Especial Día da Patria.

¡Fill@s da Galiza! Fálavos o compañeiro Alvarellos Wallace dende o seu exilio nas Américas.

Hoxe, coma cada 25 de Xullo, celebramos o Día da Patria Galega. É un día no que, coma tódolos anos, reivindicamos os nosos símbolos, a nosa identidade coma País. A nosa lingua, a nosa Historia, as nosas artes, os nosos usos e costumes. Reivindicamos o noso feito diferencial, celebramos que somos un País cunha cultura de seu.

Máis aló de celebrarmos que somos un pobo con identidade propia, que non é pouco, é certo que pouco máis hai que celebrar. Vivimos días de enormes dificultades, onde á espeluznante cifra de cidadáns desempregad@s, a dramática situación de moitas das nosas familias, e a tiránica actitude adoptada pola banca, sometendo á maioría social, especialmente ás clases máis desfavorecidas, hai que sumarlle a nefasta actuación dos nosos gobernantes.

Afanados únicamente en contentar ás demandas dictatoriais dos grandes poderes financieiros, cada día apertan un chisquiño máis a soga que eles mesmos colocaron ó redor dos nosos pescozos, esmágannos depositando sobor de nós o peso da crise que eles e soamente eles provocaron. Sotérrannos botando enriba nosa a terra da súa ineptitude, da súa avaricia, da súa inhumanidade, e chimpan sobre nós pisoteando os nosos dereitos. Dereitos que tantos anos de loita, tanto sufrimento e tantas vidas lles custou ós nosos devanceiros.

Hoxe vémonos abocados a revivir aquelas loitas, xa que os nosos dereitos máis básicos, os que nos levaron a ser o máis achegado a un país libre do que fumos en séculos, como a sanidade e a educación públicas, corren serio perigo. Para calmar a sede insaciable do neoliberalismo, os gobernos galego e estatal do Partido Popular tiran do sangue do pobo de xeito inmisericorde, non lles treme o pulso á hora de retallar en servizos básicos e políticas sociais. Non terán piedade se teñen que deixar na rúa, sen traballo nin fogar á metade do país. Van camiño delo.

Eles non gobernan para o pobo, eles non representan á maioría. Eles están do lado  dos poderosos, dos que moven os fíos deste sistema putrefacto e corrupto. Débense a eles, a ese fato de desalmados que non se fartan de engordar e engordar as súas grotescas fortunas a costa do benestar dun sector da sociedade cada día máis amplo e máis marxinado.

Hai xente que pode pensar que hoxe en día hai problemas máis importantes que a causa do nacionalismo galego, que o autogoberno ou a defensa da nosa cultura. Que non nos leven a engano. Hoxe a nosa loita debe ser levada a cabo coa intensidade de sempre, senón con máis forza que nunca.

A loita contra o capital que hoxe se libra en cada recuncho do planeta, e que non fixo máis que comezar, para @s galeg@s ven sendo o noso día a día dende hai moito tempo. Levamos séculos loitando pola nosa dignidade, polos nosos dereitos como pobo, contra a opresión, o esquecemento e a marxinación. Esta loita non é nova para nós.

E somos moit@s @s que xa levamos longo tempo indignad@s. E eu, coma tant@s e tant@s compañeir@s de pelexa, non o dubido: o nacionalismo é unha das chaves do cambio. O autogoberno, a autoxestión é unha parte importantísima da solución, debe ser unha arma fundamental na loita contra o capitalismo.

Nesta viaxe non paro de atoparme exemplos de nacións, países, rexións que manexando os seus propios recursos, tomando as súas propias decisións, saen adiante cunha solvencia infinitamente superior a doutros territorios que dependen dun poder central, que se ven suxeitos ás vontades dun goberno que dá prioridade ás súas necesidades e que descoñece as dos territorios que tutela.

O desmantelamento definitivo do sistema capitalista pasa por descentralizar o poder, primeiro da banca privada e despois dos sucesivos estados. E a partires de aí crear un sistema xusto, baseado na igualdade e na fraternidade, lonxe do sistema actual onde imperan o egoísmo, o consumo compulsivo, o materialismo e as ansias de poder.

E sería un sistema perfectamente acaído para a sociedade galega. Sentaríalle coma unha luva á nosa cultura, á nosa forma de ser. Galiza, terra de traballador@s inesgotables. De xentes modestas, sinxelas. Xenerosas, nobres, honestas. No noso código de valores o primeiro é a palabra, precisamos confiar na xente.

Nós levamos séculos divertíndonos a base de comer e beber, sempre en familia, sempre coa nosa xente. As nosas festas móntanse sen necesidade de grandes orzamentos, non precisamos luxos. Bueno si, os luxos que nos brinda o produto da nosa terra.

Son perfectamente consciente de que o galeguismo é un sentimento que se espalla ó longo dos catro puntos cardinais do noso territorio, e alá onde chegue o emigrante máis lonxano. No corazón de tod@s está presente o orgullo de sermos galeg@s. Mais é preciso demostralo. Valorar o que temos, abrir os ollos ante as marabillas que agocha o noso País de fábula, recoñecer a súa maxia.

Unha das mellores descripcións da nosa paisaxe que teño lido, como non podía ser doutro xeito, é obra do inmorrente Castelao, e gustaríame compartila con vós. Porque chega, toca a fibra sensible, fai cavilar precisamente sobre o que vos comentaba hai un minuto da necesidade de darlle ó noso patrimonio o valor que merece. Forma parte do discurso “Alba de Groria”, que o compañeiro Daniel leu con motivo do Día da Patria de 1.948, e di así:

Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.”

Pouco máis hai que engadir. Simplemente pedirvos que reflexionedes, que vos decatedes de que a vosa Terra precisa da vosa loita, no mundo enteiro faise necesaria a vosa implicación.

Espertade, miñas xentes, meus e miñas compatriotas. Non baixedes os brazos nin caiades na apatía vítimas das falacias que nos queren facer crer, como aquelo de que “nós sós non podemos cambiar nada”. Precisamente porque nós somos os únicos que podemos cambialo todo. E qué mellor que comezar facéndoo polo noso País, pola nosa Patria. Por Galiza.

Nada máis. Despídome de vós parafraseando unha vez máis á nosa principal figura política e pode que cultural.

“Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.”

Feliz Día da Patria. ¡GALIZA CEIBE, PODER POPULAR!

Travesía Capurganá – Panamá City – Cancún. Á deriva polo Caribe.

Peirao de Capurganá, Chocó, Colombia. Domingo 15 de xullo. 07:00A.M. Esa era a hora e o lugar onde nos citaramos con Fabio, o “mafioso” napolitano que nos safou o cú conseguíndonos unha lancha ata Panamá.

Como comentei con anterioridade, non dispoñiamos de efectivo para pagarlle o traslado, así que Fabio aceptou que lle pagasemos ó capitán da lancha que traballaba para el á nosa chegada a Panamá City, onde por fin poderiamos retirar cartos. Observei cómo antes de embarcar, o capo da camorra lle susurraba algo ó ouvido ó seu sicario, a persoa á que lle tiñamos que pagar. Supoño que sería algo así como “non lles quites ollo de enriba ata que teñas ata o último centavo na man, e se fan algún movemento sospeitoso, pártelles as pernas”. Tamén pode ser que aínda estea demasiado recente a maratón de El Padrino que me mandei en casa de Juantxo.

O caso é que embarcamos, e a lancha zarpou hacia Puerto Obaldía, primeira localidade do territorio panameño, e onde debiamos estampar o selo de entrada no país centroamericano. Os militares panameños recibíronnos con caras de can, teño que dicilo. Cos peores modos posibles, indicáronnos que abrísemos as nosas mochilas, e procederon a un rexistro do máis exhaustivo.

Unha vez superado o primeiro control, mandáronnos pasar ó control de aduanas, onde un funcionario se exprimía o cabazo cunha documentación aparentemente sinxela. El era o encargado de poñernos o selo. Cansino, meticuloso ata exasperar, inepto, curto de entendedeiras; era o típico funcionario que pensa que a tarefa que ten que desempeñar, básica, cunha mínima responsabilidade, convírteo nun ser todopoderoso, no rei do mambo, e que lle permite andar a xogar cos destinos  da xente. Para matalo a vimbiazos.

Caribe panameño dende unha das lanchas.

Semellante inútil e pretencioso tívonos a cada un dos catorce ocupantes da lancha unha auténtica eternidade facéndonos preguntas, a cada cal máis absurda, e se non se lle ocorría ningunha, volvía preguntar unha das do principio do interrogatorio. As gañas de espicharlle a pantalla do ordenador na cabeza e estamparlle o selo de “denegado” na fronte eran difíciles de reprimir.

Falando dos ocupantes da lancha, efectivamente eramos catorce. No-los dous galegos, unha parella de suízos, e os demáis, os dez restantes, israelíes.

Nunca o comentei neste blogue, pero resulta chocante, chama poderosamente a atención a cantidade de israelitas que hai soltos viaxando polo mundo. En serio, é o país de onde coñecimos, máis ben de onde atopamos máis xente nesta viaxe, con moitísima diferenza. E matizo o de que os atopamos, porque coñecer coñecimos ben poucos. Case sempre viaxan en grupo, e rara é a vez que se relacionan con xentes de outras nacionalidades.

É máis: tod@s e cada un/a d@s traballador@s da hostelería c@s que falamos sobre os israelíes, e non eramos nós os que sacabamos o tema precisamente, puxéronos a caer dun burro. Tod@s sen excepción, ó longo de todo o mundo. Tacháronos de prepotentes, maleducados, suxos, moi conflictivos, e incluso de ladróns. @s que me coñecedes sabedes que non me gusta xeralizar, simplemente estou a trasladarvos os testemuños da xente coa que falei. Aínda así debo dicir que, para a miña enorme sorpresa, a miña experiencia non difire en absoluto coa deles. En canto ó grupo cos que nos tocou facer esta travesía… como adoito dicir, todo ó seu debido tempo.

Voltemos a Puerto Obaldía, onde o impresentable da aduana xa rematou co seu show e finalmente admitiu o acceso de toda a nosa tropa. Mais os atrancos non remataban aquí. Agora a quén lle poñían impedimentos varios era ó noso capitán de lancha, ó encargado de mutilarnos a Cons e máis a min en caso de non pagar. Como non podían denegarlle o acceso ó país, xa que posuía dobre nacionalidade colombo-panameña, non querían concederlle o permiso de traballo en Panamá.

Amparándose na lei de “como teño metralleta fago o que me peta”, esixían que os turistas debiamos pagar non me lembra qué cantidade de cartos para que o permiso lle fose concedido. E foi aquí onde lle perdín medo a Marcelo, que así se chamaba o noso “suposto verdugo”. Actuando en todo momento coa maior das honestidades, negouse a aceptar tan mafiosa condición, pediunos desculpas polos imprevistos, dos que el non tiña culpa ningunha, e accedeu a continuar con outra lancha capitaneada por un panameño, xa que el non podía traballar nese territorio, perdendo parte dos cartos que el debía gañar na travesía.

E vaia lancha na que nos meteron. Ó non estar preparada para cargar con tanto peso, afundíase de máis, e dela só emerxían uns poucos centímetros á superficie. ¿Consecuencia? Toda a auga entraba para dentro daquela patera, e nuns poucos segundos estabamos todos coma pitos, coma se viñésemos de mergullarnos no mar. ¿Consecuencia da consecuencia? Motín a bordo que iniciaron varios dos israelitas, ós que non lles faltaba razón neste caso, xa que non só estabamos nós pingando, é que tamén se empaparon as nosas equipaxes, documentación e obxectos de valor incluídos.

Fauna caribeña.

Ó final, despois duns breves pero intensos intres de tensión, acougaron os ánimos, e puidemos chegar, mal que ben, ó lugar onde iamos xantar e a pasa-la noite: Illa Calidonia, na Comunidade Kuna Yala.

Popularmente coñecida como San Blas, a de Kuna Yala é unha comunidade indíxena en pleno territorio panameño. Está formada, ademáis de pola parte continental, por 365 illas,  das que tan só 36 están habitadas. Pero o máis rechamante da Comunidade Kuna Yala é a súa autoxestión.

A comezos de século, ante os abusos de poder tanto da policía coma das institucións do goberno central panameño, deu comezo a Revolución Kuna, e conseguiron garantir a persistencia das súas xentes e da súa cultura, grazas á concesión de absoluto autogoberno da que gozan.

É unha gozada ver ós pouco máis de 30.000 habitantes desta comunidade campar ás súas anchas, tomando as súas propias decisións, comunicándose na súa lingua indíxena, o kuna… O que xa non gusta tanto é albiscar a bandeira da Revolución Kuna. Exactamente igual que a española, mais no canto do escudo monárquico español, os kunas espetáronlle unha esvástica nazi. Cabe destacar que a Revolución Kuna é anterior ó movemento fascista, pero aínda así, a primeira vez que a vin sen saber nada da cultura kuna, case me dá unha embolia cerebral. A cara dos israelitas tamén debeu de ser cómica de carallo.

Ó chegar, e tras poñer as cousas a secar, fumos xantar, acompañados de Marcelo, dos suízos e dunha parella de israelitas, os únicos cos que cruzamos palabra. No restaurante coñecimos ó dono do negocio, quen posuía unha illa na comunidade. Si, porque na Comunidade Kuna Yala as illas son privadas, e todas teñen propietario. Ésta en concreto foi adquirida por 1.500 dólares.

Na illa do amiguete de Marcelo.

O caso é que Marcelo, que coñecía ó dono do restaurante e da illa, convenceuno para que nos deixase pasar nela unhas horas. E iso fixemos. Espectaculares vistas as que forman un Mar Caribe azul turquesa que se perde no infinito salpicado de contínuas illas das de debuxos animados, únicamente cunha palmeira espetada no medio.

Ó chegar, dispuxémonos a cear, desta volta só cos suízos e Marcelo, cos que mantivemos unha agradable conversa e incluso rematamos por mandarnos uns chupitos de ron, mentres os israelíes pechaban cada segundo un pouquiño máis o seu círculo de cadeiras no que facían música, cantaban e berraban. Pegámonos un baño cun balde de auga e unha tina, e a durmir, unha vez máis, nunha hamaca.

Desta volta eran bastante máis cómodas que as do Parque Tayrona, máis amplas e separadas. Tamén axudou a descansar mellor o sentir o Mar Caribe ondear e rachar ós teus pés, xa que as cabanas onde durmíamos eran aboiantes, estaban situadas sobre a auga.

Á mañá seguinte, nova odisea. A embarcación que debiamos tomar xa non era a patera infame que nos levara ata Illa Calidonia, así que subimos á nova chalana confiados. Mal feito. Así como comezaron a zoupar as ondas por estribor, o persoal encheuse de auga de pés a cabeza. Unha vez máis. Alo menos desta volta as equipaxes ían ben protexidas, e o persoal tomouno cunha mistura de humor e resignación. Ata que chegaron os desembarcos.

A nosa segunda pateriña, metendo auga para dentro que daba gusto.

Agás no-los dous, que continuabamos ata Panamá City, todo o mundo quedaba nalgunha das illas da Comunidade a pasar uns días. Cos suízos non houbo problema, foron ubicados á primeira. Pero coas hordas hebreas… Non os aceptaron en ningunha cabana de ningunha das dúas primeiras illas, coa excusa de que estaban a tope. Lembremos que ós suízos acolléronos sen problemas.

Á terceira foi a vencida, e baixaron todos da patera mochila ó lombo. Todo parecía solucionado, mais o misto prendeu no último segundo. Ó chegar pasadas as 15:30 do serán xa non quedaba xantar que darlles, e os tipos entraron en cólera. Prometéronlles o almorzo do último día para compensarlles, que non lles pertencía, pero xa era tarde de máis, xa non entraban en razón. Esixían que se lles devolvesen os cartos, e xa se sabe que cando estas xentes falan de cartos…

Unha das illas nas que rexeitaron ós israelíes.

Era imposible que as súas peticións fosen atendidas, xa que os seus cartos estaban en Colombia nas mans de Don Fabio Corleone, pero insisto en que non estaban dispostos a escoitar a ninguén. Ó que si estaban dispostos era a impedir que a nosa patera continuase o seu camiño hacia Cartí, onde debiamos coller un coche a Panamá City, e de feito un deles fixo o amago de botarlle a man ó motor para detelo. Todo por un prato de comida de $5.

Finalmente, tras unhas falsas promesas de Marcelo de volver para seguir negociando, accederon a deixarnos seguir. E así, mollándonos un pouquiño máis, fixemos as últimas millas ata chegar, como dicía, a Cartí, localidade aínda pertencente á Comunidade Kuna Yala, e onde nos agardaba un coche para trasladarnos, no último tramo da travesía, ata a capital da República: Panamá City.

Sabía da intensa e interesada relación entre os gobernos de Panamá e dos Estados Unidos. Supoñíame que, dada a importancia da Canle de Panamá, a cantidade de cartos que ésta lle debía reportar á cidade non debía ser ningunha parvada. Aínda así, o espectacular do núcleo urbán da capital deixoume apampado perdido. Rañaceos por todas partes, edificios de tamaño monstruoso e deseño espectacular, coma o Tornillo, con forma de parafuso, ou a Vela, a ver se adiviñades, con forma de candea.

Entrada a Panamá City, cos rañaceos de fondo.

Todas, absolutamente tódalas grandes empresas do planeta teñen a súa sede en Panamá City, que dende o 11S substituíu a Miami coma a capital mundial do mundo latino.

Edificio o “Tornillo”.

Pegámonos, de moca, unha ducha no hostel onde se hospedou Marcelo, ceamos con el para despedirnos, e ás 23:00 da noite estabamos no aeroporto internacional de Panamá City, dispostos a, ás 02:00 da madrugada, tomar o voo que nos había levar a Miami.

E así foi. Tras un tranquilo voo de pouco máis de dúas horas, máis a hora de propina de diferenza coa costa leste dos E.U.A., ás cinco e media da mañá estabamos en Miami. Unha vez máis, a segunda no que levamos de viaxe despois da escala para chegar a Recife, tiñamos que pasar os tediosos controis de acceso ó país gringo sen ter intención de pisar as súas rúas, xa que nunhas horas embarcabamos no avión destino Cancún.

Alo menos desta vez os responsables de aduanas, a diferenza de Panamá e da anterior escala en Miami, eran uns auténticos cachondos mentais, e ata nos botamos unhas risas con eles.

Limusina nunha das portas do aeroporto de Miami.

Fixemos tempo mandándonos uns roscos do Dunkin Donuts, e ás 10:30 estabamos subindo ó avión. Odisea rematada, travesía completada. Con tódolos atrancos do mundo, algúns provocados por nós, outros polo destino, outros pola ineptitude do persoal, e algún outro polo pobo elixido de Deus, acadamos chimpar o Tapón de Darién e plantarnos de Sudamérica a México.

Novo fito superado. Agora toca relax. Cancún nos agarda.

Parque Tayrona, Cartagena e Capurganá. Chegamos ó Caribe e despedímonos de Sudamérica.

Saímos de Medellín e chegamos á localidade de Santa Marta o luns 9 de xullo. Baixamos do autobús, e unha labazada de aire fervendo cruzounos a cara. Non teño datos oficiais da temperatura e porcentaxe de humidade que alí había, pero os meus contactos no inferno aseguráronme que alí estaban bastante máis fresquiños.

De Santa Marta collimos un microbús que nos levou á entrada do Parque Nacional Natural Tayrona. E foi aí, na entrada do parque, onde obtivemos unha nova evidencia de que o mundo que hai cinco meses decidimos percorrer é pequeno, moi pequeno. Non sei por qué imos investir un ano en coñecelo, porque co ridículo que é podiamos facelo perfectamente mentres sacamos a pasear ó can. Veredes a qué me refiro.

Viñamos de pasar baixo o letreiro do portal, estabamos encarando ó grupo de militares encargados de facer o control de accesos, cando, mentres remexía na miña riñoneira para atopar o pasaporte, escoitei a Cons dicir con voz de incredulidade: “¿Ida?”

E efectivamente, alí estaba a nosa dinamarquesa do Europe Team, a que coñeceramos á saída de Bolivia e da que nos despediramos, ilusos de nós, para sempre en Lima había case un mes. Pero é que canda ela estaba  Natalie, a suíza que coñecimos o mesmo día e á quén tamén lle dixemos adeus na capital peruana.

Ida e Natalie, un reencontro co que non contabamos. En absoluto.

O seu grupo completábano Eldin, o mozo de Natalie, bosnio igual de apaixoado e de cacho de pan que calquera paisano seu que poidamos coñecer tod@s, coma pode ser Vlado Gudelj, e unha parella de alemáns: Kathrin ela, quén destacaba pola súa intelixencia, e Tom el, que aínda que tampouco era parvo precisamente, chegaba máis a súa simpatía, era pura comedia.

Co grupo formado e feitas as presentacións, procedimos a encamiñarnos ó camping onde establecernos dentro do parque. Foi un camiño longo e tortuoso, cargados coas mochilas e cunha calor insoportable. Máis de dúas horas subindo e baixando pendentes, cruzando regatos e chimpando por penedos.

No medio da travesía.

Iso si, o traxecto foinos amenizado por unhas vistas prodixiosas, a mistura entre bosque tropical e praias caribeñas que compoñen a paisaxe do Parque Tayrona.

O Parque Nacional Natural Tayrona, no departamento de Magdalena, son 15.000 hectáreas que se extenden ó longo da costa caribeña de Colombia. Unha vasta e pechada vexetación tropical deixa paso, á súa chegada ó mar, a unha sucesión de praias, cada unha incrustada en cadansúa bahía, conxugándose para conformar unha paraxe idílica.

Esfolados perdidos, chegamos ó noso camping, o Don Pedro. Xantamos uns sandwiches, pegueime unha ducha, e tiramos para unha das praias. O de pegarse duchas en Tayrona é algo bastante pouco efectivo, por non dicir absurdo. Non comezaches a secarte e xa estás suando outra vez.

A cintura shakiresca de Cons na praia La Piscina.

A praia que escollimos para desfrutar o primeiro día foi a de La Piscina, a máis achegada á nosa ubicación no sector de Arrecifes e das que está permitido o baño. A auga, caldo, e a presencia do bosque tropical abrazándoa resulta impactante, mais as súas areas son negruzcas e o seu tamaño moi reducido.

Eldin, o bosnio de Natie.

Ás 18:00 do serán, cando comezou a cae-lo sol, voltamos ó San Pedro. Tras unha revitalizante cea e unhas amenas conversas, puxémonos a durmir. Ou a tentalo, alo menos. Non foi doado. Tivemos que facelo nunhas hamacas bastante ruíns, estreitas, que non permitían moverte para atopar a posturiña axeitada. Estaban pegadísimas a unha á outra e as colisións eran constantes. Todo isto unido á calor e á humidade infernais impediron que pranchase a orella nin un minuto.

Sector de tendas de campaña do Don Pedro. Nós optamos polas hamacas.

Ademáis durmimos á intemperie, e un exército de mosquitos despiadados acribilláronnos sen compaixón. Tan prácida noite provocou que amencera medio morto. A calor abafante non me deixaba respirar con facilidade, 48 horas sen durmir tíñanme os miolos fundidos, e cando o persoal arrincou hacia a praia eu non fun quén de me erguer. Pasei o día ciscado coma un saco de patacas.

Praia Cabo San Juan de Guía.

Desta volta o grupo decidiu visitar a praia Cabo San Juan de Guía. Polo que me contaron e pola reportaxe gráfica que me amosaron, a calidade désta é bastante superior á de La Piscina. Máis ampla  e con mellor area, para comezar.

Cando chegaron e tras collerme con pinzas para arrastrarme ata o comedor, procedimos a cear. O mesmo que a noite anterior, aproveitamos o tempo que o xenerador nos brindou enerxía eléctrica para botar un anaco de parola e xogando ás cartas, antes de padecer unha nova tortura tratando de pegar ollo naquelas hamacas do demo mentres os mosquitos se pegaban unha enchenta co noso sangue. Unha lexión de mosquitos mórbidos foi o que deixamos tras de nós á nosa partida.

Ó día seguinte, mércores, Cons e máis eu abandonamos o Parque Tayrona. Despedímonos da peña, especialmente das nosas mociñas Ida e Natie. Xa non me atrevo a dicir que para sempre, pero e principio así debería ser. Unha vez máis emprazámonos a ese teórico reencontro en Vigo. Coma digo sempre, a saber.

Desfixemos o camiño feito nunha nova tunda do máis interesante, e en Santa Marta collimos un autobús cara o noso vindeiro destino: Cartagena de Indias.

O plan trazado especificaba que só podiamos pasar unha noite en Cartagena. Capital do departamento de Bolívar, conta con máis de un millón de habitantes, e seguramente sexa a cidade con máis peso histórico de Colombia.

Cartagena de Indias.

Proba delo é o seu casco vello, espectacular e protexido por unha muralla, o cal lle outorga o alcume de Ciudad Amurallada. Este centro histórico evidencia a natureza caribeña de Cartagena. O acento das súas xentes, de raza negra na súa maioría, as cores vivas das fachadas das súas casas, a música saíndo do interior duns fogares coas portas e fiestras abertas… Lembroume poderosamente a La Habana.

Tras pasar a noite era momento de emprende-la marcha unha vez máis. O plan de evacuación de Sudamérica destino México dictaba que, tras Cartagena, debiamos descender pola costa do Caribe hacia Capurganá, vila ubicada xusto na fronteira con Panamá, e alí coller unha serie de lanchas que nos achegasen a Panamá City, dende onde tiñamos reservado un voo a Miami. Por último, da meirande cidade de Florida voariamos ó noso destino final: Cancún.

Muralla de Cartagena, coa súa bandeiriña e todo.

O caso era que o voo dende Panamá City tiñámolo para a madrugada do luns 16 ó martes 17. Co tempo ben xustiño, como a min me gusta. Aínda así, a Cons entráronlle as dúbidas. Esa mesma noite chegaba a Cartagena Regina, a recepcionista do Che Lagarto Santiago de Chile, a que coñecimos de facer o rexistro no hostel e de despedirnos o día que partimos hacia o Atacama.

El quería ficar un día máis para quedar con ela. Eu non estaba disposto. Unha vez máis, coma sucedera en Florianópolis. E unha vez máis, decidín continuar pola miña conta, emprazando o noso reencontro para dous días despois en Capurganá. Así as cousas, alá fun.

Dentro da ruta Cartagena – Cancún, de por si complicada, o tramo Cartagena – Capurganá tamén tivo o seu aquel. Saín da terminal de Cartagena ás 4 da tarde hacia Montería, xa que non hai autobús directo a Turbo, dende onde hai que coller unha lancha ata Capurganá. Unha vez chegado a Montería, o que sucedeu ás 22:30 da noite, supostamente debía agardar na terminal ata as 4 da madrugada, hora á que partía o primeiro bus hacia Turbo. Supostamente.

Nada máis poñer un pé na terminal de buses, un tipo ofreceume saír de inmediato. Valorei a posibilidade, e entre agardar seis horas nunha estación polo autobús hacia Turbo e facelo na mesma Turbo pola lancha hacia Capurganá, que segundo as miñas informacións saía ás 8 da mañá, optei pola segunda. Craso erro.

Cheguei á famosa Turbo ás 02:30 da madrugada, tras catro horas rebotando nunha furgalla completamente destartalada que me deixou no peirao do pobo, onde debía agardar polo bote destino Capurganá. E vaia peirao. As augas botaban un fedor a cadáver putrefacto que tumbaba para atrás, a rúa onde estaba ubicado contaba con varios locais de “mulleres de moral distraída”, e a miña compaña era o vixiante do peirao, Vicente, un señor duns cincuenta e tantos anos coxo e medio tullido.

Peirao de Turbo a primeira hora da mañá.

E qué ben estaba con Vicente, a pesares de que non me facía nin puñeteiro caso. Cando a compaña aumentou, achegáronse á nosa posición catro suxeitos de apariencia cando menos sospeitosa. Sentaron onda nós, e comezaron a pintar liñas de cocaína e a metelas para adentro coma quen come pipas. Tamén bebían chupitos dunha brebaxe estraña que sacaban dun frasco coma de xarope, que lles facía tusir e cuspir unhas flemas que parecía que vomitaban a Viscoso, a pantasma boa dos Cazapantasmas.

Foi a primeira vez en toda a viaxe que me sentín inseguro de verdade, que percibín un risco real de que me puidesen dar o pao. Eran catro maromos de tamaño considerable, de farlopa ata as orellas, e aínda por riba, o suposto encargado de defenderme era un avó tullido. Perfecto.

Afortunadamente non pasou nada, e os tipos simplemente pasaron de min coma facía Vicente. Ás 05:00 da mañá o ceo comezou a clarexar, e o peirao de Turbo comezou a encherse de xente e de movemento. Abriu unha cafetería de por alí preto, e metinme nela a que me ignorasen un pouco máis, as últimas horas de espera.

Cheguei a Capurganá sobre as 14:00 do serán, tras cinco horas rebotando no mar nunha lancha dunhas vinte persoas. Capurganá, como dixen, é unha pequena localidade situada xusto na fronteira con Panamá, no departamento colombiano de Chocó.

Capurganá.

É unha vila pequerrechiña, de pouco máis dun milleiro de habitantes. Tranquila, as súas xentes son unha gran familia. Dirixinme ó hostel que me recomendara Marcos, o coruñés de Medellín. Chamábase a Posada del Gecko, unha hospedaxe ben xeitosa.

Preguntei por Shirley e Alberto, os encargados de rexila, e tras unha boa ducha púxenme a falar con eles.

Patio de “La Posada del Gecko”.

Todo ía xenial, ata que lle comentei a Alberto que debiamos tomar un voo en Panamá a madrugada do luns. Con xesto de incredulidade, comentoume que era imposible que chegasemos a tempo se non saíamos ese mesmo día. A travesía en lancha ata Panamá leva dous días, segundo parece. Pero Cons non chegaba ata o día seguinte.

Quixen avisalo para que aprazase ou anulase o voo, xa que el tiña o billete electrónico no seu ordenador, pero non había enerxía eléctrica no pobo. Foi ó día seguinte, sábado, cando chegou e o propio Alberto lle contou a nosa situación desesperada.

Xa estaba. Aquí teño falado dos meus medos de relaxarnos, dado que todo estaba a saír perfecto ata entón. Baixamos a garda, confiámonos, encomendámonos á nosa sorte e arriscamos de máis.

Campo de fútbol de Capurganá.

Iamos co tempo moi xusto para chegar a Panamá, e a Cons ocorréuselle, aínda por riba, quedar un día máis en Cartagena. Erro enorme.

Pero é que iso non é todo. Aínda que, se por algunha milagre do destino, conseguíramos unha lancha hacia Panamá para saír no mesmo momento que chegara Cons, non tiñamos cartos para pagala. E este erro é de exceso de confianza de ambolosdous. Non tiñamos cartos en efectivo enriba para pagar a lancha, e en Capurganá non había caixeiro automático.

¿Cómo imaxinar algo así, se ata no pobo máis deixado da man de Deus en Bolivia dispuxemos da posibilidade de retirar cartos? Aínda así, son cousas coas que hai que contar, temos que estar máis alerta. Entre Alberto e o seu amigo Stefano tentaron atopar unha solución de tódalas maneiras posibles.

Praia en Capurganá.

Desvivíronse por axudarnos, percorrimos tódolos hoteis da aldea procurando un que nos adiantase os cartos para nós ingresarllos de contado, incluso Stefano nos deu o seu número de conta para facerlle a transferencia ó día seguinte, xa que estaba disposto, tanto el coma Alberto, a emprestarnos eles os cartos. Pero problemas coas chaves da conta impediron a operación. Estabamos condenados a perder o voo de Panamá a Miami, e en consecuencia o de Miami a Cancún. Douscentos dólares ó carallo, como se as nosas economías (especialmente a miña) non estivesen maltreitas de abondo.

Resignado, estaba a piques de dirixirme á praia. Xa estaba remexendo na mochila na procura da toalla, cando de súpeto a Alberto se lle acendeu a bombilla. Fabio, un amigo seu co que xa non se levaba, podería adiantarnos os cartos. Segundo parece, ó tipo gustábanlle máis os cartos que a un parvo un caramelo, e a cambio dunha pequena comisión, el poderíanos facer o préstamo. Precisamente diferencias monetarias foron as que estragaron a amizade entre Alberto e Fabio, amigos dende as súas vidas na Italia.

Dirixímonos, sen tempo que perder, ó hostel que rexentaba Fabio, todo un mafioso napolitano segundo a descripción tanto de Alberto coma de Stefano. Preguntamos por el na entrada do albergue. Non tardou en baixar. Coa imaxe de mafioso que tiña eu na cabeza e que me formaron os seus ex-amigos, case caio de cú ó velo achegarse a min.

Lucía barba de tres días, era pelado e portaba un sombreiro branco. Levaba a camisa desabrochada ata debaixo do peito… e un mono aferrado ó seu pescozo. Non puiden evitar que me viñera á mente a imaxe de José Luis Moreno en Torrente 2. A semellante elemento era a quén estabamos dispostos a entregarlle o futuro da nosa viaxe.

Contámoslle os nosos males, a nosa situación desesperada, e inmediatamente pediunos que acougásemos. A camorra estaba alí, e estaba disposta a facernos o favor. Triunfada monumental. Non nos ía emprestar os cartos. Directamente íanos conseguir unha lancha para saír o día seguinte hacia Panamá e chegar así a tempo de coller o avión en Panamá City, xusto unhas horas antes do despegue. Cons, cousas do destino, viñera na lancha de Turbo a Capurganá falando coa ex-moza de Fabio, contáralle que pretendíamos chegar a Panamá en lancha, e cando chegamos ó seu hostel Fabio xa nos tiña todo preparado.

A safada que viñamos de vivir non era normal, e a sorte que estamos a ter nesta viaxe moito menos. Aínda facendo as cousas rematadamente mal coma viñamos de facelas nesta ocasión, ó máis puro estilo Adri, deixando todo para a improvisación do último segundo, co “malo será” por bandeira, acabamos safando e tirando para adiante. Cousas do destino. Pode que cousa de meigas. Seguro que cousas das estrelas.

Ó día seguinte, domingo 15 de xullo pola mañá cedo, iamos partir hacia Panamá, dispostos a evitar o famoso tapón de Darién, os menos de cen quilómetros que os E.U.A. se empeñan en sacarlle á estrada Panamericana, vía acuática. E estabamos a piques de abandonar Sudamérica, un continente que nos marcou de por vida. Un mundo en cada país, todos diferentes entre eles. Cada un coa súa maxia particular, coa súa oferta única. E en todos un denominador común: a paixón, o sangue quente, moi quente. Fervendo.

Abofé que nos marcou de por vida. Non en van, aquí atopamos entre os dous cinco das nosas bolas máxicas, nada menos. Deica sempre, Sudamérica. Palabra de que volverei.

Medellín, unha cidade de conto; e máis festa entre galegos, o conto de sempre.

Chegamos a Medellín a madrugada do martes 3 ó mércores 4 de xullo. Ás 03:30, nada menos. A primeira experiencia na capital do departamento de Antioquia non foi a mellor posible. Subimos, baixo dunha intensa tromba de auga, no taxi que nos había levar ó hostel onde aloxarnos, con tan mala sorte de topar co taxista máis inepto da historia, con menos luces das que dspoño eu agora mesmo (estou nunha aldea do Caribe colombiano escribindo mentres me alumea a miña lanterna do Decathlón), e o escaso inxenio co que contaba investíao en tratar de estafar ós gringos que desafotunadamente caían no seu taxi.

Xa non é que descoñecese por completo tódolos enderezos que lle apuntamos, é que non tiña nin a máis remota idea de cómo chegar a eles ó non saber cómo funciona o sistema de distribución do rueiro colombiano. É un sistema estraño que clasifica, como teño comentado noutras ocasións, as calles e carreras por números, pero, chámame tolo, penso que se es colombiano, e máis se es taxista, non che debería resultar tan alleo.

Finalmente, tras ternos hora e media dando voltas coma buxainas pola cidade, e tras pasarnos unha factura que de ter estado en Vigo no canto de en Medellín íanlla pagar os seus pais, que seguramente sexan curmáns, chegamos ó noso hostel. O Pit Stop Hostel. E aí as cousas comezaron a mellorar de xeito irrefrenable.

Pisciniña do Pit Stop, co bar de fondo.

Algún día, rematada a viaxe, farei unha especie de ranking dos mellores e peores hostels que visitamos ou padecimos, e o Pit Stop gañou puntos como para, de momento, garantirse un posto no podio. Ben situado, cun servizo impecable e un ambiente espectacular, conta con piscina, pista de voleibol, de fútbol sala… e unha canastra, ademáis dunha mesa de pig pong.

Si, unha canastra. Aquí si saciei a miña intensa sede de baloncesto xogando varios 2 para 2 e 1 contra 1 contra xente de tódalas nacionalidades e, por qué non dicilo, cun saldo moi satisfactorio de vitorias.

Bueno, e para darlle o punto de calidade definitivo ó hostel, as recepcionistas eran paisas, que é cómo en Colombia lles din ós nados en Medellín. A priori este dato sobre as recepcionistas pode parecer un dato non demasiado relevante, pero cunha información que desenvolverei máis adiante habédesvos decatar de que ten a súa importancia. Abofé que a ten.

Erguímonos o mércores dispostos a coñecer Medellín. Saímos a percorrer as rúas dunha cidade onde impera unha primavera eterna, cunha temperatura en torno ós 25° que apenas varía ó longo de todo o ano.

Unha cidade puxante, en loita permanente dende o día en que se fundou, enfrascada primeiro nunha arquicoñecida loita que lle ocasionou unha serie de estigmas, e hoxe inmersa noutra loita diferente, para reinventarse, para liberarse dos estigmas causados polas pelexas do pasado.

Hoxe Medellín quere rachar co seu pasado, xa non quere ser lembrada como a cidade do Cartel, do narcotráfico e de Pablo Escobar. Aínda sen esquecer algo que inevitablemente forma parte da súa historia, Medellín quere e debe ser lembrada pola súa aposta definitiva pola cultura e polo concienciamento cívico.

Bibliotecas, museos e prazas temáticas mistúranse con paneis informativos e mensaxes cos que se lembra e se fomentan comportamentos de respecto entre cidadáns. Cada infraestrutura está ben pensada, cada edificio é acaído co seu entorno.

“Plaza Cisneros”.

E despois está o tema da inmigración. A inmigración é algo que se percibe de xeito patente en Medellín. Unha altísima porcentaxe da poboación feminina da cidade é chegada de fóra. Concretamente do Olimpo das Deusas. En serio, o das paisas é algo esaxerado e que ten difícil explicación. É como se Medellín fose absorvida por un burato espazo-temporal e experimentase unha especie de evolución xenética, ou algo así. Insisto, algo realmente despampanante. ¿Entendedes agora cando dicía que era importante que as recepcionistas do Pit Stop fosen paisas?

Aínda así, a pesares do moito que ofrece esta marabillosa cidade, o mércores só tivemos tempo de facer un percorrido en MetroCable. No servizo de metro, altamente eficiente, está integrado este sistema de teleféricos, que conectan o centro de Medellín coas partes máis altas da cidade, os cerros que a rodean e nos que se extenden os poblados, os núcleos poboacionais máis desfavorecidos e con menos recursos.

Os “poblados” de Medellín dende a nosa cabina de MetroCable.

En Medellín, lonxe de marxinalos e de tratar de mantelos o máis afastados posible da “xente guapa”, mantéñenos comunicados coa cidade, e plantáronlle en medio e medio a Biblioteca España, unha biblioteca inmensa e de estructura de deseño innovador. Non é todo o que hai que facer, está claro, pero é un comezo, e toda unha declaración de intencións.

O xoves si que aproveitamos máis o día. Estivemos no Parque de los Deseos, un espazo con bancos-mecedoras para relaxarse e con fontes de auga e diferentes atraccións nunha zona recreativa para os nenos, ademáis da súa parte comercial con restaurantes e cafeterías. No mesmo parque está incluído o Planetario de Medellín.

Praza principal do “Parque de los Deseos”.

A escasos metros do Parque de los Deseos atópase o Parque Explora, unha especie de recinto feiral, que aúna salas de exposicións, teatro, sala da ciencia e non sei cántas prestacións máis polo estilo. Debido ó custo da entrada, o cal nin preguntamos pero que temos entendido que é ben económico, non entramos nin aquí nin no Planetario.

Como dicía, os nenos desfrutan moito no Parque de los Deseos.

Onde si entramos foi no Jardín Botánico. Amplo, ben distribuído, e ata cun trenciño para percorrer as súas instalacións, conta coa Casa de las Mariposas, onde pasamos para coñecer ás mariposas búho.

“Jardín Botánico” de Medellín.

De monstruoso tamaño, as bolboretas moucho estaban pousadas cada unha en cadansúa rodalla de sandía que lles colocaran os temerarios dos coidadores. Eu penso que lles puxeron sandía porque o colorido désta fai bonito co entorno, pero coa ansia que rillaban as malas bestas para min que estarían máis a gusto pousadas sobre unha fonte de churrasco.

Brutal maneira de rillar a das bolboretas-rinoceronte.

Cousa mala o tamaño daquelas bichas, chic@.

Pois todo isto, mailo Parque Norte, todo un parque de atraccións, nun radio de poucos metros en torno á Universidade de Medellín. Por iso digo que cando as cousas se fan ben…

Estivemos tamén na Plaza Botero, adicada e ateigada de esculturas de Fernando Botero, o escultor e pintor medellinense do que falei na publicación de Bogotá, o da teima de crear personaxes de formas redondas e voluptuosas. Si, o d@s gord@s. Nesta mesma praza topámonos coa Casa de la Cultura.

“Casa de la Cultura”, en “Plaza Botero”.

A seguinte parada fixémola no Parque de los Pies Descalzos. Vendéranolo coma un espazo onde descalzarse para sentir a enerxía da Terra pisando sobre as súas diferentes superficies. Cando chegamos, comprobamos que as “diversas superficies” eran un terreo de grava e unha fonte. Pedras e auga. E punto. Descalza tus pies, siente la energía del planeta, reza un cartel. Podo sentir mellor a enerxía do planeta, podo pisar máis diversidade de superficies se paseando polo Calvario teño a mala sorte (ou a boa) de pisar un excremento de can: asfalto, merda, e a herba para limparme. Na teoría, unha idea interesante. Na práctica, unha tomadura de pelo.

O venres todo ía de marabilla. Eu seguía neste ambiente de mens sana in corpore sano que me brindaban tanto o Pit Stop coma Medellín, xogando ó baloncesto cun xigante canadiano friqui coma min da NBA, máis tarde canda Cons contra dous irmáns alemáns, incluso xoguei un 3 para 3 ó fútbol, algo que non facía dende que na miña época no instituto descubrín a miña condición de “ambizurdo”, xa que as miñas dúas pernas son a mala.

Escultura da “Plaza Botero”.

Estiven falando con xentes de aquí e de acolá, enriquecéndome deles e das súas culturas. Especialmente interesantes foron as conversas con Claudia, unha limeña que organizaba os xogos nocturnos no hostel para axudar a costear a súa estadía en Medellín. Ben divertida, culta e viaxada era esta mociña que pola súa beleza ben podería pasar por paisa.

Todo o día facendo deporte, todo o día falando en diversas linguas -as tres que maltrato-… ata que a parte moinante do meu subconsciente levoume ata a sala de ordenadores. Eu non tiña nada que facer alí, pero alí aparecín.

Aledaños da “Plaza Botero”.

E alí, de súpeto, unha cadeira que estaba enfocada cara un dos ordenadores, virou hacia min. Coma o malo da película, igual, só lle faltaba estar acariñando un gato. Tan sinistra figura pronunciou estas palabras, literalmente:

Perdona, ¿tú de dónde eres? -cun acento a Brigantium que tumbaba para atrás.

Eu, ante isto, xa saltei o dato do país para concretar máis:

-De Vigo, ¿e ti?

-¡Da Coruña!

Acto seguido, fundímonos nunha aperta.

Tratábase de Dani, un coruñés de paseo por Colombia. O titular asusta de por si (que non Dépor si), pero as actitudes do suxeito asustan aínda máis. De gusto especial pola vida acomodada, a súa inconfundible risa de canalla deletábao. Non consumía auga. Ó chegar mercou unha botella de 33 cl. Rematouna o cuarto día, de resaca. Un crápula de primeiro nivel, unha persoa coma a copa dun piñeiro.

O do medio é Dani. En primeiro termo, Pablo, que será presentado de contado.

E Dani presentoume a Marcos, outro coruñés de paseo por Colombia. De conversa fluída e discurso firme, a Marcos tamén se lle adiviñaban aptitudes máis que interesantes de cara á troula, pero coñecímolo na fase inicial dun proceso de namoramento dunha colombiana que comezou precisamente aquí en Capurganá, onde eu me atopo agora mesmo. Foi el quén nos apuntou a posibilidade de chegar a México sen necesidade de voar, vía Capurganá – Panamá, sacándonos da tobera na que levabamos tempo metidos tratando de atopar unha saída de Sudamérica.

E Dani e Marcos presentáronnos a Pedro, un ourensán que estudaba en Medellín, e a quen coñeceron en Bangkok cun caldeiro de ron na man. Cun caldeiro propiamente dito, da mesma natureza que o que vai acompañado da fregona.

De esquerda a dereita, Marcos, Pedro e Dani. A moza algo tiña que ver con Lugo, pero non me enterei moi ben.

Acabábanse de xuntar cinco galegos, xa tiñamos a selección galega de fútbol sala. Como diría César Torres, cerebro e auspiciador da Operación Mocho Picchu: “se jodió”. ¿E cál pode ser a guinda perfecta da selección galega de fútbol sala? Pois un indivíduo da única especie que lle pode facer as beiras á galega en canto a esmorga: un arxentino. E de súpeto xurdiu Pablo.

Tratábase dun porteño, un bonaerense que percorría parte de Latinoamérica e que era un auténtico fóra de serie. Xeneize ata a médula, festeiro ata as entrañas, divertido ata aburrir. Conectamos dende o primeiro segundo, e ata a nosa despedida de Medellín formamos un dueto dunha calidade implacable.

Pablo, de Buenos Aires a Medellín.

Canda no-los seis, ese día saíu Santi, un amigo valenciano de Pedro. Traballaba para tuaventura.org, un innovador formato de webs de viaxes. Na súa longa estadía en Latinoamérica para desempeñar labouras de investigación, vivira experiencias tan especiais coma entrevistarse con Camilo Guevara, fillo do Che, ou vivir unha tempada no medio dunha tribu de indios amazónicos. Un tipo realmente interesante.

A noite do venres comezámola no bar do Pit Stop, competindo a un xogo que non me lembra cómo se chama, pero que enfronta a dous equipos de cinco membros nos que cada un ten que beber a súa birra, e, deseguido, darlle a volta cun toque e deixalo boca abaixo. O primeiro equipo en rematar, gaña. Eu xoguei canda Pablo e tres franceses, pero non pasamos máis ca dúas roldas.

Non tardamos en trasladar a festa ós exteriores do hostel. Apuntalamos o equipo con Alexis, un rapaz colombiano, Felipe, de Chile, e os dous alemáns cos que Cons e máis eu estiveramos xogando ó baloncesto, e a verdade é que foi grandioso. Divertida e concorrida a noite medellinense, aínda que con algún que outro local selectivo de máis.

A idea era abandonar Medellín o sábado, pero, dadas as circunstancias, non puido ser. Había equipazo, e cando hai equipazo hai que aproveitar. Para o asalto do sábado formamos co mesmo equipo, só que no canto de Marcos, entregado a facetas amatorias, fichamos a Siba, compañeira de habitación do bostero Pablo.

Siba, chegada de Stuttgart, era unha moza especial. Intelixente e divertida, era dun pensamento profundísimo, e sobre todo dunha sensibilidade extraordinaria. Era desas persoas que son quén de percibir máis, de sentir máis intenso, de padecer cunha paixón descomunal. E todo isto capteino nesa noite e no pouco que estivemos xuntos ó día seguinte antes de liscar de Medellín, así que imaxinade.

Siba. Mágoa que saíse cos ollos pechados,,,

Unha vez máis, os primeiros lances da noite disputáronse no bar do Pit Stop. Esa noite o xogo que tocaba era o Beer Pong, o mesmo que xogara no hostel de La Paz cunha londiñense de parella, o de meter a bola de ping pong no vaso de birra do opoñente, pero desta volta o meu compañeiro foi Cons. Actuación máis que digna a nosa, alcanzando as semifinais, onde nos chimparon Pablo e Siba de xeito dramático, forzando a prórroga no derradeiro lanzamento.

Con Felipe, de Chile, e Victoria, unha amiga paisa de Dani, con Pablo agachado, e o propio Dani ó meu carón.

O resto da noite foi pura decadencia, e dela cabe destacar o primeiro local no que estivemos. Foi nun antro de perversión no que, para o meu regocixo, entre a súa oferta atopábase unha Super Nintendo. Aínda fixen unhas boas risas xogando ó Super Mario World cunha parelliña de paisas que levaban máis de dúas horas dándolle ó vicio.

A miña amiga dándolle duro ó Mario.

Como dixen, o resto da noite foi todo moi confuso.

Ó día seguinte tocaba despedida de Medellín coa resaquiña de rigor. Deixamos atrás ó noso equipo de galegos, cos que, nunha terceira edición, tras Florianópolis e Lima, evidenciamos que, cando nos xuntamos, a alerta vermella debe ser activada.

Deixamos atrás a Pablo, co que tamén evidenciamos que o binomio Galiza – Arxentina é unha fórmula perfecta.

Claudia, Siba, deixamos atrás xente extraordinaria, Unha vez máis.

E deixamos atrás Medellín, sen lugar a dúbidas, unha cidade de conto, unha cidade da que tomar exemplo.

Rapazada pasándoo en grande no “Parque de los Deseos”.

Debiamos seguir hacia o norte, e o vindeiro destino era o Parque Tayrona. E faciámolo, agora si, e grazas ós “nosos turcos”, co acougo de saber que xa tiñamos cómo saír de Sudamérica.

Bogotá. Á saída da selva atópase a morriña.

Mércores 27 de xuño. Chegamos a Bogotá contra as 17:30 do serán.

Bogotá é unha cidade fría, situada a 2.600 metros de altitude. As súas rúas son números. Calle 12, Carrera 9.

Síntome estraño. Vimos de chegar da Amazonia, onde a nosa estancia supuxo a experiencia máis diferente, a máis alonxada da miña vida cotiá na cidade que vivira xamáis. Mais xa estabamos de volta na civilización. Nunha grande cidade, nunha grande capital. E estabamos no-los dous sos.

Despois de dous meses viaxando ou vivindo con xente entre nós permanentemente, voltabamos a atoparnos sos na nosa aventura. Xa non estaba César. Non contabamos coa compaña de Arthur. Nin rastro de ningún membro do Asshole Teamnin do Europe Team.

Síntome estraño. Chegamos ó noso hostel, o Platypus, e chéganme ó móbil varios vídeos enviados pola miña irmá, onde sae a miña sobriña Lena, de menos de dous aniños, dicindo “ola Adri” e “Adri ven”. Non dicía palabra cando saín da Galiza.

Síntome estraño, moi estraño. Angustiado. Golpéame a morriña. E golpéame coma ela o fai habitualmente. De improvisto, ser previo aviso. Con dureza.

As rúas de Bogotá son números. Calle 12, Carrera 9. Non atopo a rúa Palencia, que me leva a cear a casa de Juantxo e Iriña calquera prato preparado por el, sempre con arte e amor, sempre para lambe-los dedos. E a ver unha peli, cos comentarios de Pako no seu perfecto e académico calvariense. Alí tamén está Tako, con quen arranxamos o mundo entre risas, ás que tamén aporta Gus.

Non atopo a rúa Portela, onde ó carón do Flipper subo a casa de Choli a escoitar uns temazos, calquera temazo de calquera grupo, o que a el se lle antoxara ou o que lle encha a orella nesa época. E entre temazo e temazo morremos da risa cos nosos desvaríes, e co seu humor único, de xenio. Do xenio que el é. Pode que canda nós estean Campillo e Deme, habituais deste planazo.

E tampouco está a rúa Doutor Carracido para botar unhas partidas na casa de Prego e Druida. Uns combates ó Street Fighter ós que se apunte Potri, ou uns piques ó Fifa ós que se sumen Maritxo ou Lagunilla.

En La Candelaria, o barrio onde nos hospedamos, existen bares, hai pubs. Algún está moi ben. Congratúlanos especialmente o The Doors, ó que Cons non faltou nin unha soa vez á súa cita diaria co rock e a birra. Mais non atopo La Fiesta de Los Maniquíes, onde sentarme cun licor café na man de parola con Vane, con Rosalía, con Marquiños. E pasalo en grande coas nosas Churru Girls, esa milagre social que supón a prodixiosa xeración do ’87: Raque, Eviña, Mary, Bita, San, Vero, Pali… Daría tanto por tervos aquí…

Existen bares, hai pubs. Algún está moi ben. Pero non está Brou, con quen descender ó inframundo dos antros de maior perdición calquera día da semana, e amencer coa cidade en pleno funcionamento. Tampouco está Chufi para envelenarnos coa peor brebaxe que atopemos nos estantes da peor licorería.

Paseando por Bogotá paso ó carón dunha cancha de básquet. Levo catro meses cun mono terrible de xogar ó baloncesto. ¿Pero para qué, se non está Xose? Non ten sentido se non podo botar con el uns un para un, uns vinteúns, concursos de triplas, ou calquera deses xogos absurdos que só el pode inventar. Nin sequera podo botar un partido de pádel con Richi, contra Víctor e Oli.

Tamén hai cafeterías en Bogotá. Coas súas terraciñas, co seu servizo hiper-atento e amable. Son estupendas. Pero non está Reich para tomar con ela unha chiquita, nin Beíña, nin Mary.

Xa sei que estou a cumprir o soño da miña vida, que non teño dereito a estar triste porque son un auténtico privilexiado. Pero comprendédeme, teño xente demasiado especial nesa terriña como para non botal@s en falta. Hai demasiado agarimo repartido entre a xente que acabo de nomear e outr@s moitísim@s que, do xeito máis inxusto do mundo, quedaron polo camiño (podédesme crer que non vos esquezo), como para non sufrir un pequeno baixón que ben seguro hei deixar atrás en menos do que incluso eu mesmo penso. Estou morriñento perdido, e cando me poño a escribir con morriña, sáenme estas cousas.

Os dous primeiros días non saímos do hostel, ben pola saudade, ben por seguir dándolle voltas ó tema do voo á México.

Foi o venres cando nos decidimos finalmente a saír da cuncha e coñecer un pouquiño Bogotá. Guiados por Juan Carlos fixemos un percorrido polos puntos máis destacados de La Candelaria, o barrio onde, como dixen, estabamos hospedados.

Barrio de “La Candelaria”.

La Candelaria é o barrio histórico de Bogotá. Mistura de arquitecturas colonial e republicana, hoxe trata de recuperar o ambiente bohemio que predominaba hai ben pouco, así como a súa posición como o barrio máis acomodado da capital, perdido en favor de Los Rosales, ó norte da cidade.

Nas azoteas dos edificios asoman diferentes estatuas, figuras que hai anos lucían en case tódolos inmobles, pero que na actualidade escasean bastante, xa que son roubados polos vándalos.

A primeira parada fixémola na Casa Silva. Trátase da casa onde morou José Asunción Silva, o poeta máis relevante da historia de Colombia. De familia ben posicionada, Silva foi un poeta precoz, de mente atormentada, polémico, envexado.

Casa Silva.

Fachendoso ata gañarse o alcume de José Presunción, non foi recoñecido na súa época, e morreu sen saber o grande poeta que foi. E morreu tras dispararse un tiro no peito, despois de pedirlle a un amigo médico que lle debuxara o contorno do corazón sobre a camisa, ó remate dunha festa que organizara na súa casa con trece compañeiros do mundo intelectual.

Foi o 23 de maio de 1.896, ós 31 anos de idade, poñendo fin así a unha vida tormentosa, sempre incomprendido, angustiado polas débedas herdadas do seu pai.

Piano que lle mercou J. A. Silva á súa irmá Elvira.

A súa obra máis representativa é “El Nocturno”, e recoméndovos especialmente o terceiro poema, o cal nos leron durante a nosa visita, e no que José Asunción se laia da morte da súa irmá Elvira, da que se di estaba namorado.

Seguimos percorrendo Bogotá, cidade onde existe unha pronunciadísima diferenza de clases. Ó norte o barrio rico, con Los Rosales á cabeza, e ó sur as comunas, a zona máis pobre da cidade. Detémonos no edificio da antiga prisión e casa de torturas da cidade, hoxe convertido en apartamentos de luxo.

Antiga prisión de Bogotá.

Albiscamos a Universidade de La Salle, e enfronte desta a de El Externado, dúas das máis importantes de Bogotá. E tamén a biblioteca Luis Ángel Arango, segundo Juan Carlos, a máis grande de Sudamérica.

O edificio do fondo é a Universidade de La Salle.

Biblioteca Luis Ángel Arango.

A segunda parada fixémola no Museo de Bogotá. A temática baséase na cultura urbá bogotana: grafittis e hip hop, de grande peso no día a día colombiano, especialmente na capital e na súa meirande parte con orixe no sur; e tamén álbumes de fotos de épocas antigas das diferentes zonas da cidade.

No patio do museo, xunto a unha fonte, a flor de cartucho, que en Colombia é agasallada entre homes debido á súa sobriedade.

Patio do museo. A flor branca é a “de cartucho”.

Chamounos a atención a Urna Centenaria, que parece ser que contén arquivos e datos de grande importancia, e que se abre cada 100 anos, ó máis puro estilo vaticano.

Urna Centenaria.

Xantamos bandeja paisa, prato típico da cociña colombiana procedente de Medellín. Carne picada, un chouriciño, feixoada, arroz e ensalada, ademáis da sempre presente banana fritida. Si, unha mistura un tanto cocha.

Xa polo serán visitamos o Museo Botero, adicado a Fernando Botero, pintor e escultor colombiano. O Museo Botero céntrase case por completo na obra do artista de Medellín, entre a que chama a atención a súa particular versión da Gioconda, representada, coma tódolos seus personaxes, con formas redondas e voluptuosas. Que son tod@s gord@s, falando claro.

“La Mona Lisa” de Botero.

Aínda así, o museo conta tamén con obras de outros artistas, coma Picasso, Monet, Dalí ou Renoir.

Camiño do Museo da Policía Nacional pasamos pola Plaza Bolívar, centro político e institucional de Bogotá. Na praza atópanse a Casa Presidencial, enfronte desta o Palacio de Justicia, dun lado a Alcaldía Mayor, e do outro, a Catedral Primada.

Casa Presidencial.

“Palacio de Justicia”.

“Alcaldía Mayor”.

Catedral Primada.

O edificio do Museo da Policía Nacional data de 1.923. Na estancia principal, chamada patio nº1, móstrase un canón do ano 1.933, da guerra contra o Perú polos territorios amazónicos.

Pódense ver tamén uns carros de cabalos traídos da Inglaterra de comezos do século XX, nos que transportaban ós presos para expoñelos nas prazas principais da cidade, onde éstes eran humillados.

No mesmo patio móstranse tamén un robot de fabricación colombiana utilizado para desactivar artefactos explosivos, e ata un mini-helicóptero que lle servía ós corpos de seguridade para facer incursións silenciosas na selva na súa loita contra a guerrila.

No soto, antigamente o calabozo da cadea, exponse nunha vitrina unha espectacular Harley Davidson do ano 1.990, incautada no combate co narcotráfico. Parece ser que fora un agasallo de Pablo Escobar ó seu curmán, “El Arete”.

Sobre Pablo Escobar, odiado e adorado en Colombia, o máis grande narcotraficante da historia e fundador do Cartel de Medellín, a quen se lle atribúen máis de 10.000 asasinatos e quen foi condenado por narcotráfico, asasinato, secuestro e terrorismo cando se entregou en 1.991 para fugarse en 1.992, hai un patio adicado no Museo, mais na nosa visita éste estaba en reformas.

Pasamos ó patio nº3, o que no seu tempo foi a estancia onde os reclusos paseaban e tomaban o sol, e no que hoxe se pode desfrutar dunha fontiña e dun bonito mural onde se explica a historia da policía colombiana.

O máis entretido da da visita ó museo foi cando nos sentaron nunhas bancadas e, tras apaga-las luces, foron pasando diferentes maquetas de plastilina mentres unha gravación ía narrando a evolución da Policía Nacional Colombiana, dende a éopca prehispánica, onde as autoridades se denominaban güechas, ata os nosos días.

Representación en plastilina da actual Policía Nacional Colombiana.

Pola noite quedamos con Arthur. Chegara xusto ese día a Bogotá para ó día seguinte marchar de fin de semana canda dous amigos ás aforas da cidade. Desta volta si que estabamos ante a despedida definitiva. Canda os seus amigos Andrés e Andrea, unha parella que viña de contraer matrimonio en outubro -voda á que asistira Arthur- citámonos para dar unha volta pola noite.

Quedamos no Parque 93, emprazamento situado a anos luz do noso hostel, así que para chegar collimos un medio de transporte ó que aquí chaman Transmilenio. Eu pensei que con ese nome tan de nave espacial ía percorrer os mencionados anos luz de distancia en apenas unhas décimas, mais o Transmilenio non pasa de ser un autobús urbano, o Vitrasa de Bogotá, e demorou o que tiña que demorar, ó redor dunha hora.

A noite con Arthur e os seus amigos resultou realmente divertida. Andrea e Andrés eran unha xente estupenda, sinxelos, de trato cercano e conversa moi agradable. Probamos a aguardiente, bebida típica de Colombia, unha augardente con sabor anisado que entra con perigosa facilidade. Rematamos a noite no piso da parella, e foi aquí onde se produciu a despedida con Arthur.

Andrés e Andrea, na noite da despedida de Arthur.

Arthur Untch, alemán de ascendencia romanesa. Enxeñeiro. Unha mente privilexiada. E un corazón coma unha catedral de grande. Colombia, o Perú e sobre todo Bolivia serán testemuñas para sempre da nosa amizade, irmán alemán. Podes estar seguro de que o mes e medio que pasamos xuntos foi máis que de abondo para que non te esqueza xamáis, e para que non me resigne a que as promesas que fixemos de voltar a vernos na Galiza queden en palabras que as leve o vento.

Que che vaia ben, amigo.

Ó día seguinte, sábado, continuamos coñecendo Bogotá da man de Juan Carlos. Comezamos polo Museo Militar, a que foi casa de Antonio Ricaute, capitán que ó carón de Simón Bolívar foi de grande relevancia nos procesos de independencia das Repúblicas de Colombia e Venezuela. Moita arma, moito uniforme. Nada que nos enchese o ollo.

Helicóptero no patio do Museo Militar.

De alí saltamos á Casa de la Moneda. É un museo que ofrece un percorrido pola historia numismática tanto de Colombia coma do resto do mundo.

O que me resultou máis interesante foi o comezo do mesmo, onde se resaltan as organizacións económicas alleas á moeda, alleas ós cartos. O troco, o intercambio de mercadoría ou o ofrecemento de traballos reforzaba na época prehispánica aspectos como a honra ou as relacións entre distintos grupos sociais.

Volante de acuñación, ano 1.774.

De alí chimpamos ó norte da cidade, ó barrio de Los Rosales. Como apuntei con anterioridade trátase do barrio rico de Bogotá, onde se instalou a jet set colombiana. Entramos nun centro comercial, tamén na tenda Nike. Nada resaltable, nada especialmente interesante.

Pola noite Cons, na súa ineludible cita co pub The Doors, fixo migas con tres “indivíduos da súa especie”, heavys de raza pura: Víctor, Kevin e Sebastián. Éstes convidárono a probar a chicha, bebida elaborada a base de millo, coma a que probaramos no Perú, pero ésta fermentada. Segundo lle explicaron os seus novos colegas, a bebida en cuestión remóntase a tempos anteriores á invasión hispánica.

O domingo, polo que me contaron, houbo un partido de fútbol en Europa, unha final dun torneo de seleccións, ou non sei qué hostias, pero non me enterei moi ben en qué consistía a vaina. Limiteime a seguir procurando o voo que nos plante en México, algo que xa se está comezando a complicar de xeito preocupante.

E chegou o día de hoxe, luns. E aquí me atopo eu, aínda pelexándome coa morriña. Cons anda polo centro da cidade, nun concerto onde se citaron diversas bandas de rock, entre elas Siniestro Total.

Chegou o momento de abandonar Bogotá. Non foi que me fixese o home máis feliz do mundo a capital colombiana. Incluso deixando a un lado o meu proceso saudento, non lle atopo que teña moito que ofrecer, aparte do encanto do seu barrio antigo, La Candelaria. Mañá marchamos a Medellín. Todo o mundo falounos marabillas dela. Só espero lembrarme de vós coma é debido, sen que iso me deprima, coma fixen ata pisar Bogotá, e poder así desfrutala na súa xusta medida.

Veredes cómo si.

A Amazonia. A resistencia da natureza en estado puro.

Martes 19 de xuño. O noso avión cara a selva saíu ás 10:30 da mañá, e tras 1 hora e 45 minutos de voo aterrou en Iquitos, balcón peruano ó Amazonas. Nada máis baixar do avión sacudiunos un golpe dunha calor abafante, agudizada por unha humidade que roldaba o 90%.

Iquitos, capital do departamento de Loreto, é prácticamente unha illa. Cercada polo Amazonas e polos seus afluentes Itaya e Nanay, a ela tan só se pode acceder por aire ou tras unha longa travesía en bote. Debido ás dificultades que entraña acceder a ela, Iquitos é unha cidade pouco evolucionada, e as súas irregulares estradas son percorridas pola marabunta que conforman centos e centos de mototaxis.

Praza de Armas de Iquitos, cos mototaxis de fondo e cun señor de “bajona” en primeiro termo.

O taxista que nos recolleu no aeroporto apuntounos que a cidade conta con 1.700.000 habitantes. Posteriormente o noso guía Max asegurounos que a poboación é de 28.000 persoas. Se chegamos a preguntar nas redaccións de laSexta noticias e Intereconomía, non teriamos recibido datos máis dispares. Pola súa parte Wikipedia tira pola rúa de enmedio, e outórgalle a Iquitos 360.000 habitantes. Un xa non sabe qué pensar.

Instalámonos no hostel Golondrinas, o cal me recomendaran uns limeños cos que falara no hostel de Arthur a noite da despedida déste e de Ida.

Pola tarde puxémonos a procurar unha axencia coa que facer unha excursión pola Amazonia a mellor prezo do que nos ofrecían no Golondrinas. Non foi difícil. Wimba Tours enviábanos á selva dous días e unha noite, incluíndo infinidade de actividades desas que nun principio te enchen de ilusión, pero que a medida que se achega o momento de afrontalas do que te enchen máis ben é de pavor. Todo isto a un prezo máis que razonable. Comezaríamos a aventura ó día seguinte.

Tra-lo xantar puxémonos a descansar, pois aínda estabamos lastrados pola última batalla de Lima, a da despedida de César. Ademáis, había que gardar forzas para a selva, e por qué non dicilo, debiamos mentalizarnos. Eu non estaba preparado mentalmente en absoluto para meterme no bosque tropical máis extenso do planeta. Deiteime ás 16:00 do serán e espertei ás 07:00 da mañá. Erguinme coma me deitara, non saquei nada en claro de min mesmo.

Ás 08:00 pasounos a recoller Max, o noso guía Wimba, para comezar a excursión. Comezámola navegando durante media hora na típica embarcación amazónica polo río Itaya, de augas escuras, case negras, debido á descomposición de raíces e demáis vexetación no seu interior. Chegamos ó distrito de Belén, conformado na súa totalidade por casas aboiantes e que conta co mercado máis importante da cidade.

Continuamos ata entrar no río Amazonas. De augas marróns debido ós sedimentos, e moito máis claras que as do Itaya, as diferentes correntes que leva cada un impiden a súa mistura, e unha liña perfectamente debuxada marca o límite entre ambos.

Augas do Amazonas en primeiro plano, e ó fondo, as do Itaya.

Detivémonos para darlle de comer a pirañas e sábalos. A súa voracidade, o balbordo que montan ó abalanzarse sobre a comida na mesma milésima que ésta entra en contacto coa auga, de verdade que impresiona. O máis semellante que vira ata ese momento na miña vida fora a Cons nunha churrascada, pero nada que ver.

Balbordo criminal que montan as pirañas ó abalanzarse sobre a comida.

A poucos metros atopábase un grupo de crocodilos. Max díxonos que poden alcanzar os cinco metros de lonxitude. Espero que na súa especialidade, a natureza, os datos que manexa sexan máis fiables que os demográficos, porque en caso contrario estamos aviados.

Nesa mesma charqueira, entre todos estes simpáticos lagartiños, campaba ás súas anchas unha temeraria tartaruga. Tranquilísima, confiando plenamente no seu sprint letal en caso de que ós crocos lles aperte a lareca.

A tartaruga máis gocha, no medio de mil crocodilos.

O estanque de ó lado estaba sementado de Victorias Regias, unhas follas de forma circular, de máis dun metro de diámetro que aboian sobre as augas das lagoas. Poden aturar ata oito quilos de peso, están cubertas de espiñas na súa cara mergullada, e a súa esperanza de vida é… dunha semana. E non vin eu que a aproveitasen demasiado.

Victoria Regia.

Ó seu carón alimentamos tamén a un grupo de paiches. Feos coma demos, grandes coma mastodontes, brutos coma arados. Peixe de auga doce máis grande do mundo, poden chegar a medir ata tres metros, e a súa carne é ben cotizada no mercado.

Paiche, pura ansia.

Paramos para xantar, e á reanudación visitamos a reserva de animais. Aquí acollen ós que atopan feridos, enfermos ou abandonados. Sánanos ou rehabilítanos, e vóltanos á vida salvaxe.

Por alí había coatíes, aqueles animaliños achuchables que coñeceramos en Iguazú. Definitivamente non deben ser tan adorables, porque aquí tamén nos advertiron de que existe risco de que te traben. De feito dixéronnos que podiamos coller e acariñar a calquera becho vivinte que por alí andivese agás ós coatíes. E iso saído da boca dun tipo que anda tódolos días entre pirañas e anacondas, gaña bastante credibilidade.

Os nosos añorados coatíes.

Igual que en Samaipata, Bolivia, creeime o meu propio exército de monos. Entregáronse a min, a papá mono, un mono capuchino chamado Pacucho, unha mona lanuda chamada Blanca, e outro monete pequerrechiño chamado irónicamente King Kong, ademáis de varios monos araña, aínda que éstes se amosaron un pouco máis reticentes.

Con King Kong ó ombreiro. Un, que é do Calvario.

O monete Pacucho.

Cons coa mona Blanca.

Morrimos de risa coa lora Aurora, unha auténtica cachonda mental que sempre tiña un comentario inxenioso co que saír, cando non se poñía a facerche a burla. Non sei se o de “lora” é correcto, non quixera eu pecar de Bibiana Aído, pero así vai ficar. ¿Qué é a vida sen riscos?

Aurora, unha risión.

E xa postos a enlamarme, vou dicir que estivemos cunha guacamaya, a guacamaya Susi. Sempre fascinante o colorido da plumaxe destes animais, non cabe dúbida.

Susi rillando.

Entenrecímonos co tucán Juanito, a quen os monos lle arrincaran as plumas da cola, o cal lle impedía voar e o obrigaba a desprazarse a pequenos e graciosísimos chimpos.

O tucán Juanito.

Pendurado dunha rama albiscamos un perezoso. Sempre me chamaron a atención poderosamente estes animais. Un becho que só esperta para comer e defecar, que non move un músculo durante horas, que lacazanea ata crear musgo na súa pelaxe, e non é esaxeración miña, e que as poucas veces que se move o fai á velocidade e gracilidade coa que o facía Fraga Iribarne nos seus últimos anos de noxenta vida, merece a atención de calquera. É certo que nesta viaxe estamos a ter unha sorte maiúscula, pero non tanta como para ver moverse a un perezoso. Si, pura preguiza.

O “perezoso”, vivindo a vida ó máximo.

Sorprendímonos coa rareza da tartaruga prehistórica, coñecida pola Amazonia como mata-mata. Cunha cabeza con forma esmagada coma se lle tivesen pasado por riba dela catro trailers, unha estampida de búfalos e Rosa de Operación Triunfo, e un desconcertante sorriso que fai que se asemelle a unha especie de Joker do Amazonas, este animal é un dos familiares máis achegados ós extinguidos dinosauros dos que poboan actualmente a faz da Terra.

Tartaruga prehistórica. Na miña vida vira cousa igual.

Pero o momento estelar foi o encontro coa anaconda. Magnífico animal, e aínda que o noso exemplar non era dos máis longos, o respecto que impón igualmente é impresionante. Que lle pregunten a Cons, que no medio do clásico ritual para guiris de poñerse a anaconda ó pescozo, ésta fixo un mínimo amago de apertar un pouquiño, o cal orixinou que o noso amigo aportase unha importante cantidade de abono ás fértiles terras amazónicas.

Anaconda ó pescozo, o que se coñece como turismo extremo.

Posteriormente, os guías promocionáronnos varios potingues propios da selva. Comezaron polo Siete Raíces, elaborado a partires das madeiras maceradas de sete árbores amazónicas. Continuaron polo Sangre de Drago, utilizado vía tópica para sanar feridas abertas e vía oral, diluído en auga, para combater as úlceras. Pensei en mercar unha garrafa para Eva, pero lembreime de que nos aeroportos non o ía poder pasar. E finalmente presentáronnos a Grasa de Boa, beneficiosa para fracturas e contusións. Había que mercar algo, e unha vez descartado o Sangre de Drago, decantámonos polo Siete Raíces, por se alguén o dubidaba.

De volta ó refuxio, ou cabana, ou como queirades chamarlle ó sitio onde debiamos pasar a noite, detivémonos para observar golfiños. Os míticos golfiños rosados do Amazonas, que segundo parece, cando son novos, teñen a mesma cor que os que viven no mar. Só puidemos observar de lonxe os seus lombos, que nin se quera as súas aletas dorsais, que non posúen, xa que non se achegaron en ningún momento.

O noso refuxio, ou cabana, ou campamento, eu qué sei.

O outro guía, Alaír, explicounos que pola zona existe unha lenda moi arraigada, unha crenza con moito peso, que di que de cando en vez os golfiños se transforman en seres humáns con aparienza de gringo, loiro e de ollos azuis, e cun chapeu para agochar o espiráculo, o burato por onde respiran. Achéganse ás mozas e fanlles as beiras ata hipnotizalas e levalas canda eles a facerlles cochinadas no fondo do río. Nesta crenza, que, como digo, está moi extendida polos pobos amazónicos, escúdanse moitas mulleres para argumentar embarazos pre-matrimoniais e outras clases de situacións escabrosas.

Representación da lenda dos golfiños. Ten pelotas o bebé-golfiño.

Pola noite, despois dunha cea a base de carne de caimán, a cal ten un gusto case idéntico ó polo, saímos a facer unha expedición, atención ó titular, saímos a facer unha expedición para observar tarántulas. Max e máis no-los dous. Ninguén máis do noso grupo se apuntou a adentrarse de noite na selva amazónica para andar a xogar coas entrañables tarántulas. Dende logo, incomprensible a súa actitude.

Velaí a mala besta.

Non tivemos que agardar demasiado para atoparnos coa nosa primeira arañiña. Transcorridos dez metros dende a porta do noso refuxio, Max identificou un montículo de terra que sobresaía de entre a vexetación. Enchufoulle a lanterna ó burato da súa base, e fíxonos un aceno afirmativo coa cabeza. Alí estaba ela, a raíña dos arácnidos, agazapada, semellaba que lista e preparada, a piques de dar inicio á súa incursión nocturna de tódolos días para procurar comida.

Max, un tipo que descoñece o medo.

O noso guía Max sacouna para fóra, e pousouna na palma da man para que a observasemos con todo detalle. Nunca tiven unha relación demasiado prácida cos insectos. Tampouco cos arácnidos. Sempre me meteron un noxo bastante importante. Sempre rebatín ós seus defensores, incluso ós que aluden á beleza de bolboretas e xoaniñas. Cánto máis unha tarántula, unha araña que se alimenta de paxaros, roedores e anfibios. Se hai unhas poucas semanas alguén me di que no medio dunha noite pechada na Amazonia, ía ter o meu fuciño pegado a escasos centímetros dunha tarántula, faríalle un control de alcolemia, ou pasaríalle o contacto dalgún psicólogo coñecido.

Sen embargo alí estaba eu, moi tranquilo, analizando máis de preto do que xamáis tería imaxinado a aquel animal de aspecto temible. Os seus oito ollos, a súa pelaxe urticante, os seus caninos saíndo de entre o seu primeiro par de patas.

Palacete que se montou unha das bichas.

Non sabería explicar o porqué da miña calma, da miña confianza. Pode que ma transmitira Max. Ou pode que ma transmitira a propia Amazonia.

Tamén atopamos ras diminutas.

Dimos unha pequena volta ó redor da cabana, duns 15 minutos, ó longo da cal atopamos outras catro tarántulas, e un par de ras pequerrechiñas de todo, unha verde e outra vermella. A idea de Max era atopar tamén algunha serpe, pero non puido ser.

Outra mini-ra, esta vermella.

Rematada a expedición na procura de tarántulas, fúmonos deitar, xa que ó día seguinte había que acordar cedo. A nosa noite no medio e medio da selva foi prácida de todo. Os tan temidos mosquitos amazónicos tiveron un comportamento excelente. Eu atrevinme a durmir en gallumbos, e non me botei repelente. Sorprendentemente non me picou nin un. Tampouco podería atopar unha explicación ó respecto que me gardaron os mosquitos da Amazonia. Supoño que a nosa estancia en Lima estaba demasiado recente, e polas miñas venas corría aínda máis pisco ca sangue. Algo que, polo visto, non é do agrado destes bechos.

Como digo, o xoves erguímonos ben cedo, concretamente ás 05:00 da mañá. A idea era observar a alborada na Amazonia. O tempo acompañou, e un ceo completamente despexado permitiunos desfrutar da espectacular saída do sol tinguindo dun vermello intenso o horizonte selvático.

Alborada no Amazonas.

Tralo amencer, e de novo só no-los tres, dimos un paseo por San Rafael, o poboado máis achegado ó noso refuxio, o cal estaba engalanado coa bandeiriña do Perú en cada unha das súas vivendas para celebrar a festividade de San Xoán.

Polo camiño iamos atopando diferentes animaliños e prantas de todo tipo, e de cada un, Max dábanos a explicación pertinente. Vimos monos mormacet, chimpando de póla en póla. Mágoa non poder tirarlle algunha foto, xa que os condenados se movían á velocidade do vento.

Vimos víctor díaz, un paxaro pequecho, ben bravo, que se bota enriba dos depredadores das súas crías a peteirarlles na cabeza.

O cacique, femia da oropéndula, ave de enorme intelixencia, que imita o son de infinidade de animais con diferentes finalidades. Algunhas tribus amazónicas danlle de comer ás súas crianzas o cerebro do cacique para potenciar a súa intelixencia.

Max falounos tamén do yacana, unha ave que para refuxiarse dos seus predadores mergúllase na auga deixando fóra dela tan só o peteiro para respirar, e que para saír á superficie, agatuña polo tronco das árbores cunhas púas que ten no dorso das súas ás.

Vimos hierbabuana, amenta en galego; vimos folla de limón, utilizada para facer infusións; e tamén achiote, usado polas mozas para maquillarse.

Achiote.

Topamos tamén cun cento de prantas medicinais, das cales o fenómeno do noso guía nos explicou o uso e beneficio de cada unha delas.

Max, no bote no que navegamos os dous días.

Antes de xantar fumos a facer a visita á tribu dos yaguas. Segundo parece, foron traídos do río Napo, afluente do Amazonas en Ecuador. Na Amazonia peruana viven á beira do río Putumayo, e tódolos días percorren máis dunha hora de camiño ata o punto onde se atopan cos turistas.

Ó chegar déronnos unha calurosa benvida, sempre falando no seu dialecto. Despois, un deles fixo unha traducción ó castelán, insistindo no punto de que son indios auténticos, nada de pantomimas para turistas. Tirámonos fotos con eles. Tiramos coa súa arma típica, a cervatana, á que eles chaman runasé. E posteriormente sacáronnos a bailar. A min isto xa me superou, e negueime a facelo, igual que cada fin de semana fago na Sala Mondo ou no Loft.

Tirando con “runasé”.

Eu si creo que sexan indios auténticos. Incluso que vivan daquel xeito tan básico e natural. Aínda así, todas aquelas actividades resultáronme demasiado forzadas, non me sentín cómodo comprobando cómo aquelas pobres xentes, sinxelas, amables e alegres, facían todo tipo de monadas e demostracións para un fato de gringos.

Os yaguas pintáronnos a cara segundo o noso estado. Cons solteiro, eu esquecido.

Despedímonos dos yaguas, que non deixaron de falarnos e de sorrirnos en todo momento, e dirixímonos ó refuxio para xantar.

O tour, en principio, remataba aquí. Tralo xantar debiamos voltar a Iquitos, pero Max, que como dixen varias veces, era un crack, levounos a darnos un baño no Amazonas. Antes do baño fixemos un intento de pescar pirañas, pero éstas amosáronse demasiado rápidas e paparon o cebo do anzol en tódalas ocasións que o lanzamos antes de retirar a cana.

Con Max, de chapuzón no Amazonas.

Cando desistimos, mergullámonos nas mornas e turbias augas do río Amazonas. A escasos metros de onde estivemos tentando pescar pirañas. E naquelas augas completamenete marróns, que non permiten ver nada a máis de 10 centímetros de profundidade. Segundo Max, non hai perigo, as pirañas só atacan se cheiran sangue.

Untámonos de lama, e soterrámonos nela tentando camiñar pola beira do río. Foi divertido, estimulante. Moi especial.

Agora si era tempo de voltar a Iquitos, de dicirlle adeus á selva no seu estado máis salvaxe. Como dixen, todo me resultou un tanto forzado, algunhas cousas ata un chisco circenses. Demasiado preparado por e para os turistas. Tamén é certo que a ver quén é o guapo que se adentra na Amazonia pola súa conta para vivir experiencias máis naturais.

De todos xeitos, nada te pode apartar da abraiante vivencia que é o simple feito de estar, de percorrer a selva amazónica. Coa súa maxestuosa vexetación, intensa, vasta. Coa súa fauna única. Por algo é a rexión de meirande biodiversidade do planeta. Vivir na Amazonia é coma teletransportarse a un deses documentais de La2 cos que todos quedamos durmidos algunha vez despois de comer, pero sen a voz en off que produce a somnolencia, e coa sensación única de vivilo en directo, de respirar o seu aire, o máis puro da Terra.

Foi, ata o de agora, o destino que máis me custou asimilar, darme conta que me atopaba nel, tratar de valorar o especial do momento. Estraño, xa que o Amazonas constituía outro dos meus tres destinos predilectos, e levaba meses tratando de facerme á idea. Penso que ó final conseguín procesalo.

Chegamos a Iquitos ás 17:00 do serán, e tras preparar os petates, pegarnos unha ducha e cear, quedamos con Max para tomar uns pisco sours. Os derradeiros no Perú, xa que ó día seguinte embarcariámonos nun bote durante tres días polo río Amazonas con destino Leticia, en Colombia, na Amazonia colombiana.

Peirao de onde saímos, dende a proa do noso bote.

E así foi. O venres ás 19:30 zarpaba o noso bote. Un barco de tres andares, o baixo para transportar mercadoría e os outros dous con pasaxeiros. Existe a opción de durmir en hamaca ou ben en camarote. Nós escollimos a segunda, máis que nada para levar as mochilas máis seguras, baixo chave. O camarote, pola súa parte, non é que fose un derroche de comodidade, co seu metriño cadrado de espazo, pero non nos podiamos queixar.

O noso camarote, non apto para claustrofóbicos.

Foron tres días navegando polo Amazonas onde, a verdade, moito non houbo que facer. Podías deitarte á bartola, pasear pola cuberta… deitarte na cuberta e pasear á bartola. ¡Ah!, e mirar pola borda as augas do Amazonas.

Hamacas no andar de arriba.

Existe un bote rápido, que custa case o dobre e que fai o mesmo percorridoen oito horas. Eu preguntábame cómo é que a diferecia é tanta entre un e outro. Cando estiven a bordo obtiven a resposta. O noso bote desprázase a unha velocidade absurda, que pode alcanzar ata os -30 quilómetros por hora. Ademáis disto, o anxiño detense sobre vinte minutos en cada poboado que atopa polo camiño, e asegúrovos que non son poucos. Iso si, o prezo inclúe almorzo, xantar e cea.

Mallados coma polbos, chegamos a Leticia o domingo ás 14:00 do serán. Puxémonos a procurar o Hostel La Jangada no-los dous máis Yoshimi, unha xaponesa que coñecimos no barco e que estaba coma unhas maracas de tola, e unha parella de australianos.

Hostel La Jangada.

Igual que en Iquitos, a calor era abafante e pegañenta. Leticia é unha cidade situada no departamento de Amazonas, na Amazonia colombiana, e forma parte da triple fronteira que conforman Colombia, o Perú e o Brasil. Aquí os datos demográficos son máis certos que en Iquitos: conta cunha poboación de 32.000 habitantes. E se en Iquitos as estradas estaban invadidas por mototaxis, aquí a invasión confórmana as motos.

Leticia.

Igual que a cidade da selva peruana, o que ofrece Leticia é básicamente tours pola Amazonia, e todo tipo de actividades relacionadas coa selva. Nós xa fixeramos a nosa excursión en Iquitos, así que, básicamente, os tres días que pasamos no Hostel La Jangada adicámolos a tentar solucionar a nosa saída de Sudamérica, cousa que, polo momento, non parece que vaia a ser doada.

E así, entre suores e choivas tropicais, chegou o mércores, o día 27, data na que tiñamos reservado o noso voo de Leticia a Bogotá.

O avión despegaba ás 14:30. Despedímonos da selva, da Amazonia, do propio río Amazonas. Do segundo dos meus destinos predilectos. Si, houbo situacións, actividades que resultaron demasiado preparadas para turistas, demasiado forzadas. Pero aínda así, o especial que foi pasar eses días no medio da natureza máis salvaxe, a diferenza tan brutal, a distancia de anos luz que existe entre a miña vida cotiá na cidade e estoutra no medio do bosque tropical, compénsao todo.

Si, na selva atopei a miña terceira bola máxica. Na Amazonia cubrín o segundo dos meus sete obxectivos. Cando xa pensaba marchar sen atopala, un indio yagua pousoume a súa man no ombreiro cando eu camiñaba de costas. El decatárase de que todo aquelo me estaba a resultar un tanto incómodo, e para convencerme de que a súa tribu eran auténticos yaguas, meteu a man no peto e agasalloume coa bola do dragón.

songoku 3ª

Por iso xa non o dubido. E por iso xamáis esquecerei a miña estancia nesta marabilla natural do planeta, se cadra a máis importante de cara a nosa sustentabilidade.

Lima. O encontro máis agardado: dá comezo a Operación Mocho Picchu.

Venres 1 de xuño. Chegamos a Lima a mediodía, e puxémonos a procurar o enderezo que tiñamos, onde viven César, a súa moza Antonella, Alida, a mamá désta, o seu marido Hernán; Aranza, filla déste, e máis Dante, irmán de Antonella. Tamén son da casa o canciño Emilio e a gata Carlota, de pasaporte galego. Era aquí onde se supoñía que se debería producir o tan ansiado encontro con César, que levabamos preparando meses e meses atrás.

Mais aínda debimos agardar unhas horas máis, as cales pasamos conversando con Hernán e coa propia Anto. Ata que chegou o momento.

César entrou pola porta tras chegar de traballar, e atopámonos na terraza, onde estabamos agochados. Amigo, case irmán de Cons dende que ambos tiñan 5 anos, amigazo meu dende hai uns 15, e un dos meus máximos e mellores compañeiros de troula. Lima, o Perú enteiro non sabía o que se lle viña enriba.

César Torres, cerebro da Operación Mocho Picchu.

Din que o calendario maia data a fin do mundo no 21 de decembro, coincidindo co solsticio de verán. É moi probable que cometeran un pequeno erro de cálculo, e a apocalipse se adiante medio ano. Que tres preas de tamaña magnitude se xunten no punto do planeta oposto ó seu lugar de orixe constitúe unha ameaza bastante máis grande de cara á humanidade que unha guerra con armamento nuclear, choiva de meteoritos, invasión alieníxena, maioría absoluta do Partido Popular, ou calquera outra circunstancia catastrófica.

Foron tres semanas en Lima nas que rimos coma tolos, trouleamos coma auténticas bestas, e comimos coma verdadeiros becerros. Básicamente iso foi o único que fixemos. Facendo unha análise máis en profundidade, tamén. Botei risas como para conseguir os abdominais de Cristiano Ronaldo con vigorexia e ciclado perdido, e comín como para que me saíra a panza de Torrente tras comerse a Falete e con embarazo psicolóxico. Un efecto anulou ó outro, e quedei como estaba.

Sei que este blogue o len as nosas mamás, pero hei de ser sinceiro. Non fumos bos rapaces. Zanxamos o debate de se o pisco procede de Chile ou do Perú rematando con tódalas existencias do planeta, e por se había algunha dúbida sobre a procedencia da cervexa ou do viño, fixemos o mesmo.

Tamén fixemos algo de turismo, que non se diga. Foi o primeiro día. Dimos unha volta polo distrito de Miraflores, o máis acomodado de Lima. Cruzamos a popular Puente de los Suspiros, lugar de inspiración de múltiples e importantes artistas. Estivemos no Parque del Amor, repletiño de parellas facendo demostracións afectivas de diversa índole, e que ofrece unhas vistas da costa limeña verdadeiramente espectaculares, con contínuos cantís que debuxan o litoral, e o Pacífico ó fondo, coa súa brava ondeaxe. E paseamos polo Parque Kennedy, onde se desempeñan frecuentes actividades culturais para todo tipo de públicos.

Aquí deu comezo o noso particular tour gastronómico da man de César, unha maratón de catas de comidas tradicionais peruanas que nos brindou unha nova viaxe dentro da nosa, unha viaxe de sabores coa que día a día fumos coñecendo o mundo paralelo que supón a cociña peruana, extraordinariamente rica e variada.

Como digo, esa mesma tarde probamos os picarones, unha masa doce de boniato con mel de Chancaca; e ceamos polo do Pardos, unha cadea peruana de comida rápida onde ademáis dun moi rico polo fritido probamos os anticuchos. Os anticuchos son brochetas de corazón de vaca, así, para gusto e alegría dos vexetarianos. Os do Pardos parecéronnos ricos, pero César advertiunos de que non eran, nin moito menos, os mellores. Creo que os máis saborosos son os corazóns que se lle arrincan a tenreiriñas máis monas e adorables, mentres observan ó seu verdugo cos ollos vidrosos e axitando as pestanas.

Nin que dicir ten que o primeiro día de estancia en Lima foi o primeiro día de festa. No-los dous levabamos máis de 24 horas de durmir, César xa se pegara unha boa esmorga a noite anterior, pero a magnitude do evento era demasiado importante, máis incluso que cada un de nós individualmente. O noso estatus de moinantes de primeiro nivel estaba en xogo, debiamos estar á altura da cita máis esixente que se nos presentara nunca, estabamos ante a nosa particular Champions da troula.

Os catro na entrada do Toto’s, antes da chegada de Rodri.

Así que asumimos responsabilidades, xuntámonos con Rodri, outro vigués que andaba por Lima e que fora ó mesmo colexio que César e Cons, e puxémonos mans á obra. Comezamos por Miraflores, e de alí pasamos ó centro, a catar o famoso pisco sour do Maury, un hotel de nivel bastante a ter en conta pero que se pode acceder á súa cafetería sen problema algún. Entramos en diferentes locais frecuentados por xentes que se adican a discutir o modelo económico máis axeitado para erradicar a fame no mundo, a fórmula da vacina do SIDA e a cura contra o cancro, entre outras actividades igualmente didácticas, para rematar a noite no Múnich, onde o pago da entrada inclúe unha xerra de cervexa que din que é de litro, pero que eu penso que no seu interior cabe un peruano de estatura media tranquilamente, e un baixiño incluso podería facer uns longos. Antes de retirarnos, catamos os anticuchos que se preparan nos postos da rúa. Amig@s, se os anticuchos máis ricos son os elaborados cos corazóns das tenreiras máis adorables, éstes debían ser os de Bamby, Tambor, Timón, Pumba, Espinete e Balú, todos nas súas versións vacunas. En serio, qué delicia.

Rúa de Barranco, unha das zonas de marcha limeñas.

Pasamos a noite os tres no Youth, o hostel que Hernán nos recomendara. O sábado saímos do Youth dereitiños á Onceava, un restaurante coñecido en Lima polo seu cebiche, prato típico peruano que non é outra cousa que peixe cru, “cociñado” con limón.

Os tres na Onceava, degustando a cociña peruana.

Nunha bandexa onde cada bocado viña servido na súa cuncha de vieira, tamén probamos o tiradito, outra preparación de peixe cru, pulpo al olivo, o cal me quitou un pouco o meu mono de polbo, causa, unha masa de pataca con lima e ají, e chicharrón de calamar.

En primeiro termo o cebiche e o tiradito. Detrás o “pulpo al olivo”, xa liquidado, e a causa.

Estaba todo espectacular. Para min especialmente o cebiche, Cons gostou máis do tiradito.

Ademáis de coa comida, na Onceava tamén nos deleitaron con bailes.

Durmimos unha soneca ben merecida despois de facer uns traballos tan finos, e á noitiña xuntámonos con Anto para ir cear ó Bembos, unha especie de Burguer King peruano que traballa con produto do país e onde che sirven hamburguesas dun tamaño considerable. Comparar unha hamburguesa do “Burriquín” cunha do Bembos é coma poñer un Chaski ó carón dun Hula Hoop, máis ou menos.

E á noite, cómo non, continuamos coa “Operación Troula Eterna”, “Operación Esmorga Duradeira”, “Operación Racha con Lima”, “Operación Tira co fígado” ou “Operación Pisco por Sangue”. Aínda non está decidido o nome. Quedamos os catro con Luiser, un amigo da infancia de Anto, un verdadeiro fenómeno, e xuntámonos no Toto’s, o bareto no que comezáramos tamén a noite anterior. De aí continuamos os tres profesionais a puro Chilkano e Perú Libre. As existencias de pisco seguían diminuíndo a un ritmo alarmante no Perú.

Domingo. Saímos do Hostel Youth para aloxarnos… A ver se adiviñades ónde. Correcto. Era a última ocasión que tiñamos de estar nun Che Lagarto, e non a deixamos escapar. Ofrecía un prezo bastante mellor que o Youth, e contaba co encanto particular dos “Chelas”, algo que poderedes experimentar por vós mesmos cando inaugure o meu en Vigo.

Instalámonos, e acendimos o ordenador. Só pensaba nunha cousa, e non ía parar ata conseguila. O mesmo que dende hai cinco anos atrás, pero dun xeito máis intenso, coa intensidade do que ten o obxectivo na palma da man. Nin Celta nin Córdoba pasaron unha soa vez de medio campo. Agás aquel centro de De Lucas que a defensa andaluza seguiu con xesto de incomprensión. Creádesme ou non, en poucos partidos pasei tantos nervios.

A nosa penitencia tocaba á súa fin, a “Longa Noite de Pedra” do Celta estaba a escribir o seu episodio final. Só @s que vivimos cada un dos 42 partidos de cada unha destas 5 tempadas de pesadelo, só @s que padecimos domingo tras domingo cada unha desas 210 torturas, podemos entender o trascendental do partido do domingo. Ninguén o celebrou coma nós, ninguén sentiu tanto alivio, ninguén respirou tan fondo.

A maioría ollaría cara o futuro, falaría dos inminentes partidos contra o “Farsandril” (Farsa e Mandril). Só uns poucos voltarían a vista atrás para lembrarse dos goles de Iago contra o Alavés, do 4-1 encaixado en Vallecas, do 0-3 contra o Recre en plena Reconquista, daquel 0-4 contra o Xirona. De Arthuro, de Rubén, de Kamel Ghilas, de Quincy Owusu Abeyie. De Stoichkov, de López Caro, de Antonio López, de Eusebio. Do partido contra o Murcia que adiou Clemente, das dúas vitorias en 23 partidos, do rapapolbos con empurrón incluído de Yoel a Trashorras, da encerrona de Granada.

Iso si, tod@s nos sentimos inmensamente orgullos@s destes rapaces que demostraron de sobra un nivel de implicación espectacular, que fixeron gala dunha identificación cunhas cores e cun escudo que xa non se lembraban por estes lares. Que fixeron folga o 29M. Que verquiron bágoas coma cada un de nós cando o árbitro chiflou a fin do partido contra o Córdoba. A fin da nosa agonía e tamén da súa. A fin da nosa Longa Noite de Pedra.

O que fixen cando rematou o partido vouno gardar para min canda a pouca dignidade que a estas alturas me poida quedar. @s que me coñecedes mellor podédesvos facer unha idea. Ademáis, non me quero extender máis con este tema, máis aínda cando veño de publicar un artigo quilométrico sobre el hai uns días.

Cando me compuxen, anulamos a noite que iamos pasar no “Chela” e tiramos a casa de César e Anto. Iamos celebrar o ascenso a Totoritas, a unha casa que os papás de Anto teñen na praia, a unha hora de Lima.

A nosa celebración foi como bañarse en Praza América, só que sen o de “Praza”. Repartín camisolas do Celta ó persoal e corrimos a mergullarnos nas augas do Pacífico en plena noite.

Cantamos, chimpamos, bogamos. Voltamos a mergullarnos, esta vez na piscina dun veciño.

Non vos vou mentir: daría a vida por estar convosco nas celebracións de Vigo. Aínda así, non estivo mal.

A vida en Totoritas… Teño medo de narrar a vida en Totoritas. Todo o mundo se dirixe a nós constantemente utilizando termos coma “envexa”, “envexa insá”, facendo alusión á sorte que temos e pouco menos que maldicíndonos (algo que, por certo, me gustaría matizar algún día). E agora véxome na obriga de narrar a vida en Totoritas. Pois ben, alá vou.

Casa da praia dos papás de Anto.

Totoritas é unha praia privada que pertence á urbanización que está construída ó seu pé, e que está pegadiña á pequena poboación de Mala.

Compra para pasar uns días na praia. ¿Comida? ¿Para qué?

A urbanización é horrible, e conta con tres penosas pistas de tenis, dúas de terra batida e unha de cemento, unha noxenta pista de fútbol sala, básquet e frontón, un patético pavillón cuberto, unha discoteca de merda, e unha marabillosa capela ó aire libre, entre outras cousas.

En Totoritas saciei un chisquiño o meu mono de básquet.

E todo isto, ó ser inverno, debiamos sufrilo nós sos, xa que non había absolutamente ninguén. Unha urbanización enteira para no-los catro.

Como podedes imaxinar, a vida en Totoritas foi dura, moi dura. Puro estrés, un ritmo de vida frenético e agobiante, sen tempo para un mesmo, de aquí para alí todo a día correndo. Un toma e daca constante, un tira e afrouxa contínuo. Non llo desexo nin ó meu peor inimigo.

Coma bos profesionais, desfrutar do solpor na praia de Totoritas non nos desviou das nosas obrigas.

Pois así, malvivindo, aguantamos ata o martes, cando, por fortuna, motivos laborais obrigaron a César e Anto a voltar a Lima. Non creo que puidese soportar moito tempo máis nunha urbanización pantasma a 20 metros da praia. Nin eu nin ninguén, obviamente.

Urbanización de Totoritas dende o mirador.

Na nosa volta á capital fixemos o segundo intento de durmir no Che Lagarto, pero tampouco ía ser desta. Non quedaban prazas, así que tivemos que buscar alternativas, e atopamos o Ekekos, tamén a bo prezo e con moi bo ambiente. Aquí ficamos ata o xoves. Na etapa Ekekos reatopámonos con Natalie, a nosa loiriña suíza que coñeceramos no Titicaca, quen apareceu o mércores para pegarse un par de festas connosco e facer así a súa pequena aportación á “Operación Pisco Ceibe”.

Na batalla do xoves alistámonos Natie, no-los catro, Luiser, e o seu irmán Ricardo; ademáis de Micaela e Jimena, dúas amigas de Anto; e Max, un peruano de ascendencia xermana que lle deu un toque pintoresco á aliñación. A estes tres últimos coñecerámolos na batalla do martes a birra viva no Sargento, o cal serviu de despedida de Rodri.

Con Natie e Max no Maury, o hotel do pisco sour.

A do xoves foi unha batalla dura. Durísima. Houbo que empregarse a fondo. Comezámola no Toto’s unha vez máis, onde recibimos o reforzo de dous irmáns franceses que coñeceramos no Ekekos. Cando o combate se trasladou ó centro xa só quedabamos en pé os tres mandos e Natie. Non había tempo de chorar as baixas. Pisco con gaseosa, o denominado Chilkano. Pisco con clara de ovo, lima e angostura, coñecido como Pisco Sour. Se as guerras que na Península Ibérica mantiveron españois e árabes durante séculos acabaron denominándose “Batallas de moros y cristianos”, a dese xoves pasará á historia como a “Batalla de Sours e Chilkanos”, e comezaba a tomar tintes de data trascendental, polo cal debiamos aunar esforzos.

A Batalla de Sours e Chilkanos tamén se desenvolveu na Praza de Armas.

A contenda finalizou cun éxito rotundo. Non podía ser doutro xeito na que rematou por ser a batalla chave da “Operación Inca Ebrio”. Non son eu de pendurarme medallas así como así, pero hei de recoñecer que aquela madrugada César e máis eu raiamos a un nivel estelar. Foi unha actuación digna de condecoración con tódalas honras. É lóxico. Coma diría Manquiña en Airbag, “andamos nesto dende rapaces”.

No fragor da batalla. Sobraos.

Fixemos unha risas épicas, das que se comentan cando nas xuntanzas de amigos se comezan a lembrar batallas pasadas. Lima comezaba a claudicar. A capital do Perú rendíase ós nosos pés, abraiada ante o noso inusual pundonor celta na disciplina da esmorga.

“La Catedral del Pisco”, outro dos escenarios da Batalla de Sours e Chilkanos.

Os nosos fillos estudarán a Batalla de Sours e Chilkanos nas súas clases de historia no colexio.

Max, pouco antes de causar baixa.

O venres foi o día de acougo despois da treboada. Xantamos oyuquitos en casa de Hernán e Alida, un tubérculo -o oyuco– servido con carne picada, e pola noite organizamos unha velada cultural. Ésta consistiu nunha variada sesión de cine de culto: comezamos por “Torrente 1”, continuamos con “Torrente 2”, e rematamos tan enriquecedora maratón con “Torrente 3”.

As películas mercarámolas días atrás en Polvos Azules, un mercado pirata que naceu na rúa e que hoxe se converteu nuns grandes almecéns de catro andares. Aquí podes atopar todo o que imaxines ou se che antoxe. ¿Que queres a película máis freak do cine luxemburgués? Aquí a tes. ¿Buscas a camisola do Steaua de Mondariz asinada polo Decano, comentarista e narrador do Galicia en Goles? En Polvos Azules pódela atopar. ¿Os teus impulsos máis perversos procuran o falo de goma co que se masturbaba Franco? Seguramente non o teñan, pero o conseguirán e pediranche que voltes ó día seguinte. ¿Gustaríache mercar un bote de esperma do monstro do Lago Ness? En Polvos Azules, na sección de fluídos de criaturas mitolóxicas. Se mercas dous, de regalo un bote de bilis de Godzilla.

Á mañá seguinte, tras soñar con Cañita Brava, botámonos á estrada. Tiñamos que purgar os nosos pecados, así que nos diriximos de novo ó inferno de Totoritas. E desta volta a estancia resultou aínda máis insufrible, xa que o habitual ceo anubrado do inverno limeño deixou paso ó sol, e vímonos na obriga de botar tardes enteiras na praia. Horrible.

Paréntese na guerra para dar paso ó amor.

O Currás de Totoritas.

De novo o martes tivemos que voltar a Lima. Despedímonos de Totoritas, non sen antes facer unha parada estratéxica para probar o xeado de lúcuma, unha pranta que medra pola zona, na xeadería OVNI, presidida por un moneco xigante de E.T.

Derradeira etapa na capital perucha, e derradeira oportunidade de durmir no derradeiro Che Lagarto da nosa viaxe. Desta volta si había prazas. Esa mesma noite, mentres ceaba, atopeime con Arthur, que chegara a Lima da súa estancia en Arequipa. Así, de xeito fortuíto, no medio de Lima.

Acompañei ó noso irmán alemán ó seu hostel, o Kokopeli, onde tamén estaban hospedadas Judith, a paiasiña alemá, e Ida, a benxamina dinamarquesa. Tomamos unhas birras alí mesmo, e citámonos para ver xuntos os partidos da Eurocopa do día seguinte, xa que xogaban tanto Dinamarca coma Alemaña.

O mércores ás 11 da mañá estabamos no Kokopeli. Vimos o fútbol en amor e compaña, e acto seguido tocou despedir a Judith. Aquí remataba a súa viaxe, era hora de retornar a Alemaña. Marchou igual que se nos presentou o día que a coñecimos en La Paz, entre bromas, entre carantoñas, entre risas. Unha crack.

Judith e a súa peculiar relación coas llamas.

Arthur e Ida marchaban ó día seguinte, así que pola noite había festa obrigada de despedida. Foi no mesmo Kokopeli, a pleno trago del día, un cóctel a base de tequila chamado “Kissing Cousins”. Houbo moita risa, e de paso continuamos dándolle a puntilla á “Operación Lima sen Pisco”, pechando os derradeiros flecos da campaña antes da rendición definitiva.

Despedindo a Arthur e Ida.

Mascota do Kokopeli. Qué vos vou a contar. Onde non hai…

O xoves quedamos con Arthur e Ida para ir ó Circuito Mágico del Agua. É un parque onde o eixo central é o líquido elemento. Conta con diferentes fontes que botan chorriños de tódalas formas, frecuencias e ángulos posibles. Espectacular a fonte central, onde sobre un chorro de auga pulverizada van proxectando imaxes e diferentes mensaxes con música de fondo. Interesante coñecer outras posibles aplicacións da auga, habida conta que o de bebela, connosco non vai.

Túnel de chorrazos no Circuíto Máxico.

Á saída despedímonos de Arthur ata Bogotá, e de Ida… A saber. Existe un proxecto de rearme do Europe Team na Galiza, pero como tod@s sabedes, a meirande parte destas iniciativas adoita quedar en nada.

A nosa estancia en Lima ía tocando á súa fin. E coma dixen con anterioridade, había que ir pechando a contenda. Os nosos últimos días na capital limeña non diferiron en absoluto das dúas primeiras semanas. Continuamos levando a cabo un modo de vida sedentario, baseado case exclusivamente en comer, beber e parrandear.

Polo aire. Moi significativo.

Cita destacable foi a do sábado. Como broche de ouro ó tour gastronómico no que se converteu gran parte da nosa visita a César, Hernán agasallounos coa especialidade da casa: o lomo saltado. O tipo púxose ós mandos da grella, e durante dúas horas de alí non pararon de saír diferentes tipos de carne, a cada cal máis deleitosa, ata rematar, como digo, coa xoia da coroa: o lomo saltado.

O material da cea.

É unha carne picada preparada nunha tixola, que entre lapas Hernán ía saltando cunha arte pouco normal.

Hernán en plena acción.

Estaba tan rica que seguramente esa fose a vez que máis preto estiven na miña vida de exacular sen haber ningún condicionante sexual nin relativo ó Celta de por medio.

Persoal presente na cea da nosa despedida. Comezando pola esquerda, ó carón de César e Anto, Alida, unha amiga désta e de Hernán, o propio Hernán, Dante e a súa moza Jimena.

E chegou o luns, e con el o episodio final da “Operación Mocho Picchu”. Porque esa vai a ser a denominación definitiva. Operación Mocho Picchu. Bebimos os derradeiros pisco sours, as derradeiras cervexas. Non quedaba máis.

A miña patada, a envexa de Ryu.

A despedida foi discreta, sen grandes alardes. Foi coma se nos fosemos a ver ó día seguinte. Seguramente non estivese á altura de semellante evento, pero tiña que ser así. Non había nada que celebrar. A Operación Mocho Picchu fora levada a cabo con total éxito, cunha solvencia impresionante. As espectativas foran cumpridas de sobra, demostramos o porqué do noso estatus de mestres da troula. Ninguén se pode considerar decepcionado, porque non fallamos nunca.

Emilio. Non sei cómo fixo, pero o tipo gañoume.

Pero simplemente fixemos o que se nos pedía, cumprimos unha misión, completamos o chollo que nos fora encomendado. Por iso digo que non hai nada que celebrar.

Carlota, unha gata galega en Lima.

E se dicreta foi a despedida, neste blogue eu debo de ser consecuente, e pechar esta publicación de igual xeito. Sen dramas, sen discursos emotivos. Coma se nos fosemos a ver mañá. Simplemente darche as grazas, Zresa, por entregarte de xeito incondicional, a tumba aberta, á causa de conquistar a noite limeña, a pasalo en grande, por liderar a Operación Mocho Picchu. Grazas tamén a Anto, a túa man dereita en todo momento e piloto da nave. E grazas a Alida e Hernán, por abrirnos as portas das súas casas, alimentarnos e darnos cama.

Última batalla, a da despedida.

Biquiños e apertas a Dante e a Aranza, de quen tamén setimos o seu agarimo e tamén nos acolleron na súa familia. E biquiños tamén, cómo non, para Emilio, o único can-patada que amei na miña vida, e para Carlota, a gata con pasaporte galego, raíña da casa. A tod@s, grazas.

Próxima estación, a selva amazónica.

¡Hip hip!

Corría o ano 1.991. Eu era un cativo de 9 anos que medraba na casa dos meus avós, xa que miña nai botaba todo o día fóra da casa traballando a reo. Estudaba no Colexio Pombal. Ata alí, na quenda de mañá, achegábame e traíame de volta a casa a miña nai. Polo serán levábame e recollíame o meu avó.

Tódolos días, ó chegar a casa, os dous sentabamos xuntos diante do televisor para ver As Bolas Máxicas, mentres eu rillaba o bocata de merenda que a miña avoa me tiña preparado. Son Goku era o meu heroe. Anoxábame co meu avó, que, para facerme rabiar, lle chamaba “o mixiricas”.

As fins de semana pasabámolas en familia. Miña nai e os meus avós xogaban ás cartas, eu xogaba a lanzarme un pano coa miña tía, diminuída psíquica que eu sentía e quería coma unha irmá pequena.

Agás os domingos. Os domingos á tardiña o meu avó desaparecía. Pechábase no salón e nada se sabía del durante dúas horas. Bueno, si que se sabía del. De cando en vez, de súpeto, e non necesariamente tódolos domingos, dende o seu peche no salón lanzaba un berro emocionado, un “¡hip hip!” que soaba na casa enteira e tralo cal automáticamente a miña nai e a miña avoa estoupaban de ledicia, berrando e soltando xestos de rabia. Eu non entendía nada. Non sabía qué significaba ese “hip hip”, non comprendía por qué se poñían tan contentas as miñas vellas. Pero igualmente o agardaba con impaciencia, igual que facían elas, porque sabía que era sinónimo de festa e felicidade.

Cando o berro máxico tardaba en chegar, a miña nai enviábame ó salón. Eu petaba na porta, e entraba. O meu avó estaba sentado nun curruncho, cun pequeno transistor pegado á orella e facendo tremer de xeito nervioso a súa perna. Non sabía qué quería dicir, pero eu preguntáballe: “¿cómo vai o Celta?”. Cando o meu avó voltaba do salón sen ter cantado ningún “hip hip”, sabía que o resto do domingo ía ser apagado e aburrido.

A min non me interesaba o fútbol. Cando había partido na tele ollaba para outro lado, cando comezaban os deportes no Telediario poñíame a facer outra cousa. Sabía que o Celta era un equipo de fútbol, pero non sabía qué significaba, o que supoñía, nin sequera qué ou a quén representaba.

Aínda así, un domingo o meu avó levoume a ver un partido do Celta a Balaídos. A pesares das advertencias da miña nai, que estaba segura de que ía morrer de aburrimento. Todo apuntaba a elo, pero o meu avó, celtista de pro, insistiu en levarme con el.

Sempre digo que os celtistas de pro temos unha propiedade, unha especie de “superpoder”: identíficámonos entre nós tan só con ollarnos, sen necesidade de cruzar unha soa palabra. E estou seguro de que o meu avó percibiu iso en min. A pesares de ser consciente de que ata ese momento non me interesara o máis mínimo polo Celta, el viu en min a capacidade, as cualidades perfectas para ser celtista, sentiu a miña paixón, entendeu que estaba feito desa pasta especial que se require para ser deste equipo, algo que non é doado de atopar.

Para a meirande parte de vós isto soará a fantasía, a sentimentalismo barato, incluso a delirios post ascenso. Tamén é certo que a meirande parte de vós, con tódolos respectos, non sabedes quén é Julián Vara.

Equipo do Celta na tempada 1.991/92.

Chegamos a Balaídos, e subimos as escadas que levaban á nosa localidade. O meu avó era socio de Tribuna. Pagáralle o abono o seu xefe, o Señor González, para quen o meu avó era e supoñía todo, pouco menos que o veneraba. Deixamos atrás o último chanzo, asomamos, e abriuse ante min o estadio enteiro. Había pouco máis de media entrada, pero para min era moitísima xente, máis incluso da que vira nas Cabalgatas de Reis. No céspede os xogadores víanse pequerrechiños, máis pequenos do que se apreciaba na tele. Facían exercicios de quecemento, e os aspersores funcionaban a todo meter. O meu avó sinaloume o xeu xogador favorito. Chamábase Fabiano.

Fabiano Soares.

E deu comezo o partido, aquel Celta – Murcia, e descubrín cómo o celtismo daba renda solta á súa paixón. Cando tocaba o balón Fabiano había división de opinións, o que sempre aconteceu en Balaídos cos xogadores talentosos. Cando o esférico chegaba a pés dun rapaz espigado que xogaba de dianteiro, aumentaban os decibelios, a xente apertaba os puños, erguíase do seu asento. O meu avó explicoume que se trataba de Vlado Gudelj, o noso máximo goleador.

O encontro rematou con empate, 1-1. A afeción, incluído o meu avó, saíu do estadio decepcionada. Eu non. Xa sabía que aquel era o equipo da miña cidade. O meu avó explicárame que o Celta é o equipo que nos representa a tódol@s galeg@s: as súas cores son as da nosa bandeira, a súa camisola presídea a Cruz da nosa capital, e o seu nome proclama a nosa cultura. Xa sabía cómo o celtismo vive ó seu equipo, viña de comprobar cómo sufren por el, e eu sufrira canda eles. Xa non había volta atrás. O meu avó estaba no certo, o seu instinto de celtista de pro non errara. Aquel primeiro de decembro de 1.991 foi o meu primeiro día como celtista.

O domingo seguinte a miña nai non tivo que enviarme ó salón para que preguntase “cómo vai o Celta”. Cando o meu avó entrou pola porta para sentar no seu curruncho, eu estábao a agardar no sofá do seu carón. Agora sabía qué significaba o “¡hip hip!”, e devecía por berralo canda el. E ó domingo seguinte, cando o meu avó abriu a porta para dirixirse a Balaídos, eu estaba aferrado á súa perna. Non me perdín un só partido de alí ó remate de tempada.

A miña primeira grande cita como celtista foi o partido fronte ó Sestao no que celebramos o ascenso a Primeira División. Cando o árbitro chiflou o final e a xente comezou a invadir o terreo de xogo, eu ollei cara o meu avó. Os seus enormes ollos azuis brilaban cunha intensidade inusitada. O seu sorriso, sempiterno, lucía con máis forza que nunca. Eu non lle quitaba ollo de enriba, e rachábame as mans a aplaudir.

Celebración do equipo coa afeción en Praza do Rei tralo ascenso do ’92.

A tempada seguinte, a do retorno a Primeira, o Señor González tiña pensado pagarme o carné de socio a min tamén. Pero un cancro de próstata varreu ó meu avó. Do seu fogar, da súa localidade de Tribuna, da súa cadeira naquel curruncho do salón. Das nosas vidas. Nunca máis se voltou a escoitar un “¡hip hip!” naquela casa.

Pasaron anos ata que puiden voltar a pisar Balaídos. Foron anos de “exilio”, pegado ó mesmo transistor que utilizaba o meu avó, no mesmo salón, pero no sofá de enfronte, respectando o seu curruncho. Foron anos nos que Xaime Escudeiro se converteu nos meus ollos. El foime narrando cómo Cañizares se convertía no porteiro menos goleado da liga, grazas ó cal mantiñamos a categoría con vitorias tan importantes coma aquel 3-2 fronte ó Barça do Dream Team, que aquel ano se proclamaría campión de Liga e Copa de Europa. Este partido vino no Chester, mítico bar calvariense, canda o meu curmán David. A el tamén lle metera “o becho” do Celta o meu avó, e el recolleu o relevo coma guía na miña formación como celtista.

Santi Cañizares, zamora na tempada 1.992/93.

Presenciei, un 20 de abril, cómo Alejo destrozaba o punto de penalti e con el as nosas ambicións de acadar o noso primeiro título, naquela final de Copa no Vicente Calderón fronte ó Zaragoza de Víctor Fernández. Eran as primeiras bágoas que vertía como celtista. Ese mesmo ano papei de principio a fin o infumable partido amañado fronte ó Valladolid, no que selamos a permanencia e no que a ambolosdous lles valía o empate para cumprir os seus obxectivos.

Momento no que Alejo lanza o penalti que ía deter Cedrún.

Once que sacou o Celta na final de Copa do ’94.

Tamén por Xaime Escudeiro escoitei o hat trick de Gudelj en Las Gaunas, co que da man de Carlos Aimar certificabamos a salvación matemática nun ano complicado no que nos desmantelaran o equipo da tempada anterior.

O verán de 1.995 vin cumprido un dos soños da miña vida. Polo meu aniversario, o meu curmán David agasallábame co carné de socio do Celta, e de paso facía de min o rapaz máis feliz do mundo. Voltaba a Balaídos, e facíao para non abandonalo xamáis.

Pode que como exame para comprobar se tiña o que hai que ter para ser socio do Celta, a primeira proba que tiven que superar como abonado foi de órdago. Case morro co susto ó comprobar cómo descendían administrativamente ó Celta a Segunda División B por non presentar a tempo os avais ante a RFEF, pasei semanas pegado á radio escoitando noticias de terminoloxía burocrática que non entendía nin de lonxe, saín á rúa nunha manifestación multitudinaria, e finalmente, tras unha mañá enchufado ó walkman escoitando a votación de tódolos presidentes de Primeira División, celebrei chorando e correndo coma un tolo pola beira de Samil a decisión destes de ampliar a Liga a 22 equipos.

E como socio, podo dicir que tiven o privilexio de vivir tanto os mellores coma os peores momentos da historia do Celta. Desfrutei da época dourada do EuroCelta e padecín este último lustro de pesadelo interminable na Segunda División.

Vin cómo comezaban a aterrar en Vigo xogadores dunha calidade extraordinaria, como Mazinho, Revivo, desfrutei dos primeiros destellos como celeste dun díscolo Mostovoi, e quedei namorado para sempre do seu fútbol, da súa clase infinita. Catei por primeira vez as augas de Praza América, para celebrar a permanencia acadada tras destrozar a un Real Madrid campión, na penúltima aparición salvadora de Gudelj.

Vlado celebrando un dos tres goles que lle espichou ó Madrid na derradeira xornada da 96/97.

Afíxenme a gañar na primeira tempada dunha época inesquecible, na que guiados por Mazinho e liderados pola mellor versión de Mostovoi, perfectamente complementado por Karpin, rematamos por clasificarnos por segunda vez na nosa historia para a Copa da U.E.F.A., culminada cunha vitoria por 2 a 0 sobre o Mérida, esta vez si, coa derradeira actuación heróica do por aquel entón xa mitificado Vlado Gudelj.

Con aquel 2-0 ó Mérida, Gudelj consagrouse coma un dos mitos da historia do Celta.

Rebosei orgullo por tódolos poros da miña pel mentres a prensa deportiva mundial se desfacía en eloxios ante un Celta que abraiou a toda a Europa futbolística, deixando na cuneta a Aston Villa e Liverpool cun fútbol preciosista en competición continental, e sometendo con autoridade ós grandes da competición doméstica, coma naquel lapidario 5-1 en Balaídos fronte ó Real Madrid.

Revivo na ida da eliminatoria fronte ó Aston Villa.

O Zar, no mitico 3-1 ó Liverpool en Balaídos.

Empurrei, sopreille canda todo Balaídos a aquel balón ó que non puido chegar Gudelj na volta dos cuartos de final da U.E.F.A. contra o Olympique, e rematei o ano partíndome a ialma chorando trala única derrota en Balaídos de todo o ano, naquela fatídica última xornada contra o Atlético de Madrid, que nos deixaba fóra da Liga de Campións.

Gocei coma nunca o fixen con este deporte grazas a exhibicións ante toda Europa do calibre dos históricos e arquicoñecidos 7-0 ó Benfica e 4-0 á Juventus. Igual que os xogadores sobre o céspede, desespereime coa defensa do Lens no partido de ida, e derrubeime no partido de volta dos cuartos de final en Francia.

Celta 4 -Juventus 0.

Valery Karpin, naquel histórico 7-0 ó Benfica.

Emocioneime coa remontada histórica da segunda volta da 2.000/01, na que pasamos de rozar o descenso a meternos en Europa, alcanzando os cuartos da U.E.F.A. e a final de Copa de España. Viaxei a Sevilla, e desfíxenme en bágoas de impotencia ó ver cómo fuxía a oportunidade máis clara que xamáis teremos de acadar un título.

Golazo de Mostovoi que nos adiantaba na final de Sevilla.

Valerio, desolado tralo remate do choque.

Tamén estiven no estadio cando voltamos a quedar fóra da Liga de Campións na derradeira xornada de liga, tras aquela remontada do Sevilla en Balaídos, nun dramático partido que supoñía a despedida de Vigo tanto de Karpin coma de Víctor Fernández.

Celta 2.001/02. Para quen non o lembre, o que está entre Cavallero e Berizzo é Boban, Zvonimir Boban.

Liderei cos meus cánticos en Praza América ás afecións de Celta e Real Sociedade, nunha xornada histórica que serviu para irmanar ás dúas hinchadas durante a celebración da nosa primeira clasificación para a Liga de Campións.

Mostovoi e Mido celebran un dos goles que nos meteron en Champions tras derrotar 3-2 á Real.

Asistín atónito, aturdido, impotente, ó inexplicable desfondamento do mesmo equipazo que o ano anterior se clasificara para a máxima competición continental, e que rematou cun vergoñento e esperpéntico descenso a Segunda. Desmoroneime, cos nervios destrozados, no derradeiro partido, un despropósito que rematou con derrota 0-2 fronte o Mallorca.

Os mesmos xogadores que saltaban ó céspede de Highbury para disputar a volta dos oitavos da Liga de Campións, descendéronnos a Segunda.

Celebrei dous ascensos o mesmo ano, un en Praza América trala vitoria no campo en Xerez, e o segundo saltando ó cespede dos Camps d’Sports de Lleida despois de que o 0-3 Chapín se convertise nun 3-0 por aliñación indebida de Toni Moral. Aínda se me poñen os pelos de punta ó lembrar a festa que se desatou na capital ilerdense cando Jesús Perera marcou o gol da tranquilidade.

Toma do céspede para celebrar o ascenso en Lleida.

Case lle fago un monumento a Fernando Vázquez, baixo cuxa dirección, un plantel curto e modesto converteuse no segundo equipo da historia en meterse en Europa o mesmo ano que ascendía. Seguro que axudou contar con xogadores como Pinto, terceiro zamora da historia do clube, Silva, Ángel, Baiano, ou un Oubiña a un nivel espectacular.

David Silva, o único ano que xogou en Vigo.

Agonicei durante as xornadas finais canda un equipo ateigado de mercenarios, un equipo marcado xa co estigma da morte varias xornadas antes do remate da liga, pero que prolongou a súa agonía ata unha xornada final na que, nun episodio noxento e deleznable, Santander e Levante deixábanse perder ante Betis e Athletic, condenando ó Celta ó seu segundo descenso en tres anos.

Gustavo, todo corazón sempre, roto tralo descenso de 2.007.

Ata aquí quería chegar. Este é o punto de inflexión desta publicación porque, á súa vez, este foi un punto de inflexión na Historia do Celta. Con toda seguridade foi aquí cando deu comezo a época máis escura dos 88 anos de vida do clube. É certo que na década dos ’80 tocamos fondo histórico co descenso a Segunda B, pero non tardamos tanto tempo en retornar a Primeira. Tamén é certo que nos ’60 vagamos durante dez longos anos polo pozo de Segunda, e é ese o período máis prolongado que nos mantivemos afastados do noso hábitat natural na Primeira División. Pero nin tan sequera naquela penosa travesía dunha década polo deserto estivemos, coma sucedeu varias veces ó longo deste último lustro, a piques de desaparecer para sempre coma entidade.

É por isto polo que, a todas luces, o período que vai de 2.007 a 2.012, supón a época máis escura da Historia do Celta. É, sen lugar a dúbidas, a nosa Longa Noite de Pedra.

Tralo remate do partido fronte o Xetafe co que certificabamos a perda da categoría, iniciamos unha caída libre, un vertixinoso descenso ata o máis fondo dos infernos futbolísticos. Durante un lustro estivemos deambulando polas tenebras da Segunda sen rumbo, perdidos, sen atopar unha saída, case que desafiuzados.

Foron cinco anos vivindo un pesadelo que parecía non rematar xamáis, cinco tempadas onde non nos quedou máis remedio que afacernos a convivir coa mediocridade. Tivemos que asumir que os días de glamour remataran, as grandes tardes de gloria onde nos enfrontabamos ós mellores equipos do continente e lles faciamos fincar o xeonllo quedaran atrás. Xa non sairíamos nas portadas dos xornais nin nas cabeceiras dos informativos de deportes.

Pasamos de xogar en Delle Alpi, Amsterdam Arena e San Siro a arrastrarnos por Ipurúa, Stadium Gal ou El Collao. O mesmo equipo que percorría o mítico túnel de vestiarios de Anfield Road agora se enchía de lama en El Alcoraz.

Derrota tras derrota, fracaso a fracaso, convertímonos nun equipo máis de Segunda. Con toda a dor da nosa ialma debimos afacernos a ver ó equipo dos nosos corazóns vagar penosamente durante anos polo fondo da táboa de Segunda. A nosa camisola xa non pesaba, o noso escudo non impoñía respecto, Balaídos era calquera cousa agás un fortín.

Estes cinco anos de eterna penitencia polas catacumbas do fútbol estatal estiveron salpicados de innumerables intres traumáticos, experiencias grotescas, episodios que no pasado máis inmediato serían impensables. Ningún celtista incondicional poderá esquecer xamáis episodios deplorables como o da última xornada da tempada 2.007/08, cando coa nosa inoperancia permitíamos que o Alavés nos remontara o partido na segunda parte, e faciamos inútil a vitoria dos nosos irmáns de Ferrol, provocando o seu descenso.

Cómo borrar das nosas mentes o 10 de xuño de 2.008, día que se facía pública unha débeda de máis de 84 millóns de euros, e recoñecíase a obriga de acollerse á lei concursal para non quebrar definitivamente e evitar a desaparición como entidade. Tras unhas agónicas semanas procurando acreedores que mercasen a nosa débeda, Facenda e Caixanova facíanse cargo do 85% do montante, e deseñábase un plan de viabilidade económica que traería unha nova era de enorme austeridade a Praza España.

O director xeral antonio Chaves explicando á prensa a decisión de acollerse á lei concursal.

Os días de talonarios e orzamentos desorbitados mudaran en arcas baleiras, axustes de todo tipo e despedimentos masivos. A necesidade levou por diante símbolos de sempre, emblemas que compoñían a nosa identidade, como a marca Umbro, e ata á “voz de Balaídos”, Antón López. Oficialmente eramos un orzamento medio na Segunda División.

Con todo, seguramente o intre máis desgarrador para os castigados corazóns celtistas chegou un sábado, o sexto día de xuño de 2.009. Penso que todos estaremos de acordo en que a proba máis complicada á que nos tivemos que ver sometidos os incondicionais deste equipo foi aquel partido a cara de can fronte o Alavés, ó que chegabamos tras gañar únicamente un partido dos vinte anteriores. Nas nosas retinas quedará gravado polo resto das nosas existencias a saída ó céspede de Iago Aspas. Nas nosas ialmas está marcado a lume o instante exacto no que, pasando 85 anos, 9 meses e 26 días desque se fundara o Celta e do minuto 90, un Iago debutante coa celeste cazaba un rexeite no corazón da área pequena, agarraba o propio corazón moribundo do Celta e aplicáballe a descarga que o devolvía á vida.

Tarde heróica a do debut de Iago. Comezaba a labrarse a súa propia lenda.

Así deixabamos atrás o intre máis crítico deste lustro de pesadelo e da Historia do Celta, pero non remataba aí o noso sufrimento. Aínda tivemos que padecer unha tempada máis de desesperación, de frustración, de impotencia ó ver ó equipo incapaz de alonxarse dos postos baixos da clasificación.

Aínda así, no enésimo proxecto de ascenso fracasado, no medio dunha espesa brétema que semellaba que non nos ía permitir atopar o noso rumbo nunca máis, apareceu un pequeno raio de luz, un lonxano halo de esperanza ó que aferrarse para emprender o camiño da fuxida do inferno. Unhas aliñacións ateigadas de canteiráns levaban ó equipo a practicar un fútbol dunha calidade que non se desfrutaba en Casa Celta dende os tempos de bonanza, e só a bisoñeza e candidez da liña de ataque impedía sacar os partidos adiante.

Aí estaba a chave. A nosa propia identidade constituía os alicerces sobre os que basear un proxecto sólido de retorno á máxima categoría. O camiño de saída do pozo pasaba pola Madroa, a canteira era o sangue que precisaba o Celta para poder sobrevivir. O seu propio sangue.

Once, con 8 canteiráns, que xogou a volta dos cuartos de final de Copa fronte ó Atlético de Madrid.

Con esta nova filosofía por bandeira, o Celta protagonizou dous primeiros tercios de liga impecables, sen apearse de postos de ascenso e chegando a liderar a táboa con autoridade. Pero o mal de alturas, o exceso de responsabilidade dun plantel demasiado inexperto e implicado provocou que o equipo caíra ata o sexto posto ó remate da liga, e se vise na obriga de xogar un playoff que supuxo outro dos momentos máis traumáticos para o celtismo deste período de contínuo padecer.

O mesmo que a actuación heróica de Aspas fronte ó Alavés, ningún de nós poderá esquecer aquela fatídica quenda de penaltis á que chegamos tras un partido de infarto. No medio dunha encerrona perpetrada pola directiva do Granada, diante dun público infame e inexcusablemente violento, o punto de penalti voltábase a cruzar no destino do Celta. Semellaba, tralos catro primeiros lanzamentos, que por fin nos podería sorrir a fortuna nun momento trascendental da nosa historia, despois de case un século con ela virada de costas a nós.

Xogadores do Celta abrazados durante aquela fatídica quenda de penaltis en Granada.

Roberto, porteiro do Granada criado asimesmo na Madroa, vencíase á dereita. O lanzamento de Michu, á esquerda. Non. Tampouco desta volta a Deusa Fortuna tiña pensado amosarnos a súa faciana, a que din tan fermosa é. Esa zorra…

O que planeara era ir un paso máis alo na súa crueldade, empapar os nosos inocentes beizos co mel máis doce para acto seguido propinarnos un novo pao descomunal, definitivo. Ninguén dubidou nese momento que non sería o Celta o que pasase aquela eliminatoria. O celtismo enteiro decatouse diso cando o disparo de Michu marchou arriba, tan arriba que chegou a bicar o ceo granadino.

Alo menos Fortuna decidiu amosarse clemente, e os acontecementos precipitáronse inmediatamente. Roberto transformaba o seu penalti, e acto seguido rexeitaba o de Catalá, consumándose a traxedia. A penitencia na Segunda constaba, alo menos, dun ano máis.

Roberto Fernández Alvarellos, porteiro do Granada, transformando o seu lanzamento.

Foron cinco anos de pesadelo nos que sufrimos o indicible. Vivimos cómo partido a partido, as bancadas de Balaídos ían quedando desertas ós poucos. Derrota a derrota, as cadeiras baleiras foron gañando espazo ata deixar un panorama desolador. Decepción a decepción, os celtistas foron abandonando o barco para deixar ó equipo nas mans dos 4.000 que non estabamos nin estaremos dispostos a abandonalo xamáis.

Nós sentimos e vivimos en celeste. Entendemos o celtismo coma un sentimento incondicional, que doe, que desgarra a ialma a disgustos, pero que inexplicablemente enche, realiza, engancha. Somos adictos ó sufrimento, non saberiamos qué facer sen el. Somos inmunes á derrota, ó fracaso. Alí onde vaia o Celta, nós iremos canda el. Non importa o fondo que caia, os nosos brazos estarán aínda máis abaixo para aguantalo e empurralo de volta.

Sen dúbida este foi o filtro definitivo. Quedamos os que somos, e somos os que quedamos. Os que padecimos xogadores indignos de vestir a celeste, os que sufrimos adestradores impropios do banco de Balaídos. Transcorridos uns anos, só nós lembraremos nomes coma Vitolo, Ioannis Okkas, Juan Manuel Peña, Adrián González, Fernando Sales, Vladimir Manchev, Petar Zanev. Danilo, Saulo, Cellerino, Arthuro Bernhardt, Aarón Ñíguez. Edu Moya, Fernando Fajardo, Óscar Díaz, Fabiano Lima, Renán, Verpakovskis. Stoichkov, López Caro, Antonio López, Alejandro Menéndez, Pepe Murcia.

Diego Costa, George Lucas, Lequi, Agus, Núñez… Rober, un do Calvario, o único que safa.

Ninguén, agás nós, se lembrará deles. Porque xa estamos de volta. O fútbol devolveunos ó noso sitio, o sitio do que non debimos saír xamáis. Pero non estamos de volta grazas a un fútbol calquera. Estamos de volta grazas ó fútbol da Madroa. Apuntalados por xogadores dunha calidade e implicación incuestionables como De Lucas, Joan Tomás, Orellana, Bermejo ou Oier entre outros, a base e espírito deste equipo confórmano xogadores da terra. Xogadores que sinten e comprenden a filosofía deste clube porque levan mamando del dende cativos. Puros celtistas, afecionados que se non contasen co don de xogar ó fútbol coma os anxos, serían un máis dos 4.000 que aguantamos estoicamente o chaparrón de fútbol atroz que se nos brindou os tres primeiros anos de odisea.

Celta 2.011/12, un Celta de Primeira.

Si, xa estamos de volta. Voltaremos ós estadios glamurosos e de primeira liña mundial dos que desaparecimos cinco anos atrás. Apareceremos de novo nas portadas dos xornais, nas cabeceiras dos informativos de deportes. A prensa española falará galego, en todo o estado soarán poboacións como Catoira, Marín, O Calvario, Bertamiráns, O Porriño, Vilagarcía, Moaña, Coia, A Coruña, Ferrol, A Pobra do Caramiñal.

Álex, trala vitoria en Tarragona que nos deixaba a un paso de Primeira. A súa cara fala por si mesma.

Voltaremos máis fortes ca nunca, coa fortaleza do que se sabe sobrevivinte do inferno. Curtidos tras un lustro loitando nunha competición na que cada partido é unha batalla, unha competición que esixe o máximo, que castiga, que desgasta.

E voltaremos máis unidos ca nunca, cunha afeción que ven de reengancharse ó equipo no tramo final dunha loita polo retorno que, ollando cara atrás, foi eterna. Benvid@s sexan. Porque a nova loita que se nos presenta por diante vai a ser incluso máis dura, máis esixente en moitos aspectos. E ímol@s precisar a toad@s.

Xa estamos aquí, no lugar que por historia nos pertence. Sabemos que nos botaban en falta, cónstanos que preguntaban por nós. Pedimos desculpas pola demora. A cousa complicouse un pouquiño. Liáronnos. Pero non se preocupen, porque desta volta non temos pensado marchar.

A estreleira, o galeguismo presente nas celebracións.

Iso si: se marchamos, aí estaremos @s 4.000. Porque non entendemos outro xeito de ser do Celta que o incondicional. Porque ése é o único xeito. Que lles pegunten a eles, ós heroes que nos trouxeron aquí. O meu avó estaría orgulloso. Si, avó, xa estamos en Primeira.

¡Hip hip!

Cusco e Machu Picchu. Pura maxia inca.

Chegamos a Cusco os seis de madrugada, a madrugada do venres 25 ó sábado 26 de maio. A consigna era clara: Che Lagarto. Había que asinar o repócker de “Chelas” e asinouse. E de paso apuntalamos o “Europe Team” con Regina, unha eslovaca que se nos uniu na terminal de autobuses. Viaxeira empedernida, estivera vivindo e traballando en Sidney durante catro anos, e tras esta xira por Sudamérica, voltaba a Bratislava. Era reflexiva, de pensamento profundo, trascendental. Ás veces a súa indecisión desesperaba. Os animais eran a súa debilidade, morría por eles. Perfil coñecido, abofé que si.

Houbo sorte, e existía unha habitación onde puidemos aloxarnos todos, os sete membros daquela nova familia.

Europe Team. Á esquerda, Ida. Na cabeceira Regi, e á súa esquerda Judith, Natalie e Arthur.

Europe Team. Á esquerda, Ida. Na cabeceira Regi, e á súa esquerda Judith, Natalie e Arthur.

Cando nos erguimos o sábado, dimos por inaugurada a primeira xornada dun arduo traballo: coñecer Cusco. Oficialmente denominada Capital Histórica do Perú, esta cidade de 350.000 habitantes situada no perfil oriental dos Andes a 3.500 metros sobre o nivel do mar foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e está rodeada de cerros ateigados de ruinas incas, ademáis de contar cun casco histórico onde impera a arquitectura precolombina e construccións da época colonial. Todo elo con Machu Picchu a tiro de pedra. Probablemente Cusco sexa a cidade máis fascinante que pisei na miña vida.

Cusco.

Partimos os sete coa intención de ascender SacsayHuamán, unha das montañas con ruinas da antiga civilización inca que anteriormente mencionei. A medio camiño dividímonos. Un rapaz informounos de que a entrada a SacsayHuamán custa 70 soles, que se pode visitar de balde chegando antes das 07:00 da mañá, e ofreceunos un tour por outros lugares de interese en Cusco… a cabalo. E pola metade de prezo. Natalie, Judith, Cons e máis eu non o dubidamos. Arthur, Ida e Regi continuaron montaña arriba.

De camiño, o “guía” falounos da triloxía inca ou andina. Para esta formidable cultura, existían tres planos: o mundo dos mortos, Uku Pacha en quechua, situado baixo terra e representado pola serpe, que simboliza a sabiduría; Kay Pacha, o mundo terreal, o dos vivos, representado polo puma, símbolo da forza; e Hanan Pacha, o plano dos espíritos, situado sobre a terra e representado polo cóndor, que é o símbolo da paz.

Triloxía Inca, coa serpe, o puma e mailo cóndor.

E parece ser que Cusco, antiga capital do Imperio Inca, tiña forma de puma no seu centro urbán, a súa cabeza coincidía con SacsayHuamán, outorgándolle forma de cóndor, e a cola do puma, o río Huatanay, representaría a serpe.

Demostrando as miñas dotes coma xinete a lombo de “Corcel”. Eu coñecíao coma Alfredo.

Xa mergullados por completo en tan fascinante cultura, e cadanseu no seu cabalo, visitamos o Templo de la Luna, lugar de grande compoñente relixioso e intensísima misticidade.É unha cavidade no medio das rochas da cara posterior da montaña. Ten esculpida a triloxía inca na entrada, a cal hai que traspasar sen calzado. No interior, unha pequena estancia, e na parte superior, un pequeno burato por onde se filtra a luz da lúa de xeito estratéxico.

Os dous no “Templo de la Luna”.

Se a este ambiente, coa suxestión das explicacións previas, lle engades o encontro cun chamán que sufrimos no seu interior, cómo non, de xeito totalmente aleatorio e fortuíto, quen nos explicou máis en profundidade os entresixos do templo, o resultado foi un estado case de éxtase moi curioso co que saímos de aquel lugar.

A seguinte parada foi o que se coñece como Zona X. Son unha serie de túneles e laberintos, “chinkanas” en quechua, algúns naturais e outros elaborados polos antigos, e que servían de refuxio e de método de confusión para os incas no seu intento de defenderse ante a invasión española. Un tanto agobiante o paso por Uku Pacha, pero serviunos para inmiscuirnos aínda máis no mundo inca.

Nunha “chinkana” xunto a Nati e Judith.

Domingo. Chegou o mediodía e apropieime dun dos ordenadores do Che Lagarto. Existían posibilidades de rematar a xornada con ascenso. O retorno era tanxible. Unha vitoria do Celta en Tarragona unida a unha derrota do Valladolid en Alcorcón devolveríanos o que sempre foi noso: un lugar entre os grandes do fútbol estatal. Un penalti transformado polo fedello de Moaña e o oportunismo de Natxo Insa poñían o partido en franquicia, mais en Santo Domingo o Valladolid calcaba o resultado. E calcadas foron tamén as segundas metades dos dous partidos, con Nàstic e Alcorcón acurtando distanciase achuchando coma tolos. Ó final, con todo o sufrimento do planeta e parte do de outras dimensións, o Celta aguantou, Pucela non.

O Alcorcón rabuñou un empate no último suspiro, e na 42ª e derradeira xornada abondará cun empate en Vigo fronte o Córdoba, punto que tamén lles serviría ós andaluces para garanti-lo playoff, para acada-lo ascenso. Vino demasiado preto. Non houbo discurso conservador de autoconvencemento que me acougase. Demasiado preto. Demasiado preto ata para o Celta. Nin sequera un equipo tan perseguido polo drama e por xiros tráxicos do destino coma nós pode ser privado do premio final nesta situación, despois de tanto padecer.

Tiven que saír correndo a pecharme na habitación e desafogar, botar para fóra parte dos demos que nos estiveron atormentando durante cinco interminables anos. Pero aínda falta o último paso. Non quero escribir máis sobre o tema ata dar ese último paso.

Praza de Armas de Cusco.

Praza de Armas de Cusco.

A tarde adicámola a sopesar as diferentes opcións para visitar Machu Picchu. O tema sae ben caro, e hai que buscar e valorar ben tódalas posibilidades. Ó final, nova división. Regi, Judith, Cons e máis eu sairíamos o martes. Arthur, Natalie e Ida agardarían ó primeiro de xuño por unha oferta que incluía o ascenso a Huayna Picchu, a outra grande montaña do complexo inca.

Con este panorama, coa posibilidade dunha nova despedida no horizonte, había que facer festa. A data escollida non foi a mellor, pero foi a que foi. O luns de noite, véspera da nosa partida a Machu Picchu, reservamos o comedor do hostel para no-los sete máis Darío, un amiguete arxentino que fixera o día anterior mentres vía un partido de payoffs dos Celtics, e máis Chris, un trinitense afincado en Seattle.

Darío, unha boa prea, pura risión.

A idea era simplemente compartir un asado. O problema era que entre os asistentes había dúas mentes reviradas, e ó remate da cea Darío e máis eu convencimos a Víctor, rexidor do Che Lagarto, de facernos cunha botelliña de pisco. Púxenme do outro lado da barra canda Víctor e comezamos a repartir pisco sours ó persoal mentres soaba a música. A botella inicial ó final quedou en catro. Catro botellas para sete persoas.

cusco4

cusco3

Cando amencín á mañá seguinte ás 06:30 fíxeno soterrado en madeiras desprendidas da cama de arriba, ocupada por Cons. Non me enterei de nada. Coma puidemos, Regi, Judith, Cons e máis eu comezamos o percorrido, a ruta que nos ía achegar á cidade inca de Machu Picchu.

En microbús detivémonos nas ruínas incas de Valle Sagrado e Ollantaytambo. Había que pagar a entrada aparte, e non mo puiden permitir. Agardei polos outros tres á entrada de ambalasdúas.

Valle Sagrado del Inca.

En Ollantaytambo collimos o tren, un tren panorámico que nos permitiu desfrutar das fantásticas vistas que ofrece o traxecto ata Aguas Calientes, onde tiñamos o hostel para pasa-la noite. Antes, os tres pegáronse un baño nas piscinas naturais de augas termais coas que conta a vila. Eu, aínda inmerso no plan de austeridade, mantívenme á marxe unha vez máis.

O mércores tocaba madrugón. Ás 04:30 en pé para almorzar ás 05:00 e ás 05:30 comezar a travesía a pé para coroar Machu Picchu. Media hora camiñando e unha subindo escadas sen parar. Duro, fermoso. Esgotador, reconfortante. O ascenso semella non ter fin, pero a maxia do enclave non nos permitía deternos. E a chegada… Observar ante ti unha cidade construída probablemente no século XV e que se mantén nese estado, co impactante Huayna Picchu de fronte, e cun abismo ó que non se lle adiviña o final ó leste… Tremendo.

A alborada sorprendeunos ascendendo Machu Picchu.

Situado ó cobixo do refuxio que ofrecen as montañas Machu Picchu e Huayna Picchu, déitase case nos seus cumios. Posible centro ceremonial, posible centro de estudos, as teorías máis populares afirman que foi un centro político, social, económico e relixioso.

Construído baixo mandato de Pachacútec, o noveno Inca (denominación que recibe o máximo mandatario desta civilización), consta de 34.000 hectáreas ó longo das que se extenden case 200 edificios na súa área urbá.

Machu Picchu en todo o seu esplendor.

A súa ubicación é claramente estratéxica, xa que o acceso, sumamente dificultoso e sementado de densa vexetación agóchano da vista dos alleos. A proba é que non foi descuberto ata 1.911. Aínda así, na súa época seguramente non foi un complexo illado.

Foi unha cidade que contou cunha perfecta orde. Coas súas regras, os seus parámetros, a súa relixión, a súa filosofía. No punto que ofrece as mellores vistas do complexo observamos a casa do vixilante, que daba os avisos mediante xogos de luces ou imitando sons de animais autóctonos.

A cidade divídese en parte urbá, o complexo residencial, e ó oeste a parte relixiosa. Nesta última vivían as chamadas Virxes do Sol, mulleres de especial beleza que eran escollidas para servir ó Inca ou para adorar ó Deus Sol. Eran selectivamente formadas e educadaspara nun futuro ser presentadas á nobleza e fortalecer así a sociedade.

Trala invasión española, Machu Picchu é abandonado en 1.536. Existen teorías que afirman que o camiño seguido polos poboadores da cidade na súa fuxida é o camiño da procura do Dourado, e que éste consistiría nas estatuíllas de ouro que representan a cada Inca.

Na parte relixiosa atópase a Casa do Inca, o Templo da Auga, ata onde chegaba a auga por medio dun complexo sistema de canalización, e o Templo do Sol. É unha construcción semicircular, que conta con dúas fiestras, unha cara o norte e outra cara o leste. O xogo de luces que entran por elas e a sombra que éstas proxectan sobre unha pedra situada no medio da estructura permitían ós Incas identificar a chegada do solsticio de inverno cada 21 de xuño.

Templo do Sol.

Detivémonos na Praza Sagrada. Nela está ubicada a casa do Willaq Huma ou sacerdote, o Templo das Tres Fiestras, e a Cruz Andina, que representa a Triloxía Inca: a morte a serpe, a vida o puma, e o mundo dos deuses o cóndor.

Casa do Sacerdote, “Willaq Huma” en quechua.

Na Praza Sagrada tamén se atopa o Templo Viracocha, único deus desta cultura. A el realizábanse sacrificios neste templo con animais negros, que na cultura andina significa pureza.

Templo das Tres Fiestras.

Por último, na Praza Sagrada obsrvamos, á dereita do Templo Viracocha, unha pedra con forma da Cruz do Sur.

Templo Viracocha.

Pedra da Cruz do Sur, ó carón do Templo Viracocha.

Antes de deixarnos ó noso aire, o guía levounos ante o Inti Huatana, ou Reloxo Solar. Está situado no cumio dunha enorme construcción piramidal, e está perfectamente aliñado cos catro puntos cardinais.

Inti Huatana, o reloxo solar.

Cando Jorge, o noso guía, se retirou, botamos horas camiñando á nosa vontade por Machu Picchu. O exceso de xente, a masificación, dificulta acadar o nivel de concentración preciso para vivilo coma é debido, para percibir coa intensidade axeitada a súa maxia, para comprender a Triloxía Andina e transportarte 500 anos no tempo e convivir con aquelas xentes abraiantes.

Pero cando o acadas é certo que alcanzas un nivel de espiritualidade fenomenal, a comunión que alcanzas entre corpo, mente e entorno proprorciónache unha paz interior que poucas veces sentín na miña vida.

O Señor das Bestas tamén manexa o idioma das llamas.

Entrou o serán e abandonamos Machu Picchu, non sen antes botar un bo cacho xogando e ata alimentando un grupo de llamas. Chegamos a Cusco de noite, pasadas as 23:00. Ó día seguinte, xoves, era día de partida a Lima. Sentimos a chamada de César e decidimos non retrasar máis o momento encontro. Íamoslle aparecer por sorpresa.

Santa Cruz e La Paz, as dúas caras de Bolivia; e despedida vía Titicaca.

Xoves 17 de maio. Día das Letras Galegas, así que vou a escribir este post en galego, aínda que só sexa a portada. Era mediodía cando Arthur, Cons e máis eu collimos unha furgoneta que nos había levar de Vallegrande a Santa Cruz, a cidade máis poboada de Bolivia.

Nun principio sentamos os tres na fileira de atrás, pero cando comezaron a chegar os demáis pasaxeiros con equipaxes máis grandes ca eles, a redistribución do espazo por parte do conductor levoume a ocupar o sitio do copiloto. O carácter do piloto era suave e agradable coma o dun gremlin mollado, eu tampouco tiña moita gana de conversa, así que botei as seis horas de camiño escoitando música.

Cando ó chegar a Santa Cruz, xa de noite, quitei os auriculares e me interesei polo estado dos meus compañeiros, decateime de que, por unha vez, tivera sorte na localidade que me tocara para face-la viaxe. Segundo parece, a travesía na fileira de atrás convertérase nunha auténtica tortura.

O espazo do que dispoñían Arthur e Cons, xa de por si escaso debido ó amoreamento de equipaxe, viuse aínda máis reducido cando ó pasaxeiro de diante, un señor de apenas metro e medio, déuselle por bota-lo respaldo hacia atrás, e pasaron as seis horas de percorrido coas pernas medio tullidas.

A cousa mellorou cando outra das pasaxeiras da fileira de diante optou por baixa-la xanela xusto cando se puxera a chover, e alcanzou o grao de perfección absoluta cando a súa amiga decidiu darlle un toque festivo ó ambiente e púxose a pinchar música para todo o automóbil.

Non temos nada en contra da música tradicional boliviana. Pero a tradicional. Porque a que se fai hoxe en día, a cumbia, o reguetón ou a bachata, todos eles na súa versión máis infame e barateira, debe ser o que se escoita nas profundidades do inferno para torturar ós condenados, ou o que utilizan os líderes das sectas para inducir ó suicidio colectivo. Insufrible, en serio.

Así pois, cando todos baixamos do carro, atopeime con dous seres de xesto iracundo, ollos inxectados en sangue, e bocas convertidas en lanzadeiras de constantes improperios, insultos e todo tipo de maldicións dirixidas ó resto de ocupantes da furgoneta. De verdade que metían medo. Acougueinos, e puxémonos a procurar o Santa Bárbara, o hostel que Arthur, a nosa pequena máquina xermana de organizar, tiña preparado para nós en Santa Cruz.

Corredor central do Santa Bárbara.

O venres matouse a chover todo o día. Santa Cruz, situada ó leste do país e na parte menos elevada do altiplano con tan só 500 metros sobre o nivel do mar, é unha cidade húmida e calurosa. De poboación superior ó millón de habitantes, conta cunha arquitectura elaborada, harmoniosa, agradable. O seu tránsito, tanto de peóns coma de vehículos, non agrada tanto, e nel imperan o ruído e a desorde.

Entrado o serán, apareceu Helene chegada do seu periplo para coñecer as misións xesuíticas, ou non sei qué historias. Ofrecímoslle á nosa amiga bretona o plan que deseñaramos para a noite, consistente en coller unha botelliña de singani e bebela no hostel antes de pegar unha voltiña por aí. Efectivamente, xa tardabamos en darlle duro á bebida típica de Bolivia. A Helene, que pouco facía falta para meterlle a salsa no corpo, pareceulle estupendo, e aportou á festa dúas amigas súas bolivianas.

Tratábase de dúas mozas cultas e preparadas, interesadas na nosa percepción tanto do seu país coma do seu panorama político. En datas e destinos anteriores polo país do altiplano xa nos sorprenderan varias mostras de disconformidade e incluso algunha manifestación por parte do sector sanitario en contra de Evo Morales. Falando con estas dúas rapazas confirmouse a nosa percepción de que o apoio a Evo en Bolivia non é tan abrumador, que a imaxe de salvador do pobo que nos chega a Europa non é tan fiel.

Segundo parece, os catro departamentos do leste do país, liderados por Santa Cruz, conforman unha oposición bastante sólida ó goberno, e as quiexas das nosas relatoras revelaban que a resposta do presidente á mesma prodúcese con man dura e represión. Incluso nos apuntaron a existencia dun movemento independentista razoablemente vertebrado por parte deste sector do país.

Cabe lembrar, para que teñades tódolos datos e poidades así valorar por vós mesm@s, que Santa Cruz é o motor económico de Bolivia, e os do leste son os departamentos onde máis cartos se moven no Estado Plurinacional, coa mala relación coas políticas de esquerda que estas capas sociais adoitan manter.

Ó remate da parola política, moi interesante, visitamos o Estación Rock, un pub que a Cons e máis a min nos congratulou sobre maneira, e onde desfrutamos duns bos groliños e de fantástica música.

Vista da Praza de Armas de Santa Cruz de noite.

O sábado a conta atrás de finais do Celta marcaba o número 4. O Alcoiano rendía visita a Balaídos, e a verdade é que pouco puido facer ante un Celta que lles pasou por riba coma unha apisonadora. Nova proba de lume solventada con autoridade e facendo gala dun momento de forma primoroso, pero o Valladolid tampouco afrouxa. Insisto, haberá que loitar ata o final.

Saín do ciber onde escoitara o partido e dirixinme ó bar onde Arthur, Cons e máis Helene quedaran para ver a final da Liga de Campións. Despois do que viña de escoitar, o espectáculo resultoume cando menos mediocre, e aínda por riba o resultado deprimiu ó pobre Arthur. O positivo foi a visita sorpresa que recibimos por parte de Nati, a arxentina toliña que coñeceramos en San Pedro de Atacama.

Equpo co que presenciamos a final da Liga de Campións. Helene, Nati e Arthur, rebosante de ledicia tralo remate do partido.

Tocaba poñer rumbo a La Paz, e despedirnos, desta volta de xeito definitivo alo menos nesta viaxe, da nosa segunda bretoniña, Helene.

Chegamos a La Paz, sede do goberno boliviano, o domingo pola mañá. Coa boa impresión que nos causara o Hostal Torino en Sucre, decidimos repetir experiencia, pero na súa versión paceña o Torino é máis caro, e non ofrece nin almorzo nin internet. Durmimos unha noite, e o luns instalámonos no Loki, un hostel especialmente enfocado para extranxeiros, concretamente para os máis novos, para a mocidade. Non sei se vedes ónde quero chegar: o Loki ofrecíanos festa rachada tódolos días con xente de todo o mundo, algo que non nos desagradaba de todo a ningún dos tres. Ademáis, nel reatopámonos con dous membros do Asshole Team: Maz e Marcus.

Casco antigo de La Paz.

Casco antigo de La Paz.

Os catro días de estancia en La Paz combinamos festas nocturnas no Loki con escapadas diurnas pola cidade. No tocante ó primeiro aspecto cabe destacar as competicións organizadas polo propio hostel.

O luns había Quiz, 30 preguntas en bloques de 10 separadas por temas, e catro litros de birra para o equipo que presentase meirande número de respostas correctas. Eu formaba equipo con Arthur e con dúas alemás que alí coñecimos. Vímonos superados por un equipo de israelíes, que estou case seguro que fixeron trampa e tiraron de Wikipedia. Seguro.

E o martes, Beer Pong. Cada parella sitúase nun extremo da mesa con seis vasos de cervexa onde o equipo contrario ten que encestar unha bola de ping pong. Cada vaso que che encaixan, bebes. Eu formaba parella cunha londiñense. Polas similitudes co baloncesto tiña todo ó meu favor para impoñerme, pero non puido ser. Pasamos un par de roldas, pero por primeira vez na miña vida, sentinme identificado cos españois: caímos en cuartos de final.

De festa con Marcus no Loki.

Pero, como dixen, non todo foi festa. Polo día fixemos varias escapadas pola cidade. E teño que dicir, con tódolos respectos, que La Paz non me fixo demasiado feliz. O enclave é impresionante, situándose no val que conforman infinidade de cerros e formacións montañosas, ó longo das cales continúa medrando a cidade. Pero medra dun xeito desordeado, antiestético, amoreando vivendas unha enriba da outra sen ningún tipo de control. Os edificios, sen rematar, non contan con ningún tipo de pintura, e a alaranxada do ladrillo é a única cor existente nas formacións montañosas que rodean a cidade. En definitiva, a sensación que dá La Paz é a dunha pequena cidade rodeada dunha inmensa favela, ou villa en arxentino.

E no centro da cidade, a parte situada no val, reina o puro caos, a contaminación ambiental e sobre todo acústica, principalmente causada polo constante ruído dos cláxons dos automóbiles que non cesan. En serio, é desesperante. Un día máis en La Paz e teriades un amigo asasino en serie.

Refuxiándome no amor de Arthur para sobrelevar o barullo de La Paz.

Despois de poñer a feder a La Paz, situámonos no martes 23 de maio. 14:00 horas hora boliviana. Celta – Xerez. Antepenúltimo paso, antepenúltimo obstáculo a superar polo Celtiña antes de chegar á beira da Primeira División. Seguimos o partido nunha cafetería con conexión decente, algo realmente complicado de atopar en Bolivia. Alí estabamos Cons e máis eu acompañados por Aníbal, un chileno que coñecera minutos antes no hostel e que se animou a seguir as evolucións de Orellana.

Metade partido metade drama, a casta e a coraxe desplegadas polos rapaces elévaos ó rango de heroes. Demostración sen paleativos de identificación cunha camiseta, de sentimento por unhas cores. Pura épica. 4-1 tras unha remontada, como digo, heróica, e novamente a pelota no tellado do Valladolid. Ó remate do choque tiven que pechar moi forte os ollos, golpear o peito, apertar os dentes, morde-lo beizo. Non podía chorar. Aínda quedan dous pasos, e son de xigante.

E namáis remata-lo drama, rumbo a Copacabana, cidade situada á beira do Lago Titicaca e que serve de fronteira co Perú. Arthur arrincara pola mañá con Judith, unha alemá que coñeceramos a noite anterior no hostel. Judith era todo un personaxe. Independente, despistada, adicta ó viño tinto. Pasaba o día rindo a gargalladas. En serio, existen persoas sorrintes, persoas risueñas, persoas de risa fácil, e despois está Judith. Unha auténtica pallasa, no mellor dos sentidos da palabra, se é que ten algún malo.

Copacabana, na parte boliviana do Titicaca.

Xuntámonos os catro ben pasado o solpor, sobre as 21:30. Despois dun curto debate, deseñamos o plan para a estancia en Copacabana. Decidimos visitar o xoves á Isla del Sol, unha illa no medio do Titicaca, o lago navegable máis alto do planeta, situado a case 4.000 metros sobre o nivel do mar. Atracamos na parte norte.

Judith, facendo o parvo con Arthur.h

A Isla del Sol é de orografía abrupta, difícil de percorrer por elo e pola altura, que fai que che falte o aire nos pulmóns. Aínda así está poboada por xentes humides, que traballan as súas terras e o seu gando mentres se comunican maioritariamente no que nós identificamos coma aimara. Visitamos unhas ruínas incas e voltamos ó albergue para, despois dunhas partidiñas de asshole, descansar ben e gardar forzas para o que nos agardaba o día seguinte.

Peirao norte da “Isla de Sol”.

Venres. Eles tres erguéronse ás 06:00 para presenciar a alborada. Eu, co estómago en lamentables condicións, quedei na cama ata as 09:00. Cando estivemos os catro listos e preparados, dispuxémonos a afrontar a meirande animalada que se nos puido ocorrer dado o entorno no que nos atopabamos.

Alborada en “Isla del Sol”.

Aínda non sei moi ben por qué, a Arthur déuselle por propoñer percorrer a illa de punta a punta coas mochilas ó lombo, para dende o extremo sur, coller o bote de volta a Copacabana. Sete quilómetros. A 4.000 metros de altitude. Con case 20 quilos ás costas. Hai que dicir que existe un bote que fai este percorrido regularmente. Ninguén puxo moita énfase en levarlle a contra. Teño que recoñecer que fun o que máis apoiou a moción. Por favor, non me preguntedes por qué. Na cea da noite anterior Arthur xa se estaba arrepintindo da súa proposta, e o moi trastornado empecinouse en conseguir alugar un burro para que nos levase as mochilas, e a piques estivemos de conseguilo. Sería apoteósico, pero non puidemos concretalo. Aínda así xa non había volta atrás, insisto, non teño nin idea de por qué.

Antes de afrontar a derradeira media hora de travesía.

Levounos máis de tres horas, pero fixémolo. E investimos menos tempo do agardado, do que nos dixeron que iamos tardar. Sentinme ben, axudou a paisaxe que nos atopamos na parte sur, moito máis verde e alegre.

O plan era coller o bote de volta a Copacabana e meternos nun autobús directamente a Cusco, no Perú. Na propia embarcación coñecimos a dúas compoñentes máis para a nosa expedición, que tamén menexaban o mesmo plan e que se coñeceran en La Paz.

Por un lado estaba Ida, unha dinamarquesa de tan só 19 aniños amorosa coma ela soa. Tiña unha festa inesgotable no corpo, e a todos nos metía unha envexa máis ben tirando a insana cando se lle daba por facer eses alardes de enerxía que só te podes permitir facer cando tes esas idades. Penso que tod@s sabedes a qúe me refiro.

E pola outra banda estaba Natalie. Chegada de Suíza, Nati era directa, clara, concisa. Vacilona, sarcástica, inxeniosa. Lambereteira incorrixible, namoroume nunha conversa trascendental nocturna, desas nas que arranxas o planeta de polo a polo.

Dous galegos, un alemán e unha alemá, unha suíza e unha dinamarquesa. Do Asshole Team pasaramos ó Europe Team, e con el estabamos a abandonar Bolivia.

Un país enormemente modesto, pero que enche. Pobre en P.I.B., multimillonario en historia, en cultura, en variedade natural. De xentes sinxelas de corazón e complexas de personalidade. Envorcados coas súas raíces, involucrados e identificados coa súa verdadeira orixe.

Na contra do que diga o Banco Mundial, Bolivia é un país moi pero que moi rico.