Xoves 7 de febreiro. Varanasi, provincia de Uttar Pradesh. Son sobor das 14:00 da tardiña. Os catro, María, Tatín e máis no-los dous, tirámonos fotos na azotea do Shiva Guest House. Coa cidade ós nosos pés, e o río Ganxes ós pés da cidade. Rodeados, case sitiados por unha morea de monos que chimpan de edificio en edificio. Eramos felices. Viñamos de instalarnos os catro xuntos nunha habitación daquel albergue que pintaba xenial e, sobre todo, viñamos de poñer punto final á odisea que nos trouxera a Varanasi.
Todo comezara o serán do día anterior, cando perdimos o tren que dende Agra debía levarnos a Mathura, localidade dende onde debiamos desprazarnos definitivamente a Varanasi. Os paneis de toda a estación indicaban que o noso tren estaba a piques de chegar pola plataforma número 8. Mais éste chegou pola 7. Así de sinxelo. Coma reza o slogan que promociona o turismo do país: incredible India.
Tivemos que pagar 1000 rupias -algo menos de 15€- por un taxi que nos levase á estación de Mathura. Os nosos billetes dicían que o tren Mathura – Varanasi saía ás 22:00 da noite. Os paneis da estación, ás 21:30. Xa eran as 21:30. Corrimos coma tolos hacia unha plataforma número 9 que aparentemente non existía. Pero que moi incredible India. Atopamos a ponte que levaba á nosa plataforma, e unha vez alí, acougamos grazas a unha mensaxe por megafonía que anunciaba un retraso de media hora no noso tren. Ó final a media hora converteuse en dúas.
Pasamos a noite os catro nun vagón azoutado por correntes de aire xeado que chegaban por todas partes. Imposible pegar ollo. Finalmente, e con outra hora e media de retraso de propina, arribamos á estación de Varanasi contra o mediodía. Amosámoslle ó conductor dun rickshaw -o tuk tuk indio- o nome do albergue onde queriamos hospedarnos, con enderezo e sinalización no mapa incluídos. Dixo que sabía ónde estaba. Levounos onde lle deu a puta gana.
Discutimos con el, pagámoslle un prezo simbólico, e puxémonos a buscar o noso albergue pola nosa conta. Estaba completo. O mesmo que os catro mil seguintes nos que preguntamos. Cando xa cundía o desánimo, María e máis eu atopamos o Shiva Guest House. Odisea rematada. Os nosos niveis de felicidade aumentaban vertixinosamente. Acadaron o cumio cando subimos á azotea. A imaxe de Varanasi deitada sobre o Ganxes enfeitizounos. Nin os berros dos monos pelexando entre eles nos sacaban do estado de hipnose. Aquelo prometía.
Ó día seguinte erguímonos ben cedo para presenciar a alborada sobre o Ganxes. Achegámonos ó río e montamos nun bote para iniciar o percorrido. Varanasi é unha das tres cidades sagradas do hinduísmo. Vive, alo menos esta zona da localidade, por e para o Ganxes. A actividade é frenética dende primeirísima hora da mañá. Ó longo da beira do río descenden diversos tramos de escadas que comunican a cidade co percorrido do Ganxes. Cada espazo comprendido entre treito e treito de escadas é denominado ghat. Na meirande parte deles desenvólvense escenas da vida cotiá.
Homes espidos frotan as súas cabeleiras con xabón mentres toman o primeiro baño do día. Mulleres axeonlladas baten a roupa contra a pedra cunha violencia sorprendente. Comerciantes van montando paseniño os postos dos seus negocios. E as vacas, cómo non, campan ás súas anchas.
Pero tamén hai ghats particulares. Estes ghats están ocupados por enormes feixes de leña amoreada. A madeira rodea un espazo no que sempre hai prendidos cinco ou sete focos de lume. Son ghats crematorios. O conductor do bote coméntanos que as incineracións lévanse a cabo durante as 24 horas do día. 365 días ó ano.
Os cadáveres chegan dende tódolos puntos do país. Unha vez rematado o proceso de cremación, que leva unhas tres horas, as cinzas son arroxadas ó río. Todo agás o corazón dos homes e a cadeira das mulleres. As partes máis fortes de cada un dos sexos son arrastrados ó fondo do río atados a unha pedra.
Malia que todo o mundo incinera ós seus mortos, existe separación por castas. Os finados das clases máis altas son situados máis arriba nas escadas do crematorio. E máis perto así do lume sagrado, ubicado nun recinto pechado onde, segundo varios locais, leva aceso ininterrompidamente dende hai 3.500 anos.
Mais parece ser que non todo o mundo pode ser incinerado. Existen cinco excepcións. Non pasan polo crematorio as mulleres embarazadas, nen@s menores de 15 anos, os homes sagrados -aqueles que son quén de comunicarse cos deuses-, e todo tipo de animais. Estes casos son levados ó medio do río e alí son afundidos no fondo do mesmo atados a unha pedra.
Ó medio do río son levados tamén os que faleceron a causa da picada dunha cobra. Mais éstes déixanse aboiando enriba dunha balsa e abandónonse á vontade da corrente. O motivo, segundo nos explicaron, é que a cobra é animal sagrado, e a súa picada non mata ata que transcorre un mes. Realmente estimulante a volta en bote polo río Ganxes.
Polo serán achegámonos a asistir á cerimonia que cada día se celebra en honra ó río Ganxes. Nativos e visitantes amoréanse ateigando os dous ghats principais, tanto dende terra coma dende o río, a bordo de centos de botes. O bicherío estábame a acribillar, non comprendía demasiado o transcorrer do acto e tiña moito por escribir, así que optei por retornar ó albergue.
Ó cabo dun par de horas chegou o resto do equipo. Viñan entusiasmados, as súas facianas eran de fascinación. Contáronme que viñan de coñecer a unha nena que os deixara tocados. Chamábase Moni, e no resto da xornada non deixaron de falar dela cun ton de euforia que me descolocou. Falareivos dela un chisquiño máis adiante, a propósito do intre no que eu a coñecín.
Ó día seguinte, sábado, decidimos pasarnos á outra beira do río para visitar o Museo dos Maharaja. Os Maraxás eran os nobles da sociedade india que rexían os preto de 600 principados nos que se dividía o país cando éste se independizou do Reino Unido a mediados do século XX. E o museo dos Maraxás de Varanasi mostra parte do seu patrimonio
Os primeiros corredores logo de entrar expoñen automóbiles antiquísimos, carruaxes decoradas en prata e as cadeiras que se lles colocan ós elefantes para montalos. Todo elo cunha ornamentación do máis luxosa. O material do museo é interesante. Mais estamos na India. Os vehículos están cubertos por unha capa de pó que nin deixa adiviñar de qué cor son. Os corredores do antigo palacio presentan un estado lamentable, cheo de furados e suciedade. Mágoa de non estar permitido tirar fotos. Dese xeito poderiades comprobar que non esaxero ó afirmar que aquelo seméllase moito máis a un desguace que a un museo.
Seguimos percorrendo as estancias do museo asustados do estado de mantemento. Pasamos a sala de armas, e entramos nunha estancia que trata de recrear o mesmo escenario na época dos Maraxás. Pode que non trate de recrealo. Polo nivel de suciedade que cubre todo, seguramente ninguén tocase nada do mobiliario dende que o último dos propietarios deixara aquela habitación. O pó tingue todo dun marrón monótono. O retrato dun maraxá loce cunha fenda no seu cristal, reparada con cinta de embalar.
Facemos o camiño de volta pola beira do Ganxes. Son 5 quilómetros que percorremos sorteando bostas humanas e animais, ata chegar á zona de ghats. Chegamos á hora na que dá comezo a cerimonia diaria na honra do Ganxes. Ese é o intre do día que aproveita Moni, a rapaza que eles coñeceran o día anterior, para vender postais ós turistas. A idea era localizala para cear con ela. Como así foi. Atopámola e, canda Lena, unha moza rusa que xa a coñecía anos atrás, dirixímonos a un restaurante nepalí. Unha vez alí tamén se sumaron o irmán menor de Moni e máis un amigo seu.
Qué dicirvos sobre esta mociña. Moni ten 15 anos. Non é preciso máis que o saúdo para decatarte de que estás ante unha persoa especial.
Xa non vou entrar na cantidade de idiomas que manexa nin do nivel co que o fai. Tampouco na súa enorme madurez, impropia da súa idade. Digamos que é lóxico tras unha vida pelexando o pan na rúa. O de Moni vai máis aló. A súa presencia é dunha intensidade brutal. Posúe unha forza, unha enerxía inauditas. Está por enriba nosa en tódolos rexistros. Se estamos de carallada ela vacílanos a tod@s. Se nos poñemos serios, cálanos a boca con calquera reflexión. Con calquera sentencia, lapidaria. Ela leva a batuta do encontro en todo momento. Está afeita a elo. A súa mente concédelle ese privilexio. Nun intre da cea no que tod@s falabamos en ton distendido, Moni sementou o silencio cunha pregunta que lle espetou a María. Directa. Seca. Sen vacilar.
-“María: ¿pensas que estou en idade de casar?”
Tod@s viramos procurando a súa faciana. A ollada era profunda e denotaba preocupación. Estaba a piques de explicarnos a súa situación. A pregunta era retórica. Moni está en idade de casar. De feito, xa ten dous candidatos asignados polos seus pais. Ela aborrece a ambolosdóus. Non ten outra saída. Non ten papeis, non está rexistrada no censo. Casar é o único xeito de contar para o goberno e aspirar así a acceder a un posto de traballo máis aló da venda de estampiñas. Mais tod@s sabemos cómo é a vida dunha muller casada na India nestas capas da sociedade.
Non é xusto. Non é xusto que os designios do planeta sexan rexidos por perfectos inútiles corruptos cunha bosta disecada no canto de corazón, e pola contra unha persoa co espírito, cunha mente do calibre do que posúe esta moza estea engaiolada na cadea dunha sociedade que a condena ou ben a exercer de muller floreiro o resto da súa vida, ou ben a renunciar ó matrimonio, deshonrando así ós seus pais, que non a recoñecerían como filla, para seguir vendendo postais ata a fin dos seus días.
Tod@s baixamos a cabeza. Ollamos ó chan para atopar coa vista as nosas ialmas. Moni decátase, e de contado érguese da mesa e comeza a bailar e a cantar. O seu propósito non era entristecernos. Só quería facernos reflexionar. Quen máis e quen menos contén as bágoas como pode. Sorrisos de fascinación debúllanse nas nosas facianas.
Ó remate da cea chegan intres de despedida. Desta volta os que se desmarcan do noso camiño son María e Tatín. Fotógrafa e torneiro parten hacia o Nepal. Pouca xente tan auténtica coñecín na miña vida coma estes dous. Non hai matices no que din nin no que sinten. A súa transparencia é extraordinaria. A súa simpatía, inmensa. Son incalculables a cuantía e calidade das risas que botei con eles os 9 días que gozamos da súa compaña. De verdade que o gozamos. Toda a sorte do mundo para vós, rapaces.
Ó chegar ó hostel despois de tantas emocións, a continuación era o Celta – Valencia. Partido pelexado ata o final, mais un Valencia superior na segunda metade levou os 3 puntos na última xogada do partido. A situación agrávase. Aínda estamos moi vivos. Toca seguir pelexando tod@s xunt@s.
O domingo chegaron Christian e Laura. Con eles dimos un novo paseo por Varanasi. É éste un plan que non cansa. Camiñar pola beira do Ganxes sempre depara escenas peculiares, únicas. Enriba dos ghats as rúas son estreitísimas. O chan, empedrado, debuxa trazos laberínticos, flanqueados por vivendas de cores alegres.
Pero o máis atractivo é percorrer a beira do río. Un home fai soar a flauta diante dunha cesta de cobras nun patético intento de interpretar o número do encantador de serpes. A cada canto que viras aparece de cara unha vaca, que pasean sen restriccións por onde lles peta.
Xente moldeando as bostas con forma de tortas, que son empregadas como combustible para as cremacións. Nenos e non tan nenos xogando ó cricket aquí e acolá, en calquera recuncho que lles ofreza espazo abondo.
Os homes sagrados, cubertos de cinza de pés a cabeza, emerxen das súas tendas de campaña para murmuriar algo dende o seu estado de alta dopaxe por opio, e tentan chamar a nosa atención con inanimados acenos coas mans.
Monos acróbatas surcan o aire por enriba das nosas cabezas, desprazándose de vivenda en vivenda, de poste en poste, de cable en cable. Cada minuto alguén sae ó noso paso para ofrecernos un paseo en bote, a súa tenda de telas -todas son a única que vende pezas de seda 100%- ou drogas do máis variado.
Por último, ó caer a noite, Christian e máis eu fixemos unha incursión nun ghat crematorio da man dun tipo que nos explicou máis a fondo o proceder das incineracións. Para a cea voltamos a xuntarnos con Lena e Moni, para que ésta enchese tamén os corazóns de Laura e Christian. Non fallou.
Ó día seguinte era tempo de poñer rumbo a Khajuraho. Despedímonos de Chisrtian e Laura. A derradeira despedida da viaxe. Ó final semella que o corazón aguantou. Había sitio para tod@s.
A hora prevista de chegada a Khajuraho eran as 05:00 da mañá. Chegamos ás 12:00 do mediodía. Por nada en concreto. Déixaste cinco minutiños por aquí, entreteste uns segundos por acolá, e ó final xúntaste con 7 horas de retraso. Aloxámonos no Yogi Guest House.
Khajuraho é a vila que acolle os que son coñecidos como Templos do Kamasutra. A relación das construccións co libro hindú sobre o sexo non pasa de ser unha teoría sen probar. Son un total de 22, divididos nos complexos oeste, leste e sur. O mércores achegámonos ó complexo oeste, o que congrega os templos máis representativos.
Os Templos de Khajuraho foron construídos por orde da dinastía Chandella, entre os anos 950 e 1.050. Supoñen o meirande conxunto de templos hinduístas do país, e están considerados Patrimonio da Humanidade.
O complexo oeste conta con 8 templos. Kandariya Mahadeva, o meirande de todos; Matangesvara, que coa súa decoradísima escada de acceso segue a supoñer un lugar de culto; Lakshama, adicado ó deus Vishnú.
Na mesma plataforma comparten espazo Visvanatha, coas súas torres de altura descendente e os seus teitos ricamente decorados, e Nandi, que alberga no seu interior ó touro do mesmo nome e que serve de montura ó deus Shivá.
Por último temos os templos de Chitragupta, no interior do cal observamos unha escultura de Surya, o deus do sol; Devi Jagadambi e o pequeno Varaha, que contén a estátua dun porco bravo, a encarnación do deus Vishnú.
Todos eles contan cunha decoración extraordinaria. Sen lugar a dúbidas, a máis traballada que vin na miña vida. As figuras que decoran os templos de Khajuraho representan, por exemplo, xentes bailando. A sensación de movemento está logradísima, e o nivel de detalle é abraiante.
Nas fachadas dos templos tamén teñen cabida os animais, predominando cabalos e elefantes. A maior escala, e preferentemente no interior dos templos, aparecen as imaxes dos deuses e das deusas, @s cales distingo pola súa apariencia metade humá metade animal.
Mais o que máis abunda son as escenas eróticas. As representacións de parellas adicándose a labouras amatorias son secuencias que se repiten en tódolos templos. Adoptan todo tipo de posturas, proceden a todo tipo de prácticas. Nin os animais safan de ser mancillados.
Fabulosos os Templos de Khajuraho. Ó día seguinte, xoves 14 de febreiro, puxemos rumbo a Nova Deli, dende onde debemos coller o avión de volta a casa. E aquí me atopo hoxe, venres, escribindo na recepción do hotel Maharani Palace, onde pasamos a noite, o que será o derradeiro artigo da viaxe como tal.
Mais xa haberá tempo de reflexionar sobre a fin da viaxe. Agora é tempo de darlle á India a despedida que merece. O impacto da chegada foi duro. O impacto que me fixo mudar a miña percepción tamén. Tamén o é o impacto que me provoca marchar dela de xeito prematuro, a mágoa que me queda ficar sen tempo para desfrutala en plenitude.
Así pois, o que queda claro é que a India, sobor de tódalas cousas, é un país impactante. Para o bo e para o malo. E un fantástico punto e final da nosa Volta ó Mundo.
Isto foi todo. En pouco máis de 48 horas estarei canda tod@s vós. Antes toca a previa de Madrid, que non será calquera cousa. En canto ó blogue, despídome ata vindeiras reflexións. Grazas por seguirme. De verdade que foi un pracer.