Arquivo da categoría: México

Cancún, o México que non era mexicano.

Martes 17 de xullo. Aterramos en Cancún, finalmente, despois dunha travesía bastante dura e estresante, a pesares de contar cos seus momentos idílicos, coma aquela estancia nunha illa perdida no Caribe panameño. E dura sobre todo no económico. Saír de Sudamérica para prantarnos en México supuxo un descalabro para a miña maltreita economía do que me vai custar horrores repoñerme.

Chegamos a terras mexicanas, como digo, a primeira hora do serán. Do aeroporto desprazámonos ó Cancún propiamente dito nun autobús que alí chaman “A.D.O.”, e da terminal de buses ó noso hostel camiñando apenas uns minutos. Mesón de Tulúm era o nome do novo fogar na nosa aventura, un hostel no que por menos de 6€ contabamos con piscina, almorzo, internet, e un persoal e ambiente excepcionais, como vos comenterei máis adiante.

O primeiro que fixemos namáis instalarnos foi xantar, e tras xantar dirixirnos á praia.

De camiño ás praias de Cancún.

E debo facer mención, antes de entrar no tema praias, precisamente no xantar. Fixémolo nun posto con mesiñas na zona do mercado, moi preto do Mesón de Tulum, e vaia xeito de desfrutar. Chile relleno, tacos de tenreira, de camaróns, de pescado… Todo riquísimo, xúrovolo. Iso si, antes de nada vinme na obriga de poñer en coñecemento da señora cociñeira o escaso costume que ten o meu aparato dixestivo de procesar picante, dado o gusto desmesurado desta xente por darlle durísimo a este tipo de especias.

E, agora si, entremos en materia de praias. A liña de praias de Cancún exténdese ó longo de 22 quilómetros, en forma de “L”. A medida que te achegas a elas, a paisaxe de Cancún vai mudando paulatina e radicalmente. Os fogares e negocios modestos do Cancún mexicano van deixando paso a complexos hoteleiros monumentais, de tódalas formas e cores, canto máis rechamantes e ostentosos, mellor.

Pequena, case ridícula mostra do cargante da zona hoteleira de Cancún.

Por momentos tes a sensación de estar máis ben en Las Vegas. A nosa elección, tras consultar na recepción do Mesón de Tulum, foi a praia de Los Delfines. A dos golfiños é unha praia, segundo parece, menos concorrida que o resto, máis liberada da marabunta de turistas que ateigan a costa cancunense. Si, posúe areas finas e brancas. E si, as súas augas son quentes e turquesas. Poderiamos estar a falar, por fin, e tras cinco meses de viaxe, das primeiras praias que lles puidesen facer un chisco de sombra ás que temos na Galiza de tódalas que visitamos ata o de agora.

E obxectivamente, as praias en sí si que son comparables ás nosas. Mais esa masificación, eses mamotretos cos que te atopas só con virar a cabeza, esa falta de intimidade, de tranquilidade… Non penso que peque de exceso de patriotismo se digo que sigo quedando, por exemplo, coas praias que temos os vigueses á outra beira da Ría.

Ademáis, unha vez na auga, as ondas son altas e incesantes, e, aínda que rachan sen forza e non te arrastran, cáeche enriba unha cada aproximadamente cinco segundos, e a verdade é que resulta bastante molesto. Non me malinterpretedes, gozar gózase e moito, só digo que a calidade suprema das praias galegas segue a estar, na miña humilde opinión, por enriba de tódalas que coñecín ata hoxe.

Cando chegamos da praia e entramos na cociña do hostel, na mesma había unha presenza que ía mudar para sempre a nosa estancia en Cancún. Tratábase de Michel Dosal. Michel… Michel seguramente sexa a mente máis perturbada do que levamos coñecido nesta viaxe. Nativo de D.F., as súas constantes gargalladas deixaron ás claras dende o primeiro instante o seu privilexiado sentido do humor e o seu acusado desequilibrio mental.

De xantar con Michel.

Nunca ocultou nada. Dende o primeiro segundo nos alertou do agudo da súa tolemia e da súa resistencia na esmorga. Nin ocultaba nin mentía. Non nos separamos nin un segundo ata o último día.

Canda el coñecimos a Liz, outra defeña que, na miña opinión, era a parella perfecta para Michel. Tola coma el, riseira coma el, chilanga coma el… A proba é que cando os vimos xuntos pensamos que eran amigos de toda a vida. Coñecéranse a semana anterior.

Os tres xuntos, no-los dous máis Michel, achegámonos ó día seguinte de novo á praia. Baixamos antes do bus para desfrutar das vistas da zona hoteleira dende unha ponte, e despois camiñamos un bo cacho ata unha praia que nos convencera.

Unha vez nela, falamos, falamos e falamos. Moito tiñamos en común con este tolo mexicano, que desfrutaba aprendéndonos a falar chilango, a xerga do D.F.

Canda a representación da morte, “Catrina”, unha clara mostra da naturalidade coa que perciben os mexicanos o paso ó “máis aló”.

Pola noite saímos a tomar unhas chiquitas. A base de tequila, que era o máis barato ademáis do máis axeitado dada a terra onde nos atopabamos, fumos entrando en salsa. Antes de decatarme xa estaba procedendo a un dos meus clásicos da noite: crearme o meu propio personaxe.

Á saída dun karaoke, e escasos segundos despois de cantar “El Rey” en perfecto castelán, presenteime  a un grupo de xente como Ivan, un turista ruso. Ninguén dubidou da miña nacionalidade en ningún momento. É máis, pedían silencio para aprenderme a falar español correctamente:

Ivan, ¿cómo se dice silencio en ruso?

-Mostovoi.

Tomemos un taxi. ¿Cómo es taxi en ruso, Ivan?

-Karpin.

Quería facer a broma só por dez minutos. O problema foi que Ivan lles caeu ben de máis a estas xentes, que ficaron con nós ata as 08:30 da mañá. Incluso tiven que traballar máis o meu personaxe, xa que a moza do grupo comezaba a interesarse demasiado por Ivan, cousa que a un amigo seu que debía querer ser máis ca iso non lle fixo moita graza e os ciúmes fixeron acto de presenza. Tivo que acougar cando se enterou de que Ivan era un militar moi perigoso.

Asegúrovos que foi surrealista de todo, pero serviu para que Ivan nos acompañase o resto da estancia en Cancún, xa que ó día seguinte era coñecido por todo o hostel.

De aí ó día da nosa marcha todo foi un desbaraxuste. Vímonos contaxiados polo caótico de Michel, e deixámonos levar pola súa risa e a súa tolemia. Aínda así, visitamos sitios coma Isla Mujeres. Situada xusto enfronte da costa cancunense, Isla Mujeres é unha illa que conta co mesmo estilo de praias que Cancún, mais pode que non tan explotadas turísticamente.

A ela achegámonos con Montse, unha moza catalá que coñecimos no Mesón de Tulum. Honesta, sinxela, auténtica e xenerosa, esta loiriña andaba de paseo por México, e non tardou en gañar todo o noso agarimo. De feito, se non fose por ela, xamáis teríamos coñecido a un novo galego na nosa viaxe. Montse emperrouse en que un tipo con pinta de clásico guiri que tiñamos diante no barco á illa era alguén famoso, e non dubidou en preguntarlle quén era nada máis atracar.

Montse.

O seu famoso era Bruno, un pontevedrés que traballaba en Madrid para unha compañía de voos, e que aproveitando os privilexios do seu chollo andaba de desconexión polo Caribe mexicano.

Con Bruno, non en Ibiza, senón en “Isla Mujeres”.

Pasámolo ben en Isla Mujeres, un lugar ben lindo, natural, tranquilo, do que custa crer que se atope tan preto do barullo e da artificialidade que a sobre-explotación turística orixinan en Cancún.

As súas xentes viven alleas á actividade turística, non dependen dela en absoluto, e conviven cos foráneos cunha naturalidade que impresiona.

Coloridas rúas de “Isla Mujeres”.

Outra visita á que non podiamos fallar era a Chichen Itzá. Unha das principais ruínas clásicas da península do Xucatán, esta cidade da antiguedade foi fundada ó comezo do declive do imperio maia.

Chichen Itzá supuxo unha das cidades máis relevantes da cultura maia, e foi adicada ó deus Kukulcán. El dalle o nome á construcción máis representativa do sitio, o Templo de Kukulcán.

Templo de Kukulcán.

Conquistada a inca, era tempo de tomar a cultura maia.

Xa fose porque non nos custou esforzo ningún chegar, polo pouco carismático do guía, que en ningún momento nos conseguiu transmitir a maxia do lugar, ou simplemente porque non ten a mesma carga de misticismo, o certo é que comparándoa con Machu Picchu, a visita a Chichen Itzá non nos aportou nin a metade de sensacións, non acadamos mergullarnos tan ben naquela cultura indubidablemente fascinante, e tivemos que poñer moito máis da nosa parte para trasladarnos a aquela época de incomprensible avance astrolóxico e temporal.

Templo dos Guerreiros.

Pasamos polo complexo do famoso xogo de pelota, evento ceremonial onde os participantes derrotados eran sacrificados ó deus Kukulcán.

Complexo do xogo de pelota.

Supostamente, por ese burato debían os xogadores introducir a bola de caucho, golpeándoa con cóbado, cadeira ou xeonllo.

As caveiras dos perdedores no xogo de pelota eran representadas, nunha especie de rexistro, no cemiterio próximo ó complexo.

Outra construcción de enorme importancia en Chichen Itzá foi o observatorio, dende onde os maias estudaban pormenorizadamente o ceo, algo que podería explicar nunha ínfima medida os seus coñecementos sobre os astros e a exactitude do seu calendario.

O observatorio.

Por último, destacar o Cenote Sagrado, un pozo de 60 metros de diámetro e 15 de profundidade, onde os maias realizaban ofrendas ó deus Chaac, señor das choivas, ofrendas consistentes en obxectos de gran valor e pode que ata sacrificios humáns.

Cenote Sagrado.

E esa foi toda a actividade puramente turística que fixen en Cancún. Cons, pola súa parte, achegouse tamén a Playa del Carmen e a Tulum, acompañado de Montse. Eu non puiden, xa que facéndoo excedía os límites do meu plan de viabilidade, pasábame do orzamento destinado para esa semana.

Playa del Carmen é un municipio situado ó sur de Cancún. Netamente turístico, vive únicamente desta actividade.

Se as praias de Cancún padecen dun notable exceso en canto a explotación turística, en Playa del Carmen faise case grotesco.

Iso si, o que non se lle pode negar a Playa del Carmen, ademáis da evidente calidade das súas praias dende un plano obxectivo, é Tulum.

O Parque Nacional Tulum, dentro do cal se ubica a antiga cidade maia de Tulum, atópase situado á beira do Mar Caribe.

Conta cunhas importantes ruínas pertencentes á civilización maia, destacando entre elas o edificio coñecido como El Castillo.

E posto que eu non estiven, vou a parar de aportarvos todos estes datos sacados vilmente de Wikipedia, e voume a limitar a poñervos un par de fotiñas máis.

Cancún, o México que non era México. Unha mágoa moi grande quedoume de non ter chegado con máis tempo a este país fascinante, e coñecer a súa verdadeira cultura, o México real, algo que non representa, que non reflicte en absoluto o artificial estilo de vida cancunense.

Aínda así, marcho coa satisfacción de ter coñecido, iso si, a mexican@s auténticos, coma Mich, Liz, ou mesmo Óscar ou Yahvé, dous traballadores do Mesón de Tulum cos que compartín moita conversa e moita risa. Especialmente co segundo, traballador da noite que se auto-alcumaba Batman, e quén compartiu un par de noites connosco desas que o seu nivel de absurdez fai que queden longo tempo gravadas na memoria.

Dous vixiantes da noite. Eu e máis Yahvé, quén nos revelou a súa identidade segreda: Batman.

Marcho de México, si, pero baixo a firme promesa de que voltarei.

¡VIVA MÉXICO, CABRONES!