sei.

Fachendeando de celtismo na Grande Mazá.

Co sol xa iniciando o seu descenso, e por fin cun mapa da cidade na man, que conseguimos -mira que era difícil- nunha estación de metro, dirixímonos ó World Trade Center. Pouco antes de chegar á denominada zona cero, detívonos un señor para vendernos unhas revistas. Era un sobrevivinte dos atentados do 11S, un ex-traballador dunha das Torres Xemelgas, hoxe convertido en vendedor ambulante.

Foinos sinalando un por un os edificios colindantes coa zona cero, coma por exemplo a igrexa de Saint Paul, primeiro na revista e despois en directo. Na revista aínda lucían canda as Torres Xemelgas, e resultounos impresionante comprobar cómo un edificio que tiñamos xusto diante e que nos parecía descomunal, na foto non supoñía nin unha décima parte do que se erguían as sinistradas torres.

Mural en memoria ós bombeiros que participaron nas labouras de rescate o 11S.

Achegámonos ata a entrada do museo en memoria ó 11 de setembro, onda o memorial ós bombeiros que aquel día se atopaban de servizo. Apoiámonos nun valado a observar a construcción que se está a erguer na zona cero.

Comentámolo entre os tres. O tempo detense nesta parte da cidade. Aínda transcorridos once anos. Dá a sensación de que xa poden transcorrer once mil. O ambiente é espeso, tenso, solemmne. Serio, sobrio, escuro. A xente camiña coa vista baixa, en silencio. Pode que sexa xusto iso, o silencio, o que máis poña a pel de galiña. Nunhas rúas tan inevitablemente barulleiras coma as de Nova Iorque, onde tes que erguer o ton de voz para que che escoite a persoa que tes ó teu carón, no World Trade Center non se perciben máis ca ecos.

Actual estado da zona cero, aínda en obras.

Facemos os nosos comentarios mediante murmurios para manter o ambiente de respecto. A chegada da escuridade trouxo consigo os primeiros indicios dunha treboada inminente. O forte zoar do vento eleva ás alturas unha bolsa de plástico, e debuxa con ela no aire un movemento zigzagueante, acompasado, que se fai sonoro en tódolos recunchos da zona, pero cuxa cadencia perfecta non desentona en absoluto da solemnidade do momento. Abandonamos o World Trade Center ó tempo que rachan os ceos, desfacéndose nun impresionante diluvio.

Antes de dar por rematada a primeira xornada de vida neoiorquina, pasamos por Wall Street. Paseamos diante d@s moz@s do movemento Ocupa Wall Street e tirámonos unhas fotos co emblemático touro situado enfronte do edificio, símbolo da fortaleza, do despótico dominio da economía yankee. Aínda co mal corpo do paso polo World Trade Center, pisar o epicentro do mundo financieiro fíxonos cavilar aínda máis. Dímoslle unha volta máis a todo o acontecido aquel día.

“Wall Street”.

Ceamos,  e voltamos ó noso buratiño infecto no corazón de Brooklyn.

Ollada, mistura de reto e noxo, ó touro de “Wall Street”… e si: tamén de Intereconomía.

Ó día seguinte, venres, tampouco escatimamos en clásicos. De feito, o noso primeiro destino foi a estátua da Liberdade. Unha organización bastante deficiente tívonos un anaco longo agardando baixo un solano de xustiza na fileira para ingresar no barco a Staten Island.

Unha vez alí deu comezo a sesión fotográfica pertinente, sen demasiadas emocións, a escaseza emocional que nos provocou a propia estátua. A sensación especial de atoparte nun dos puntos máis coñecidos do planeta, e pouco máis.

Novo punto mítico conquistado na Volta ó Mundo.

De feito, para min o máis espectacular foron as vistas de Manhattan dende a propia Staten Island.

De volta en terra firme, dimos por inaugurada a etapa friki da visita a Nova Iorque. Iniciamos unha desesperada procura do bar onde se filma a serie “Cómo Conocí A Vuestra Madre”, procura que nos levou a darnos un paseo máis que interesante polo West Side.

Avenida Amsterdam, no “West Side”.

Barrio éste ben bonito, tranquilo, de arquitectura harmónica, onde se repiten unha e outra vez esas escadas tan típicas de entrada ó baixo do edificio. Finalmente atopamos o famoso bar, que na realidade se chama o McGuee, e cál foi a nosa sorpresa que non se asemella en nada ó bar da serie. O clásico curte dos bares irlandeses, e nada máis. Aínda así as contínuas referencias á afamada serie evidencian que si é aquí onde se leva a cabo a gravación da mesma. Iso e que lle preguntamos á camareira directamente, unha rusa que se chamaba Katiuska, ou algo con sonoridade semellante.

Dous “frikis” en apuros no bar de “Cómo Conocí A Vuestra Madre”.

Ó saír do McLaren, McGuee na realidade, puxemos rumbo a Central Park. Polo camiño detivémonos en Columbus Circle, unha praza situada ás portas dunha das entradas do parque. Paramos tamén a sacarnos unhas fotiñas na mencionada entrada, e pasamos a continuar coa nosa quilometrada paseando por un dos parques máis coñecidos do planeta.

“Columbus Circle”.

Paseamos entre xente adestrando kick boxing, paseamos entre xente xogando béisbol, paseamos entre xente xogando fútbol, estivemos nunha especie de concerto, paramos nunha fonte enorme chea de moedas que cisca a xente para pedir desexos, pedimos nós algún tras facer algunha pequena falcatruada… Rato longo o que botamos en Central Park, para percorrer unha porcentaxe minúscula deste inmenso parque.

Na entrada de “Central Park”.

Coa segunda maratón en dous días, dimos por rematada a xornada e recollímonos no hostel. Iso si, alí atopámonos con Dani, un bilbaíno que xusto comezaba unha nova etapa na súa vida no norleste americano, xa que a súa moza se trasladara a Boston.

Como non podía ser doutro xeito, tivemos que ir a tomar unha birra para celebrar este encontro vasco-galaico, unha fórmula que sempre funciona.

Daniel Rubio, un bilbaíno solto en Nova Iorque.

Ó día seguinte dispuxémonos a seguir coa nosa conquista da Grande Mazá. Xa en compaña de Dani, o noso seguinte obxectivo foi China Town. O barrio chinés non é pequeno precisamente. Non é que eu estivese en demasiados barrios chineses nin de outras nacionalidades ou etnias nas diferentes grandes cidades do mundo, pero é difícil imaxinar unha aglomeración étnica con tanta presenza e tan diferenciada coma esta.

Perfectamente asentados, fondamente arraigados, os chineses montaron a súa pequena Pequín ou Shanghai no medio e medio de Nova Iorque. E nela viven tranquilamente o seu día a día, desenvolvendo a súa cultura con total plenitude, dende a gastronomía ata a relixión, pasando por aspectos máis escabrosos e que se manteñen á marxe da lei.

Chinatown de Nova Iorque.

Proba máis ca evidente do medre desmesurado do barrio chinés é a situación de Little Italy. A zona reservada á emigración italiana en Nova Iorque vive baixo un acuciante asedio asiático, e pouco a pouco as rúas da pequena Italia van sendo invadidas por negocios rexentados por emigrantes chineses.

Foi sorprendente comprobar cómo en varias das rúas que o noso mapa de Nova Iorque marcaba coma pertencentes a Little Italy, hoxe non queda nin un lixeiro atisbo da pegada italiana, e o que loce son letreiros luminosos e paneis con caracteres pertencentes á cultura do xigante asiático.

En “Little Italy”, ou no que queda dela.

E así, chimpando de cultura en cultura dentro da mesma cidade, caeunos a noitiña. Para a noite tiñamos plan, e non era un plan calquera. Tocaba atoparnos coa nosa representación viguesa en Nova Iorque, Yago, a quén coñeciamos hai unha chea de anos por medio de César.

Músico, pianista concretamente, hai cinco anos que Yago decidiu saír a buscarse os feixóns nos Estados Unidos facendo o que lle gusta, para o que se preparou, e seguramente incluso para o que naceu. Porque o concerto ó que fumos en Brooklyn e que nos serviu de encontro, non era o primeiro ó que asistiamos deste fenómeno, e, desculpando a miña total ignorancia en materia musical, ídesme permitir que exclame: “¡cómo toca o cabrón!”.

Non o digo eu. Unha vez finalizado o concerto, coñecimos e estivemos de parola un anaco coa vogalista do grupo de jazz co que tocou aquela noite, e, dun xeito menos ordinario ca min, como corresponde a unha refinada señorita e non a un cabestro do calibre do que vos narra, veu a significar máis ou menos o mesmo: que o noso amigo é moi bo.

Aquela noite tamén serviu para que se producira outro reencontro. Seguramente -a estas alturas xa non me atrevo a asegurar nada- o último con algún membro dalgún dos equipos que fumos xuntando por Latinoamérica adiante. Tratábase de Dayana, do Asshole Team.

Canda Dayana e Yaguiño, no bar onde éste deu o concerto.

Coñecerámola, coma a tódol@s assholes, na entrada a Bolivia polo Salar de Uyuni, e cando nos despediramos en Sucre, fixeramos a firme promesa de reatoparnos en Nova Iorque. E así foi. Estivemos un cacho longo con ela no mesmo bar do concerto, ata que decidiu retirarse, xa que ó día seguinte tiña que erguerse cedo. Sen dúbida un pracer enorme topar de novo cunha mociña tan doce e agradable coma esta colombo-estadounidense. Esperemos que se repita algún día.

A noite seguiu transcorrendo, e nun intre no que Dani e máis eu detectamos que o grupo de gringas co que estableceramos contacto non se amosaba receptivo, deixamos a Richi, Yago e Cons que seguiran porfiando, e nós partimos hacia Times Square. E se Times Square de día impresiona, miñas queridas, amadas e añoradas xentiñas, de noite é algo verdadeiramente abraiante.

Coma nunha representación alegórica do seu alcume de “cidade que nunca durme”, a escuridade da madrugada desaparece en Times Square. Polo día, ese brutal bombardeo de información mediante un espectacular xogo de luces e cores penetra ns túas retinas dende as fachadas duns edificios que percibes inmensos, mastodónticos, firmes, imperturbables.

Pero na noite… Á noite o número de cores multiplícase por mil, a intensidade das luces elévase á enésima potencia, e aqueles mastodontes impasibles semellan agora titáns luminosos, áxiles, coordinados, hipnóticos. Sintes coma que interactúan contigo, tratan de embelesarte, de acariñarte, de envolverte. Bestial.

O domingo foi día para retoma-la actividade freak. Desta volta tocábame tirar a min, e @s que me coñecedes xa sabedes hacia ónde apuntei. Efectivamente, había que visitar o edificio onde se facían as tomas exteriores de Friends.

Un friki coas súas expectativas colmadas. Bonito e triste ó mesmo tempo.

Ese día, por outra parte, saímos en manada. E era unha manada bastante variopinta e  sobre todo curiosa. Coñecímonos tod@s no hostel, e as nosas nacionalidades eran as seguintes: tres galegos, un vasco, dúas irlandesas, un escocés e máis un bávaro. Gallifante a quén lle atope o nexo de unión.

No edificio de “Friends”, un grupo de xente con intención de poñer a O.N.U. patas arriba.

Polo día non fixemos namáis. Saíramos moi tarde do hostel, e á noitiña @s celtas do norte estaban apuntad@s a unha festa á cal nos convidaron. Imposible rexeitar semellante convite, naturalmente. A dicir verdade, non me lembro do nome de ninguén deste grupo agás de Katie. Unha das irlandesas, linda coma unha monequiña, graciosa coma un cachorriño… lesbiana coma cinco Rossies O’Donell. Ou alo menos ésa foi a miña impresión. Unha mágoa.

Se xa ela era linda, coa bandeira da Galiza que lle pintei… O dito, unha mágoa.

A noite rematámola Richi e máis eu no hostel facendo unhas risas case épicas con Ronaldo, un cirurxán mexicano; Neri, un austriaco profesor de snowboard, e máis un polaco.

Ó día seguinte, luns, tocaba mudanza. Yago quedaba só, e trasladámonos daquel despropósito de hostel á súa casa. Yaguiño vivía en Queens, nun barrio de emigrantes gregos chamado Astoria. E por Astoria mesmamente, despois de invadir o seu xeitoso piso coas nosas mochilas, fumos a dar un paseíño na procura dun sitio onde xantar. Fixemos unha probatura na Casa Galega de Nova Iorque, pero parece ser que pechan en agosto, e malia que aínda quedaban dous días de xullo, non nos abriron as portas. Poucos galegos deben traballar aí.

Non sei, empezo a pensar que existe unha especie de forza oculta superior ós nosos coñecementos que está decidida a impedir por tódolos medios que probemos o licor café ou unha tapiña de polbo, a desgraciada. Resignámonos, e procuramos outro sitio.

Ó remate do xantar eu estaba para tirar comigo. Pero para tirar non ó caldeiro da reciclaxe, que nin para reciclar servía, senón para deixarme ciscado no primeiro recanto. Nin as pernas me respondían, así que optei por quedar deitado coma un baldreu no piso de Yago, e deixei que os outros tres fixeran a expedición pola súa conta. E menos mal que non fun, porque, un día máis, a tunda que se meteron foi de órdago.

Comezaron pasando polo Madison Square Garden, pavillón onde xogan os seus partidos coma locais, entre outros, os New York Knicks da NBA. Non quedei sen velo, xa que pasaría ó seu carón ó cabo de dous días.

Xa no barrio do Harlem estiveron na Universidade de Columbia, unha das máis prestixiosas do mundo e na cal cursaron os seus estudos presidentes coma Franklin e Theodore Roosvelt, ou o propio Obama.

Universidade de Columbia.

Aínda no Harlem, fixeron parada no Teatro Apollo. Este mítico clube de música viu cómo comezaban a súa carreira artística estrelas do firmamento musical coma Michael Jackson ou James Brown, algo que queda reflectido nas placas que lucen no piso da súa entrada.

Do Apollo camiñaron e camiñaron, e xa de novo no West Side, no seu punto máis achegado a Central Park, deron coa casa de John Lennon.

Fogar neoiorquino do “beatle” John Lennon.

De alí a uns poucos metros, xa no famoso parque, unha placa conmemorativa lembra o momento e sinala o sitio exacto onde foi asasinado o compoñente da banda británica.

Para rematar o tour, e aproveitando a caída da noite, decidiron achegarse a Times Square para vivi-lo espectáculo que eu vos narrei con anterioridade, para senti-la aperta dos xigantes gráciles alumeantes.

E caeu o martes. O martes tiñámolo destinado, aproveitando que dispoñiamos de fogar de balde grazas a Yago, para facer unha viaxe de ida e volta o mesmo día a Washington.

Tras un desprazamento de cinco horas, máis ou menos, dende Nova Iorque, chegamos á capital dos Estados Unidos á tardiña. Tiñamos namáis ca tres horas escasas para coñecer a cidade, algo que non foi atranco para as máquinas de conquistar territorio yankee nas que estabamos convertidos.

Por iso e, en menor medida, porque os puntos emblemáticos de Washington, os monumentos típicos e tópicos, están todos xuntos nun radio de escasísima distancia. De feito, a traxectoria que une ós cinco debuxa unha cruz perfecta.

No brazo dereito da cruz atópase a Casa Branca. Como algún/a de vós saberá, seguramente somentes @s máis cult@s e preparad@s, é aquí onde mora o presidente dos E.U.A.

O quelo de Obama.

Un valado separa o edificio dos turistas e déixao a medio ano luz, pero ese é pouco atranco para o zoom da cámara de Cons.

No punto de intersección entre os dous trazos da cruz temos o monumento a Washington, un pirulo de enorme dimensión rodeado de bandeiras gringas. Correcto.

Cons coa súa pose “aires de grandeza”.

Prosigamos a ritmo de vértixe, coma nós fixemos aquel día. Camiño do memorial Lincoln atopámonos con outro memorial, o da Segunda Guerra Mundial.

Memorial da II Guerra Mundial.

Trátase dun estanque de auga rodeado por unha circunferencia de recordatorios de cada un dos estados da unión, amenizado por frases cheas de épica onde os estadounidenses lembran ó mundo a súa intervención divina no conflicto bélico para brindarnos a liberdade a todos e cada un dos cidadáns do planeta. Para mexar e non botar pinga.

De paseo polo memorial da II Guerra Mundial, de estado en estado.

Xa chegamos ó Memorial Lincoln. Bastante espectacular este señor na súa cadeira, xusto coma o agardabamos tras coñecelo na tele.

Memorial Lincoln.

E non menos espectacular é a distancia que o separa do monumento a Washington, distancia cuberta por unha lagoa que xusto ese día estaba seca polas reformas que se estaban a acometer na zona. Mítico emprazamento, sen dúbida.

Richi sacándome de quicio, unha tónica dende que chegou ós E.U.A.

O tempo botábasenos enriba, e era hora de ir tirando para a estación de buses. Aínda así, polo camiño agardábannos construccións non pouco clásicas. Comezando polo memorial da Guerra de Corea, onde os nosos amigos yankees homenaxean ós caídos naquela confrontación.

Memorial da Guerra de Corea.

Seguindo o noso camiño cara á estación observamos ó lonxe o Thomas Jefferson Memorial, do cal, ó ir tan xustiños de tempo, só puidemos tirarlle unha fotiña dende a distancia.

Jefferson Memorial.

A piques de chegar á estación que estabamos, cando polo camiño nos sorprendeu o Capitolio. Separados da construcción novamente por unha lagoa, tirámonos as fotos pertinentes.

E por último, xa ás portas da estación, tropezamos coa Campá da Liberdade. Con ésta si que non contabamos, xa que non a viramos nin no mapa, pero estivo ben para completar este frenético tour por Washington, unha contrarreloxo que non nos permitiu valorar no súa xusta medida á cidade, algo que supoño si poderemos facer co paso do tempo.

Lambendo a Campá da Liberdade. Parece mentira que preguntedes por qué.

Chegamos de volta á casa de Yago en Queens contra as 02:00 da mañá, con case tres horas de retraso debido á inoperancia da compañía de buses de baixo custe coa que nos movimos.

Á mañá seguinte, mércores primeiro de agosto, comezamos as despedidas polo noso anfitrión na Grande Mazá, Yago. Xa non lembraba a sinxeleza e xenerosidade que desborda este fóra de serie, e qué ben me veu lembralo. Grazas por todo, amigo.

Partimos, e a seguinte en ser despedida foi a propia Nova Iorque. Dinlle a cidade que nunca durme. Non estou de acordo. Eu coñezo moitas cidades que non durmen, comezando pola miña. Mais Nova Iorque non é que non durma. Nova Iorque non acouga. Nova Iorque hiperventila as 24 horas. Non baixa o seu frenético ritmo de vida nin un ápice en ningunha franxa do día.

Existen moitos símbolos de Nova Iorque. A estátua da Liberdade, o Empire State, Central Park. Mais esta cidade vai moito máis aló destes iconos. New York é moito máis ca todo iso.

New York é unha viaxe no metro, onde á túa esquerda atopas a un desquiciado falando so e batendo a cabeza contra a barra do vagón, ó tempo que á túa dereita un negro exercita o bíceps erguendo repetidas veces un bidón de 10 litros de auga coma se fose unha pluma.

Nova Iorque é unha tapa de sumidoiro botando fume. É unha banda de músicos tocando para gañar unhas moedas no peor recuncho das rúas de Brooklyn. Tocando coma poucas veces escoitei facelo igual na radio.

Sei o que Nova Iorque representa. Aínda así, viñemos aquí a conquistala, e marchamos tan confundidos que non estamos seguros de tela conquistado ou se pola contra somos nós os conquistados por Nova Iorque. E non sei se quero clarexalo. Polo momento deixémolo estar así. Encantado de ter tentado conquistarte, Nova Iorque. Ata sempre.