Arquivo da categoría: Pre-viaxe

Últimas despedidas, primeiros voos e chegada a Recife

Miami, Florida, 19 de febreiro de 2.012. 22:25 hora local. 04:25 AM hora galega. Non sei a cántos milleiros de pés de altura dixo o capitán Luís que nos atopabamos. Hai 20 minutos que despegou o noso avión rumbo a Recife, primeiro destino marcado na ruta, previa escala en Salvador de Bahía. A hora prevista da chegada son as 10:50 AM hora brasileira, 08:50 AM hora yankee e á súa vez as 14:50 hora galega. Efectivamente, non temos nin idea de en qué hora vivimos. O único que sabemos é que cando aterremos habemos levar máis de un día enteiro voando, xa que á malleira do Miami – Recife hai que sumarlle a do Madrid – Miami, mailas 4 horas de espera no aeroporto da cidade máis representativa do estado de Florida.

Marchamos. Hai silencio. Non hai nada que dicir. Si moito que pensar. Pensamos na mini-fin de semana que vimos de pasar en Madrid canda Vero e Pali visitando ás nosas “mocitas madrileñas”. Na infinita amabilidade coa que se nos tratou en casa de Carlota. Nese xantar entrañable a máis non poder en casa de Mary, con Cristina e máis Ramón. Pensamos en cantísimo te imos a botar en falta a ti e ás túas xenialidades, Mardou. Lembramos o intre no que, xa subidos no coche destino Madrid, unha mociña chamada Pamela Quiroga nos confirmaba vía CouchSurfing que temos fogar en Recife, e de paso nos quitaba unha boa tonelaxe de enriba e desfacía o nó que nos encollía o estómago. Non sabemos nada dela. O seu perfil en CouchSurfing está completamente baleiro, sen amigos nin referencias. Bueno, sabemos dúas cousas: o seu enderezo, e que queremos chegar á súa casa canto antes.

Cara aló imos, Pamela.

Motivos da aventura

¿Motivos? Moi sixelo: esta viaxe é nós e nós somos esta viaxe. Nós cremos con firmeza que outro mundo é posible, queremos loitar por cambialo, e esta viaxe é o mundo. É o mundo que compre que coñezamos para poder cambialo axeitadamente, atendendo ás necesidades de todos e cada un dos seus recunchos, ata o máis recóndito. E non só iso. Existen infinidade de motivos menores.

Nós somos uns moinantes, festeiros ata quedar sos. E esta viaxe é o entroido do Brasil, Las Vegas, Hawaii, é unha full moon party en Thai.

Nós somos nacionalistas, defendemos a independencia e a persistencia dos pobos, de tódalas culturas do planeta. E esta viaxe é o pobo guaraní, o quechua, o maorí, o aborixe, o tibetano…

Nós somos anticapitalistas. Fuximos do modo de vida da sociedade de consumo, sempre atada a unha hipoteca, a unha letra do tesouro, a un plan de pensións, á procura dun emprego onde te oprimen e te mangonean. E esta viaxe é un percorrido polo outro mundo, ese mundo oprimido, esmagado, asfixiado polo noso, no que vive o 90% da poboación, percorrido no que acabamos de investir os aforros de toda a nosa vida.

¿Motivos? A pregunta non é cáles son os motivos de facer esta viaxe. A pregunta é se existe algún para quedar na casa.

Despedidas…

Prometérame a min mesmo que non ía publicar neste blogue nada máis que non fose pura narración da aventura. Coñézome bastante ben, e sabía que o ter que dicirlle ata dentro dun ano” a tanta xente en tan pouco tempo ía facer de min estes últimos días unha especie de oso amoroso embarazado, un ser desprezable que vai de aquí para alá choromicando deste ombreiro a aqueloutro, cuns trocos de humor bestiais provocados polos xa máis lóxicos medos e nervios previos ó comezo da aventura.

Son pefectamente consciente de que non teño dereito a estar melancólico nin triste. Non marcho á guerra. Non emigro. Nin sequera marcho unha tempada na procura de novas oportunidades. O domingo saímos rumbo ó Brasil para vivir unha experienza apaixoante, pola que levamos loitando máis de tres anos, coa que imos cumprir o soño das nosas vidas e me consta que o de outra moita xente. Por iso me fixera aquela promesa. Pero non puido ser. Nestas últimas semanas previas á viaxe vivimos intres demasiado especiais como para non reflectilos nas memorias da que con toda seguridade será unha das experienzas máis inesquecibles das nosas vidas.

Teño que dicir que nunca perdimos de vista o marabilloso da afronta que temos por diante. Sempre tivemos presente o privilexiado da nosa situación. Aínda así, os acontecementos das últimas datas sobrepasáronnos por completo. Comezando polo derradeiro partido en Balaídos -do que, por certo, tiven a oportunidade de despedirme a pé de campo e saíndo pola porta 0-, a medida que se achegaba a hora de partir e as persoas a despedir eran máis importantes nas nosas vidas, as escenas gañaban en dramatismo de xeito alarmante.

A miña despedida de Balaídos a pé de campo, no Celta 4 -Recreativo 1. Só espero que a seguinte vez que pise o Templo, éste sexa un estadio de Primeira

E chegou a prensa, e como Cons e máis eu apenas coñecemos a un feixiño insignificante de persoas, a reportaxe en Faro e as entravistas en Radio Galega e Cadena Ser axudaron a que se sumaran á fervenza de despedidas simples coñecidos, amigos de amigos de amigos e incluso unha boa morea de pefectos descoñecidos. Ceas, festas de cócteis, agasallos, amuletos, obxectos para lembrar, apertas, consellos, peticións, bágoas, moitas bágoas… “quérote moito”, “voute botar moitísimo en falta”, e máis bágoas, moitas máis bágoas. E as nosas cabeciñas a piques de estoupar. E os nosos corazóns, nun puño.

Estudio de Radio Galega no que fixen a entrevista para o programa "Galicia por Diante"

Despedida que me fixo a miña xentiña do Calvario. Pelos coma escarpias

E a despedida que nos fixo a nosa xente de Churruca e outro sector do Calvario, entre outros. Demasiado

Pero xa está. Xa estamos no aire. Xa deu comezo a nosa aventura. O soño comeza a cumprirse. Agora o que nos queda é desfrutar, aprender. Non defraudar á nosa xente nin a nós mesmos, facer todo o que dixemos que iamos facer ó longo dos tres anos que nos levou materializa-lo soño das nosas vidas. Cumprir promesas. Pero cumprilas de verdade, non coma cando dixen que non ía publicar nada máis neste blogue que non fose pura narrativa. Estamos nelo. Habémolo acadar.

Concepción do proxecto e primeiros pasos hacia a consecución: un soño feito realidade

Ninguén sabe con certeza, nin eles mesmos, cómo se produciu o momento exacto no que xurdiu a idea de face-la volta ó mundo. Tampouco cándo. Nin sequera ónde. Psicólogos, sociólogos e demáis estudosos de mentes perturbadas non se poñen de acordo á hora de elaborar unha posible recreación do momento no que se concebiu o proxecto. Dúas son as teóricas escenas que contan con máis apoios. A primeira sería a seguinte:

Martes 15 de decembro de 2.009. 00:40 AM. Bar O Batallón, Churruca, Vigo.
-O mércores temos Asemblea Comarcal.
-¡Pois hai que abogar por unha refundación inmediata do BNG, así non imos a ningures!
-Bueno home, é certo que temos que cambia-lo rumbo, pero tanto como unha refundación…
01:30 AM
-…porque non se pode percibir o mundo dende un punto de vista occidental, hai que percibilo dende un punto de vista intercultural!
-De feito en occidente, por exemplo en Europa, non existe unha verdadeira democracia porque as competencias dos estados reais foron transferidas a un estado europeo inexistente.
-Molaba facer unha viaxe por Latinoamérica, estilo “Diarios De Motocicleta”, para empaparse do esquerdismo alí emerxente.
-O que molaba era facelo por todo o mundo…

A segunda opta máis ben pola seguinte recreación:

Martes 8 de decembro de 2.009. 06:20 AM. Pub Planta Baixa, rúa Lepanto, Vigo.
-Dis que atoparon unha pitón no baño, colega.
-¡Pero iso foi hai unha chea de tempo!
-¿De ónde é a pitón?
-Pois anda por Asia e Oceanía, creo.
06:50 AM
-O xoves hai festa Erasmus.
-Pois desfruta ti que podes. ¡Hip! Colle o enderezo das erasmusas máis interesantes, algún día heilles devolve-la visita.
07:15 AM
-¡Brindemos por iso! ¡Hip!
-¿Por qué?
-Pois non me lembra… por unha pitón que veu aquí de Erasmus, creo… ¡Hip!
-¡Non hai pelotas de devolverlle a visita á pitón!
-¿Que non? ¡Hip! ¡Á pitón e a tod@s! ¡Ernesto!

Como se pode comprobar, a única coincidencia existente entre as dúas teorías é o día da semana no que se desenvolven os feitos. Isto é debido a que o luns era o único día que libraba Adri. Sen embargo eu, que estaba alí e que ó manexar información privilexiada sei que Adri tamén librou un xoves, asegúrovos que a cousa debeu ser algo semellante ó seguinte:

Xoves 10 de decembro de 2.009. 02:50 AM. La Fiesta De Los Maniquíes, rúa Irmandiños número 11, Churruca, Vigo.
-O mércores temos Asemblea Comarcal.
-¡Pois hai que abogar por unha refundación inmediata do BNG, así non imos a ningures!
-Bueno home, é certo que temos que cambia-lo rumbo, pero tanto como unha refundación…
03:15 AM
-¡Molaba facer unha grande alianza entre tódalas nacións celtas!
-Xa… ¡Hip! Espera que vou a por outra rolda. ¡Vane!
03:40 AM
-Falando do Celta -porque en toda conversa trascendental ten que ter cabida o Celta-, ¿qué opinas das fichaxes de inverno?
-¿Papadopoulos e Cellerino? Non os vin xogar na vida, pero dame a min no nariz que nos van aportar o gol que precisamos para engancharnos arriba. ¡É máis, dígoche unha cousa! ¡Hip! A comezos de tempada apostei 10€ a que o Celta gañaba a Copa, e se acerto gaño 20.000€.
-Buah… ¡Hip! ¿En qué podiamos meter 20.000€?

Por desgraza, o Celta non gañou a Copa. O financiamento da viaxe non ía saír dos 20.000€ da aposta de Adri, pero iso era xa o de menos. A semente xa estaba posta. O tema “volta ó mundo” foille gañando espazo nas conversas á política, ó fútbol, ás mulleres e incluso ás pitóns; comezáronse a barallar diferentes alternativas para cubri-lo orzamento, o que naceu como un soño, como un proxecto incoherente e irracional, foi tornanado pouco a pouco en algo cada día máis tanxible, máis posible de acadar. A utopía mudou en ilusión, a ilusión en obsesión, e, co tempo, a obsesión en realidade. Fóronse completando etapas, fóronse cumprindo obxectivos, e antes do agardado xa se estaban a cubrir trámites tan tan inequívocamente definitivos como o trazado da ruta polo miúdo, a posta de milleiros de vacinas e, finalmente, a ansiada reserva de billetes.
Un dos soños das nosas vidas feito realidade. Algo tan difícil de asimilar que, aínda hoxe, mentres escribo estás liñas a falta de menos dun mes para partir, estou desconcertado, tratando de procesar o que ven de acontecer e o que temos por diante.
Só espero estar á altura e saber valorar semellante privilexio na súa xusta medida.

A orixe

Heivos ser sinceiro. Todo comezou, como non podía ser doutro xeito, nunha noite de borracheira. E digo que non podía ser doutro xeito non só polo crapulento do  historial dos personaxes que nos ocupan, dada a súa excelencia no campo da esmorga e o malvivir, seguramente o 80% das historias que queiramos contar sobre estes moinantes debería comezar igual. Pero esta é unha historia diferente. Unha historia diferente que, como digo, ten que ter comezo necesarimente nunha noite de borracheira, xa que un proxecto da natureza da que estaban a dar forma estes dous, só pode incubarse nun contexto exento de toda cordura, de toda sensatez. E abofé que aquel contexto reunía tales condicións. A cousa foi máis ou menos así:

O almanaque apuraba as últimas datas de 2.009. Había cousa de ano e medio que a relación entre Adri e Cons mudara sensiblemente. Dunha cordial amizade pasaran, en apenas seis meses, a unha relación case que conxugal. Traducido ó “feisbuquiano”, mudaran o seu estado de “unha relación aberta” a un “é complicado” tirando a “prometidos”. Ata dis que por O Calvario houbo quen escoitou badaladas de voda, pero fontes achegadas á parella aseguran que nunca se albiscou tal posibilidade. A monogamia era algo antinatural para estes dous picaflores da vida social, pero case nada sucede por casualidade nesta vida.

Por outra banda, eran tempos ociosos para Cons. Nada preocupante para unha mente ordinaria, pero non é o caso. Para unha mente hiperactiva, en constante proceso de análise e creación coma a de Cons, o feito de dispoñer de tantas horas desocupadas ó cabo do día implica riscos serios. Por iso digo que nesta vida case nada sucede por casualidade.

O caso de Adri era diferente. Por aquelas datas cumpríase exactamente un ano desque comezara a traballar para unha empresa á que el alcumaba “Nazis S.A.”. Empresa de viles explotadores, no seu código de valores non quedaba nin rastro de humanidade, nin a máis mínima intención de facer o máis mínimo trámite polo legal. Tan só unha grotesca falla de escrúpulos, unha avaricia infinita coa que non cesaban no seu empeño de lucrarse a costa das urxencias de xente necesitada, a costa dos dereitos laborais e ata humanos dun grupo de traballadores que, iso si, gardaba desconcertantes peculiaridades de carácter ideolóxico, unha ideoloxía diametralmente oposta á de Adri. Todos estes factores e outros cantos máis conformaron un cóctel de vilezas difícilmente asimilable para unha mente ordinaria, pero non é o caso. Para Adri era imposible. Xa demostrara sobradamente noutras empresas a súa total intolerancia ante os abusos de poder, o seu amor propio impedíalle someterse  a unha panda de tiranos fascistas corruptos e ignorantes, e aquelo estábao a consumir por dentro. O seu interior era un fervedoiro de rabia, impotencia, sensación de autotraizón. Sentimentos que mal encauzados poderían ter rematado en sabe Deus qué, pero por sorte o cauce escollido conduciunos até a mellor das desembocaduras posibles. Porque moi poucas cousas, prácticamente nada sucede por casualidade nesta vida.

Non foi casualidade que dous xeitos tan semellantes de percibi-la vida, dúas mentes bulideiras, con gañas de facer grandes cousas, dúas mentes pouco ordinarias, confluíran había ano e medio e agora se atoparan no mesmo punto de partida. Unha con sobrecarga de traballo, tras longo tempo analizando e creando. Outra coa necesidade de redimirse, con sede de vinganza. As dúas empapadas en licor café. Non había cordura, non había sensatez. O contexto era perfecto. Xa só quedaba agardar.