Arquivo por etiquetas: proxecto

Concepción do proxecto e primeiros pasos hacia a consecución: un soño feito realidade

Ninguén sabe con certeza, nin eles mesmos, cómo se produciu o momento exacto no que xurdiu a idea de face-la volta ó mundo. Tampouco cándo. Nin sequera ónde. Psicólogos, sociólogos e demáis estudosos de mentes perturbadas non se poñen de acordo á hora de elaborar unha posible recreación do momento no que se concebiu o proxecto. Dúas son as teóricas escenas que contan con máis apoios. A primeira sería a seguinte:

Martes 15 de decembro de 2.009. 00:40 AM. Bar O Batallón, Churruca, Vigo.
-O mércores temos Asemblea Comarcal.
-¡Pois hai que abogar por unha refundación inmediata do BNG, así non imos a ningures!
-Bueno home, é certo que temos que cambia-lo rumbo, pero tanto como unha refundación…
01:30 AM
-…porque non se pode percibir o mundo dende un punto de vista occidental, hai que percibilo dende un punto de vista intercultural!
-De feito en occidente, por exemplo en Europa, non existe unha verdadeira democracia porque as competencias dos estados reais foron transferidas a un estado europeo inexistente.
-Molaba facer unha viaxe por Latinoamérica, estilo “Diarios De Motocicleta”, para empaparse do esquerdismo alí emerxente.
-O que molaba era facelo por todo o mundo…

A segunda opta máis ben pola seguinte recreación:

Martes 8 de decembro de 2.009. 06:20 AM. Pub Planta Baixa, rúa Lepanto, Vigo.
-Dis que atoparon unha pitón no baño, colega.
-¡Pero iso foi hai unha chea de tempo!
-¿De ónde é a pitón?
-Pois anda por Asia e Oceanía, creo.
06:50 AM
-O xoves hai festa Erasmus.
-Pois desfruta ti que podes. ¡Hip! Colle o enderezo das erasmusas máis interesantes, algún día heilles devolve-la visita.
07:15 AM
-¡Brindemos por iso! ¡Hip!
-¿Por qué?
-Pois non me lembra… por unha pitón que veu aquí de Erasmus, creo… ¡Hip!
-¡Non hai pelotas de devolverlle a visita á pitón!
-¿Que non? ¡Hip! ¡Á pitón e a tod@s! ¡Ernesto!

Como se pode comprobar, a única coincidencia existente entre as dúas teorías é o día da semana no que se desenvolven os feitos. Isto é debido a que o luns era o único día que libraba Adri. Sen embargo eu, que estaba alí e que ó manexar información privilexiada sei que Adri tamén librou un xoves, asegúrovos que a cousa debeu ser algo semellante ó seguinte:

Xoves 10 de decembro de 2.009. 02:50 AM. La Fiesta De Los Maniquíes, rúa Irmandiños número 11, Churruca, Vigo.
-O mércores temos Asemblea Comarcal.
-¡Pois hai que abogar por unha refundación inmediata do BNG, así non imos a ningures!
-Bueno home, é certo que temos que cambia-lo rumbo, pero tanto como unha refundación…
03:15 AM
-¡Molaba facer unha grande alianza entre tódalas nacións celtas!
-Xa… ¡Hip! Espera que vou a por outra rolda. ¡Vane!
03:40 AM
-Falando do Celta -porque en toda conversa trascendental ten que ter cabida o Celta-, ¿qué opinas das fichaxes de inverno?
-¿Papadopoulos e Cellerino? Non os vin xogar na vida, pero dame a min no nariz que nos van aportar o gol que precisamos para engancharnos arriba. ¡É máis, dígoche unha cousa! ¡Hip! A comezos de tempada apostei 10€ a que o Celta gañaba a Copa, e se acerto gaño 20.000€.
-Buah… ¡Hip! ¿En qué podiamos meter 20.000€?

Por desgraza, o Celta non gañou a Copa. O financiamento da viaxe non ía saír dos 20.000€ da aposta de Adri, pero iso era xa o de menos. A semente xa estaba posta. O tema “volta ó mundo” foille gañando espazo nas conversas á política, ó fútbol, ás mulleres e incluso ás pitóns; comezáronse a barallar diferentes alternativas para cubri-lo orzamento, o que naceu como un soño, como un proxecto incoherente e irracional, foi tornanado pouco a pouco en algo cada día máis tanxible, máis posible de acadar. A utopía mudou en ilusión, a ilusión en obsesión, e, co tempo, a obsesión en realidade. Fóronse completando etapas, fóronse cumprindo obxectivos, e antes do agardado xa se estaban a cubrir trámites tan tan inequívocamente definitivos como o trazado da ruta polo miúdo, a posta de milleiros de vacinas e, finalmente, a ansiada reserva de billetes.
Un dos soños das nosas vidas feito realidade. Algo tan difícil de asimilar que, aínda hoxe, mentres escribo estás liñas a falta de menos dun mes para partir, estou desconcertado, tratando de procesar o que ven de acontecer e o que temos por diante.
Só espero estar á altura e saber valorar semellante privilexio na súa xusta medida.