Recife: o comezo soñado

Chegamos a casa de Pamela sen demasiados atrancos, exceptuando o pequeno cristo que montamos coas mochilas no ônibus. Seguindo as indicacións que ela nos dera vía CouchSurfing, plantámonos no seu piso ás 12 do mediodía, baixo un sol de xustiza. Timbramos, unha voz feminina e xuvenil díxonos algo así como “¡suban!”, mentres nos abría o portal, procedimos, e deu comezo o torrente de presentacións.

Alí habían dous suízos e unha suíza, anteriores inquilinos e que marcharon ese mesmo día á media hora da nosa chegada; outros dous brasileiros que marcharon ao día seguinte; Fifo, o compañeiro de piso de Pamela; e os que conformarían a nosa panda os seguintes cinco días da nosa estancia en Recife:

Lisa, unha rapaciña vexetariana, naturista, ecoloxista, que chegara tamén de Suíza. Era apoucada, caladiña ata chegar a desconcertar, pero ó mesmo tempo era agarimosa, atenta e amable.

Máis tarde, aproximadamente unha hora despois da nosa arribada, entrou pola porta “a estraña parella”. Ela, Taty, unha brasileira de Manaús e bióloga de profesión, era unha desas persoas que che abren o seu corazón de par en par ós cinco segundos de terte coñecido. O problema (bendito problema) é que, debido ó seu sorriso eterno e á extrema dozura do seu trato, era absolutamente imposible non facer o mesmo e abrirlle tamén ti o teu corazón a ela.

Por outra parte, estaba el. Richard, un estadounidense de Wisconsin, que estaba comezando a coñecer as bondades do viaxar. Malladiño a Javier Veiga, amosábase curioso, interesado en coñecer as diferentes culturas que o rodeaban. Estaba en permanente estado de fascinación, e non daba creto ós seus compatriotas que se negan a saír dos E.U.A. por infravalorar ó resto de países do mundo.

E, cómo non, por último estaba ela, a nosa anfitriona, a señorita Pamela Quiroga. Un pouco bretona, un pouco chilena, un pouco brasileira, e, aínda que ela non o sabía, polo seu apelido, inequívocamente tamén un pouco galega, esta estudante de xeografía gardaba no seu interior o mellor de cada casa. É inevitable que tan fascinante mestura orixine unhas expectativas extraordinariamente altas. O problema (bendito problema), é que a moza en cuestión superaba sobradamente tales expectativas. Amosándose sempre con tenrura, de súpeto podía sorprenderte con improperios tales como “huevón” ou “la puta que te reparió”, rompendo por completo os teus esquemas. Era divertida, bulideira e festeira ata, e non esaxero, tumbarnos a Cons e a min.

A nosa peña en Recife. De dereita a esquerda, Lisa, Richard, Pamela e Taty.

Pois esta foi a calidade da xente coa que nos atopamos á nosa chegada a Recife. Qué máis se pode pedir. Nin nas nosas mellores pesquisas pensáramos rodearnos de xente tan marabillosa. Foi chegar ó Brasil e disipar por completo tódalas nosas dúbidas e inquedanzas, foi poñer un pé no noso primeiro fogar e comezar a subir a nosa moral ata niveis estratosféricos. Primeiro foron as presentacións, despois meternos en internet para coñecer a vitoria do Celta en Elxe, e por último recuperar as enerxías precisas xantando e pegándonos unha ducha.

E menos mal que recuperamos, porque acto seguido, ás 15:00 do serán, arrincamos cara ó entroido de Olinda. Mallados coma polbos tras 26 horas voando, pero, como digo, coa moral polas nubes, mergullámonos na meirande festa que coñecéramos ata ese día. Millóns de persoas nas rúas, un colorido espectacular, comparsas e xigantes que te atropelaban chegando por todas partes, todo o mundo bailando, brincando, cantando, dende a criança máis cativa ata o avó máis decrépito. E así, bailoteando por aquí e por alá, chimpando por acó e por acolá, déronnos as 00:00 da noite. Xa só quedabamos Pamela e no-los dous. Bueno, máis ben un e medio de no-los dous, xa que eu, nunha das miñas clásicas decisións profundamente meditadas, optei por calzarme unhas chancletas por primeira vez na miña vida para asistir á meirande festa que coñece o ser humano. Evidentemente, ás poucas horas tiña un pé para tirar con el. Isto tivo a súa parte positiva, xa que entre a cara de morto que eu tiña e que me desprazaba arrastrando un pé, a xente tomábame por zombi e creábase espazo ó meu redor, algo que se agradece no medio de semellante masificación e a trinta e tantos graos. Metímonos na zona de concertos e estivemos agardando polo famoso Seu Jorge máis de unha hora, ata as 02:00. Mais, cando se cumpriron as 11 horas de festa, venceunos o cansanzo. Mañá sería outro día.

De festa no entroido de Olinda

Pequena mostra da cantidade de xente e colorido da festa

Sinxelamente xenial

O día seguinte comezámolo no bar de abaixo da nosa casa, a birra viva no-los seis máis Vilson e o seu curmán, dous torcedores do Santa Cruz de Recife que tampouco tardaron nadiña en gaña-la nosa simpatía. Non sei en qué momento a alguén se lle deu por mentar a cachaça, pero inmediatamente comezaron a caer rodadas de chupitos na nosa mesa ata que marchamos para o concerto de Seu Jorge, que ese día tocaba no barrio de Varzea, ó carón da nosa casa, e desta volta non tiñamos pensado deixalo escapar. E menos mal, porque vaia grupazo. Mestura de música brasileira, africana, jazz… unha gozada. Unha vez rematado o concerto, e aínda encendidos pola calidade da música, botamos de parrafada -acompañada de cervexa e do saudeiro chupito de cachaça- ata as 05:00 da mañá. Dous de dous. Difícil de imaxinar.

A quarta feira tomámola de relax. Era necesario. Decidimos facer unha visita ó museo Instituto Ricardo Brennant, a que fora casa dun mecenas (o tal Ricardo), que se lle deu por recadar arte do século XV en adiante e montarse semellante chiringo, e que hoxe pertence ó estado brasileiro. Moi interesante, e moi estimulante o paseo en carroza dende a entrada dos xardíns ata a porta do propio museo. Ó chegar a casa, peli en francés subtitulada en portugués, e a durmir, que ó día seguinte tocaba praia.

Cons no Ricardo Brennant, canda un perrete-cabaleiro medieval.

Cons no Ricardo Brennant, canda un perrete-cabaleiro medieval.

E para elo houbo que que erguerse ás 07:30 para tirar para a praia de Porto de Galinhas. Era unha praia longa pero estreitiña, que quedou en nada cando subiu a marea. Foi unha sensación estrañísima observar o Atlántico exactamente igual a como o coñecemos dende a nosa beira na Galiza, incluso percibir o mesmo cheiro, o mesmo sabor ó mergullarse… pero con dez graos máis. Un momento para a lembranza foi o peixe á grelha que nos prepararon e nos metimos en plena praia. Soubo a gloria.

Degustando un peixinho á grelha en Porto de Galinhas.

A sexta feira supoñíase que era o día da nosa despedida, xa que tiñamos medio apalabrada a nosa hospedaxe na casa da nosa seguinte anfitriona, Katyl Cabral, en Salvador, así que nos erguimos cedo un día máis, esta vez para visita-lo mercado de São Josê. Máis semellante ó zoco dunha cidade árabe que a un mercado dun país latino, São Josê serviunos para facer unhas compriñas necesarias e para xantar realmente rico nun auto-servizo. A sorpresa levámola ó chegar a casa e comprobar que Katyl non respondera á nosa última mensaxe en CouchSurfing solicitándolle o seu enderezo. Non tiñamos ónde morar á nosa chegada a Salvador. Había que quedar un día máis en Recife. Había tempo de organiza-la nosa despedida.

Ésta consistiu en xuntarnos no-los cinco (todos agás Lisa, que marchara ese día), máis Vilson e máis outro grupo de amiguetes de Pamela e Taty. Entre eles fixemos migas especialmente boas con Chico, un estudoso da cultura celta que recoñeceu, para a miña enorme ledicia, o escudo da miña camisola e con quen nos fartamos de brindar con cachaça. Polo Celta. Por Galiza. Por Irlanda. Por Escocia. Por Gales. Pola Bretaña (ahí tamén entrou Pamela). Por Cornualles. Pola Illa de Mann. Polo Brasil. Por Recife. Botella de cachaça liquidada en hora e media. Houbo tempo para bailar unha pouquiña de samba, e para casa coa cabeza posta en Salvador, concretamente na casa de Katyl. Houbo sorte. Desta volta a nosa segunda anfitriona si nos enviara o seu enderezo, e de paso tiñamos a confirmación de que disporemos de fogar en Río. Parece que isto engraxa…

Administrando cachaça ao persoal, xa sabades cómo vai

Con Richard. ¡Non me digades que non é Javier Veiga!

Con Richard. ¡Non me digades que non é Javier Veiga!

Recife xa forma parte do pasado. Do noso pasado e dos nosos corazóns. Por ser a primeira parada da nosa aventura, do soño das nosas vidas. Polo carnaval de Olinda. Por Seu Jorge. Polo Recife antigo. E sobre todo e por riba de tódalas cousas, polas súas xentes. Extraordinariamente amables, alegres e doces son os pernambucanos. Pero a nosa panda… Ai, a nosa panda. Pamelinha, Taty… Richard, Vilson, Lisa, Chico… Recife ficará por sempre nos nosos corazóns principalmente por vocês. Vocês fixeron que o comezo da nosa volta ó mundo fose o comezo soñado, incluso mellor. Pode que ata demasiado bó. O listón está alto de máis.

Obrigado por todo. Querémoste, irmá celta.

Irmandade celta galego-bretona

Advertisements

20 respostas a “Recife: o comezo soñado

  1. Fervellasverzas

    Rapaces… canto me alegro de que fora así!! Graciñas mil por levarnos de andaina por Recife, hei coller unha botella de cachaça para brindar en sintonía con vós do outro lado do charco 😉

  2. Sodes tan grandes, tan tan grandes, que non se me fai raro que encontrásedes tanta xente. Chámase Karma. Quen fai boas cousas, atrae de certa maneira unha enerxía positiva de parte dos demáis.
    *Señor Wallace, chapeau polos textos. A túa maneira de escribir non pode ser mellor, mergúllasnos nese Recife de cheo 🙂

  3. me alegro chicos!!!! que bien que todo este saliendo mejor de lo esperado

  4. Veña rapaces, sigo as vosas novas como se dos Juili fogg se tratase, xa sei que non está ben escrito, pero é o que hai. jajajaj saúdos

    • Jajajajaja! Grande Rubén! Diossss, cando chegue vou montar unha tenda de campaña na Taberna e a maratón viva de partidos clásicos, xa te vou avisando.
      SEMPRE CELTA, COMPAÑEIRO!

  5. Aiinssss q bonitiños sodes! seguide así, disfrutando e cheirando os aires do mar q nos une…biquiños amores.

  6. Entruido brasileño… Non é mal comezo, non.
    Seguide desfrutando e seguide contando.

    Apertas,
    R.

  7. Alégrome que vosa estancia en Recife fora tan boa e que vos tratasen tan ben. Un bico para vos e moitas gracias a xente que vos acolleo con tanto
    agarimo. Gordi

  8. AAAhhh, muy buenos momentos quedaran grabados!!! y que no se les olvide: “uma cerveja antes do almoço é muito bom pra ficar pensando melhor!”

  9. Foi realmente um prazer conhecê-los rapazes! Que vocês consigam encontrar as bolas máxicas…..jajajaja…beijinhos e abraços com carinho sem ter fim….

  10. Ola, meu, son o Alexis de Vigo. Xa botei uns vistazos o teu blog e de certo que engancha, moi entretidas as túas andanzas polo mundo adiante. Despois dun ano de troula vas ter un resacón im-presionante; levarías dous fígados extra polo menos, non? Hala, aburiño, que te vaia bonito, como din nalgures deses sitios que ves visitando. saúdos

    • Ola Alexis!
      Non te preocupes polo meu organismo, hai tempo que aprendeu a procesar o alcol sen necesidade de tirar do fígado. Drena coa ialma! Jajajajaja¿
      Apertas meu, dalle un bico a Río da miña parte!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s