Arquivo por etiquetas: Soni

Nova Deli e Agra. India, un mundo aparte.

Sábado 2 de febreiro. Aterramos no aeroporto de Nova Deli contra a noitiña, tras facer escala en Hong Kong. Xa escurecera por completo. Saímos da terminal e afrontamos a realidade india. Faciámolo enchidiños de consellos, advertencias e recomendacións. Os centos de visitantes deste país que nos cruzamos no camiño consideraron imprescindible alertarnos. Uns fixérano con entusiasmo, xa que a súa experiencia fora magnífica. Outros con recelo, aínda afectados, xa que a súa visita se convertera nun pesadelo. A nosa mente estaba preparada para calquera cousa.

Os principais apuntes referíanse á suciedade e caos reinante, así como ás constantes tentativas de estafa por parte de calquera cidadán, máis aló do posto que desempeñe ou do negocio ó que se adique.

Montamos nun taxi para achegarnos ó enderezo do hostel ó que lle botaramos o ollo por internet. Os dous apuntes principais anteriormente mencionados fixéronse patentes de inmediato. Transcorridos uns minutos de traxecto, o conductor comezou a deter o vehículo para falar con varias persoas. Estaba en plena actuación, e a súa interpretación deixaba bastante que desexar. Alegando unha suposta feira local, lamentou non poder achegarnos ó noso destino, e tentou encomendarnos a unha oficina de turismo claramente ilegal para que eles nos facilitasen nova hospedaxe. Non caímos. Pagámoslle ó taxista a metade do acordado e procuramos habitación pola nosa conta.

Nova Deli. Para gustos hai cores.

Nova Deli. Para gustos hai cores.

E en tal procura evidenciamos a outra advertencia na que tódolos nosos conselleiros coincidían. Nova Deli presenta a faciana dunha cidade que acaba de sufrir as consecuencias dun tsunami. Beirarrúas levantadas e cubertas de lama. Lixo acumulado en tódolos recunchos alcanzando alturas abraiantes. Edificios, novos e antigos, soterrados baixo dunha espesa capa de pó, e salpicados dun estraño pero noxento fluído por aquel entón descoñecido para nós. Quixen pensar que a escuridade, pode que ata o cansanzo estaban a condicionar a miña impresión. Instalámonos no Cama Guest House. Foi aquí onde me enterei, xa que non puidera seguilo de ningunha das maneiras, da derrota do Celta en Pamplona, nun partido desastroso dos nosos rapaces. Os resultados non acompañan e o xogo tamén comeza a abandonarnos. A situación complícase. Hai que seguir apoiando.

P1090744

Logo de non pegar ollo a causa dunha serie de variados, constantes, estridentes e surrealistas ruídos pola noite, amencimos coa intención de busca-lo xeito de abandonar aquela cidade e o destino para elo. A noite anterior quixera atrubuír á falta de luz a miña impresión sobre Deli. Polo día, o tráfico tanto de peóns coma sobre rodas faise insufrible por caótico e masificado. O ruído multiplícase por mil, e a suciedade simplemente se fai máis visible. Satisfeitos, aínda que sen telas todas connosco tras merca-los billetes de tren para Agra ó rexidor dunha oficina turística que semellaba non ternos estafado, dimos unha volta por Nova Deli.

O caos é perfecto. As motocicletas circulan por rúas nas que os peóns caben con dificultade. Os cláxons, contínuos, sobrepóñense uns ós outros, coma retándose a ver cál soa máis alto. Xentes ciscadas no chan ateigan as rúas mendigando, ennegrecidas por unha suciedade insoportable. Completamos o xiro a unha estructura circular que acolle un complexo comercial, e metímonos nun parque. Éste, de tamaño considerable, só conta cun acceso, custodiado por militares e un arco detector de metais. O fluxo de xente é constante. Os pitidos do arco tamén. Ninguén se detén. Dentro, o patrimonio a custodiar son un par de xardíns e unha fonte cuspindo chorros de auga. E lixo. Cantidades inverosímiles de lixo.

Xente, motos... caos por todas partes.

Xente, motos… caos por todas partes.

O luns de mañá, billetes en man, que resultaron ser verdadeiros, montamos no tren que nos había levar á cidade de Agra, sede do mausoleo máis coñecido do mundo: o Taj Mahal. Por recomendación de Vane e Marcos, con quen tiñamos pensado xuntarnos antes de que a odisea do visado deixase en dúas semanas a nosa xira india, aloxámonos no Saniya Palace. O prezo era bo, as habitacións amplas e limpas, algo isto último moi a valorar no país no que nos atopabamos, e a azotea era unha xoia. Contaba cun restaurante onde degustar a riquísima cociña india, e permitía o desfrute dunhas privilexiadas vistas ó Taj Mahal. Foi no Saniya onde xuntamos o que previsiblemente será o último equipo do que sexamos parte na Volta ó Mundo. Na azotea coñecimos primeiro a María e Tatín, unha parella navarra ela e zaragozano el; e máis tarde a Marcos e Manu, dous compañeiros de viaxe que concertaran o seu encontro por internet para a ocasión, mallorquín o primeiro e xiennense o segundo.

María e Tatín.

María e Tatín.

Marcos.

Marcos.

Manu.

Manu.

Trala excelente conexión na azotea saímos a cear por Agra adiante. Logo da cea chegou a cervexa, e con ela unha nova tentativa de calote por parte dos indios, variando os prezos da oferta inicial á hora de cobrar. De camiño ó hostel unímonos á celebración dunha voda na rúa. Bailamos ó son das notas que emitía un equipo de música co que xa lles gustaría ós de Metallica contar para os seus directos, e en presenza do noivo, engalanado e a lombos dun cabalo branco, o cabalo branco de Agra.

O martes mercamos os billetes para o que sería a continuación do noso roteiro: Varanasi. María e Tatín seguían canda nós, Manu e Marcos desviábanse do noso camiño. Pero aínda nos quedaban un par de xornadas xuntos, e a primeira delas investímola en visitar Fatehpur Sikri. Situada 37 quilómetros ó suroeste de Agra, Fatehpur Sikri é unha cidade que data do século XVI. Na actualidade consérvanse treitos da muralla, e as dúas construccións principais: a Mesquita e mailo Palacio Imperial.

Arco de acceso á Mesquita.

Arco de acceso á Mesquita.

Á primeira accédese pasando baixo unha impoñente porta en forma de arco inmenso, conectado ós soportais que dan forma ó cuadrilátero da Mesquita. Dentro do patio, feita de mármore branco en contraste co vermello da arenisca do resto da mesquita, e ubicada contra a dereita, atópase a tomba de Salim Chishki, o xeque que profetizou ó emperador do momento a construcción do complexo.

Tomba de

Tomba de Shalim Chishki.

De alí trasladámonos ó Palacio Imperial. Non entramos debido ó prezo da entrada e á hora que era. Fatehpur Sikri estaba a piques de pechar as súas portas. Toda a visita fixémola en compaña de dúas persoíñas moi especiais. Tan especiais que fixeron que mudase o meu xeito de percibir a India.

O Palacio Imperial fotografiado dende fóra.

O Palacio Imperial fotografiado dende fóra.

Camiñando hacia a cidade, entre os innumerables “guías” que nos ofreceron os seus servizos, achegáronsenos dous meniños. Ambolosdóus de dez anos. El foise cara adiante co resto da expedición. Ela, Soni, fixo o percorrido ó meu carón.

Soni e maiilo seu irmán.

Soni e maiilo seu irmán.

Con dez aniños falaba un inglés case perfecto. Sabía o italiano, castelán e francés precisos para facer a visita guiada a Fatehpur Sikri, e tiña nocións de ruso e alemán. A súa madurez era pasmante. A súa lóxica, esmagante. Era coma dialogar cunha muller de trinta anos. Tan só o seu corpiño cativeiro delataba a súa verdadeira idade. A idade dunha nena de primaria. Mais Soni nunca pisara a escola. Non o fará xamáis. Foi entón, e só entón, cando se abriu a miña mente. Nese preciso intre comecei a comprender a realidade india.

Unha realidade que pode e debe resultar obvia. Mais hai ocasións nas que as árbores non che permiten ver o bosque. A miña indignación ante tanta suciedade, ruído e intentos de timo impedíame decatarme de que iso é ó que está condenada a meirande parte desta sociedade. As rúas da India están ateigadas de vidas coma a de Soni. Xentes de mentes espertas que dende que naceron non coñecen outra saída que non sexa vender souvenirs, timar ou mendigar.

P1090807

A ollada de Soni é a dunha persoa adulta. A vida obrigouna a madurar con precocidade. Mais nela aínda se albisca a inocencia da nena que é. Cando corre tralo seu irmán para devolverlle a falcatruada que a fixera rabiar. Cando ri con calquera parvada que lle deslizo. Soni non naceu para timar turistas. Seguramente ningún indio o faga. Mais o inxusto do mundo no que vivimos non deixa moita alternativa. Deixamos atrás a Soni e ó seu irmán. Despídense de nós mentres a nosa furgoneta se alonxa. Cos seus sorrisos agradécenme os cartos que lles din. Co meu pensamento agradézolles a lección que me deron.

O mércores pegámonos un madrugón ben interesante. Había que ver o albor sobre o Taj Mahal. Mais o esforzo foi en balde. Cando entramos no recinto unha espesísima brétema non permitía ver máis aló de dous palmos. Amolados, os seis fúmonos achegando a tan impresionante construcción, ata que topamos de fuciños con ela. Dende debaixo da porta de acceso ó seu interior non se apreciaba a cúpula. Dimos un par de voltas polas instalacións do complexo pregando que a néboa rematase por erguer. E así foi.

O magnífico Taj Mahal.

O magnífico Taj Mahal.

Cando a visibilidade foi suficiente, ante nós presentouse maxestuosa unha das Novas Sete Marabillas do Mundo. É unha construcción perfectamente simétrica. Cada unha das súas caras é idéntica ás outras. Non existe diferencia algunha, observes dende onde observes. Fabricado en mármore, pertence ó estilo mogol, mistura das arquitecturas islámica, persa, india e turca. Para a súa construcción, que levou 30 anos e para a que foron precisos 20.000 obreiros, pediuse consello a artistas de Italia e Persia sobre a súa decoración.

P1090900

O Taj Mahal data do século XVII, e é un mausoleo ó amor. Foi ordeado construír polo emperador Shah Jahan. Trala morte da súa esposa Mumtaz Mahal mentres daba a luz ó seu decimocuarto fillo, o emperador viuse sumido nunha espiral de dor, e con tan magnífico mausoleo quixo ofrecerlle o palacio e a coroa que non tivo en vida.

Porta pola que se accede ó complexo.

Porta pola que se accede ó complexo.

Ó pouco de terse rematado a obra, o emperador caeu enfermo. Esta circunstancia foi aproveitada polo seu fillo Aurangzeb para derrocalo. Ordeou o seu arresto no Forte de Agra, dende onde se di que Shah Jahan observaba tódolos días o Taj Mahal ata a súa morte.

P1090867

Cando ésta se produciu, Aurangzeb soterrou o corpo do seu pai ó carón do da súa esposa, rachando así coa perfecta simetría do mausoleo. Non me deades as grazas por unha nova lección gratuíta de historia -e neste caso tamén de arte- coa que vos agasallo. Dádellas ó folleto que sobre o turismo de Agra me entregaron no hostel.

O equipo ó completo co mausoleo de fondo.

O equipo ó completo co mausoleo de fondo.

Ó saír do Taj Mahal e rematar de xantar, puxemos rumbo ó Forte de Agra. Correcto, onde foi feito prisioneiro o emperador Shah Jahan. Polo camiño topamos con Christian e Laura, unha parelliña que se coñecera en Inglaterra e que levaba xa un ano fóra da casa, seis meses aforrando cartos en Australia e outros seis percorrendo o sueste asiático.

Non me deixaron metela no recinto, pero a miña estreleira non quedou sen conquista-lo Taj Mahal.

Non me deixaron metela no recinto, pero a miña estreleira non quedou sen conquista-lo Taj Mahal.

El, ilerdense, tiña unha enerxía formidable. A súa alegría confundía ós indios que constantemente tratan de vender calquera tipo de produto ou servizo, que o daban por imposible. E a súa simpatía conquistoume por completo, co cal non dubidei en facelo o meu compañeiro de pallasadas o tempo que botamos xuntos.

O Forte de Agra.

O Forte de Agra.

Ela, malagueña, era un amor. Coitadiña e educada, era a administradora económica da parella. Baixo dunha profunda capa de tenrura e agarimo agochábase unha estricta negociadora cun carácter extraordinario, que saía á superficie cando tiña que facelo.

No Forte de Agra con Laura, de costas, e máis Christian, coa sudadeira verde.

No Forte de Agra con Laura, de costas, e máis Christian, coa sudadeira verde.

Cando chegamos ó Forte eramos un equipo de oito. Pouco durou o octeto -se é que existe esta palabra-, xa que Manu e Marcos debían continuar o seu camiño. E pouco durou asimesmo o sexteto -desta si que estou seguro-, xa que Tatín, María e máis no-los dous debiamos seguir o noso hacia Varanasi.

Emprazamos o reencontro con Laura e Chris á cidade da beira do Ganxes. Puxémonos en marcha. Agra quedaba atrás. E con ela, a miña limitada perspectiva da India. Todo grazas á maxistral lección que me deu unha rapaciña de dez anos, de inmensa beleza e ollada de muller. A falta de dez días para rematar a Volta ó Mundo, aínda me sorprende cánto podo aprender e quén mo pode ensinar. Ogallá non rematara nunca.

P1090905