¡Fill@s da Galiza! Fálavos o compañeiro Alvarellos Wallace dende o seu exilio nas Américas.
Hoxe, coma cada 25 de Xullo, celebramos o Día da Patria Galega. É un día no que, coma tódolos anos, reivindicamos os nosos símbolos, a nosa identidade coma País. A nosa lingua, a nosa Historia, as nosas artes, os nosos usos e costumes. Reivindicamos o noso feito diferencial, celebramos que somos un País cunha cultura de seu.
Máis aló de celebrarmos que somos un pobo con identidade propia, que non é pouco, é certo que pouco máis hai que celebrar. Vivimos días de enormes dificultades, onde á espeluznante cifra de cidadáns desempregad@s, a dramática situación de moitas das nosas familias, e a tiránica actitude adoptada pola banca, sometendo á maioría social, especialmente ás clases máis desfavorecidas, hai que sumarlle a nefasta actuación dos nosos gobernantes.
Afanados únicamente en contentar ás demandas dictatoriais dos grandes poderes financieiros, cada día apertan un chisquiño máis a soga que eles mesmos colocaron ó redor dos nosos pescozos, esmágannos depositando sobor de nós o peso da crise que eles e soamente eles provocaron. Sotérrannos botando enriba nosa a terra da súa ineptitude, da súa avaricia, da súa inhumanidade, e chimpan sobre nós pisoteando os nosos dereitos. Dereitos que tantos anos de loita, tanto sufrimento e tantas vidas lles custou ós nosos devanceiros.
Hoxe vémonos abocados a revivir aquelas loitas, xa que os nosos dereitos máis básicos, os que nos levaron a ser o máis achegado a un país libre do que fumos en séculos, como a sanidade e a educación públicas, corren serio perigo. Para calmar a sede insaciable do neoliberalismo, os gobernos galego e estatal do Partido Popular tiran do sangue do pobo de xeito inmisericorde, non lles treme o pulso á hora de retallar en servizos básicos e políticas sociais. Non terán piedade se teñen que deixar na rúa, sen traballo nin fogar á metade do país. Van camiño delo.
Eles non gobernan para o pobo, eles non representan á maioría. Eles están do lado dos poderosos, dos que moven os fíos deste sistema putrefacto e corrupto. Débense a eles, a ese fato de desalmados que non se fartan de engordar e engordar as súas grotescas fortunas a costa do benestar dun sector da sociedade cada día máis amplo e máis marxinado.
Hai xente que pode pensar que hoxe en día hai problemas máis importantes que a causa do nacionalismo galego, que o autogoberno ou a defensa da nosa cultura. Que non nos leven a engano. Hoxe a nosa loita debe ser levada a cabo coa intensidade de sempre, senón con máis forza que nunca.
A loita contra o capital que hoxe se libra en cada recuncho do planeta, e que non fixo máis que comezar, para @s galeg@s ven sendo o noso día a día dende hai moito tempo. Levamos séculos loitando pola nosa dignidade, polos nosos dereitos como pobo, contra a opresión, o esquecemento e a marxinación. Esta loita non é nova para nós.
E somos moit@s @s que xa levamos longo tempo indignad@s. E eu, coma tant@s e tant@s compañeir@s de pelexa, non o dubido: o nacionalismo é unha das chaves do cambio. O autogoberno, a autoxestión é unha parte importantísima da solución, debe ser unha arma fundamental na loita contra o capitalismo.
Nesta viaxe non paro de atoparme exemplos de nacións, países, rexións que manexando os seus propios recursos, tomando as súas propias decisións, saen adiante cunha solvencia infinitamente superior a doutros territorios que dependen dun poder central, que se ven suxeitos ás vontades dun goberno que dá prioridade ás súas necesidades e que descoñece as dos territorios que tutela.
O desmantelamento definitivo do sistema capitalista pasa por descentralizar o poder, primeiro da banca privada e despois dos sucesivos estados. E a partires de aí crear un sistema xusto, baseado na igualdade e na fraternidade, lonxe do sistema actual onde imperan o egoísmo, o consumo compulsivo, o materialismo e as ansias de poder.
E sería un sistema perfectamente acaído para a sociedade galega. Sentaríalle coma unha luva á nosa cultura, á nosa forma de ser. Galiza, terra de traballador@s inesgotables. De xentes modestas, sinxelas. Xenerosas, nobres, honestas. No noso código de valores o primeiro é a palabra, precisamos confiar na xente.
Nós levamos séculos divertíndonos a base de comer e beber, sempre en familia, sempre coa nosa xente. As nosas festas móntanse sen necesidade de grandes orzamentos, non precisamos luxos. Bueno si, os luxos que nos brinda o produto da nosa terra.
Son perfectamente consciente de que o galeguismo é un sentimento que se espalla ó longo dos catro puntos cardinais do noso territorio, e alá onde chegue o emigrante máis lonxano. No corazón de tod@s está presente o orgullo de sermos galeg@s. Mais é preciso demostralo. Valorar o que temos, abrir os ollos ante as marabillas que agocha o noso País de fábula, recoñecer a súa maxia.
Unha das mellores descripcións da nosa paisaxe que teño lido, como non podía ser doutro xeito, é obra do inmorrente Castelao, e gustaríame compartila con vós. Porque chega, toca a fibra sensible, fai cavilar precisamente sobre o que vos comentaba hai un minuto da necesidade de darlle ó noso patrimonio o valor que merece. Forma parte do discurso “Alba de Groria”, que o compañeiro Daniel leu con motivo do Día da Patria de 1.948, e di así:
“Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria.”
Pouco máis hai que engadir. Simplemente pedirvos que reflexionedes, que vos decatedes de que a vosa Terra precisa da vosa loita, no mundo enteiro faise necesaria a vosa implicación.
Espertade, miñas xentes, meus e miñas compatriotas. Non baixedes os brazos nin caiades na apatía vítimas das falacias que nos queren facer crer, como aquelo de que “nós sós non podemos cambiar nada”. Precisamente porque nós somos os únicos que podemos cambialo todo. E qué mellor que comezar facéndoo polo noso País, pola nosa Patria. Por Galiza.
Nada máis. Despídome de vós parafraseando unha vez máis á nosa principal figura política e pode que cultural.
“Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.”
Feliz Día da Patria. ¡GALIZA CEIBE, PODER POPULAR!
Noraboa Adri… bicos
Grazas Ana! Bicos, e FELIZ DÍA DA PATRIA!
Ei, Adri. Onte partillamos coa túa familia tan grande día. E brindamos pola túa aventura, como non.
Apertas.
¿En serio? ¡Qué grande! O ano que ven brindaremos todos xuntos, palabra.
¡Apertas Ru!