Arquivo por etiquetas: Utopia

Camboxa. Unha xoia de pedra agochada na selva… e viaxe ós campos da morte.

Venres 14 de decembro. Contra o serán produciuse a nosa arribada a Phnom Penh (ou Nom Pen), capital do Reino de Camboxa. Negociamos co conductor do tuk tuk que nos recolleu na estación de buses un hostel que se adaptase á nosa economía. O escollido foi o Golden Boat 2.

Phnom Penh sorprendeunos polo seu dinamismo, pola súa constante actividade. Desenvólvese de xeito ordeado. Non hai agobios, o caos reinante entre os seus veciños do leste non ten cabida na Kâmpûchéa. Deixamos os petates na nosa confortable e ben barata habitación, e saín a dar unha volta pola zona.

Un dos numerosos templos en Phnom Penh.

Un dos numerosos templos en Phnom Penh.

Non tardei en chegar a un dos puntos sinalados da cidade. Phnom Penh é cruzada pol río Mekong, e o seu leito vese acompañado por un fermoso paseo de idéntico trazado no centro urbán. Pouco antes do remate do paseo, na outra beira da rúa xurde o Mercado de Noite. De dimensións máis reducidas que o de Luang Prabang, nembargantes o Mercado de Noite de Phnom Penh conta incluso con máis vida, con máis movemento.

Mercado de Noite de Phnom Penh.

Mercado de Noite de Phnom Penh.

No medio do mesmo hai montado un escenario flanqueado por dous grandes altofalantes. O seu perímetro está rodeado por postos de comida, batidos, doces e incluso de artigos varios non comestibles. Ó seu carón, o chan está cuberto de alfombras nas que sentar a degustar o petisco escollido. Fabuloso o ambiente que se respira neste recanto da cidade.

P1090200

Sábado. Día de mergullarse na historia de Camboxa. Día de ollar a realidade dun dos xenocidios máis atroces que xamáis se cometeron. De coñecer a faciana dun dos fillos da puta máis grandes que a humanidade tivo a torpeza de defecar. Pol Pot, líder dos Khmer Vermellos. Unha viaxe de pesadelo dentro da nosa viaxe idílica. Viaxe ós Campos da Morte.

Como digo sempre, quen non coñeza a historia pode documentarse cando queira. Eu aquí simplemente pasarei por enriba dela sinalando os puntos máis relevantes da mesma. Comezos da década dos 1.970. Nunha Camboxa que viña de expulsar ós seus colonos franceses canda o resto das nacións integrantes da Península Indochina, e gobernada polo antigo rei e entón presidente Norodom Sihanouk, o brazo armado e ilegalizado do PCPK, o partido comunista camboxano, agochábase na selva que se extende ó longo da fronteira vietnamita.

O campo de exterminio de Choeung Ek.

O campo de exterminio de Choeung Ek.

Gañaban o favor e reclutaban ós labregos da zona. Adoctrinábanos baixo unha durísima disciplina. Preparábanse para un Golpe de Estado co que derrocar ó goberno militar que viña de depoñer ó presidente Sihanouk. Éste produciuse en 1.975, cando xa eran coñecidos como Khmer Vermellos, liderados por Pol Pot. Nada máis facerse co control de Phnom Penh, a primeira medida que os Khmer Vermellos de Pol Pot adoptaron foi expulsar ós 2 millóns de habitantes da capital do país dos seus fogares. Había que implantar unha reforma agraria.

Ésta incluía o illamento do país das influencias estranxeiras, o fechamento de escolas, hospitais e fábricas, a abolición do sistema bancario, finanzas e da moeda, a prohibición de todas as relixións, o confisco de toda propiedade privada e a transferencia da poboación de áreas urbanas para facendas coletivas, onde o uso do traballo forzado era xeralizado.

Foxa común.

Foxa común.

O cento por cento da poboación camboxana debía facer vida no campo. Tódolos símbolos do mundo moderno foron destruídos pola incomprensión dos soldados labregos de Pol Pot. Na nova sociedade de Pol Pot, todo debía ser compartido. Incluso os meniños, que debían vivir dende os 7 anos con instructores dos Khmer Vermellos. Incluso o amor. Polo interese de todos, o partido decidía quén debía casar con quén. Aqueles que amasen sen permiso, eran executados.

Membros e funcionarios do goberno, profesores, comerciantes e case toda a elite intelectual adicábanse a traballar no campo. Os que non foron asasinados. Aínda así, a produción de arroz era insuficiente para alimentar á xente. Un tercio da poboación camboxana pasaba fame, sede ou ambalasdúas cousas. Milleiros de persoas morrían de inanición ou a causa de diversas epidemias. E a nova e democrática Kâmpûchéa pretendida por Pol Pot morría cada eles.

P1090187

A súa sociedade non funcionaba, mais o “Irmán nº1”, presa dunha paranoia obsesiva, achacouna á infiltración de traidores no seno do partido. E deu comezo a unha serie de aterradoras “purgas”. Eran considerados inimigos do réxime persoas con conexión co antigo goberno. Profesionais, intelectuais, xentes con estudos. Persoas que usaban lentes. Vietnamitas, chineses, tailandeses e outras minorías das montañas orientais. “Sabotadores económicos”: moitos dos antigos habitantes das cidades -aqueles que non morreran de fame nun principio- foron xulgados culpables pola súa falta de capacitación agrícola. Eran torturados durante días ata que confesaban. Entón, transportábanos ós campos de exterminio, onde eran executados. O método máis utilizado era un golpe na caluga co eixo dun carro, e posterior sección da gorxa.

E así, durante os 4 anos que durou o réxime de horror de Pol Pot, foron asasinadas 2 millóns de persoas. Cando capturaban a alguén por sospeitoso de traizón, arrestaban tamén á familia e amigos. Cativos incluídos. A estes, agarrábanos polos peíños, e esmagábanlles as testas contra unha árbore.

Árbore contra a que estampaban ós bebés os executores dos Khmer Vermellos.

Árbore contra a que estampaban ós bebés os executores dos Khmer Vermellos.

O máis macabro de Choeung Ek, que así se chama o campo de exterminio que visitamos en Phnom Penh, é a súa beleza. Unha vasta extensión cuberta de frondosa vexetación, altas e fortes árbores de longas raíces, e lagoas de augas quedas. Mais se ollas cara o chan, nel aínda hai ciscados farrapos das roupas que portaban as vítimas que alí foron executadas. De súpeto topas de fuciños cunha vitrina onde se amorean ducias de caveiras esnafradas. E xusto no medio, a estupa central. Unha torre con varios andares amosando os restos óseos dos corpos que puideron ser rescatados. O mellor xeito que atoparon os camboxanos de homenaxear ás vitimas do xenocidio. Ós seus familiares, ós seus fillos. Ás súas parellas, ós seus amigos. Ós seus seres queridos. Porque nada menos ca un tercio da poboación da Camboxa do momento foi asasinada pola paranoia e os delirios de Pol Pot.

Estupa central de Choeung Ek.

Estupa central de Choeung Ek.

Algún/a d@s que ledes este blogue louvades a miña descriptiva. Pois ben, non sería quén, nin nun millón de anos, de describir as miñas sensacións en Choeung Ek. Principalmente porque non sei cómo me sentín. Ás veces quería chorar, outras berrar. Entráronme gañas de vomitar. A piques estiven de axeonllarme tapando a faciana coas mans. A miña cabeza estaba colapsada. Colapsada pola inmensa dor e sufrimento supino que se perciben naquel fermoso lugar.

P1090174

Xa para rematar, un par de apuntamentos apenas sen importancia. Ata a súa desaparición a fins da década dos ’90, os Khmer Vermellos mantiveron sen problemas o seu asento nas Nacións Unidas. Pol Pot foi xulgado e enviado a prisión por unha facción dos propios Khmer Vermellos en xullo de 1.997. Morrería 6 meses despois, tras levar unha vida prácida e confortable. Aínda a día de hoxe se están a xulgar nun tribunal da ONU varios supervivintes dos Khmer Vermellos, acusados de xenocidio e crimes contra a humanidade. Varios representantes dos extintos Khmer Vermellos teñen importantes posicións no actual goberno de Camboxa.

P1090179

Abandonamos aquel estremecedor lugar. Aínda coas ialmas encollidas.

Xa de volta, polo camiño detivémonos no Palacio Real. Maxestuoso -valla a redundancia- e perfectamente iluminado -pode que incluso de xeito algo excesivo-, na fachada principal loce un retrato inmenso de Norodom Sihanouk. É Sihanouk un personaxe idolatrado polo pobo camboxano, a pesares de prestar o seu apoio ós Khmer Vermellos no Golpe de Estado de 1.975 na contra do goberno militar. Non en van, Sihanouk reinou no país durante dúas etapas, e liderou o movemento de liberación contra a ocupación francesa.

Palacio Real de Phnom Penh.

Palacio Real de Phnom Penh.

O domingo iniciamos a partida da impactante Phnom Penh. O destino escollido era Koh Rong, unha illa ó sur do país. Saímos a media mañá, e logo dunhas catro horas de autobús chegamos á localidade de Sihanoukville. Si, ata aí chega a venereción polo finado monarca. Do noso hostel en Phnom Penh, onde mercamos o billete de bus, traiamos instruccións de tomar nesta vila o bote que nos había levar á illa de Koh Rong. Mais cando preguntamos polo lugar onde mercar as pasaxes, espetáronnos que o último barco saíra había tres horas. Con gañas de estrangular ós babecos que nos malinformaran no Golden Boat 2, dirixímonos en moto a un albergue barateiro que nos recomendaran na estación mesma, para pasar a noite.

Tratábase do Utopia, un aloxamento que contaba con piscina, bar, organización de festas, e demáis prestacións lúdico-festivas, pero que carecía de servizo de limpeza. Alo menos dun eficaz. A nosa habitación non estaba máis porca porque lles daba vergoña ás ratas e cascudas que nela habitaban.

Ó día seguinte, luns, si que nos embarcamos hacia Koh Rong. Trátase dunha illa que combina selva tropical na súa zona interior cun litoral salpicado de praias. Algo do estilo de Ilha Grande, no Río de Janeiro, ou incluso do Parque Tayrona, aínda sen ser este último unha illa.

Koh Rong, no sur de Camboxa.

Koh Rong, no sur de Camboxa.

Aloxámonos nunha cabana chamada Tyk Tyk, a única que se axeitaba ós nosos petos, e apresurámonos a ciscarnos coma lagatos na praia, que xa había tempo que non a catabamos. E precisamente a pega que lles atopei a praias coma as de Ilha Grande ou Parque Tayrona foi a mesma que lles vin ás de Koh Rong. Area branca, augas azul turquesa, limpas e quentes, moi quentes, tanto que non chegan nin a refrescar… pero estreitas. Tan estreitiñas que cando sube a merea, case que desaparecen.

P1090241

Cando comezou a baixar o sol, voltamos ó Tyk Tyk. Era luns, e esa madrugada, contra as cinco mil en punto, o Celta recibía no Templo a un dos nosos rivais máis apreciados. O Real Betis Balompié. Un Betis que levou os 3 puntos de Vigo coa lei do mínimo esforzo, ante un Celta que marrou as oportunidades máis claras do partido. En especial a última de Súper Mario. Un intenso proído foi o que nos quedou no corpo ó remate do choque.

Celtismo en Koh Rong.

Celtismo en Koh Rong.

Á mañá seguinte reanudamos o camiño hacia o oeste de Camboxa, procurando a fronteira con Tailandia. Fixémolo dende Sihanoukville, e co punto de mira en Siem Reap, a localidade que acolle os míticos Templos de Angkor. Logo de botar todo o día metidos nun autobús, a nosa chegada a Siem Reap produciuse a unhas moi razoables 04:00 da madugada. Dimos varios tumbos na procura dun aloxamento decente e barato, e rematamos por caer no Side Walk, o cal nos encheu de felicidade. Sen retranca, de verdade que o fixo.

Os extraordinarios Templos de Angkor.

Os extraordinarios Templos de Angkor.

Non quixemos retrasar a cita. Durmimos unhas horiñas, e á mañá seguinte saímos a visitar os Templos de Angkor. Foi unha visita de 5 horas nas que fixemos un percorrido polas construccións máis importantes. Porque Angkor, querid@s amig@s, a antiga capital do Imperio Khmer, consta de 200 quilómetros cadrados. Así, para que vos quede o cú revirado.

Angkor Wat, o meirande templo de todo o complexo.

Angkor Wat, o meirande templo de todo o complexo.

Teño entendido que, na última actualización, os Templos de Angkor non foron incluídos nas Sete Marabillas do mundo, quedando fóra en detrimento do Cristo do Corcovado. Eu, que estiven en ambolosdóus sitios, podo asegurarvos que antepoñer o Corcovado a Angkor é como rexeitarlle un polvo a Angelina Jolie con Elvis Presley dando un concerto detrás vosa ó tempo que unha ninfa che convida a beber chupitos de licor da árbore do Maná; para ser sodomizado por un minotauro no medio dun mítin de Mariano Rajoy o día da peor resaca da túa vida mentres ó ouvido che marmuria as súas cancións máis deprimentes o cantante de Maná. É o mesmo.

P1090324

O primeiro que o lugar che espeta nos fuciños é Angkor Wat. Comeza coa artillería pesada. Envía á cabalería como primeira manobra da batalla. Estamos ante o meirande templo relixioso do mundo.  Conta con cinco torres dunha simetría perfecta. Cada torre, un santuario. Erguido no século XII, as súas paredes están decoradas cuns relieves tan traballados que marean. Son figuras mitolóxicas hindúes. Contan historias, narran batallas que un xamáis comprenderá.

A isto me refería. Ésa é a miña cara de non comprender.

A isto me refería. Ésa é a miña cara de non comprender.

Todo o templo comprende dous quilómetros cadrados. E cada bloque que o compón, cada centímetro que compón cada bloque ten unha elaboración dunha complexidade formidable. En cada recanto asoma unha figura de calquera deidade hindú. Son estátuas ben conservadas. Sorprende, dado que unha vez que foron abandonados no século XIV, os templos foron engulidos pola selva. Todos agás Angkor Wat, iso si. Éste nunca foi totalmente deshabitado.

P1090334

De Angkor Wat pasamos ó seguinte complexo de templos. Angkor Thum. Angkor Thum engloba os templos de Bayon, Phimeanakas e Preah Palilay. De todos eles, o máis espectacular é o primeiro.

Templo de Bayon.

Templo de Bayon.

As torres sucédense, e a planta percórrese avanzando por escadas aparentemente aleatorias. Pero o máis impactante deste templo son as facianas que locen nas pedras. Están por todas partes. Esbozan un sorriso enigmático, intrigante. Pode que ata inquedante.

As facianas de sorriso inquedante.

As facianas de sorriso inquedante.

Hai torres que as teñen nas súas catros caras. Non hai xeito de fuxir das súa ollada. E o que é peor: do seu sorriso. Baixando as escadas nótalo na caluga. Cando sobes, obsérvalo de fronte. Se estás no medio envólvente con eles. Todo un misterio o sorriso das facianas de Bayon.

P1090376

Thommanum, Chau Say Thevoda, Ta Keo. Imos percorrendo templo tras templo. O nivel de apertura da boca aumenta paseniño ata que a queixada non dá máis de si. Tampouco dá máis de si a cabeza. Trata de comprender a grandiosidade do lugar, mais non alcanza. Non hai xeito de entender cómo algo tan inmenso puido ser construído con tamaña minuciosidade, con semellante detalle.

Templo de Chau Say Thevoda.

Templo de Chau Say Thevoda.

P1090442

E chegamos a Ta Prohm. É de tódolos templos, o único que non foi nin está a ser reconstruído. Pode que porque así, tal e como está, ten máis maxia. A pedra do templo e a natureza mistúranse nun resultado dunha beleza incongruente. As raíces das árbores abrazan paredes, torres, columnas.

P1090469

Fusiónanse cos muros dos templos como tratando de apoderarse deles. Semella que recoñecendo a súa fermosura. Nunca natureza e obra humana casaran con tanto tino, e con tanta sinxeleza. Ata niso deixa a un abraiado este lugar. O único que lle faltaba era que ata a natureza cooperase.

P1090475

Marchei dos Templos de Angkor, mais non o fixen co peto baleiro. Nel levaba de volta a miña sexta Bola Máxica. Atopeina entre un balbordo de raíces, figuras hindúes, relieves imposibles e sorrisos inquedantes. Non é para menos. Cheguei aquí co corazón nun puño e topei cunha marabilla -si, señores que elaboran a lista, unha marabilla- que mo devolveu ó peito. Sen dúbida, a construcción humana máis espectacular que vin na miña vida.

songoku e bulma

O venres saímos a dar unha volta cuns amiguetes camboxanos que eu fixera a noite anterior. Fartámonos de cervexa que mercaramos a pachas, leváronnos a unha discoteca que un deles rexentaba e fixemos unhas risas considerables, por exemplo, tratando eu de aprender unha canción camboxana ante o escachamento dos nosos amigos.

O plan nocturno incluía enganchar co Patético de Madrid – Celta. Partido moi serio en defensa, secando ó seu xogo ofensivo con Falcao incluído, pero lamentable en ataque. Indigno da calidade deste equipo, do selo que nos trouxo a Primeira División. Non pasa nada, á volta de vacacións erguerémonos.

Os que non nos erguimos fomos no-los dous. Máis que nada porque non nos deitamos. Unha vez rematado o partido voltamos enganchar, desta volta co autobús no que chegariamos a Bangkok, en Tailandia. Era tempo de dicirlle adeus a Camboxa.

Un país que nos levou dos Campos da Morte á marabilla de Angkor. Que nos arrincou a ialma do peito para devolvérnola canda unha Bola Máxica. Que nos aprendeu que un indivíduo que aniquila a dous tercios dos seus compatriotas e outro que crea semellante prodixio de complexo, pertencen á mesma especie. É máis, á mesma cultura. Á cultura khmer.

P1090323

É unha desas leccións difíciles de aprender. Ninguén dixo que fose a ser doado.