Arquivo por etiquetas: Socialismo

A fin dun soño, o comezo dunha loita. Reflexión final, parte II.

Sábado 28 de setembro de 2.013. Instituto Oceanográfico de Vigo, Cabo Estai, San Miguel de Oia. 12:50 do mediodía. Transcorre a que a priori debería ser a miña penúltima xornada de traballo. Serao con toda seguridade, alo menos, da tempada estival. O que non ten nada de estival é precisamente a meteoroloxía do día de hoxe. Malia a temperatura máis que agradable que se respira, chove, e zoa un forte vento que pica a mar embravecida.

Pode que ese, a mala climatoloxía, sexa outro dos ingredintes que conformaron o cóctel de humor revirado co que esta mañá me erguín. O pouco costume de madrugar fixo que non pegara ollo en toda a noite, e, cando espertei, caía de sono. Quedei sen tempo, non puiden almorzar, e cheguei ó chollo cunha fame negra. Coma sempre que chove nesta cidade, o tráfico era insufrible, e din o relevo xustiño de todo.

Ondas rachando contra as rochas ós pés do Oceanográfico.

Ondas rachando contra as rochas ós pés do Oceanográfico.

Con ese enfado, din a rolda de recoñecemento polo recinto, deixei todo preparado, e, aínda anoxado, dispúxenme a escribir este artigo. Foi entón, mentres me mergullaba nas miñas vivencias na viaxe para atopar a inspiración, cando me decatei do absurdo do meu mal humor. E para elo non tiven máis ca retrotraerme 10 meses, a aquela fronteira entre Vietnam e Laos na que quedara atrapado o meu autobús.

Sono, fame, meteoroloxía adversa, retraso sobre o horario previsto… O sono acumulado nunha madrugada comparado con tres días sen durmir. Unha mañá sen comer fronte a máis de dous días cuns poucos anacos de carne de can aos que me convidaran. Unhas pingas de nada aquí, tres días de choiva tropical daquela. E os dez minutos de retraso que tanto me indignaron hoxe, esquecendo as trinta horas que demorara naquela odisea laosiana. Puta mente humana, que a todo se afai…

Ó mesmo tempo que me asqueaba a miña estupidez, decatábame do moito que me vou ter que esforzar para ser consecuente coas experiencias vividas na viaxe. Escasos oito meses de retorno á privilexiada vida primeiromundista abondaron para facerme ver que se quero demostrar que cumprín os meus obxectivos, que a inmensa aprendizaxe á que fun sometido pode valer e vai valer para moito, vou ter que traballar ben a cabeciña.

Porque si, miñas xentiñas. Dende a máis fonda das modestias, hei de dicir que considero cumpridos os obxectivos principais cos que afrontaba a miña aventura. Teño claro que, en última instancia, haberedes de ser vós nunhas ocasións e o tempo noutras @s que emitades o xuízo final, pero polo que a min respecta, doume por máis ca satisfeito. Moito máis ca satisfeito. Vexamos:

Cando partín, a fama que me precedía de moinante profesional, case que de jedi da troula, fixo que afrontase a aventura cunha enorme responsabilidade para con esa reputación. Debía estar á altura. Pois ben: puxen a proba a noite de todos e cada un dos países que pisei. Catei, impregneime, nalgúns casos ata case que me mergullei nos licores e elixires típicos e tradicionais de todos eles. Frecuentei os antros e buratos máis canallas e indecentes da xeografía mundial. E, lóxicamente, extraín conclusións. Como me temía, a Galiza encabeza cómodamente a elite da esmorga internacional. Honra que, pola miña experiencia, compartimos coa Arxentina.

Beber licor café e fernet nun bar feito de xeo foi unha das demostracións de que este obxectivo quedou ben cumprido.

Beber licor café e fernet nun bar feito de xeo foi unha das demostracións de que este obxectivo quedou ben cumprido.

Se a etiqueta de festeiro crónico que levo enriba é de sobra coñecida, a de celtista enfermizo non é menos contundente -e menos xusta tampouco-. É por isto que, neste senso, o compromiso era dobre. Primeiro, debía levar o celtismo alén das nosas fronteiras, tan lonxe coma eu chegase. Penso que abonda dicir que, no Xapón, escoitei recitar de boca dun toquiota a aliñación do Celta do ’99 toda seguidiña, de Dutruel a Lubo Penev. E segundo, había que seguir as evolucións do equipo malia toda adversidade, sen importar cáles fosen as circunstancias. Dun xeito ou doutro, non perdín nin un só partido. Non descansei ata ver ó Celtiña en Primeira, e seguín a primeira metade do retorno á elite co sufrimento que a ocasión requería, mailo plus da distanza.

Celebración en Totoritas, canda César, do ascenso a Primeira.

Celebración en Totoritas, canda César, do ascenso a Primeira.

Outro obxectivo primordial era o de sobrevivir un ano enteiro polo planeta adiante co orzamento destinado nun principio. Xa dende o primeiro día dinme conta de que ese ía ser un reto moi difícil de superar. Por non dicir imposible. Apertei o cinto todo o que puiden, quiteime de todo vicio posible, pasei moita famiña. Atravesei, con moita diferencia, os momentos máis complicados de toda a viaxe, chegando incluso a aceptar a inevitabilidade de ter que retornar, poñendo fin ó soño na metade do mesmo. Sorte que xurdiu un plan de rescate exterior, tantas veces aquí comentado, grazas ó cal puiden completar o proxecto. Mais, neste punto si, hei de recoñecer o fracaso no cumprimento do obxectivo. Xa sexa á hora de trazar o orzamento ou á hora de cinguirme a el, pero o caso é que fracasei. E contundentemente.

Plan de viabilidade económica activado. Insuficiente.

Plan de viabilidade económica activado. Insuficiente.

Outros obxectivos que me plantexei foron educar o estómago ou mellorar as miñas preocupantes eivas en materia de orientación. En canto ó primeiro, dicir que marchei da Terriña sendo un chisco repunante. Facíalle ascos a varias comidas, algunha delas incluso constituía unha vergoña para o seren galego. Un ano despois, e tras papar cans, fetos de paxaros, serpes, crocodilos ou canguros, son quén de rillar ó demo polas pernas se fai falla. E no que atinxe ó tema da orientación, saín de aquí sendo incapaz de facer un plano da miña casa. Literalmente, non podía lembrar de qué lado está ubicada cada habitación. Un ano despois, e tras camiñar por vales, montañas, glaciares, selvas e desertos, o outro día anunciaron o meu nome pola megafonía de Carrefour. E traballei alí case catro anos. Digamos, pois, que nestes obxectivos saio ó 50% de cumprimento.

Comendo cousas perfectamente descoñecidas no Xapón.

Comendo cousas perfectamente descoñecidas no Xapón.

Como son coñecedor do suxo das vosas mentes, tamén farei mención aquí dos obxectivos e motivacións erótico-festivas. Suxerencias recibín de todo tipo de cara a seren plantexadas como reto. Que se había que probar con unha de cada continente, de cada raza. Incluso de cada país. Houbo ata quen me instigou a sementar o planeta de pequenos adrianciños. ¿Que se cumprín os obxectivos? Bueno, honrando á miña natureza, respostarei con outra pregunta: ¿hai alguén que estea realmente satisfeito co sexo que practica, que non queira máis? Pois iso. Non sei se estiven á altura da sona de pinantes d@s calvarienses. Xúrovos que fixen o que puiden.

porteñas

Porteñas, amig@s. ¡Aaaaai, as porteñas!

Chegd@s a este punto, querid@s amig@s, lamento dicirvos que é momento de poñernos de novo seri@s. Porque do que vos vou falar a continuación é o motivo principal polo que aquel día de febreiro de 2.012 saín pola porta da miña casa. O obxectivo, que é do que estamos a falar hoxe aquí, o obxectivo capital da viaxe, da aventura, ou do soño da miña vida. Como prefirades. Algo sen o que ningunha das tres cousas tería adquirido sentido algún: a aprendizaxe. Tódolos coñecementos que ó longo daqueles 365 días fun recibindo, asimilando e arquivando coidadosamente na miña mente. Porque era consciente de que, algún día, han constituír a base do Adri do futuro. Pode que xa o fagan.

Aprender, aprender e aprender. Iso foi o que fixen ininterrompidamente, dende Recife ata Khajuraho. Con maior ou menor intensidade, de xeito máis ou menos agradable, conceptos máis difíciles ou máis doados. Pero aprender á fin e ó cabo. Algo que me debía server para reafirmarme nos meus pensamentos ou para amosarme o trabucado que estaba. Algo que me valeu para ratificarme con toda firmeza e contundencia. Para, no mellor dos sentidos, radicalizarme por completo.

Cómo non aprender. Estiven no punto de partida da revolta dos escravos. Pisei terras gauchas, guaraníes, tupís. Charrúas, yámanas, mapuches. Incas, quechuas, aymaras. Yaguas, kunas, mayas. Toda unha infinidade de culturas orixinarias latinoamericanas que me aprenderon, entre outros milleiros de cousas, a súa admirable relación coa natureza, co planeta; ou as súas sociedades baseadas na humildade, o traballo e a honestidade. A triloxía inca do uku pacha, kai pacha e hanan pacha, ou o saúdo quechua ama sua, ama qhella ama llulla (non sexas ladrón, non sexas lacazán, non sexas mentireiro).

Bolivia, o máis auténtico dos países latinoamericanos.

Bolivia, o máis auténtico dos países latinoamericanos.

Na miña incursión en territorio comanche ideolóxico, descubrín as dúas facianas da icona do capitalismo. Máis aló da súa versión ociosa, que che aporta a sensación de que máis que pola porta de chegadas do aeroporto, entraches nese país pola pantalla do teu televisor, os Estados Unidos amosan a verdadeira cara dun sistema cruel, fratricida, devastador. O contraste entre a realidade que os escaparates tratan de meterlle polos ollos ó consumidor e a que ti percibes na sombra, aló onde non chegan a alumear as luces de neón, emite un fedor insoportable. Lonxe das idílicas vidas yankees que adoitamos ver na tele, existe unha realidade onde predomina unha desigualdade entre clases insufrible, que orixina unha enorme maioría social sen acceso ós servizos máis básicos.

O paseo de Hollywood, puro exemplo do embuste estadounidense.

O paseo de Hollywood, puro exemplo do embuste estadounidense.

Xa en Oceanía, aprendín que as terras que representan as antípodas do meu país natal, atópanse tamén nas antípodas de integrar unha sociedade xusta e igualitaria entre a maioría descendente dos colonos europeos e as culturas indíxenas, orixinarias do continente. O máis sangante dos casos é o dos aborixes australianos. Denostados, confinados nas capas sociais máis marxinais e discriminadas, constitúen un colectivo sen futuro e cun presente lastimoso, abocados á droga, o alcol e a delincuencia. Mellor parados saen os maoríes neocelandeses, que malia seren igualmente desterrados e obrigados a integrarse nunha cultura allea no seu propio territorio, están máis protexidos e mellor amparados polas leis da constitución kiwi, polo que a súa cultura é considerablemente máis respectada.

australia

E para o final, quedou Asia. Terra de culturas milenarias, históricos imperios e pobos enigmáticos. A gran descoñecida. Onde todo nos é máis alleo ca en ningures. Onde Marco Polo descubriu a Ruta da Seda, e con ela a escritura oriental, o papel moeda, o Gran Canal, os tigres, o sistema postal… O que eu descubrín únicamente me valeu a min, mais aposto a que pouco menos abraiado ca o viaxante veneciano debín ficar. Comecei visitando o país das mil e unha illas, das mil e unha relixións, dos mil e un pensamentos. Todo mesturado. Todo cohesionado con tolerancia e respecto mútuo. Así percibín Indonesia.

Descubrín o pobo que outorga unha nova dimensión ós conceptos de humildade, xenerosidade, educación e civismo. De ningún deles se pode facer abuso do seu uso, ningún deles pode ser executado en exceso. Se non o fai a cultura xaponesa, quere dicir que é imposible.

xapón

Descubrín o comunismo convertido na falacia máis ferinte, aquela que fai da túa ideoloxía a do inimigo máis irreconciliable. Na China, o igualitarismo foi arrasado por unha clase alta insaciable; a loita de clases deu paso á loita de Apple contra Samsung (por exemplo); e a dictadura do proletariado foi substituída pola dictadura do mellor postor.

Máis consecuentes coa doutrina de Karl Marx son trala fronteira sur da China. Mais, sorprendentemente, non foi este descubrimento o que máis me encheu o peito. Se en Latinoamérica sentín vergoña da miña orixe europea, na Indochina non atopaba ónde agocharme. Foi neste recanto do lonxano oriente onde recibín as leccións máis duras do percorrido. Eran leccións que falaban de devastación, de poboacións enteiras exterminadas por guerras cruentas perpetradas por un occidente que aínda hoxe goza de total impunidade. Non foi doado de aprender. Únicamente el@s puideron facelo grato.

vietnam

A última fase de aprendizaxe leveina a cabo na India. Unha terra que semella manterse allea ó virar do planeta, ancorada ás súas crenzas ancestrais. Crenzas que, sen dúbida, poden chegar a namorar. O que tamén é ancestral, e isto non namora precisamente, é o papel que se lle outorga á muller nesta sociedade. É este un papel residual e discriminatorio, supeditado en todo momento á vontade do home. Moito vai a haber que loitar para erradicar a pegada patriarcal deste país demencial.

Taj Mahal

Pero para iso estamos. Ese foi o motivo principal polo que me embarquei en semellante tolería. Díxeno antes de partir, e dígoo unha vez retornado. Todo canto aprendín ó longo deses doce meses, todo aquelo que me fixo ratificar no meu ideario, radicalizarme no mellor dos sentidos, tivo en todo momento un único obxectivo. Nunca deixei de enfocalo dese xeito. Non podía permitir que tan brutal ritmo de aprendizaxe me convertese no típico sabechón, nun pedante que utilice tan didáctica experiencia namáis que para se regodear ou fachendear. Non será así. Nin por asomo.

Principalmente, porque cada coñecemento que adquirín non fixo senón plantexarme novas incógnitas. Abrirme novos horizontes de pensamento, que no canto de acougar as miñas inquedanzas empurrábanme a seguir afondando no funcionamento deste planeta. Cómo darse por satisfeito, cómo mudar nun sabechón. Imposible.

tiger leaping gorge

Culturas a anos luz da nosa realidade. Culturas irmás, algunhas incluso coas mesmas eivas e retos por afrontar. Recunchos privilexiados, preocupados únicamente por que a súa burbulla non estoure xamáis. E inxustizas. Moitas inxustizas. Todo elo, maila base que eu xa levaba preparada da casa, o que fixo foi conformar un caldo de cultivo que hoxe medra no meu interior, e o cal aínda teño que canalizar para sacarlle o mellor rendemento posible.

Parecía case imposible, pero cumprín os obxectivos que me levaron a facer realidade o soño da miña vida. No transcurso do mesmo, cumprín os obxectivos que me marcara para realizalo conforme eu imaxinara. Mais vós sabedes que éste era simplemente un soño de transición, unha especie de preámbulo que me ha de levar ó soño principal. Os verdadeiros obxectivos están aínda por chegar. E son, con anos-luz de diferencia, os máis difíciles de cumprir.

Nesta vida xogo cun dado de mil caras, e só unha delas concede a vitoria. Mais hai dúas lecturas positivas. Unha é que esa cara xa saíu dúas veces. A outra, que nunca vou deixar de tirar o dado. Porque xamáis me habería perdoar a min mesmo non adicar o resto da miña existencia a loitar polo dereito de todas as persoas sobre as que escribín neste blogue a vivir nun mundo máis xusto. Así será. E vós que o veredes.

uma coisa linda

Advertisements