Como dicía, o mediodía do 19 de marzo collín o bus en Florianópolis para chegar de noite a Porto Alegre. Dende alí, ás 22:00 da noite, partín a Montevideo. Tras case 12 horas nun ómnibus no que, a pesares de poñernos a segunda de Crepúsculo (nun do Brasil que agora non lembro xa nos puxeran a terceira), déronnos de cear e máis de almorzar, arribei a Montevideo ás 09:30 da mañá.
A capital charrúa recibiume de xeito acolledor, para facerme sentir coma na casa: chovía que se mataba. Tras informarme axeitadamente na terminal, alá fun co meu mapiña na procura dun hostel que gardase o perfil dos que viñemos escollendo ata o de agora: dos que teñen cama e ducha, o máis barato. As instruccións eran claras: tomar un colectivo con destino ou ben Ciudad Vieja ou ben Centro, e por alí preguntar, xa que prácticamente tódolos hostels da cidade teñen unha especie de prezo común establecido.
Seguindo os consellos de Sofi, unha rapaza que coñecín no autobús e que incluso me deu o correo dos seus irmáns couchsurfers, axudándome xa a facerme unha idea do carácter dos montevideanos, a miña elección foi o Hostel Che Lagarto, en Plaza Independencia.
Coma sucedera en Río, tiven que agardar unhas horiñas ata dispor de habitación, as cales investín en retomar a comunicación coa Terriña tras cinco días desaparecido. Cando puiden facelo, instaleime, pegueime unha duchiña, e a pulular por Montevideo.
Xantei nun restaurante a escasas cuadras do hostel, unha pizza por 60 pesos uruguaios, uns 2.40€. Iso si, para acompañar pedín un zume de ananás moi rico… por outros 60 pesos. E continuei co meu periplo en solitario por Montevideo, e como esquecera o mapa no Che Lagarto, decidín rememorar tempos pasados, e camiñar sen rumbo fixo e coa mente en branco ata topar co mar, utilizalo como punto de retorno, e voltar á orixe. É o que se chama “turismo ó estilo Adri”, algo absolutamente desaconsellable e que non debedes practicar en ningún caso nas vosas casas, é algo que só debe ser levado a cabo por profesionais na materia. Afortunadamente profesionais deste tipo só existe un: eu.
Total, que así sucedeu. Camiñei durante aproximadamente dúas horas ata chegar á zona de estaleiros, unha inmensidade, por certo. Encantoume atopar as fachadas dos edificios desta zona ateigadas de pintadas reivindicativas a nivel político-sindical, síntoma inequívoco de que a bravura é unha característica en común entre os traballadores do metal de, alo menos, a Galiza e o Uruguai.
Foi entón, cando topei co Río de La Plata, cando decidín voltar, mais para elo busquei un camiño alternativo e, evidentemente, igual de descoñecido. Cousas do destino, cousas da “colonización” galega en sudamérica, cando a vista se me foi para o letreiro da rúa que viña de abordar, entráronme unhas cóxegas polo estómago ó decatarme de que me achaba na Calle Galicia. É unha rúa longa, que fai diagonal coa rambla F.D. Roosvelt, unha de tantas que compoñen o paseo que percorre o litoral de toda a cidade, e que está salpicada de negocios con nomes alusivos á nosa cultura. Máis tarde, xa en Buenos Aires, gañán de min, entereime de que no barrio de Palermo existe a Plaza Galicia, con monumento a Rosalía de Castro.
Cando cheguei ó hostel, sobre as 20:00 do serán, un novo compañeiro de habitación estábase a instalar. Tratábase de Forrest (efectivamente, coma Forest Whitaker), un estudante dunha carreira moi interesante e que agora mesmo non me lembra cál é nunha universidade de Santiago de Chile, nado na China e residente en Sidney. Comezamos a falar, e fumos a pegar outra volta pola cidade. Por fortuna Forrest non esqueceu o mapa, e optamos por coñecer Ciudad Vieja, a zona de Montevideo máis monumental e con arquitectura de meirande beleza, mentres faciamos unhas risas compartindo as impresións que nos causou o Paraguai (dentro da nosa ignorancia, xa que ningún de nós pasou alí máis de un día) e parolabamos sobre tenis. Ceamos unhas moi ricas hamburguesas de tenreira nun restaurante da zona, e a durmir, que os dous levabamos xa un bo tute no corpo.
O mércores foi o día do reencontro co compañeiro pródigo. Co seu mono de Floripa aparentemente saciado, Pablo Cons entrou pola porta do Che Lagarto ó redor das 11:00 da mañá. Mentres se instalaba contoume que o día de bonus na Lagoa da Conceição pasouno surfeando de novo na praia de Mole, tamén con Richi, mais o meu relevo no impartimento de clases maxistrais de dominio das ondas foi asumido por Miguel, que deu o salto da beira da praia ás augas. Nacho, pola súa parte, estaba entretido con Vanessa, a moza que centrara os seus traballos nos últimos días, e espero que sen atender ós nosos consellos.
Unha vez postos ó día, saímos do hostel para face-lo percorrido pola costa montevideana. Dende a nosa ubicación no centro-oeste da cidade, son sobre dúas horas de camiño ata a praia de Pocitos, camiño ó longo do cal te vas atopando con varias praias menores, entre as cales destaca a de Ramírez. Todas elas son praias anchas, de areas un tanto duras e non demasiado limpas, e de augas moi calmas debido á súa procedencia fluvial.
Na recepción do Ché Lagarto tamén nos recomendaron adentrarnos no Parque Rodó, que se extende ata a estrada do paseo litoral, e que conta con múltiples prazas e esculturas. Deitados na praia de Pocitos entrounos unha fame atroz, e dado o país no que nos atopabamos, a solución pareceunos obvia. Achegámonos de novo ó Centro, e puxémonos as botas a base de tenreira nun restaurante ó que determinado sector da nosa panda en Vigo -con Roi Rodríguez e César Torres á cabeza- denominaría “de ministros”.
Ó día seguinte amencimos entre ventos furacanados. Nos nosos plans estaba abandonar Montevideo para, ou ben visitar Cabo Polonio, unha localidade que carece de enerxía eléctrica e que conta con praias rodeadas de grandes dunas, ou ben Punta del Diablo, outra turística cidade do leste do Uruguai famosa polas súas praias.
Tras enchernos de tenreira unha vez máis, chegamos á terminal, onde nos dixeron que non sairía ningún ómnibus máis hacia ningún dos dous destinos ata o día seguinte. Desta volta non contabamos co noso clásico recurso de facer unha parada estratéxica previa, así que, ante a miña insistencia, decidimos saltar directamente a Buenos Aires.
Coa mágoa de non ter coñecido máis profundamente o Uruguai, abandonámolo a el e á súa capital. Montevideo, unha cidade pequecha pero xeitosa, que de algún xeito transmite boas vibracións mentres a percorres, apórtache sensacións positivas ó tempo que te perdes nas súas rúas. As/os montevidean@s, acolledoras/es, atent@s e tremendamente educad@s, seguramente teñan algo que ver na creación desta atmósfera.
Seguinte parada, Buenos Aires, pero iso xa será outra historia. Que mo digan a min.