Arquivo por etiquetas: Priemira División

¡Hip hip!

Corría o ano 1.991. Eu era un cativo de 9 anos que medraba na casa dos meus avós, xa que miña nai botaba todo o día fóra da casa traballando a reo. Estudaba no Colexio Pombal. Ata alí, na quenda de mañá, achegábame e traíame de volta a casa a miña nai. Polo serán levábame e recollíame o meu avó.

Tódolos días, ó chegar a casa, os dous sentabamos xuntos diante do televisor para ver As Bolas Máxicas, mentres eu rillaba o bocata de merenda que a miña avoa me tiña preparado. Son Goku era o meu heroe. Anoxábame co meu avó, que, para facerme rabiar, lle chamaba “o mixiricas”.

As fins de semana pasabámolas en familia. Miña nai e os meus avós xogaban ás cartas, eu xogaba a lanzarme un pano coa miña tía, diminuída psíquica que eu sentía e quería coma unha irmá pequena.

Agás os domingos. Os domingos á tardiña o meu avó desaparecía. Pechábase no salón e nada se sabía del durante dúas horas. Bueno, si que se sabía del. De cando en vez, de súpeto, e non necesariamente tódolos domingos, dende o seu peche no salón lanzaba un berro emocionado, un “¡hip hip!” que soaba na casa enteira e tralo cal automáticamente a miña nai e a miña avoa estoupaban de ledicia, berrando e soltando xestos de rabia. Eu non entendía nada. Non sabía qué significaba ese “hip hip”, non comprendía por qué se poñían tan contentas as miñas vellas. Pero igualmente o agardaba con impaciencia, igual que facían elas, porque sabía que era sinónimo de festa e felicidade.

Cando o berro máxico tardaba en chegar, a miña nai enviábame ó salón. Eu petaba na porta, e entraba. O meu avó estaba sentado nun curruncho, cun pequeno transistor pegado á orella e facendo tremer de xeito nervioso a súa perna. Non sabía qué quería dicir, pero eu preguntáballe: “¿cómo vai o Celta?”. Cando o meu avó voltaba do salón sen ter cantado ningún “hip hip”, sabía que o resto do domingo ía ser apagado e aburrido.

A min non me interesaba o fútbol. Cando había partido na tele ollaba para outro lado, cando comezaban os deportes no Telediario poñíame a facer outra cousa. Sabía que o Celta era un equipo de fútbol, pero non sabía qué significaba, o que supoñía, nin sequera qué ou a quén representaba.

Aínda así, un domingo o meu avó levoume a ver un partido do Celta a Balaídos. A pesares das advertencias da miña nai, que estaba segura de que ía morrer de aburrimento. Todo apuntaba a elo, pero o meu avó, celtista de pro, insistiu en levarme con el.

Sempre digo que os celtistas de pro temos unha propiedade, unha especie de “superpoder”: identíficámonos entre nós tan só con ollarnos, sen necesidade de cruzar unha soa palabra. E estou seguro de que o meu avó percibiu iso en min. A pesares de ser consciente de que ata ese momento non me interesara o máis mínimo polo Celta, el viu en min a capacidade, as cualidades perfectas para ser celtista, sentiu a miña paixón, entendeu que estaba feito desa pasta especial que se require para ser deste equipo, algo que non é doado de atopar.

Para a meirande parte de vós isto soará a fantasía, a sentimentalismo barato, incluso a delirios post ascenso. Tamén é certo que a meirande parte de vós, con tódolos respectos, non sabedes quén é Julián Vara.

Equipo do Celta na tempada 1.991/92.

Chegamos a Balaídos, e subimos as escadas que levaban á nosa localidade. O meu avó era socio de Tribuna. Pagáralle o abono o seu xefe, o Señor González, para quen o meu avó era e supoñía todo, pouco menos que o veneraba. Deixamos atrás o último chanzo, asomamos, e abriuse ante min o estadio enteiro. Había pouco máis de media entrada, pero para min era moitísima xente, máis incluso da que vira nas Cabalgatas de Reis. No céspede os xogadores víanse pequerrechiños, máis pequenos do que se apreciaba na tele. Facían exercicios de quecemento, e os aspersores funcionaban a todo meter. O meu avó sinaloume o xeu xogador favorito. Chamábase Fabiano.

Fabiano Soares.

E deu comezo o partido, aquel Celta – Murcia, e descubrín cómo o celtismo daba renda solta á súa paixón. Cando tocaba o balón Fabiano había división de opinións, o que sempre aconteceu en Balaídos cos xogadores talentosos. Cando o esférico chegaba a pés dun rapaz espigado que xogaba de dianteiro, aumentaban os decibelios, a xente apertaba os puños, erguíase do seu asento. O meu avó explicoume que se trataba de Vlado Gudelj, o noso máximo goleador.

O encontro rematou con empate, 1-1. A afeción, incluído o meu avó, saíu do estadio decepcionada. Eu non. Xa sabía que aquel era o equipo da miña cidade. O meu avó explicárame que o Celta é o equipo que nos representa a tódol@s galeg@s: as súas cores son as da nosa bandeira, a súa camisola presídea a Cruz da nosa capital, e o seu nome proclama a nosa cultura. Xa sabía cómo o celtismo vive ó seu equipo, viña de comprobar cómo sufren por el, e eu sufrira canda eles. Xa non había volta atrás. O meu avó estaba no certo, o seu instinto de celtista de pro non errara. Aquel primeiro de decembro de 1.991 foi o meu primeiro día como celtista.

O domingo seguinte a miña nai non tivo que enviarme ó salón para que preguntase “cómo vai o Celta”. Cando o meu avó entrou pola porta para sentar no seu curruncho, eu estábao a agardar no sofá do seu carón. Agora sabía qué significaba o “¡hip hip!”, e devecía por berralo canda el. E ó domingo seguinte, cando o meu avó abriu a porta para dirixirse a Balaídos, eu estaba aferrado á súa perna. Non me perdín un só partido de alí ó remate de tempada.

A miña primeira grande cita como celtista foi o partido fronte ó Sestao no que celebramos o ascenso a Primeira División. Cando o árbitro chiflou o final e a xente comezou a invadir o terreo de xogo, eu ollei cara o meu avó. Os seus enormes ollos azuis brilaban cunha intensidade inusitada. O seu sorriso, sempiterno, lucía con máis forza que nunca. Eu non lle quitaba ollo de enriba, e rachábame as mans a aplaudir.

Celebración do equipo coa afeción en Praza do Rei tralo ascenso do ’92.

A tempada seguinte, a do retorno a Primeira, o Señor González tiña pensado pagarme o carné de socio a min tamén. Pero un cancro de próstata varreu ó meu avó. Do seu fogar, da súa localidade de Tribuna, da súa cadeira naquel curruncho do salón. Das nosas vidas. Nunca máis se voltou a escoitar un “¡hip hip!” naquela casa.

Pasaron anos ata que puiden voltar a pisar Balaídos. Foron anos de “exilio”, pegado ó mesmo transistor que utilizaba o meu avó, no mesmo salón, pero no sofá de enfronte, respectando o seu curruncho. Foron anos nos que Xaime Escudeiro se converteu nos meus ollos. El foime narrando cómo Cañizares se convertía no porteiro menos goleado da liga, grazas ó cal mantiñamos a categoría con vitorias tan importantes coma aquel 3-2 fronte ó Barça do Dream Team, que aquel ano se proclamaría campión de Liga e Copa de Europa. Este partido vino no Chester, mítico bar calvariense, canda o meu curmán David. A el tamén lle metera “o becho” do Celta o meu avó, e el recolleu o relevo coma guía na miña formación como celtista.

Santi Cañizares, zamora na tempada 1.992/93.

Presenciei, un 20 de abril, cómo Alejo destrozaba o punto de penalti e con el as nosas ambicións de acadar o noso primeiro título, naquela final de Copa no Vicente Calderón fronte ó Zaragoza de Víctor Fernández. Eran as primeiras bágoas que vertía como celtista. Ese mesmo ano papei de principio a fin o infumable partido amañado fronte ó Valladolid, no que selamos a permanencia e no que a ambolosdous lles valía o empate para cumprir os seus obxectivos.

Momento no que Alejo lanza o penalti que ía deter Cedrún.

Once que sacou o Celta na final de Copa do ’94.

Tamén por Xaime Escudeiro escoitei o hat trick de Gudelj en Las Gaunas, co que da man de Carlos Aimar certificabamos a salvación matemática nun ano complicado no que nos desmantelaran o equipo da tempada anterior.

O verán de 1.995 vin cumprido un dos soños da miña vida. Polo meu aniversario, o meu curmán David agasallábame co carné de socio do Celta, e de paso facía de min o rapaz máis feliz do mundo. Voltaba a Balaídos, e facíao para non abandonalo xamáis.

Pode que como exame para comprobar se tiña o que hai que ter para ser socio do Celta, a primeira proba que tiven que superar como abonado foi de órdago. Case morro co susto ó comprobar cómo descendían administrativamente ó Celta a Segunda División B por non presentar a tempo os avais ante a RFEF, pasei semanas pegado á radio escoitando noticias de terminoloxía burocrática que non entendía nin de lonxe, saín á rúa nunha manifestación multitudinaria, e finalmente, tras unha mañá enchufado ó walkman escoitando a votación de tódolos presidentes de Primeira División, celebrei chorando e correndo coma un tolo pola beira de Samil a decisión destes de ampliar a Liga a 22 equipos.

E como socio, podo dicir que tiven o privilexio de vivir tanto os mellores coma os peores momentos da historia do Celta. Desfrutei da época dourada do EuroCelta e padecín este último lustro de pesadelo interminable na Segunda División.

Vin cómo comezaban a aterrar en Vigo xogadores dunha calidade extraordinaria, como Mazinho, Revivo, desfrutei dos primeiros destellos como celeste dun díscolo Mostovoi, e quedei namorado para sempre do seu fútbol, da súa clase infinita. Catei por primeira vez as augas de Praza América, para celebrar a permanencia acadada tras destrozar a un Real Madrid campión, na penúltima aparición salvadora de Gudelj.

Vlado celebrando un dos tres goles que lle espichou ó Madrid na derradeira xornada da 96/97.

Afíxenme a gañar na primeira tempada dunha época inesquecible, na que guiados por Mazinho e liderados pola mellor versión de Mostovoi, perfectamente complementado por Karpin, rematamos por clasificarnos por segunda vez na nosa historia para a Copa da U.E.F.A., culminada cunha vitoria por 2 a 0 sobre o Mérida, esta vez si, coa derradeira actuación heróica do por aquel entón xa mitificado Vlado Gudelj.

Con aquel 2-0 ó Mérida, Gudelj consagrouse coma un dos mitos da historia do Celta.

Rebosei orgullo por tódolos poros da miña pel mentres a prensa deportiva mundial se desfacía en eloxios ante un Celta que abraiou a toda a Europa futbolística, deixando na cuneta a Aston Villa e Liverpool cun fútbol preciosista en competición continental, e sometendo con autoridade ós grandes da competición doméstica, coma naquel lapidario 5-1 en Balaídos fronte ó Real Madrid.

Revivo na ida da eliminatoria fronte ó Aston Villa.

O Zar, no mitico 3-1 ó Liverpool en Balaídos.

Empurrei, sopreille canda todo Balaídos a aquel balón ó que non puido chegar Gudelj na volta dos cuartos de final da U.E.F.A. contra o Olympique, e rematei o ano partíndome a ialma chorando trala única derrota en Balaídos de todo o ano, naquela fatídica última xornada contra o Atlético de Madrid, que nos deixaba fóra da Liga de Campións.

Gocei coma nunca o fixen con este deporte grazas a exhibicións ante toda Europa do calibre dos históricos e arquicoñecidos 7-0 ó Benfica e 4-0 á Juventus. Igual que os xogadores sobre o céspede, desespereime coa defensa do Lens no partido de ida, e derrubeime no partido de volta dos cuartos de final en Francia.

Celta 4 -Juventus 0.

Valery Karpin, naquel histórico 7-0 ó Benfica.

Emocioneime coa remontada histórica da segunda volta da 2.000/01, na que pasamos de rozar o descenso a meternos en Europa, alcanzando os cuartos da U.E.F.A. e a final de Copa de España. Viaxei a Sevilla, e desfíxenme en bágoas de impotencia ó ver cómo fuxía a oportunidade máis clara que xamáis teremos de acadar un título.

Golazo de Mostovoi que nos adiantaba na final de Sevilla.

Valerio, desolado tralo remate do choque.

Tamén estiven no estadio cando voltamos a quedar fóra da Liga de Campións na derradeira xornada de liga, tras aquela remontada do Sevilla en Balaídos, nun dramático partido que supoñía a despedida de Vigo tanto de Karpin coma de Víctor Fernández.

Celta 2.001/02. Para quen non o lembre, o que está entre Cavallero e Berizzo é Boban, Zvonimir Boban.

Liderei cos meus cánticos en Praza América ás afecións de Celta e Real Sociedade, nunha xornada histórica que serviu para irmanar ás dúas hinchadas durante a celebración da nosa primeira clasificación para a Liga de Campións.

Mostovoi e Mido celebran un dos goles que nos meteron en Champions tras derrotar 3-2 á Real.

Asistín atónito, aturdido, impotente, ó inexplicable desfondamento do mesmo equipazo que o ano anterior se clasificara para a máxima competición continental, e que rematou cun vergoñento e esperpéntico descenso a Segunda. Desmoroneime, cos nervios destrozados, no derradeiro partido, un despropósito que rematou con derrota 0-2 fronte o Mallorca.

Os mesmos xogadores que saltaban ó céspede de Highbury para disputar a volta dos oitavos da Liga de Campións, descendéronnos a Segunda.

Celebrei dous ascensos o mesmo ano, un en Praza América trala vitoria no campo en Xerez, e o segundo saltando ó cespede dos Camps d’Sports de Lleida despois de que o 0-3 Chapín se convertise nun 3-0 por aliñación indebida de Toni Moral. Aínda se me poñen os pelos de punta ó lembrar a festa que se desatou na capital ilerdense cando Jesús Perera marcou o gol da tranquilidade.

Toma do céspede para celebrar o ascenso en Lleida.

Case lle fago un monumento a Fernando Vázquez, baixo cuxa dirección, un plantel curto e modesto converteuse no segundo equipo da historia en meterse en Europa o mesmo ano que ascendía. Seguro que axudou contar con xogadores como Pinto, terceiro zamora da historia do clube, Silva, Ángel, Baiano, ou un Oubiña a un nivel espectacular.

David Silva, o único ano que xogou en Vigo.

Agonicei durante as xornadas finais canda un equipo ateigado de mercenarios, un equipo marcado xa co estigma da morte varias xornadas antes do remate da liga, pero que prolongou a súa agonía ata unha xornada final na que, nun episodio noxento e deleznable, Santander e Levante deixábanse perder ante Betis e Athletic, condenando ó Celta ó seu segundo descenso en tres anos.

Gustavo, todo corazón sempre, roto tralo descenso de 2.007.

Ata aquí quería chegar. Este é o punto de inflexión desta publicación porque, á súa vez, este foi un punto de inflexión na Historia do Celta. Con toda seguridade foi aquí cando deu comezo a época máis escura dos 88 anos de vida do clube. É certo que na década dos ’80 tocamos fondo histórico co descenso a Segunda B, pero non tardamos tanto tempo en retornar a Primeira. Tamén é certo que nos ’60 vagamos durante dez longos anos polo pozo de Segunda, e é ese o período máis prolongado que nos mantivemos afastados do noso hábitat natural na Primeira División. Pero nin tan sequera naquela penosa travesía dunha década polo deserto estivemos, coma sucedeu varias veces ó longo deste último lustro, a piques de desaparecer para sempre coma entidade.

É por isto polo que, a todas luces, o período que vai de 2.007 a 2.012, supón a época máis escura da Historia do Celta. É, sen lugar a dúbidas, a nosa Longa Noite de Pedra.

Tralo remate do partido fronte o Xetafe co que certificabamos a perda da categoría, iniciamos unha caída libre, un vertixinoso descenso ata o máis fondo dos infernos futbolísticos. Durante un lustro estivemos deambulando polas tenebras da Segunda sen rumbo, perdidos, sen atopar unha saída, case que desafiuzados.

Foron cinco anos vivindo un pesadelo que parecía non rematar xamáis, cinco tempadas onde non nos quedou máis remedio que afacernos a convivir coa mediocridade. Tivemos que asumir que os días de glamour remataran, as grandes tardes de gloria onde nos enfrontabamos ós mellores equipos do continente e lles faciamos fincar o xeonllo quedaran atrás. Xa non sairíamos nas portadas dos xornais nin nas cabeceiras dos informativos de deportes.

Pasamos de xogar en Delle Alpi, Amsterdam Arena e San Siro a arrastrarnos por Ipurúa, Stadium Gal ou El Collao. O mesmo equipo que percorría o mítico túnel de vestiarios de Anfield Road agora se enchía de lama en El Alcoraz.

Derrota tras derrota, fracaso a fracaso, convertímonos nun equipo máis de Segunda. Con toda a dor da nosa ialma debimos afacernos a ver ó equipo dos nosos corazóns vagar penosamente durante anos polo fondo da táboa de Segunda. A nosa camisola xa non pesaba, o noso escudo non impoñía respecto, Balaídos era calquera cousa agás un fortín.

Estes cinco anos de eterna penitencia polas catacumbas do fútbol estatal estiveron salpicados de innumerables intres traumáticos, experiencias grotescas, episodios que no pasado máis inmediato serían impensables. Ningún celtista incondicional poderá esquecer xamáis episodios deplorables como o da última xornada da tempada 2.007/08, cando coa nosa inoperancia permitíamos que o Alavés nos remontara o partido na segunda parte, e faciamos inútil a vitoria dos nosos irmáns de Ferrol, provocando o seu descenso.

Cómo borrar das nosas mentes o 10 de xuño de 2.008, día que se facía pública unha débeda de máis de 84 millóns de euros, e recoñecíase a obriga de acollerse á lei concursal para non quebrar definitivamente e evitar a desaparición como entidade. Tras unhas agónicas semanas procurando acreedores que mercasen a nosa débeda, Facenda e Caixanova facíanse cargo do 85% do montante, e deseñábase un plan de viabilidade económica que traería unha nova era de enorme austeridade a Praza España.

O director xeral antonio Chaves explicando á prensa a decisión de acollerse á lei concursal.

Os días de talonarios e orzamentos desorbitados mudaran en arcas baleiras, axustes de todo tipo e despedimentos masivos. A necesidade levou por diante símbolos de sempre, emblemas que compoñían a nosa identidade, como a marca Umbro, e ata á “voz de Balaídos”, Antón López. Oficialmente eramos un orzamento medio na Segunda División.

Con todo, seguramente o intre máis desgarrador para os castigados corazóns celtistas chegou un sábado, o sexto día de xuño de 2.009. Penso que todos estaremos de acordo en que a proba máis complicada á que nos tivemos que ver sometidos os incondicionais deste equipo foi aquel partido a cara de can fronte o Alavés, ó que chegabamos tras gañar únicamente un partido dos vinte anteriores. Nas nosas retinas quedará gravado polo resto das nosas existencias a saída ó céspede de Iago Aspas. Nas nosas ialmas está marcado a lume o instante exacto no que, pasando 85 anos, 9 meses e 26 días desque se fundara o Celta e do minuto 90, un Iago debutante coa celeste cazaba un rexeite no corazón da área pequena, agarraba o propio corazón moribundo do Celta e aplicáballe a descarga que o devolvía á vida.

Tarde heróica a do debut de Iago. Comezaba a labrarse a súa propia lenda.

Así deixabamos atrás o intre máis crítico deste lustro de pesadelo e da Historia do Celta, pero non remataba aí o noso sufrimento. Aínda tivemos que padecer unha tempada máis de desesperación, de frustración, de impotencia ó ver ó equipo incapaz de alonxarse dos postos baixos da clasificación.

Aínda así, no enésimo proxecto de ascenso fracasado, no medio dunha espesa brétema que semellaba que non nos ía permitir atopar o noso rumbo nunca máis, apareceu un pequeno raio de luz, un lonxano halo de esperanza ó que aferrarse para emprender o camiño da fuxida do inferno. Unhas aliñacións ateigadas de canteiráns levaban ó equipo a practicar un fútbol dunha calidade que non se desfrutaba en Casa Celta dende os tempos de bonanza, e só a bisoñeza e candidez da liña de ataque impedía sacar os partidos adiante.

Aí estaba a chave. A nosa propia identidade constituía os alicerces sobre os que basear un proxecto sólido de retorno á máxima categoría. O camiño de saída do pozo pasaba pola Madroa, a canteira era o sangue que precisaba o Celta para poder sobrevivir. O seu propio sangue.

Once, con 8 canteiráns, que xogou a volta dos cuartos de final de Copa fronte ó Atlético de Madrid.

Con esta nova filosofía por bandeira, o Celta protagonizou dous primeiros tercios de liga impecables, sen apearse de postos de ascenso e chegando a liderar a táboa con autoridade. Pero o mal de alturas, o exceso de responsabilidade dun plantel demasiado inexperto e implicado provocou que o equipo caíra ata o sexto posto ó remate da liga, e se vise na obriga de xogar un playoff que supuxo outro dos momentos máis traumáticos para o celtismo deste período de contínuo padecer.

O mesmo que a actuación heróica de Aspas fronte ó Alavés, ningún de nós poderá esquecer aquela fatídica quenda de penaltis á que chegamos tras un partido de infarto. No medio dunha encerrona perpetrada pola directiva do Granada, diante dun público infame e inexcusablemente violento, o punto de penalti voltábase a cruzar no destino do Celta. Semellaba, tralos catro primeiros lanzamentos, que por fin nos podería sorrir a fortuna nun momento trascendental da nosa historia, despois de case un século con ela virada de costas a nós.

Xogadores do Celta abrazados durante aquela fatídica quenda de penaltis en Granada.

Roberto, porteiro do Granada criado asimesmo na Madroa, vencíase á dereita. O lanzamento de Michu, á esquerda. Non. Tampouco desta volta a Deusa Fortuna tiña pensado amosarnos a súa faciana, a que din tan fermosa é. Esa zorra…

O que planeara era ir un paso máis alo na súa crueldade, empapar os nosos inocentes beizos co mel máis doce para acto seguido propinarnos un novo pao descomunal, definitivo. Ninguén dubidou nese momento que non sería o Celta o que pasase aquela eliminatoria. O celtismo enteiro decatouse diso cando o disparo de Michu marchou arriba, tan arriba que chegou a bicar o ceo granadino.

Alo menos Fortuna decidiu amosarse clemente, e os acontecementos precipitáronse inmediatamente. Roberto transformaba o seu penalti, e acto seguido rexeitaba o de Catalá, consumándose a traxedia. A penitencia na Segunda constaba, alo menos, dun ano máis.

Roberto Fernández Alvarellos, porteiro do Granada, transformando o seu lanzamento.

Foron cinco anos de pesadelo nos que sufrimos o indicible. Vivimos cómo partido a partido, as bancadas de Balaídos ían quedando desertas ós poucos. Derrota a derrota, as cadeiras baleiras foron gañando espazo ata deixar un panorama desolador. Decepción a decepción, os celtistas foron abandonando o barco para deixar ó equipo nas mans dos 4.000 que non estabamos nin estaremos dispostos a abandonalo xamáis.

Nós sentimos e vivimos en celeste. Entendemos o celtismo coma un sentimento incondicional, que doe, que desgarra a ialma a disgustos, pero que inexplicablemente enche, realiza, engancha. Somos adictos ó sufrimento, non saberiamos qué facer sen el. Somos inmunes á derrota, ó fracaso. Alí onde vaia o Celta, nós iremos canda el. Non importa o fondo que caia, os nosos brazos estarán aínda máis abaixo para aguantalo e empurralo de volta.

Sen dúbida este foi o filtro definitivo. Quedamos os que somos, e somos os que quedamos. Os que padecimos xogadores indignos de vestir a celeste, os que sufrimos adestradores impropios do banco de Balaídos. Transcorridos uns anos, só nós lembraremos nomes coma Vitolo, Ioannis Okkas, Juan Manuel Peña, Adrián González, Fernando Sales, Vladimir Manchev, Petar Zanev. Danilo, Saulo, Cellerino, Arthuro Bernhardt, Aarón Ñíguez. Edu Moya, Fernando Fajardo, Óscar Díaz, Fabiano Lima, Renán, Verpakovskis. Stoichkov, López Caro, Antonio López, Alejandro Menéndez, Pepe Murcia.

Diego Costa, George Lucas, Lequi, Agus, Núñez… Rober, un do Calvario, o único que safa.

Ninguén, agás nós, se lembrará deles. Porque xa estamos de volta. O fútbol devolveunos ó noso sitio, o sitio do que non debimos saír xamáis. Pero non estamos de volta grazas a un fútbol calquera. Estamos de volta grazas ó fútbol da Madroa. Apuntalados por xogadores dunha calidade e implicación incuestionables como De Lucas, Joan Tomás, Orellana, Bermejo ou Oier entre outros, a base e espírito deste equipo confórmano xogadores da terra. Xogadores que sinten e comprenden a filosofía deste clube porque levan mamando del dende cativos. Puros celtistas, afecionados que se non contasen co don de xogar ó fútbol coma os anxos, serían un máis dos 4.000 que aguantamos estoicamente o chaparrón de fútbol atroz que se nos brindou os tres primeiros anos de odisea.

Celta 2.011/12, un Celta de Primeira.

Si, xa estamos de volta. Voltaremos ós estadios glamurosos e de primeira liña mundial dos que desaparecimos cinco anos atrás. Apareceremos de novo nas portadas dos xornais, nas cabeceiras dos informativos de deportes. A prensa española falará galego, en todo o estado soarán poboacións como Catoira, Marín, O Calvario, Bertamiráns, O Porriño, Vilagarcía, Moaña, Coia, A Coruña, Ferrol, A Pobra do Caramiñal.

Álex, trala vitoria en Tarragona que nos deixaba a un paso de Primeira. A súa cara fala por si mesma.

Voltaremos máis fortes ca nunca, coa fortaleza do que se sabe sobrevivinte do inferno. Curtidos tras un lustro loitando nunha competición na que cada partido é unha batalla, unha competición que esixe o máximo, que castiga, que desgasta.

E voltaremos máis unidos ca nunca, cunha afeción que ven de reengancharse ó equipo no tramo final dunha loita polo retorno que, ollando cara atrás, foi eterna. Benvid@s sexan. Porque a nova loita que se nos presenta por diante vai a ser incluso máis dura, máis esixente en moitos aspectos. E ímol@s precisar a toad@s.

Xa estamos aquí, no lugar que por historia nos pertence. Sabemos que nos botaban en falta, cónstanos que preguntaban por nós. Pedimos desculpas pola demora. A cousa complicouse un pouquiño. Liáronnos. Pero non se preocupen, porque desta volta non temos pensado marchar.

A estreleira, o galeguismo presente nas celebracións.

Iso si: se marchamos, aí estaremos @s 4.000. Porque non entendemos outro xeito de ser do Celta que o incondicional. Porque ése é o único xeito. Que lles pegunten a eles, ós heroes que nos trouxeron aquí. O meu avó estaría orgulloso. Si, avó, xa estamos en Primeira.

¡Hip hip!