Arquivo por etiquetas: Reñaca

Santiago, Valparaíso e Viña del Mar: percorrendo o corazón de Chile.

Luns 30 de abril. Coma ven sendo habitual nos últimos desprazamentos, chegamos ó noso destino, Santiago de Chile, con algo de retraso. Pasaba das 09:00 da mañá cando dimos coa porta do noso hostel. Novamente, e por sorte, contabamos coa garantía de calidade que ofrece a cadea de hostels Che Lagarto. ¿Nótase moito que quero abrir un cando volte a Vigo? Espero que non.

O caso é que tras ser atendidos por unha fermosa colombiana chamada Gina, fumos a deitarnos unhas horas para descansar un pouquiño o corpo. Puxémonos en marcha ás 15:00 do serán, e tras preguntar ó persoal do hostel, tratamos de facer o que nos dixeron se chama un “free tour” pola cidade. Vós, perfectos coñecedores do idioma de Shakespeare, saberedes que free tour significa “volta de balde”, polo cal deducimos que algo tivemos que facer mal, porque para o que nós nos apuntamos, algo si que había que pagar.

Agardamos na parada onde nos indicaran, e montamos nun bus turístico. Transcorridos uns minutos, achegóusenos a guía e comentounos en cánto saía a broma. A pouco máis saltamos do autobús en marcha. Ó final a cousa non saíu tan mal, xa que ademáis de non pagar nada, dende o punto onde nos tiraron do bus voltamos camiñando ata o hostel desfacendo o camiño e visitando varios dos puntos sinalados da cidade.

Coitados de nós, aínda subidos no bus turístico.

Paseando por Santiago reatopámonos con algo que xa tiñamos medio esquecido: a vida nas grandes capitais. Xente por todas partes movéndose a toda velocidade, que semella que alguén premeu o botón “FW” no mando a distancia, rebasándote por ambos flancos e chocando contigo sen nin tan sequera ollar para ti… Nós, aínda co chip de convivir con guanacos, pingüíns e lobos mariños, estabamos máis desubicados ca Simón Bolívar en Matrix.

Homenaxe á Alemaña no Parque Forestal.

Aínda así, Santiago é unha cidade limpa, coidada, con numerosa arquitectura da época de dominación española, diversos monumentos históricos. Camiñamos polo enorme Parque Forestal, estivemos na Plaza de Armas, presidida polo monumento a Pedro de Valdivia, fundador de Chile, e chegamos ó Palacio de La Moneda, sede do presidente da República. Alí, o 11 de setembro de 1.973, foi derrocado e suicidouse o Presidente Salvador Allende durante o Golpe de Estado perpetrado polo exército chileno, con Augusto Pinochet á cabeza.

Pedro de Valdivia, na “Plaza de Armas”.

Tirámonos fotos co monumento a Allende, abandeirado en Chile da transición do capitalismo ó socialismo, e retirámonos ó hostel aínda envoltos pola súa sempiterna presenza.

Palacio La Moneda.

¡Allende vive!

Pola noite, e dado que era véspera de festivo, saímos a dar unha volta. Debo darlle un aprobado con nota á noite santiaguesa, ateigada de locais canallas con predilección polo rock, e co barrio de Bellavista á cabeza.

Martes. Primeiro de Maio. Véxome na obriga de facer unha reflexión sobre a actualidade política, a cal, aínda que comente pouco neste blogue, seguimos ben polo miúdo. E seguímola con pavor. O pavor que nos mete cada venres segui-las evolucións do Consello de Ministros. Aumentos de impostos, establecementos de pagos na sanidade, recurtes nos dereitos sanitarios dos inmigrantes, subas nas taxas universitarias, novamente total control e manipulación da televisión pública, o considerar atentado contra a autoridade a resistencia pacífica… E o que está por vir.

Querid@s amig@s, isto está a superar a liña incluso das xa intolerables agresións a servizos fundamentais coma a educación e sanidade públicas ou o dereito a un emprego digno. Esta xente está a atentar directamente contra a nosa dignidade, contra os nosos dereitos máis básicos coma pobo, coma clase honrada e traballadora, coma base da sociedade, coma maioría. E aínda por riba xa non nos permiten nin queixarnos.

Polo momento non vou dicir nada máis. Vós, coma membros pertencentes a esa maioría social e coma principais damnificados, saberedes o que tendes que facer. Ou iso espero. Eu si o sei.

Pola noite, e dado o sinalado da data, estivemos no hostel parolando e politiqueando con varios dos alí hospedados e co persoal que alí traballaba. Entre eles, coa que máis tempo estivemos de parrafada foi con Paula Rosalía Cadabeira Pereyra. Naceu en Buenos Aires, pero, efectivamente, era máis galega ca unha tapa de polbo á feira dicíndolle “vas caer” a un centolo da Ría espichado no chan coa Rianxeira soando de fondo. O seu galeguismo non só ía impregnado no seu sangue, tamén estaba patente no seu corazón, e non dubidaba en facer gala del cada vez que se lle presentaba a ocasión.

Unha das prazas do Cerro Santa Lucía.

Ó día seguinte, pola mañá, estivemos visitando Cerro Santa Lucía, unha das montañas que debuxan o contorno da cidade, e que ó longo do seu ascenso conta con diversas escalinatas, prazas, estátuas e incluso museos, para culminar a subida cun mirador con vistas a toda a capital chilena.

No cumio do Cerro Santa Lucía, desfrutando das vistas de Santiago.

Antes de partir, e de cara ó plan da tarde, decidíramos deixarnos guiar por Álvaro, un traballador do Che Lagarto que se adicaba a recomendar destinos e tours organizados polo hostel ó persoal. Crápula de primeiro nivel, tiña máis fuciño ca lombo, e con el era quen de venderlle unha Estrela de David ó mesmísimo Führer.

Quedamos con el no propio hostel, e levounos a coñecer o que el chamaba “sitios secretos” a no-los dous, a Robin, un francés de París co que tamén estiveramos arranxando o mundo a noite anterior, e máis a Danny e Kerri, unha parelliña de recén casados neocelandeses que chegaran a Chile esa mesma mañá, no que supoñía a primeira parada da súa volta ó mundo.

Teño que dicir que pouco Santiago coñecimos con don Álvaro. Pasamos de novo por Plaza de Armas, levounos a xantar moi rico e a bo prezo no Mercado Central, e co papo cheo levounos a face-la dixestión a La Piojera. Aí rematou o día para nós.

Entrada de “La Piojera”.

La Piojera é un mítico e recoñecido bar do Barrio Chinés de Santiago. O nome venlle porque, segundo parece, todo aquel que alí entra, sae borracho coma un piollo. E non o dubido. Antro canalla onde os haxa, pozo insalubre, buraco infecto, albergue de todo despoxo da sociedade, é o lugar perfecto, o local que garda todas e cada unha das condicións que Cons e máis eu demandamos a un garito para que nos faga felices. Comezamos con Terremotos, bebida clásica chilena e especialmente de La Piojera, a base de fernet, viño e xeado de ananás, continuamos con xerras dun viño tinto atroz, dulcificado para poder ser tragado, máis terremotos, máis viño atroz…

La Piojera.

Entramos ás 16:00, saímos ás 0:00. Alí pasou de todo.

Ó día seguinte tiñamos planeada unha escapada a Valparaíso e Viña del Mar. Cara alí partimos ás 09:00 da mañá. Tras pouco máis de 100 quilómetros percorridos, chegamos á primeira das cidades a visitar: Valparaíso.

Principal porto pesqueiro de Chile, conta con aproximadamente 300.000 habitantes. É unha cidade peculiar, colorida, de arquitectura pintoresca e variada. Rodeada de ata 42 cerros conectados entre si polos seus cumios, exténdese ó longo deles para morrer á beira do Pacífico. Valparaíso lembrounos poderosamente a Vigo: polo importante do seu porto, polas súas innumerables ladeiras ó medrar na falda dunha montaña, polo caótico do seu urbanismo, xa que Valpo tamén medrou en moi pouco tempo de xeito desmedido e desorganizado…

Históricamente, Valparaíso foi durante séculos a cidade máis importante do país debido ó seu porto, mais coa apertura da Canle de Panamá en 1.914, a súa relevancia foi decrecendo paulatinamente. Hoxe, Valpo semella ancorada naquela data, algo que ata os propios porteños recoñecen: podes botar 20 anos sen pisala, que cando voltes hala atopar igual.

Percorrimos a Avenida Brasil, atravesada por 101 palmeiras, agasallo do goberno brasileiro con motivo do centenario da cidade e que remata co Arco do Triunfo, agasallo inglés co mesmo motivo. E visitamos La Sebastiana, unha das tres casas coas que contaba en Chile o Premio Nobel de Literatura Pablo Neruda.

Con Pablo Neruda en La Sebastiana, falando das nosas cousas.

Acto seguido, puxemos rumbo a Viña del Mar. De poboación semellante a Valparaíso, o esteiro Marga-Marga divide o seu casco vello da parte nova. É claramente máis moderna e turística que a súa veciña do sur, pero carece do encanto de aquéla. Na súa arquitectura dominan edificios de meirande altura, e faise patente o seu nivel de vida máis caro, como demostran os dous hoteis de 5 estrelas cos que conta, ou o seu casino, inaugurado o 31 de decembro de 1.930.

Casino Principal de Viña del Mar.

Foi en Viña onde nos dispuxemos a xantar. E aquí tamén se fai patente o elevado nivel de vida da cidade: tódolos menús que consultamos provocaban que os nosos ollos fixeran chirivitas, e que soase unha especie de “¡cashín!” nas nosas cabezas. Había que tomar decisións drásticas.

En serio que tratamos de retrasar este momento na medida do posible, pero as circunstancias non permitiron estirar máis a corda. Sabiamos que antes ou despois tiña que chegar, se non fose ese día sería cando se nos una Richi, e o día elixido foi o xoves 3 de maio. Tras case dous meses e medio de viaxe, vímonos na obriga de xantar nun McDonald’s. ¿Resultado? A peor tenreira dende que saímos da casa, pero as mellores patacas fritidas. Éche así.

Tra-lo xantar estivemos paseando pola praia de Reñaca, unha praia onde o océano Pacífico non permite o baño debido ó esaxeradamente embravecido da súa ondeaxe. Ficamos máis de unha hora ollando para el, hipnotizados pola violencia coa que rachaban as ondas contra a beira da praia, unha tras outra.

Praia de Reñaca. co Pacífico embravecido de fondo. Aínda así, non se sabe qué resaca era máis forte, a do océano ou a de Cons.

En Viña canda a un moai auténtico transportado dende a illa de Pascua.

Xa de volta, visitamos o escenario onde cada ano se celebra o Festival da canción de Viña del Mar, e ás 18:00 da tarde estabamos no Hostel Che Lagarto, onde xa tiñamos as mochilas preparadas para partir ó noso seguinte destino: San Pedro de Atacama, na fronteira con Bolivia.

Bancada do recinto do Festival Viña del Mar.